BVG Voltar atrás |
NÓ Acordei
NÓ
Acordei,
foi cando penetrei dentro de ti
e adoptei esta postura para sempre,
acougado,
tranquilo,
sen remorsos...
............?
É o recuncho máis fermoso de Galiza;
estou perdido nel, noitébrego, bohemio,
sen buscar a saída.
Pouca xente. Paseo.
Nunha esquina, o poeta do saxo;
á súa beira, o poeta que chora;
noutra esquina, a poeta da gaita;
seguramente houbo intre
en que houbo un triángulo de poetas,
e no baricentro, a poesía.
-don, don, don...
-até a próxima
-respóndolle aos sinos mentres marcho.
-ONDE VAS TRISTE
MARIÑEIRO?-quero navegar con vós
finar na terra non quero
-vou na procura de tripulación onde houbo navegantes
que loite comigo contra o poder debe haber mariñeiros
que non me deixa navegar co meu barco a tripulación vermella!
barco que coidaron meus avós e outros tantos vellos n o s c h a m a r e m o s
barco que quixeron negar durante séculos que viva Galiza unha xeración de nenos!
IMPOTENCIA
A mañá é eu acordar
e unha falsa placenta rodeándome
-viscosa iso si, moi viscosa.
A tarde é eu falar
e a xente me non ouvindo
-ao mellor me non entenden.
A noite é eu soñar
e o meu soño eu non dirixindo
-para o día seguinte volver a empezar.
VELLO TRONCO
Vellos troncos
-do país que chega tarde
ao Romantismo-,
vellas seivas
-a máis vella-
que me achegan a vida,
que me achegan a raiba.
Se me critican
que me critiquen,
que o non fan por che eu roubar,
senón por te amar.
VOLVERÁS A SER NOSA!
A través da franxa azul desfilaremos de novo,
un por un,
golsando o sangue que nos os nosos avós deron,
por meio dos nosos pais,
por meio doutros versos,
e deixaremos no centro un sinal de identidade;
A Coruña, Pontevedra, Ourense e Lugo nas esquinas
e abaixo Portugal,
so Portugal.
© 2006 Biblioteca Virtual Galega |