Eterna amaranda

Laura López

vn2lauralopezeternaamaranda.html

     9 de novembro de 1498. 

     Vexo o seu corpo semiespido, deitado e amordazado sobre o leito de troncos e xestas. Non podo deixar de mirala. Sinto como se ergue o seu peito tras cada respiración compasada, serea, submisa e resignada. Fermosa Amaranda.
     Quixera impedilo, doulle voltas á idea de terminar co seu tormento mentres rodeo a fogueira. Ela ségueme coa mirada, os cabelos enredados nas polas dos troncos, a palidez do seu rostro, a humidade dos beizos, o seu corpo torturado e martirizado, ese corpo que recorrín tramo a tramo coa delicadeza do aire sobor da area, ese corpo que desexei e tomei, que codiciei e invadín, no que afoguei e que agora arderá, non baixo a chama da paixón, senón na fogueira da inxustiza.
     Sitúome na cabeceira, tras dela, buscando o coraxe que nunca tiven, para endir o puñal no seu peito antes de que prendan a pira. Rebusco mais alá das entrañas o valor necesario para ignorar a posición de xuíz inquisidor mentres os seus ollos reflicten a miña miseria. Non suplican, nin rogan, nin imploran. Solo silencio, o mesmo silencio que a acompañou durante todo o proceso. Valente Amaranda. De que me serve tanto amor se nin sequera son capaz de darche morte antes da dor. E mentres, dende os asentos reservados ás autoridades da vila, ela sorrí impaciente o comezo da cerimonia. Debería odiala, pero nin eso podo, trátase do honor do apelido, ti enténdelo ¿verdade? Ela sóuboo dende o momento en que entraras a servir na nosa casa, pero como noutras ocasións ignorou nun principio os xogos de miradas, os roces imprevistos, os encontros inesperados e fugaces, ata que viu na miña ollada algo mais, o perigo dunha embriaguez desesperada, a ameaza da enaxenación da miña alma avellentada e agora rexuvenecida na túa louzanía.
     O resto foi sinxelo, sementou o rumor do feitizo que aquela fermosa meiga despregara con todo o seu poder diabólico sobre o seu honorable esposo. E espallouse como o lume nas eiras de trigo seco. E a vinganza cebouse outorgándome a titularidade de xuíz no proceso contra a perversa Amaranda, asistindo coa mirada impasible ós absurdos testemuños que lle atribuían terribles maldades, feitizos, sortilexios, maleficios e outras meiguerías resultantes do seu pacto co demo. Ni o mais terrible tormento logrou arrincar da súa boca unha soa palabra de confesión, pero este mutismo, acompañado da súa serenidade e aceptación condenouna con ainda mais determinación á sentencia de morte. Todo o valor que Amaranda mostrou durante o proceso foi disfrazado como influxo maléfico do demo na súa discípula.
     Eu buscaba o rogo na súa mirada, incluso no momento final no que agora me atopaba, acariñando disimuladamente os cabelos que se mesturaban cos madeiros, unha súplica final que destapara a furia que tiña agochada e que arrincase a rabia anestesiada na man que suxeitaba o puñal baixo a capa. Comeza o pregón co facho en alto, enuméranse os asasinatos, as orxías do sabbat, as marcas do corpo feitas polo mesmo diaño, palidezo, desfalezo ¡maldito covarde! Agarro con mais forza aínda o puñal, pero a man permanece estática, inalterable, inconmovible á miña desesperación.
     Entón, ela faime un xesto coa cabeza; de súpeto paralizo a cerimonia, murmurio do pobo, expectación, irritación, exasperación, berra a xente e ordeno silencio mentres me acerco a ela, espero a afirmación que a pode librar da morte lenta, a aceptación dun xuízo xusto para lograr dita misericordia, pero a súa boca esboza un sorriso seguido dunha soa palabra ?ámote?. Míroa por derradeira vez e sen volverme, ergo a man co puñal e atraveso o seu corazón de anxo, de deusa, de raíña.......de meiga. ¡Misericordia para acusada! 
     A xente abandonou a praza apresuradamente e eu sigo alí, mirando o último reducto de chama, as cinzas enroxecidas da fogueira, o fumo ennegrecido dos troncos verdes, o puñal co seu sangue ainda relente.

Eterna Amaranda.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega