O continente perdido

Arantxa Serantes

Existiu hai moito tempo un lugar

     Existiu hai moito tempo un lugar. Nosos ollos non nos permiten chegar ata el, pero era un curruncho áspero, idílico, polícromo e húmido.
     Era unha masa de montañas e vales, moi estreitos provistos dun río que coma un fío fino corría carón do mar.
     En tódalas civilizacións antigas que perduran ou foron aniquiladas polo tempo, atópanse pegadas ou lendas que nos falan de épocas anteriores ás propias e antiquísimas culturas nas que se viviron verdadeiras eras douradas e fan referencia á supercivilización que existiu no universo.
     No mesmo centro da terra atoparemos un pobo que viviu momentos de prosperidade, nunha era política e social na que se descoñecía o lamento.
     Só quedou dela un vello cántico. Aqueles homes bebían da paisaxe, daquel río e da inmensidade do océano. Descoñecían cal era o seu destino, por eso os seus gravados, os debuxos da súa cerámica, fixeron pensar a aquel ancián historiador, que naquel momento repasaba seus libros e investigaba o pasado daquela xente sen nome, que podería existir algún día un punto de encontro entre pasado e o futuro a través da semente do saber que xerminaba nalgún lugar do horizonte.
     O historiador colleu o seu libro de notas e leu:
     ?Descubrín que o continente perdido estendeuse dende un afastado punto Norte e foi indubidablemente o hábitat orixinal do ser humano. Tiñan un símbolo sagrado, tres círculos concéntricos como os que se forman ó tirar un obxecto ó auga, como as tres terras separadas polo mar.
     Daquel país floreceron sete cidades. Entre eles comerciaban, pero seguían vivindo na sombra da soidade. Aquelas cidades elevábanse, cheas de vivendas...
     Os homes navegaban por doquier en busca dun novo horizonte. Crearan un imperio.
     Pedra sobre pedra tallaban coas mans rudas pero coidadosas, erixindo monumentos colosais para perpetuar os seus orixes.
     Entón, iniciaron un longo camiño, loitaron para conseguir a conservación da súa existencia, pero a razón impúxose e temendo que o tempo pasara sen poder salva-la súa civilización, pensaron algúns en fuxir cara outra terra levando consigo algúns obxectos, lingua e tradicións para sobrevivir. Aquela xente que non quixo abandoar as súas raíces foi tragada por un abismo de lume e auga... creron que os elementos se revelaran e querían castiga-los por algunha estraña razón. As profecías dos sabios cumpríronse.
     Así aquela terra destruída xacía no fondo das augas e as súas xentes alzaban as mans en busca de auxilio dunha axuda que xamais sería enviada e así, perdidos e levados pola forza dos elementos agardaban a través dos séculos que alguén volvera a recupera-la súa historia, o seu pasado. A veces querían facerse oír e todo o que pasaba por aquel océano podía unir a suas voces e convertíanse en marusía, que eran a forza das mareas.?
     Así aquel home deixaba a súa pluma no escritorio. Bebía un sorbo de café e pechaba os libros nos que non se escribira nada aínda sobre aqueles poderes simbólicos, para que a súa sabedoría se diluira na noite, para que desde onde sae o sol ata o ocaso se puidera explorar dende o outro lado do mundo o devecer daquel recordo.
     Baixo o ceo aberto, aquela noite o home comprendeu que para apreciar aquelo que era intanxible non debía deixar de amar o comprensible. Porque aqueles seres quizais foran eternos exploradores en busca da alma, pois eran fillos das estrelas.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega