Por entre as capas dun vento
alisio
chegou a semente á miña leira en barbeito,
medrando lento entre a impaciencia e o esquecemento
Coa luz dunha raiola entre as nubes.
Tras desta mestura de codesos, ortigas e fiúnchos
está a substancia verde da esperanza da lama
duramente malferida polo inverno
que alcanzou a fértil alegría do substrato.
Arrincada a broza pegañenta e superados
os compases arrítmicos da espera,
coa chegada da outonía revelouse
que tras do cabalo de Atila pode volver crecer a herba. |