BVG Voltar atrás |
ENTREVISTADOR ENTREVISTADOR: Sigo sen entender a razón pola cal quere cambiar de ocupación. Sen meternos en profundidades, dígame en que consistiu o seu último traballo.
ENTREVISTADO: Explícolle as tarefas ás que onte me entreguei. Trouxeron un home duns trinta anos atopado na rúa presumiblemente en coma etílico. Cando chegou xa recuperara a consciencia e podía dicir o seu nome, apelidos e domicilio. A miña misión consistiu en tomarlle a temperatura, ó principio era de 35ºC, estaba hipotérmico, habería que aplicar as medidas oportunas. Neste caso logo de comezar o tratamento a temperatura observada ascendeu a 37ºC, non interesa a temperatura da pel, se non a temperatura interna. Despois fixen varias medicións seriadas: ós dez minutos 38ºC, ós quince minutos 45ºC, ós trinta minutos 60ºC. Entón un empeza a sentirse incómodo porque comprende que o home non se encontra nada ben. Continúo co meu traballo e fago unha nova medición ós corenta e cinco minutos, a temperatura xa chega ós 90ºC e posteriormente cumprida a hora ós 100ºC, este é sen dúbida o peor momento, hei de permanecer a carón do home que segue mantendo os 100ºC, as mentes nesta calor ferven de pensamentos tráxicos e eu esa situación non a soporto, se nese intre abandono gañaría o despido e perdería o pan, se me quedo vólvome tolo como xa me ten pasado en varias ocasions.
ENTREVISTADOR: Na súa profesión vense cousas terribles pero vostede como enfermeiro debería estar preparado.
ENTREVISTADO: Nunca chegarei a estar preparado para esto. Ás tres horas, como lle dicía, a miña misión, logo de comprobar as cifras do termometro por ultima vez, sería baixarlle o lume á pota e botarlle as patacas, aquí a temperatura xa non interesa porque a carne, e máis pertencendo a un home novo, xa debería estar cocida. ¿Non me entende vostede?, eu son enfermeiro e xa sei que non atoparei traballo na miña profesión, cando me chaman das listas do paro vou para onde coincida, mais desta vez non aturo, non podo seguir, de fame vou morrer en calquera caso, pero non podo continuar traballando nese restaurante de cociña para caníbales.
© 2006 Biblioteca Virtual Galega |