Outonía

Yago Canedo

n3yagocanedooutonia.html
Apartando as pólas secas atoparei
o lugar que eu sempre desexei.
Alí estarás ti
A agardar por min,
núa baixo unha manta mora, amante ardente na penumbra

Xuntos botaremos leña ó lume e riremos
E amaremos
Debuxando cos dedos siluetas de barcos no bafo
das nosas costas suorentas.

Ó lonxe érguense torres de pedra.
Desde antes da nosa presenza érguense,
seguirán erguidas na nosa ausencia.
Apértame como ti sabes facelo abrasándome
entre os teus brazos-brasas.
A sombra quente do teu ventre crúzame o rostro.
Posarei sobre o teu corpo como a folla cae ó chan, acariñando a terra que a recolle, acoplándose
á súa forma.

A miña paixón sae da necesidade, da angustia
fría e pegañenta pola man que falta na miña man,
pola rugosidade do aire que rodea as caricias valeiras.
O debuxo do sendeiro está baixo os teus pés.
O son dunha campá alumea nos teus ollos.
A luz dun faro soa na túa palabra.
Es un signo, un símbolo, un sinal, un avistamento.

Non quero máis primaveras que quero outonos
de torres de pedra e mantas mora,
de vento e lume, de campás e de sendeiros
que conduzan ó teu ventre.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega