BVG Voltar atrás |
Supoño que non vos chamarei cando precise axuda
Supoño que non vos chamarei cando precise axuda
E supoño que intentarei (de novo) pechar forte os ollos para intentar chorar
E que me deixe de doer a barriga
E logo cantar ou facer a comida e poñer o café a facer e pensar que todo vai ben
Cando xa hai tempo que esquecín que algo podía ir ben
E estar tan apagada por dentro que non sinto que me estou apagando máis
Cando un paseo serve para revivir un pouco
E estás nos bares como na casa
E volves a cidade sen ánimos e quedas durmida no tren e sabes que nada vai cambiar
Quenonimportas
Que posiblemente nunca lle importaches
A el
e que só te utiliza para darche co mazo do bombo na cabeza cando se aburre
e que o mundo é tan falso que non ten remedio
e a veces queres entrar a formar parte dese xogo
E a veces queres odialo todo
e berrar que non vas idolatrar as persoas que se supoñen respetables
Que todo se supón/trata de chupar do bote
E deixar xa de intentar quedar ben sempre, que non se pode e que non penso intentalo nunca
máis/mais
espero deixarte na próxima estación
sen billete que che sirva para voltar e recordarme canto te quixen
E os esforzos por esquecerte e tirarte coma a ese cigaro que xa non quixen fumar
Só por vagancia
No fondo dun buraco escuro no chan que se supón serve para canalizar as augas
Non nos contaron o que pasa realmente
Non che contaron que nada é bonito e o que doe querer
Non o explicaron en ningún libro con debuxiños de cores
E que expresarse costa, coma que os demais comprendan e vexan o que sentimos
E xa vai todo máis alá de ser aceptado, de gustar ou non
Trátase de TODO
E de como unha vez e gracias a ti entendín máis a cidade
Agora só me queda a sopa e Galeano e un catarro que non pasa
E un medo a que te esquezas e me olvide e quede sen nada por dentro
Supoño que é malo matar sensacións
Supoño que segue sendo malo querer acabar contigo
E esganarte en noites de fríomedobocarasposa
Nunca entendiches cantísimo te quixen
A Lúa escondeuse detrás dunha nube para que non nos decataramos de que estaba a rirse denós (outra vez)
E prometinlle a Berenguela que o ía deixar cos dedos cruzados
© 2006 Biblioteca Virtual Galega |