Medos

Victoria Lojo Vicente

n2victorialojovicentemedos.html
     O medo ouvea polas noites coma os lobos para que saibas que está aí. Por moi segura que te sintas na cama e a cuberto, lémbrache que pode entrar cando queira e facerse dono de ti.
     Eran as tres da mañá dunha adolescente noite de lúa chea, o sono non descansa, voltas e voltas na cama. Entran no silencio os ladridos dos cans, mensaxeiros dunha morte anunciada. Séntase na cama a espera, atenta a outros sinais que verifiquen o inevitable desenlace. O cuspe fuxe da boca, ten sede, a sede da morte. Todo cadra. E espera, e desespera, ata que a luz do día a devolveu á realidade, esvaecendo a certeza da morte moza do que os deuses aman.
     O medo non só é negro, é branco e ten ás, ás que che transportan no espacio e polo espacio ata levarche fóra de ti nos agoniantes latidos de despexe ou no palpito aterraxe a velocidades incompatibles coa vida. Tamén é liquido cando che anega a cabeza nos celestes baches de caída libre e nas novas de aterraxes forzosos.
     O medo é frío, marmóreo, unha lousa tan pesada que che enterra e non che deixa ser, nin experimentar, nin sequera dar un paso máis.
     Coma aquela tarde de loito que non es quen de achegarte a darlle o derradeiro bico o avó.
     O medo ólese, é un olor pesado que case se mastiga, flota no ambiente coma unha néboa espesa que non te deixa ver máis alá dun palmo, pero que incita a intuír todo o que agocha. Convertese nunha operación matemática, súmase, restase, divídese, multiplicase e elevase a enésima potencia chegando a igualdade sen necesidade de calculadora. Notas como estala nos teus ollos e se reflicte nos dos outros.
     Medo a morrer, a vivir; a querer, a non querer; a que che queiran, a que non che queiran; a marchar, a quedar; a voar, a caer; a ser, a non ser; os espacios pechados, os abertos; medo de min, medo de ti.
     Os medos evolucionan cos tempos. Na nenez petaban a porta en noites pechas con puños enchidos de malas novas. Na adolescencia facían soar sirenas coma interminables laios de desaparecidos afogados. Agora, na madurez, fíxose dono do telefono, timbre sobresaltado de tranquilas noites, mans bambeantes que non son quen de descolgar sabedoras de novas que non queres oír, que non queres crer, bañado en lágrimas sen despedidas.
     Medo de nai, medo de filla, medo de amante, medo de amiga.
     Eu, son toda deles. Eles, son todos meus.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega