Inés de Castro

Victoria Lojo Vicente

n2victorialojovicenteinesdecastro.html

Inés: ¿Non había aquí castro que che detivese nin amante que desexaras,
que tiveches que facer o camiño de cruzar a raia?
Sería o cheiro a incenso dunha infinda lembranza, ou
o arrecendo da paixón, en osamenta coroada a
ilusión que te guiou ata o mel de sangue obrigada.
A fonte das bagoas aínda non esqueceu
aquela vermella corrente desesperada,
que como doas dun colar estragado
axiña salpicou o chan que procurabas.


¿Posuías coñecemento do fado ó que estabas convocada?
Semellante designio, o estrelado teito sen dubida che trazara,
erguéndose en testemuña silandeira de destino indeleble,
que dende o primeiro albor, das primeiras fadas
encadeou paixóns en carne viva desangradas,
ata desatar fel e rabia noutro tempo capturada.


Convosco aquí me tedes e,
dende o selado cadaleito, o mármore zumega
que os destelos do amor, algunha morte sempre agachan.
Quen acadara eses amores de pedra, que o tempo non desgasta.


Levantaches o voo,
garza de inverno, aquel xaneiro de coiteladas, sementando
a tal ver, choros de crianzas,
abaneos de trote de cabalos e relinchos de vinganza.
O teu xusticeiro amante non repousa, ata que no primeiro ollar da

derradeira alba,
lle sexas mostrada en corpo e fala.


Inés: deches que dicir en tantos anos de memoria, de boca en boca
agrandada, séculos e séculos de
beleza, vinganza e paixón, atravesaron de novo a raia,
ata achegárente a nós, de onde proviñas sinalada,
para mudar o presente porvir de doncela de compaña.


Nas miñas lembranzas, Inés,
Coimbra é unha muller
ti, a raíña que só na morte
gozou anel e tiara.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega