Nas terras de Tévellum existe unha igrexa, nas
terras de Tévellum existe un castro. Estes dous elementos son moi
correntes na Gallaecia, non entanto Tévellum é especial, ten algo que
non é normal, algo que a xente nunca poderá entender, chamádeme tolo
pero así é: na Gallaecia, provincia de Lugo, preto de Astraguis, inda
máis preto de Samos, existe un pobo chamado Tévellum que aparentemente
é normal, pero é acó onde me tedes que chamar tolo, porque segundo os
meus últimos estudos Tévellum non só é Tévellum, Tévellum é
soamente a cara da moeda que podemos ver, a outra cara atópase baixo os
nosos pes. Numerosas grutas, covas sen saídas, camiños subterráneos
enchen o subsolo de Tévellum. Alí aséntase unha especie parecida ó
ser humano, son diminutos homiños, poderiámolos denominar ananos. A
súa minicivilización é moi diferente á nosa, eles soamente teñen
dous obxetivos na súa vida: custodiar a cadea de ouro que vai dende o
castro ata a igrexa, fonte da súa creación e de todo o que existe ó
seu arredor. Funcionando esa cadea a modo de luz solar, sen a cal non
poderían existir. O outro obxetivo é pasalo ben. Para este último
feito organizan numerosas festas, pero moi diferentes ás nosas.
Outra das súas características é a
facilidade que estes homiños mostran para o canto, sobre todo en
inglés, influencia que eu considero que provén de Irlanda. Estes
ananos teñen moitas facilidades para viaxar aparentemente por esa cadea
de ouro. Corre a lenda de que se queres moito unha cousa e lla pides a
cadea, que se che cumple ó momento, pero esto soamente lles ocorre a
aqueles ananos que teñen bo corazón, os outros achéganse a cadea
exclusivamente para poder seguir existindo. Fai un tempo chegou o rumor
da potencia sexual das mulleriñas irlandesas, de ahí que agora os
ananos do subsolo de Tévellum se adiquen a cantar cancións de U2
sempre á mesma hora, de noite, na única oportunidade que teñen para
saír do seu poboado subterráneo, é xusto ahí, cando miran as
estrelas e recordan as súas relacións sexuais coas mulleriñas
irlandesas, cando cantan as cancións de U2. Resultan estes cantos
verdadeiros sentimentos de amor, de desesperación pola imposibilidade
de volver amar coa súa mulleriña irlandesa, xa que acó é onde
acontece un dos feitos máis terríbeis desta sociedade, as mulleriñas
irlandesas ó facer o amor cos ananiños de Tévellum, están a
traicionar ó seu pobo, por tal razón, ó pouco de facer o amor cos
subtevellunos, así son chamados tódolos ananos e ananas do subsolo de
Tévellum, desaparecen converténdose en pequenas estrelas que se
colocan como castigo no firmamento de Tévellum, de ahí eses
desgarradores cantos dos pobres ananiños, os cales sempre ven a súa
amada, pero nunca poden chegar a ela. Para min, é este un dos feitos
que inda que parezca contradictorio, explica a sequía que o noso país
vive ultimamente, xa que os ananiños cos seus cantos, que non poden ser
escoitados por seres humanos, eu coñézoos grazas ó meu can, afastan
moi lonxe as nubes que deberían encher de auga os nosos campos, así,
de tal xeito, os ananiños sempre poden ver a súa amada, inda que o
único que ven son diminutos puntiños dourados colocados no ceo de
Tévellum.
Os pobres ananiños de Tévellum contan cun
grande pero diferente exército, este está formado por seres que non
son ananiños, son pequenos osiños que saben a golosina dependendo da
súa cor, eu sempre prefiro os naranxas inda que non vou ser racista e
podería comer calquera deles. Esta posibilidade que teño de comer
osiños soldados é grazas ó meu can, xa que nalgunhas noites aparece
con algún na boca, quen sabe pero quizais no futuro meu can, o cal creo
que é capaz de calquer cousa, liderará unha grande industria de
osiños soldado que saben a golosina, o futuro da industria militar
estará neses osiños que pouco a pouco irán adentrándose nas nosas
vidas, primeiro como golosinas, e nun longo proceso chegará un momento
no que ninguén poderá vivir sen eses estupendos osiños, meu can creo
que se vai forrar, acabará liderando o mundo. |