Sen título

Carlos Manuel Calhom

vn1ccalhomsentitulo.html

Configuramos a antiga lousa co bater revoltoso dos nosos dedos
como se o luir percusionista dese forma a un corpo
que tivese a graza do imperfeito e morbosas torres na estrutura.

Facemos nascer a estátua e botamos sobre ela as landras
e todas as paixóns outonais que nos falten por citar.

Conque o tempo non nos deixe repartir bicos,
formularemos escusas ou outras teorias para deitar as algas do estio
collidas nunha praia en marés vivas.

Bailaremos axitando as axilas orxiasticamente
pensando que a suor é merecente dun cálice sagrado
que daremos de beber a todo camiñante
que ofereza millo na sua boca aberta
ou quimeras e chagas nas plantas do camiño.

Mataremos a morte, se o tempo non chega,
e partiremo-la en achas que iluminen os rostos das que perguntan
con teimosa tristura
se os espellos, alleos, dirán outras verdades.

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega