A AELG informa

Finalistas Premios AELG 2011

     Os premios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega chegan á duodécima edición.
     As obras finalistas, publicadas en 2010, son escollidas polos 405 socios e socias da AELG, que nunha segunda fase tamén decidirán as gañadoras.
     As obras gañadoras daranse a coñecer no marco da Cea das Letras, que terá lugar o 30 de abril coa presenza do ‘Escritor Galego Universal’, Antonio Gamoneda.

 

Listaxe de finalistas deste ano

 

Blog Literario
1. Ferradura en tránsito (http://xmeyre.blogaliza.org/), de Xosé Manuel Eyré
2. O levantador de minas (http://olevantadordeminas.blogaliza.org/), de Alfredo Ferreiro
3. Trafegando ronseis (http://trafegandoronseis.blogspot.com/), de Gracia Santorum e Xosé Anxo Fernández Alonso

Ensaio

1. A man que caligrafando pensa: do plástico-escritural e da manuscrita novoneyriana, de Carlos Paulo Martínez Pereiro
2. Elucidacións na sombra. Análise e interpretación de dúas pezas de Carvalho Calero, de Manuel Castelao
3. O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo, de María Pilar García Negro

Literatura Infanto-Xuvenil (AELG-GÁLIX)

1. Contos para nenos que dormen deseguida, de Pinto & Chinto
2. O pintor do sombreiro de malvas, de Marcos Calveiro
3. O segredo de Marco Polo, de Francisco Castro
4. Suso Espada. "Nota Roja", de Francisco X. Fernández Naval.

Mellor traxectoria en xornalismo cultural 2010 (AELG-Colexio de Xornalistas)

1. Anxo Tarrío
2. Daniel Salgado
3. Fran P. Lorenzo
4. Iago Martínez
5. Ramón Nicolás.

Narrativa

1. O coitelo en novembro, de Marilar Aleixandre
2. Obediencia, de Antón Lopo
3. Periferia, de Iolanda Zúñiga
4. Settecento, de Marcos Calveiro
5. Todo é silencio, de Manuel Rivas
6. Xuvia-Neda, de Vicente Araguas

Poesía

1. Bater de sombras, de Francisco X. Fernández Naval
2. Estremas, de Ana Romaní
3. Retro(visor), de Antía Otero

Teatro

1. Canibalismo, de Marcos Abalde Covelo
2. Cínicas, de Teresa Moure
3. Flores de Dunsinane, de Manuel Lourenzo

Tradución

1. Bilbao-New York-Bilbao (Kirmen Uribe), na versión de Isaac Xubín
2. Lóbrego Romance. Pálida Pantasma. As Lendas Espectrais de Malvadia (Jack Mircala), por Isabel Soto
3. Randea do alento (Herta Müller), de Marga do Val.

 

     Alén destas categorías, os Premios Aelg constan doutros dous galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da Aelg: o premio para a Institución que se caracterizase pola súa contribución á divulgación da literatura galega, que este ano será para a Fundación Penzol; e mais o Premio AELG 2011 “Escritor Galego Universal”, outorgado pola Asemblea ao escritor Antonio Gamoneda, galardón que o distingue como autor que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana.
     Hai fotos dispoñíbeis daqueles finalistas que son socios/as da AELG na fototeca da web da Asociación: http://www.aelg.org/Centrodoc/GetPhotoLibrary.do

 

Antonio Gamoneda, Escritor Galego Universal

    
     Con este premio, que xa recibiron Mahmud Darwich, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska e Juan Gelman, a Asociación de Escritores en Lingua Galega destaca aqueles autores que unen á excelencia literaria o compromiso ético que os converte en referentes na defensa da dignidade nacional e humana.
Antonio Gamoneda recollerá o premio no mes de abril.
     A Asociación de Escritores en Lingua Galega destaca con esta mención a altísima poesía e o insubornábel compromiso ético do autor, para quen o individuo, e por tanto o poeta, se realiza na poesía como forma de coñecemento.
Con motivo da entrega do premio, Antonio Gamoneda estará en Galicia en abril. O día 29 ofrecerá unha conferencia na cidade da Coruña e o 30 asistirá á Cea das Letras, organizada pola Asociación de Escritores.
     Nacido en Oviedo en 1931. A obra de Gamoneda esténdese desde o 1960 -con Sublevación inmóvil- até hoxe marcada por unha fonda pegada ética que gaña forza nun exemplo de coherencia e verdade poética.
Premio Cervantes en 2006, reivindícase como pertencente á cultura da pobreza: o sufrimento social penetra na súa conciencia lingüística, conferíndolle unha linguaxe poética e semanticamente subversiva. Combina un poderoso dominio do idioma cunha permanente actualidade do seu mundo poético nacida da asunción da propia historia persoal e colectiva.
O recoñecemento europeo e americano revélase na tradución da súa obra a distintas linguas.
Premio Raíña Sofía de Poesía Iberoamericana en 2006.
Premio Nacional de Literatura na modalidade de Poesía en 1988

 

A Aelg e a folga no ensino

    
     Perante as medidas involucionistas que o actual goberno da Xunta de Galiza vén pondo en marcha cara á lingua galega, idioma propio e oficial do noso país, creado senlleiramente pola sociedade galega ao longo da súa xa milenaria historia, que está a materializarse, por unha banda, na anulación de dereitos legais de recoñecemento administrativo da súa competencia e uso e, por outra, na forzada involución no proceso normalizador da súa aprendizaxe dentro do ámbito educativo, ignorando voces e argumentos dos especialistas da educación, da pedagoxía e dos profesionais do ensino, a AELG fai un chamamento á comunidade educativa galega, ao igual que os máis de 600 colectivos que constitúen a plataforma Queremos Galego, a apoiar o paro xeral no ensino do vindeiro xoves 21 de xaneiro, como contestación ao decretazo contra o galego.
     Subscribimos, máis unha vez, os pronunciamentos anteriores públicos realizados pola AELG (http://www.aelg.org/GetActivityById.do?id=139) en relación á lingua de noso, ferramenta clave e nuclear da creación literaria, sexa ficcional ou non, na medida en que, desde a autoridade educativa e no exercicio das súas competencias e responsabilidades gobernativas, é preciso asegurar a competencia en lingua galega dos nenos e nenas desde a escola, como garante do desenvolvemento das habilidades lingüísticas que doten a infancia e a mocidade das destrezas básicas: comprender, falar, ler e escribir. Porque só desde o coñecemento amplo e sen prexuízos é posíbel entender un mundo habitado e pensado desde a biodiversidade real, lingüística e cultural, que debe medrar necesariamente desde o manexo das claves do respecto interpersoal.
     A AELG convida os escritores e escritoras a divulgar e facer pública a súa adhesión persoal a este pronunciamento colectivo nos diversos foros de comunicación en que como tal participa e asistir, na medida das súas posibilidades, á manifestación convocada na Alameda, en Santiago de Compostela, o día 21 de xaneiro, ás 11:30h.

 

Cesáreo Sánchez presidente da Federación Galeusca   

   A Federación Galeusca, no exercicio rotatorio da presidencia, comunica que Guillem Jordi Graells, Presidente da AELC, é relevado por Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG, entidade que organizará o próximo encontro anual desta Federación.

 

II Encontro Cidade da Coruña    

   A Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña organizan durante os meses de abril e maio unha serie de conferencias sobre o tema Mulleres na literatura.
Programa:
   24 de abril, ás 20.00 h: "Por min e polas miñas compañeiras. Visibilidade en invisibilidade das escritoras en Galicia". María Reimóndez.
   8 de maio, ás 20.00 h: "A Literatura que vén da rúa". Elena Poniatowska.
   15 de maio, ás 20.00 h: "Transgresoras: do tabú á corrección política". Marilar Aleixandre.
   22 de maio, ás 20.00 h: "As mulleres na literatura. De onte a hoxe". Teresa Moure.
Lugar: Real Academia Galega, Rúa Tabernas, 11.

 

III Ciclo de Conferencias "Escritoræs na Universidade"

    
   A Asociación de Escritores en Lingua Galega e a S. X. de Política Lingüística, en colaboración coas Facultades de Filoloxía das Universidades da Coruña e Vigo, achegarán á comunidade universitaria e á sociedade en xeral desde o 15 de outubro a oportunidade de escoitar unha extraordinaria pléiade de escritores e escritoras das nosas letras
   Este ciclo de conferencias contará en vindeiros días, na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña (Campus da Zapateira), coa presenza de:
15 outubro (12.30): Cesáreo Sánchez
22 outubro (9.30): Marilar Aleixandre
29 outubro (12.30): Teresa Moure

5   novembro (12.30): Yolanda Castaño
   Así mesmo, este ciclo ten este ano continuidade na Universidade de Vigo, na súa Facultade de Filoloxía e Tradución coas seguintes mesas redondas:
16 de outubro (12.00): O xénero poético na actualidade.
23 de outubro (12.00): O xénero teatral na actualidade.
30 de outubro (12.00): O xénero narrativo na actualidade.


O Consello Directivo da Aelg

 

Manifesto da Federación de Asociacións de Escritores "Galeusca"

     Perante o discurso pretendidamente homoxeneizador e centralista que subxace no “Manifiesto por la lengua común”, a Federación de Asociacións de Escritores “Galeusca” quere deixar constancia do seguinte:
     1. A realidade plurilingüe que conforma e dá existencia ao estado español, lonxe de ser entendida como unha “asimetría” ou deficiencia per se, está a reproducir de xeito transparente unha diversidade lingüística e cultural común á maioría dos estados que conforman a Europa plurilingüe.
     2. O galego, o éuscaro e o catalán non son "inventos" recentes senón linguas que foron normais nos seus territorios e sociedades respectivas durante centos de anos. A súa desnormalización, a súa perda de usos públicos, non se produciu de forma "natural", senón, mesmamente, por invasión da lingua que se decretou como oficial do estado, sen consulta nin acordo previo.
     3. O artigo 3 da Constitución española garante a presenza desa lingua común para todos os habitantes do estado, mediante a esixencia a toda a cidadanía do deber de coñecer o castelán. Toda a cidadanía de Galicia, Euskadi e os Países Cataláns asume na práctica esa esixencia, pois non hai persoa que non teña unha boa competencia en castelán, ora a teñan como primeira lingua, ora como segunda. Porén, respecto do galego, do éuscaro e do catalán a lexislación non prevé a obriga de seren coñecidos nos seus respectivos territorios, o que establece unha asimetría nos dereitos lingüísticos da cidadanía que quere exercer o dereito, que lles é recoñecido, a usalos.
     4. O galego, éuscaro e catalán tamén son linguas oficiais nos seus territorios, que é o mesmo que dicir que son as linguas propias de aproximadamente o 40% da poboación do estado español. Estes códigos lingüísticos diferentes do castelán, lexítimos e nos que se recoñece o percorrido e expresividade dun pobo e dunha cultura, son instrumentos de comunicación igualmente “democrática”, ferramentas de relación interpersoal útiles e necesarias para a sociedade que as sustenta.
     5. O dereito ao uso público, en todas as instancias, da lingua propia está recoñecido en todas as lexislacións democráticas do mundo. No ámbito europeo cómpre lembrar a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (aprobada e ratificada polo Estado español) ou a Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos, aprobada coa unanimidade do Congreso dos Deputados.
     6. A visión anuladora que da enriquecedora realidade plurilingüe española se transmite desde o “Manifiesto” leva a pensar na similitude coas teses da etapa franquista: un Estado, unha lingua, e, consecuentemente, a reforzar as formulacións diferenciadoras entre cidadáns de primeira e de segunda por razón de lingua. A competencia plurilingüe, tamén para os cidadáns españois nados en comunidades autónomas cunha única lingua oficial, sempre será unha chave que abra o mundo, que abra as fronteiras do respecto polo outro desde a interpretación dunha relación de equidade entre os seres humanos, independentemente do seu lugar de nacemento, de residencia e de lingua propia. Además, o “Manifiesto” parte dunha premisa que non se corresponde coa realidade, pois en ningún caso o castelán corre perigo ningún en todo o territorio do Estado.
     7. A aprendizaxe de linguas, ademais da propia, sempre debe ser entendido en positivo e como sinónimo de enriquecemento do individuo, pois coa aprendizaxe plurilingüe estimúlase a expresividade e cognición das persoas. No caso de Galiza, Euskadi e os Países Cataláns é imprescindíbel que a poboación sexa competente nas dúas linguas oficiais, para que logo cadaquén poida decidir libremente se usa unha ou outra nos diferentes ámbitos e situacións. É dicir, a dobre competencia é imprescindible para garantir a liberdade lingüística.
     8. Para garantir esa utilización libre das linguas precísanse medidas emanadas dunha política lingüística adecuada. É dicir, para garantir os dereitos constitucionais que temos tamén os falantes de catalán, éuscaro e galego precísanse políticas lingüísticas que creen as condicións para exercelos, tal e como ditou o Tribunal Constitucional na sentenza 337/1994 cando “avalaba un trato desigual, que non discriminatorio, para as dúas linguas oficiais en función do carácter propio dunha delas que fai preciso unha acción normalizadora que debe, necesariamente, implicar accións de apoio singularizado”.
     9. As políticas lingüísticas aplicadas ao ámbito educativo nas chamadas comunidades bilingües teñen como obxectivo conseguiren que o alumnado acade unha boa competencia nas dúas linguas oficiais, independentemente de cal sexa a súa lingua familiar. Para acadar ese obxectivo, é preciso desenvolver planificacións lingüísticas que garantan a consecución dese obxectivo e que pasan, necesariamente, pola utilización vehicular maioritaria da lingua máis desfavorecida socialmente. E isto, en vez de ir contra a liberdade lingüística, é, precisamente, unha actuación imprescindible para garantir esa liberdade lingüística.
     10. As escritoras e os escritores galegos, vascos e cataláns PROCLAMAMOS a nosa vontade de seguirmos a escribir nas nosas linguas e a contribuírmos ao proceso, inacabado, de normalización das nosas linguas, como dereito humano, democrático, pacífico ao que non imos renunciar. Repudiamos enerxicamente todos os intentos de EXCLUSIÓN que colegas escritores españois realizan das nosas linguas e lamentamos que, no canto de se preocuparen pola saúde do español en Puerto Rico, Costa Rica ou os Estados Unidos, se dediquen a combateren o máis próximo e asimetricamente discriminado.

Aquelas entidades, colectivos ou persoas que concorden co contido deste manifesto poden mostrar a súa adhesión no enderezo electrónico oficina@aelg.org

http://www.aelg.org/

Xullo de 2008

 

I Encontro Cidade da Coruña

     Os próximos días 18 e 19 do mes que andamos a Asociación de Escritores en Lingua Galega organiza en colaboración coa Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e Cedro, o I Encontro Cidade da Coruña, unha actividade que nace coa pretensión de estenderse a outras cidades do país.
     O venres 18 de xullo celebrarase unha mesa redonda que, baixo o título “Narrativa con memoria histórica”, contará coa presenza de Lidia Jorge, Carme Riera e Manuel Rivas. Será na Casa Museo Casares Quiroga (Panadeiras, 12).
     O día seguinte, no Teatro Rosalía de Castro, con presentación de Antía Otero, está previsto un recital poético e lectura de textos a cargo de Marica Campo, Yolanda Castaño, Lidia Jorge, Luz Pozo, Carme Riera, Manuel Rivas, Xavier Rodríguez Baixeras e Xavier Seoane, alén da actuación musical de “Carmen Rey Grupo”, cun son próximo do rhythm and blues, coa esencia do funk e do jazz.
A entrada é de balde até completar aforo.

 

XIV Edición "O/A Escritor/a na súa Terrra"

    

     A Homenaxe "O/A Escritor/a na súa Terra", que cada ano impulsa a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), chega neste 2008 á súa XIV Edición recaendo na figura de Xosé Vázquez Pintor. Celebrarase o vindeiro sábado, 7 de xuño, no Concello de Melide.

     Como é habitual, rematarase a homenaxe cun xantar de confraternidade que se celebrará no Restaurante "Sony".

     Máis información no teléfono da Asociación: 981 133 233 (de luns a venres de 09:00 a 14:30 e de 17:00 a 20:00), ou no correo electrónico no enderezo oficina@aelg.org.

 

Os novos escritores e poetas galegos danse a coñecer no volume "Letras Novas"

    

   Baixo o título de "Letras Novas", aparece unha colección de biografías e traballos en galego de 51 novos escritores e poetas galegos para axudar a que estes se consoliden no futuro, segundo explicaron onte o director xeral de Xuventude, Rubén Cela, e o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez. O libro recompila textos de autores como Rosa Aneiros, Rafa Villar, María Reimóndez, Olalla Cociña, Séchu Sende, Diego Ameixeiras, Daniel Salgado e Antía Otero, que, xunto a outros autores, colaboraron no boletín de información xuvenil "Infoxove".
     "Letras novas" nace das colaboracións recadadas pola Asociación de Escritores en Lingua Galega durante o 2006-2007 para "Infoxove". O boletín de información para os mozos galegos naceu hai dous anos como un xornal adicado a prestar información útil e que falase das cousas que lle interesan á xuventude de Galicia...

 

III Simposio Internacional "Letras na Raia": Cinema e Literatura  

     A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) promove por terceiro ano consecutivo o III Simposio Internacional “Letras na Raia”, a celebrar os días 23 e 24 de novembro, no Pazo da Cultura do Concello de Pontevedra, co patrocinio principal da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.
     Con “Letras na Raia” a Aelg pretende crear un punto de encontro para a reflexión e o debate arredor da necesaria e histórica relación entre Galiza e Portugal. Consideramos axeitado propiciar un foro que axude a afondar nos vínculos lingüísticos, culturais e literarios que compartimos.
     Nesta edición propóñense unha serie de mesas con títulos ben abertos cuxo eixe común é tratar temas que afectan á relación entre cinema e literatura en distintas vertentes:
-a relación entre os adaptadores/as e adaptados/as
-a relación entre a linguaxe literaria e a cinematográfica
-os puntos que xonguen ou separan cinema e literatura
-os novos formatos audiovisuais e a súa influencia na linguaxe literaria
     Está programada cadansúa proxección con entrada libre no final de cada xornada:
-o venres exhibirase o filme portugués A costa dos Murmúrios, de Margarida Cardoso, adaptación do romance homónimo de Lídia Jorge.
-o sábado terá lugar a première da tv movie A Mariñeira, de Xosé Antón Dobao, sobre texto de Darío Xohán Cabana.
     A inauguración do Simposio terá lugar na mañá do día 23, a partir das 10:00 horas, no Pazo da Cultura do Concello de Pontevedra, coa presenza do Director Xeral de Xuventude e Solidariedade da Xunta da Galiza, Rubén Cela, do Alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e do Presidente da Aelg, Cesáreo Sánchez Iglesias.
     A seguir, ás 10:30, terá lugar a conferencia inaugural a cargo do escritor Xavier Queipo, co título “Literatura e Cinema como expresións poéticas”.
     Ás 11.00 ábrese a serie de mesas redondas con posterior coloquio, coa titulada “A Literatura no Cinema: Adaptadores e Adaptados”, que contará coa presenza de Gonçalo Cadilhe, Margarida Cardoso, Xabier P. Docampo e Carlos Amil.
     Ás 16.30 e co título “Outros formatos do audiovisual: medios e linguaxes diferentes do cinema convencional”, teremos a oportunidade de escoitar e falar con Xosé Antón Dobao, Ángel de la Cruz e Cláudia Galhós.
     Finaliza a xornada coa proxección de A costa dos Murmúrios, de Margarida Cardoso, adaptación do romance homónimo de Lídia Jorge.
     No sábado día 24 de mañá, ás 11.00, sempre no Pazo da Cultura, “O Cinema e a Literatura: o común e o diferente”, con Camilo Franco, Jorge Paixão da Costa e Camilo Azevedo Mendes.
     Xa na tarde, ás 16.30, a cuarta e última mesa e coloquio: “A dupla escrita: escrita para ver, escrita para ler”, con Miguel Anxo Murado, Possidónio Cachapa, Puri Seixido e Gonçalo M. Tavares.
     Seguirá a clausura do Simposio, coa presenza da Delegada da Consellaría de Cultura e Deportes en Pontevedra, Mª Xesús López Escudeiro, a Concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra, Dolores Dopico, o delegado en Galiza do Instituto Camoes, Samuel Rego e o Presidente da Aelg, Cesáreo Sánchez Iglesias.
     Ao remate proxectarase a première da tv movie A Mariñeira, de Xosé Antón Dobao, sobre texto de Darío Xohán Cabana.
     Un ano máis, Letras na Raia serve de eixo para nos achegarmos ao que se está a facer nas dúas beiras... Unha oportunidade de coñecermos as creacións daqueles que buscan na literatura ou no cinema un espazo para a vida.
     A Aelg considera que este tipo de encontros contribúen a enriquecer o panorama creativo dos dous países a través do mutuo (re)coñecemento, xa que non se pode esquecer que a divulgación en Portugal do noso sistema literario propio e independente segue sendo tarefa aínda pendente de completar.
     Este congreso está organizado pola AELG en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual e conta coa colaboración da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar a través da súa Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, a Consellaría de Cultura, a S.A. de Xestión do plan Xacobeo, a Dirección Xeral de Turismo, o Concello de Pontevedra e o Instituto Camões.

Teléfonos de contacto do Simposio:
981 133 233
696 581 971
669 115 469

 

Polafías 2007

    

   As polafías son unha proxecto da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), coordinado polo Vogal de Literatura de Tradición Oral, Antonio Reigosa, que conta co patrocinio da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e coa colaboración de diversas asociacións locais.
   A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego.
O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,...) con semellantes contidos.
A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio.
O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados; dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores...etc, serán os veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas. O que suceda nas polafías será gravado e logo difundido a través da web da AELG.
As polafías terán unha duración de entre 70-80 minutos. Para este ano 2007 vanse desenvolver ao longo do mes de novembro e decembro nos lugares e datas que relacionamos:

POLAFÍA EN SERRA DE OUTES (A CORUÑA)
Lugar: Casa da Cultura de Serra de Outes (Outes)
Data: venres. 16 de novembro de 2007
Hora: 19 horas.
Interveñen:
Divulgador: Antonio Reigosa
Músico: Antón Castro.
Narradores orais: Elixio Vieites, Elva Requeijo.
Colaboran: Biblioteca Municipal, Concello de Outes.

POLAFÍA EN MONDOÑEDO (LUGO)
Lugar: Casa da Xuventude de Mondoñedo
Data: sábado, 17 de novembro de 2007
Hora: 19 horas
Interveñen:
Divulgador: Antonio Reigosa
Músico: Antón Castro

Narrador/a oral: Elva Requeijo
Colaboran: Asociación Cultural “Pena do Golpe”.


POLAFÍA EN VILAR DE SANTOS (OURENSE)
Lugar: Museo da Limia
Data: sábado, 24 de novembro de 2007
Hora: 19 horas
Interveñen:
Divulgador: Cástor Castro Vicente e Antonio Reigosa.
Músico: Antón Castro.
Narrador/a oral:
Colaboran: Cástor Castro Vicente e Félix Castro Vicente.

POLAFÍA EN CERDEDO (PONTEVEDRA)
Lugar: Antiga Cámara Agraria
Data: sábado, 1 de decembro de 2007
Hora: 19 horas
Interveñen:
Divulgador: Carlos Solla e Antonio Reigosa
Músico: Antón Castro
Narrador/a oral: Manuel Cortizo, Xosé Cortizo, María Varela
Colaboran: Asociación Cultural “Verbo Xido”.

 

I Xornadas Virtuais de Literatura

    
   O día sete de novembro comezaron as I Xornadas Virtuais de Literatura, un proxecto da Asociación de Escritores en Lingua Galega con intención manifesta de aproveitar eficazmente os recursos electrónicos na divulgación da Literatura, aquela que transcende o papel e mesmo as letras que a sosteñen para fundirse no inabarcábel magma da cultura, ese magma do saber que todas formas adopta, e que luz e calor fornece sen cesar como caldo nuclear do pensamento.
   Na I Xornada orgullámonos de ofrecer un inspirado texto teórico de Xavier P. Docampo sobre a narración oral e un rigoroso traballo crítico de Ramón Nicolás sobre a obra de Agustín Fernández Paz, outro dos grandes da nosa literatura presente e sen dúbida futura. E todo isto facilitado por unha tecnoloxía sinxela e unhas infraestruturas públicas, as do Centro Multimedia de Galicia na Biblioteca Pública González Garcés d' A Coruña.
   Todas intervencións das I Xornadas Virtuais serán editadas e ofrecidas ao público xeral no novo espazo formativo da web da AELG "Aula de Escritores". E a partir daí, cada mércores deste mes, máis contidos de primeiro nivel serán ofrecidos aos inscritos ao vivo e a todos os interesados como documentos residentes: Agustín Fernández Paz, Víctor Freixanes, Pepe Cáccamo, Mercedes Queixas, Óscar Sánchez e Pedro Silva.
   Todos eles presenciábeis desde o mundo enteiro, a falaren de Xosé María Álvarez Blázquez, de Agustín Fernández Paz, da Rede e dos blogues.
   Despois de novembro, o espazo ficará como plataforma de traballo que propiciará foros, troco de traballos e máis contidos sobre os temas propostos, de tal modo que poda converterse nun sitio de referencia dinámico e útil.
   A Asociación quere resaltar tamén que esta primeira edición das Xornadas Virtuais de Literatura foi dedicada ao autor do Día das Letras ao carón de a un autor de tanta actividade como Agustín Fernández Paz.
   O diálogo da faísca presente coa madeira ben enxoita e escollida do pasado, para nos aquecer agora e sempre.
   Deste modo iniciamos un camiño novo no aproveitamento das novas tecnoloxías da información e o coñecemento, que estimamos deben ser soportes eficaces de contidos elaborados, válidos, que abran novas rotas para a creación de cultura; contidos, por outra parte, que se ben poden ser aproveitados desde calquera parte do mundo, nunha dimensión realmente universalizante da cultura galega, contan ademais co valor acrecentado de teren sido elaborados, presentados e comunicados con software libre.
Máis información na páxina da web da AELG: www.aelg.org

O Consello Directivo da Aelg.

 

II Ciclo de Conferencias "Escritoræs na Universidade"

    
   A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), propón para este outono o II Ciclo de Conferencias "Escritoræs na Universidade" nas universidades da Coruña e Vigo, co obxectivo de que sexan os propios/as autores/as quen falen da súa obra.
Mañá , 8 de novembro, ás 11:00, impartirá unha conferencia a escritora coruñesa Yolanda Castaño. Será na Aula A4 (pavillón 4, aula 4) da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo (Campus Universitario Lagoas-Marcosende)
   Este ciclo de conferencias contará en vindeiros días coa presenza de:
15 novembro (11.00): María do Cebreiro
22 novembro (11.00): Fran Alonso
29 novembro (12.00): Xosé Mª Álvarez Cáccamo
   Así mesmo, este ciclo ten este ano continuidade na Universidade da Coruña,
na súa Facultade de Filoloxía (Campus da Zapateira) coas seguintes
conferencias:
13 de novembro (12.30): Marica Campo
14 de novembro (12.30): Xabier P. Docampo
21 de novembro (12.30): Xosé Manuel Martínez Oca
28 de novembro (12.30): Vitorino Pérez Prieto
   A Asociación de Escritores en Lingua Galega e a S. X. de Política Lingüística, en colaboración coas respectivas Facultades de Filoloxía, achegan así á Comunidade Universitaria, e á sociedade en xeral, a oportunidade de escoitar unha extraordinaria pléiade de escritores e escritoras das nosas letras.


O Consello Directivo da Aelg.

 

XXIV Edición do Galeusca    



PRESENTACIÓN DA

XXIV EDICIÓN DOS ENCONTROS GALEUSCA:

"O imaxinario na literatura"

 

     O Galeusca, é un encontro entre autores/as de Galiza, Euskadi e Cataluña, e que cada ano organiza cadansúa Asociación de Escritores.
     O luns, día 1 de outubro, ás 17:00, o Presidente da Aelg, Cesáreo Sánchez Iglesias, o vogal por Lugo, Isidro Novo, e o vogal de Literatura de tradición oral, Antonio Reigosa, presentarán publicamente aos medios a XXIV Edición do Galeusca, que se celebrará nas cidades de Lugo e Mondoñedo, desde o día 1 ao 4 de novembro.

     O tema elixido neste 2007 será O IMAXINARIO NA LITERATURA, ente inaprensible e con todo esencial ao que poderiamos considerar fonte e canle de toda literatura.
     Recoñecemos o imaxinario como algo que é fábula e á vez misterio. Iso que dentro de cada pobo, en virtude dun común sentir, chega a se converter en invisíbel e sólida raíz que nin as máis avanzadas técnicas globalizadoras son capaces de arrincar.
     Sen dúbida, todas as artes de todos os pobos están condicionadas polo seu propio imaxinario, quer dun xeito consciente quer inconsciente, mais de todas quizais a máis afectada –ou polo menos na que resulta máis evidente esa afectación– sexa a arte da palabra. O leite que amamantou as nosas literaturas son contos e lendas que chegaron ata nós pola vía da transmisión oral. Todo iso que sabemos con toda certeza que nunca foi real, pero sempre será verdade, a nosa verdade, é o imaxinario básico de cada unha das nosas literaturas.
     Desde a AELG desexamos esta edición resulte un foros eficaz para consolidar unha industria cultural arredor das nosas literaturas, sen renunciar por iso aos valores simbólicos que mantivo ao longo destes vintecatro anos de vida.

 

 

XXIV Edición do GALEUSCA
"O imaxinario na literatura"

Lugo-Mondoñedo, do 1 ao 4 de novembro de 2007




DÍA 1 DE NOVEMBRO

19.00: Gran Hotel de Lugo
          Recepción e acto de benvida

20.00: Concello de Lugo
          Saúdo da Cidade



DÍA 2 DE NOVEMBRO
10-12 horas: Sala de Conferencias de Caixa Galicia

As fontes do imaxinario nas literaturas éuscara, catalá e galega.
Iratxe Retolaza
Alfons Llorenç
Xosé Miranda

Presenta Antón Reigosa

 

12-30-14.00: Roteiro por Lugo e visita guiada ao Museo Provincial de Lugo

14.00: Xantar: Restaurante España
17-19 horas: Sala de Conferencias de Caixa Galicia

Os clásicos do imaxinario na literatura de Cataluña, Euscadi e Galiza.
Caterina Valriu
Joxemiel Bidador
Darío Xoán Cabana

Presenta Isidro Novo.

20-21:30 Auditorio Gustavo Freire
Actuación da Nova Galega de Danza: Engado
22.00 Cea: Restaurante España



DÍA 3 DE NOVEMBRO
09.30: Saída cara a Mondoñedo con parada en Outeiro de Rei
12-14 horas: Salón de actos da Casa da Xuventude de Mondoñedo


O imaxinario na literatura actual de Euskadi, Cataluña e Galiza.
Xabier Gantzarain
Francesc Serés
Chus Nogueira

Presenta Mercedes Queixas

14.30: Xantar .Restaurante Montero
16.30: Salón de actos da Casa da Xuventude


Lectura de textos
Medos Romero, Marica Campo, X. Henrique Ribadulla (delegación galega)
Montserrat Rodés, Ramom Guillem, Jaume Miró (delegación catalá)
Aritz Gorrotxategi, Juan Ramon Makuso, Oier Guillan (delegación vasca)
Mantedor do acto: X.H.Rivadulla Corcón

17.30: Saída para Lugo
20.30: Auditorio do Instituto Lucus Augusti
          Actuación de Mofa e Befa
22.00 horas: Gran Hotel Lugo
                   Cea de despedida e acto de homenaxe a Basilio Losada e Pepe Estévez.


DÍA 4:
10.00 h: Acto de Clausura con lectura de conclusións
 



A Historia dos Encontros "Galeusca": Obxectivos e antecedentes.

     Os Encontros do Galeusca cumpriron, e seguen a cumprir, ao longo dos seus vintecatro anos de historia, diferentes obxectivos, e non só no ámbito estrictamente literario. Obxectivos, en grande medida, de carácter simbólico, que expresan a vitalidade creativa das culturas galega, vasca e catalá, e o seu afán por conseguiren un estatus de normalidade tanto no entorno social como no mercado editorial coas seguintes intencións:
     a) establecer relacións de intercambio entre os autores/as das tres culturas.
     b) compartir perspectivas sobre o fenómeno literario.
     c) crear un espazo de diálogo en torno a problemática común dos escritores/as en canto colectivo profesional.

     Actúan como un foro de encontro e diálogo, de coñecemento e recoñecemento entre escritores de tres culturas diferentes. Destes encontros saíron fondas amizades e lecturas compartidas, e, como contraste, houbo tamén debates intensos sobre vellas polémicas.
     Os encontros do Galeusca significan un escaparate das literaturas minorizadas na súa arela por adquiriren un espazo de visibilidade pública; implican, por tanto, un compromiso colectivo a favor da diversidade cultural dentro do estado español.
     Permiten contrastar as diferentes visións do feito literario, indagar acerca dos diferentes xéneros e etapas históricas, analizar as relacións do escritor coa sociedade na que vive, establecer puntos de contacto entre diferentes modalidades artísticas, indagar no difícil equilibrio entre tradición e modernidade, entre o enxebre e o cosmopolita.
     Por último, existen tamén os retos do futuro: avanzar nos retos que implican unha relación entre asociacións constante, que permita consolidar proxectos colectivos de edición, tradución e publicación de autores/as das tres literaturas, e que contribúa a dotar aos nosos escritores dunha cobertura legal que dignifique o seu labor creativo, desde unha perspectiva estritamente profesional.

Antecedentes históricos.

     É preciso remontarse no tempo ao ano 1933, ao período cronolóxico da II República, cando as forzas políticas de Cataluña, Euskadi e Galiza asinan un pacto de carácter global no contexto da consecución dos respectivos estatutos de autonomía. Ese pacto global (no que participaron Castelao, Bóveda, Otero Pedrayo, Pompeu Fabra, Francesc Maciá, Arana Goiri e Luis de Arbeloa) incluía, como non podía ser doutro xeito, o establecemento de proxectos artísticos que contribuísen á posta en común do mellor das tres culturas.
     Posteriormente, durante a etapa do exilio provocado pola imposición do réxime franquista, “Galeuzca” vai designar un efémero proxecto editorial que se inicia en agosto de 1945, na cidade de Bos Aires, baixo a dirección de destacados políticos e intelectuais galegos, vascos e cataláns; a publicación chegou aos doce números, antes de desaparecer no ano 1946.
     Tralo remate da ditadura franquista, e ao longo da década dos oitenta do pasado século, consolídase no Estado español un sistema de democracia parlamentaria; na nova etapa política o anagrama de Galeusca recupera plena vixencia como símbolo do encontro de carácter anual que van celebrar as Asociacións de Escritores galegos, vascos e cataláns.
     O Galeusca, na calidade de encontro cultural, celebrábase por primeira vez hai vintecatro anos, durante os días 22, 23 e 24 de xuño de 1984; actuou como anfitrioa do encontro a Asociació d`Escriptors en Llengua Catalana, escollendo como sedes as localidades de Barcelona, Sitges e Poblet.

A Asociación de Escritores en Lingua Galega leva organizados os seguintes encontros:
- VI Encontro de Escritores Galegos, Vascos e Cataláns; Santiago de Compostela, 1989: "Por un renovado compromiso do escritor"
- IX Encontro de Escritores Galegos, Vascos e Cataláns; Santiago de Compostela, 1992: "A influencia europea nas literaturas do Galeusca"
- XII Encontro de Escritores Galegos, Vascos e Cataláns, A Coruña, 1995, "A emigración e o exilio nas literaturas galega, vasca e catalá"
- XV Encontro de Escritores Galegos, Vascos e Cataláns, Santiago de Compostela, 1998: "Artes plásticas e literatura"
- XVIII Encontro de Escritores Galegos, Vascos e Cataláns, Pontevedra, 2001: "A lectura: un espazo de creación"
- XXI Encontro de Escritores Galegos, Vascos e Cataláns, Ourense e Allariz, 2004: "A cidade e a palabra"

O Consello Directivo da Aelg

 

I Xornada da Crítica Galega   

 
     A I Xornada da Crítica Galega, unha iniciativa que a Aelg, a través da súa Sección de Crítica, bota a andar este ano coa colaboración do Consello da Cultura Galega co obxectivo de crear un foro de reflexión sobre a crítica literaria, tan importante para a normalización do noso sistema literario.
     Foi concibida como un primeiro encontro entre profesionais diversos do mundo da crítica para iniciar unha reflexión acerca da situación da crítica literaria en Galicia nas súas diferentes manifestacións.
     Esta primeira Xornada, dirixida a todas aquelas persoas relacionadas co mundo da crítica literaria e cos escritores en xeral, quere ter en conta a actividade crítica que se está a desenvolver hoxe no marco peninsular, e para iso contará con representantes da crítica galega, catalá, vasca, española e portuguesa.
     O encontro ten ademais como obxectivo crear un foro de debate sobre a crítica literaria galega que reúna todas aquelas persoas que a estean a exercer nos diferentes ámbitos, para debateren os seus principais problemas e acadar un maior grao de recoñecemento e profesionalización das súas actividades.
     Desenvolverase nas instalacións do Consello, no 2º andar do Pazo de Raxoi (Praza do Obradoiro s/n, Santiago de Compostela) o venres día 21 de setembro de 2007, co programa que vos achegamos:

10.00 Inauguración e presentación da Xornada:
Ramón Villares Paz, Presidente do Consello da Cultura Galega
Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG
Xosé Manuel Eyré, integrante da Comisión Executiva da Sección de Crítica
Galega da Aelg
10.30–11.30 Conferencia-coloquio: "A crítica literaria xornalística da literatura galega".

                                                       Ramón Nicolás Rodríguez Presenta: M. Xesús Nogueira
12.00 Conferencia-coloquio: "A crítica literaria académica da literatura galega".

                                              Arturo Casas Vales Presenta Xosé Manuel Eyré
13.00–14.30 Debate: "A crítica literaria galega", a cargo de todos os presentes.
Modera: M. Xesús Nogueira.
17.00-19.00 Mesa Redonda:"A crítica literaria fóra de Galicia. Os casos portugués, catalán, vasco e español".
                                           Joan Josep Isern, da Asociación Críticos Literarios Cataláns
                                           Iratxe Retolaza. Profesora de EHU-UPV
                                           Ángel Basanta, da Asociación Española de Críticos Literarios
                                           Abel Barros Baptista, profesor da Universidade Nova de Lisboa


O Consello Directivo da Aelg.

 

A AELG colabora coa Real Academia   

     A AELG fai entrega á  REAL ACADEMIA GALEGA, dos documentos do seu centro de documentación  de escritores galegos.
Mañá mércores día 19, ás 12.30, no segundo andar da sede da Real Academia Galega na Coruña (Rúa Tabernas, 11)
     A Real Academia Galega (RAG) e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) asinaron o 16 de setembro de 2005, hai agora 2 anos, un Acordo Marco de Colaboración baseado no común interese na normalización cultural e lingüística de Galiza, procurando unha aplicación práctica do coñecemento da lingua e literatura galegas dentro e fóra das nosas fronteiras.
A filosofía que inspirou o acordo concrétase, entre outras accións, na constitución na propia sede da Real Academia dun Centro de Documentación dos Escritores/as da AELG, con documentación proporcionada pola Asociación, quen á súa vez a recada dos seus propios socios e socias, para pesquisa de investigadores, estudosos e especialistas.
     Durante estes dous anos, a Aelg recompilou unha cantidade inxente de material documental que foi achegado polos socios e socias da AELG, e que foi dixitalizado para o Centro de Documentación da súa web coa colaboración da Deputación da Coruña, a Consellaría de Innovación e Industria e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O material, que se entrega en 7 cartafoles, componse de miles de fotos, biografías, mostras de obras, traducións, paratextos (entrevistas, artigos publicados por ou sobre os escritores, prólogos, portadas de libros, recensións críticas...) que, ao estaren dixitalizados, poden ser consultados de forma sinxela e desde calquera parte do mundo por un sistema de busca que permite atopar calquera palabra dentro do corpus. Alén disto, pódese ver na maioría dos documentos unha imaxe do orixinal.
     Dado que a Real Academia é depositaria dun importantísimo fondo arquivístico documental dos escritores en lingua galega, a AELG considera esta institución como a mellor garantía de conservación dos arquivos entregados e agradece a súa colaboración.
Será o Presidente da Real Academia Galega, Sr. D. Xosé Ramón Barreiro, quen recibirá a documentación da man do Presidente da Aelg, Cesáreo Sánchez Iglesias.

O Consello Directivo da Aelg.

 

Próximas actividades da AELG     

     A Aelg está a preparar para o outono-inverno un intenso programa de traballo que podedes consultar puntualmente na sección “Actividades” da web da Aelg (www.aelg.org)
     A primeira, da que queremos dar noticia nesta carta, é a I Xornada da Crítica Galega, unha iniciativa que a Aelg, a través da súa Sección de Crítica, bota a andar este ano coa colaboración do Consello da Cultura Galega co obxectivo de crear un foro de reflexión sobre a crítica literaria, tan importante para a normalización do noso sistema literario.
     Foi concibida como un primeiro encontro entre profesionais diversos do mundo da crítica para iniciar unha reflexión acerca da situación da crítica literaria en Galicia nas súas diferentes manifestacións.
     Esta primeira Xornada, dirixida a todas aquelas persoas relacionadas co mundo da crítica literaria e cos escritores en xeral, quere ter en conta a actividade crítica que se está a desenvolver hoxe no marco peninsular, e para iso contará con representantes da crítica galega, catalá, vasca , española e portuguesa.
     O encontro ten ademais como obxectivo crear un foro de debate sobre a crítica literaria galega que reúna todas aquelas persoas que a estean a exercer nos diferentes ámbitos, para debateren os seus principais problemas e acadar un maior grao de recoñecemento e profesionalización das súas actividades.
Desenvolverase nas instalacións do Consello, no 2º andar do Pazo de Raxoi (Praza do Obradoiro s/n, Santiago de Compostela) o venres día 21 de setembro de 2007, co programa que se pode consultar na web www.aelg.org


Outras actividades e proxectos en preparación:


1. Este ano a organización do XXIV Galeusca correspóndelle á Aelg. Terá lugar os vindeiros 1, 2, 3 e 4 de novembro entre a Cidade de Lugo e Mondoñedo. O lema será “O imaxinario na literatura”. Este XXIV Galeusca contará cunha web propia na que estaredes puntualmente informados.
2. Desde o mes de Santos e até maio de 2008 tamén se desenvolverá unha novidosa iniciativa en colaboración coa AS-PG, o Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO) e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galiza: as Xornadas Virtuais de Literatura Galega, que contarán coa creación dun contorno de e-formación (formación en liña) para os escritores/as, docentes de Educación Primaria, Secundaria e Bacharelato, e que permitirá a escritores/as, profesorado e investigadores/as interesados/as na Literatura Galega e a súa didáctica asistir a través de internet e sen necesidade de se desprazar, a estas Xornadas, para as que se solicitará a homologación correspondente ante a Consellaría de Educación.
     Terá unha duración de 20 horas (todas non presenciais)
     As Xornadas consistirán na emisión ao vivo de conferencias a través da rede. Deste modo todas os receptores poderán recibir os contidos desde o seu propio computador, en calquera parte do mundo, se dispón dos recursos informáticos máis habituais na actualidade. A cada intervención audiovisual seguirá un espazo para o chat, que posibilita a interacción cos especialistas segundo o programa dispoñíbel en www.aelg.org
3. Tamén para novembro, os días 23 e 24 e na Cidade de Pontevedra, está prevista unha nova edición, a terceira xa, do encontro de autores/as novos/as de Galiza e Portugal “Letras na Raia”, desta vez co lema “Cinema e Literatura” e en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual.
4. A web da Aelg superou as 900.000 visitas, o que dá conta do seu potencial para a difusión mundial da nosa literatura. Axiña disporemos de novas ferramentas para poñer en marcha a Editora Virtual “Aelg Editora”, ao tempo que anunciamos que xa está ultimado o software que acolle a nova fase do Espazo Didáctico da Aelg, que permitirá incrementar os seus contidos grazas á colaboración da Consellaría de Innovación e Industria.
5. O programa de gravacións en vídeo dos socios-as da Aelg cuxos froitos foron 55 entrevistas que se subirán á web proximamente, xa ten continuidade neste último cuadrimestre co apoio da Deputación da Coruña, e agardamos proseguir coas gravacións doutros tantos vídeos, co que se abranguerá un terzo do total de socios-as.
6. Saíron do prelo os números D e E da revista da Aelg “Escrita Contemporánea”, correspondentes á edición das Actas dos I e II Simposios “Letras na Raia” e ao monográfico “Uxío Novoneyra: A emoción da Terra”.
7. Está en marcha unha nova quenda de 5 obradoiros de literatura coa colaboración do Servizo Galego de Igualdade, que levará 5 escritoras a diferentes vilas do país.

O Consello Directivo da Aelg

 

A AELG apoia á Fundación Castelao    

     É liña a seguir por parte da Asociación de Escritores en Lingua Galega traballar pola conservación, restitución e difusión das figuras, do pensamento e da obra daqueles escritores e escritoras galeg@s, que, estando ou non estando xa con nós, foron alicerce da palabra e da cultura de Galiza.

     É por iso, que dende a AELG non podemos deixar de apoiar a defensa e a democratización do legado que un escritor e artista imprescindíbel coma Castelao deixou para ben e goce (lectura e estudo) ao seu Pobo, pois foi Castelao un home entregado a Galiza, unha personalidade exemplar e profética para o galeguismo e o nacionalismo do que seguimos a aprender e a desenvolver no noso século.

     Un Pobo non debe ser negado do seu pasado, da súa cultura e da memoria daqueles que, coma Castelao, traballaron polo futuro do pobo dos galegos de calquera tempo e lugar. A memoria é o mellor ben que temos como Pobo, e calquera que pretenda ocultala (secuestrala ou silenciala) está a soterrarnos a nós mesmos, galegas e galegos, con ela. Pois a memoria énos común e debe ser integrada na casa comunal, libre e colectiva, en Galiza.

     Apoiamos de xeito inequívoco que a casa de Castelao sexa declarada ben de interese cultural e público onde se conserve a obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, obra gráfica e escrita que tamén merecería a súa propia declaración como Ben de interese cultural.
     O inmoble sito en Rianxo non debe ter un único dono con carácter privado, senón que a súa función é a de estar a disposición de todos os galegos e as galegas en xestión de carácter público e institucional co fin de contribuír á difusión do pensamento e da obra do creador.
     Aproveitamos a ocasión para mostrar o noso recoñecemento á Fundación Castelao que preside Avelino Pousa polo seu traballo incansable na defensa da obra de Castelao e, consecuentemente, acompañalos no camiño de loita e ilusión que levan demostrado ao longo dos anos. Para que a casa de Daniel Castelao sexa un lugar público e aberto de encontro e de estudo para todas as galegas e todos os galegos. Ao mesmo tempo que non nos esquecemos de facer un chamamento a toda a sociedade galega, ao actual dono da casa e ás institucións para obraren conforme á nosa memoria e ao noso futuro como galeg@s. Pois a palabra, a maior ferramenta dun escritor, só é palabra cando pode ser contada e contemplada, estudada e investigada, difundida, por todos aqueles que estamos dispostos a recibila.

O Consello Directivo da Aelg.

 

A AELG apoia a campaña "Ensino en galego"

     A Asociación de Escritores en Lingua Galega, AELG, manifesta o seu apoio á Campaña "Ensino en galego" que, promovida por distintas entidades vinculadas ao mundo do ensino, fixo hoxe a súa presentación pública.

     Para a AELG todas as accións que signifiquen un paso adiante na normalización do noso idioma son necesarias e por iso mesmo serán moi benvidas.

     A recente publicación do Decreto 124/2007 era unha necesidade, pois era preciso iniciar con carácter urxente a aplicación do Plan Xeral de Normalización aprobado por unanimidade do Parlamento galego en 2004, a mesma unidade política que, asentada no diálogo e no consenso, viu nacer a redacción deste novo Decreto, como moitos e moitas lembramos.
     As escritoras e os escritores consideramos que este Decreto debería ser aínda máis ambicioso á hora de determinar os procedementos para que a presenza da nosa lingua propia no ensino sexa maior e poida redundar na normalización do noso idioma. Con todo, malia ser moi coincidente na súa redacción a respecto do Decreto anterior (247/1995) consideramos que, doce anos despois da súa implantación e á vista dos resultados coñecidos por diferentes estudos oficiais, claramente negativos para o idioma propio de Galiza, este Decreto implica un paso adiante, pois afonda no desenvolvemento da Lei de Normalización Lingüística, tamén aprobada por unanimidade en 1983, adecúase ao actual marco educativo (LOE), e asume as orientacións do Plan Xeral para a Normalización da Lingua Galega, un mandato que o Parlamento galego aprobou por unanimidade o 21 de setembro de 2004 dirixido ao Goberno galego para que o desenvolvese e aplicase nos diferentes sectores. Asemade, este Decreto incrementa até o 50% o número de materias a impartir en galego, ao tempo que establece mecanismos necesarios para que se poida cumprir o Decreto como son a formación do profesorado, a constitución de comisións territoriais que asesoren e coordinen os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüísticas (en vixencia desde o ano 1991, mais cuxo labor se pon agora en valor), a implicación da Administración canto á divulgación das experiencias positivas desenvolvidas nos centros educativos no campo da normalización lingüística ou o establecemento de mecanismos de avaliación do propio Decreto.
     Falta agora unha cuestión fundamental: o compromiso decidido da Consellaría de Educación para cumprir e facer cumprir este Decreto, e desde a AELG trasladámoslle tanto a Educación, como á Secretaría Xeral de Política Lingüística a necesidade de asumir unha posición decidida a prol do noso idioma e, por tanto, na aplicación do Decreto que vén de publicar.
     As escritoras e os escritores galegos consideramos que é fundamental para o noso país e para a supervivencia da nosa cultura, unha posición firme e decidida na normalización do noso idioma. A situación da nosa lingua clama por unha política efectiva en prol da normalización. Por este motivo a AELG expresa o seu apoio á campaña "Ensino en galego" e anima a toda a comunidade escolar a expresar o seu apoio ao novo Decreto 124, para deixar constancia de cal é a posición real das galegas e galegos ante o noso idioma.

 

O Consello Directivo da AELG, na Coruña a 20 de xullo de 2007


Sinatura do Convenio de Colaboración entre a Consellaría de Innovación e Industria e a Asociación de Escritores en Lingua Galega

     O Conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco Álvarez, e o Presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (Aelg), Cesáreo Sánchez Iglesias, veñen de asinar a través da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, cuxa responsábel, Mª Elena Veiguela Martínez, tamén estivo presente no acto de sinatura, un Convenio de Colaboración que mostra o compromiso de ambas institucións coa Sociedade da Información a través do uso das novas tecnoloxías, creando novos contidos e novos servizos web dirixidos aos socios e socias que constitúen a asociación, e con carácter xeral, á totalidade da cidadanía galega e dos visitantes de fóra das nosas fronteiras, co obxecto de dar a coñecer o sistema literario galego. Así mesmo, con esta sinatura, a Consellaría de Innovación e Industria e a AELG segue apostando pola conservación, promoción e difusión da lingua e a cultura galegas a través das novas ferramentas da información.
     A sinatura tivo lugar o día 16 de maio de 2007, véspera da celebración do Día das Letras Galegas e mais do Día de Internet así como do Día Mundial das Telecomuncicacións e da Sociedade da Información
     Este convenio permitirá ampliar os contidos do portal da Aelg (www.aelg.org) e así poñer a disposición do usuario un proxecto de creación da editorial dixital "AELG editora", que suporá o deseño e implementación dunha aplicación web que permita a recepción dixital de borradores e a súa valoración colectiva para decidir a súa publicación; a publicación na rede das obras escollidas de forma que resulte cómoda para o lector/a; o deseño e uso de aplicacións de valor engadido que permitan que o público tire partido das obras publicadas (ferrramentas para enviar ás amizades a recomendación dunha obra, foros de debate e valoración das obras publicadas, ferramentas de procura de obras polo nome do seu autor/a, polo título, xénero e palabras clave, mais tamén por calquera palabra do texto ou do título).
     Ao abeiro deste convenio tamén se fará realidade o proxecto de ampliación do Espazo Didáctico xa existente na web da AELG, coa elaboración de 60 unidades didácticas sobre diversos aspectos do sistema literario galego dirixidas ás diferentes etapas do ensino e que se poñerán ao servizo da comunidade educativa.


Encontros co escritor angolano Artur Pestana "PEPETELA"

     A Asociación de Escritores en Lingua Galega comunica a celebración no día de mañá dun Encontro de Benvida a Galiza cos socios e socias da Aelg, do escritor angolano Artur Pestana "Pepetela", durante o que o autor lusófono, Premio Camões 1997 (distinción equivalente ao Premio Cervantes) dará unha conferencia-coloquio. A entrada será libre.

     O escritor africano estará por primeira vez no noso país para recoller o Premio Internacional da Aelg 2007 "Escritor Galego Universal", galardón que naceu para significar aqueles autores e autoras cuxa obra e personalidade conteñan un alto contido ético e estético que os/as convirtan nun referente para o seu pobo na defensa da dignidade nacional e humana.


Pepetela é o pseudónimo de Artur Carlos Maurício Pestana dos Santos. Escritor angolano que naceu en 1941, en Benguela.

Foi alumno do Instituto Superior Técnico, e da Facultade de Letras, en Lisboa, Portugal, e estudou Socioloxía en Francia e en Alxeria.

Foi comandante do Movemento Popular de Liberación de Angola (MPLA), viviu o exilio e loitou como guerrilleiro pola liberación do seu país.

Licenciado en Socioloxía exerce a docencia na Facultade de Arquitectura de Luanda.

Foi Viceministro de Educación de Angola.

En 1997 recibiu o Premio Camões, a distinción equivalente ao Premio Cervantes.

En 1980 recibiu o Premio de Literatura Africana, da Unión de Escritores de Angola, pola súa obra "Mayombe".

A súa obra literaria foi obxecto de ampla atención por parte de numerosos estudiosos e dun altísimo nivel de valoración tanto pola crítica como polos lectores.

Está considerado como un dos principais representantes da literatura angolana e un dos principais escritores en lingua portuguesa.

     O premio seralle entregado no transcurso da Cea das Letras da man da Conselleira de Cultura e Deporte, Dona Ánxela Bugallo Rodríguez. Así mesmo, durante a Cea será entregado á Radio Galega, polo seu programa "Diario Cultural", o Premio Aelg 2007 para Institucións, e daranse a coñecer os gañadores ou gañadoras dos Premios Aelg nas categorías de Teatro, Literatura Infantil e Xuvenil, Ensaio, Tradución, Narrativa, Poesía e Mellor Traxectoria Literaria de 2006.

     A Aelg organizou en colaboración coas tres Universidades galegas senllas conferencias do Sr. Pepetela aproveitando a súa estadía entre nós. Son as seguintes:
     7 de maio, 20.00 h, Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela: Conferencia. Entrada libre.

     8 de maio, 12.30 h, Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña: Conferencia. Entrada libre.

     10 de maio, 17.00 h, Edificio Miralles da Universidade de Vigo: Conferencia. Entrada libre. Ás 18.30, actuación de Ruote.

 

A Coruña, 3 de maio de 2007

 

Finalistas Premios AELG 2007

      A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) comunica a finalización do proceso de elección dos gañadores dos Premios Aelg 2007, que serán dados a coñecer no transcurso da Cea das Letras que terá lugar no Hotel Porta do Camiño de Santiago de Compostela o sábado 5 de maio ás 21:00. Os premios materializaranse nunha pluma estilográfica e nun gravado de Manuel Facal.
     Así mesmo, entregarase o galardón "Escritor Galego Universal" ao autor angolano Pepetela, e mais o Premio Aelg para Institucións á Radio Galega polo seu programa "Diario Cultural".
     Nesta edición incorpórase a novidade de estabelecermos dous novos premios, para así engadir o de Literatura Infantil e Xuvenil, en colaboración con Gálix, e o de Mellor traxectoria xornalística do ano, en colaboración co Colexio de Xornalistas. Que se suman aos de Teatro, Narrativa, Poesía, Ensaio e Tradución, co obxectivo de que o galardón ofreza unha visión máis ampla e xusta do panorama literario galego.

Listaxe de finalistas deste ano

Literatura Infantil e Xuvenil:

A Cova das Vacas Mortas, Santiago Jaureguizar. A sombra descalza, An Alfaya. Abracadabras, Marica Campo. Cartas de amor, Fran Alonso. Corredores de sombra, Agustín Fernández Paz. Lóbez, Antonio Yáñez Casal. Poetízate, Fran Alonso.

Poesía:

A esmeralda branca, Manuel Vilanova. As complexas mareas da noite, Kruckenberg. Éxodo, Daniel Salgado. O pan de tarde, Xavier Rodríguez Baixeras. Os hemisferios, María do Cebreiro. Para unha luz ausente, Xavier Seoane Rivas.

Teatro: Binomio de Newton/García, Cándido Pazó. Medidas preventivas, Gustavo Pernas.

Ensaio:

A terra cantada, Camilo Nogueira Román. Diálogos na néboa: Álvaro Cunqueiro e Ramón Piñeiro na xénese da literatura galega de posguerra, Manuel Forcadela. Memoria de poeta, Xosé María Álvarez Cáccamo. O suxeito posmoderno. Entre a estética e o consumo, Rebeca Baceiredo.

Tradución:

Brooklyn Follies, (Paul Auster), Eva María Almazán García. Molloy, (Samuel Beckett), Anxo Adolfo Rei Ballesteros. Soños nos cantís, (César Antonio Molina), Tareixa Roca.

Narrativa:

dz ou o libro do esperma, Samuel Solleiro. Licor de abelá con xeo, Xurxo Sierra Veloso. O club da calceta, María Reimóndez. Os libros arden mal, Manuel Rivas.

Traxectoria Xornalística:

Alfredo Conde, Antón Lopo, Bieito Iglesias, Gustavo Luca de Tena, Manuel Rivas, Rosa Aneiros, Xan Carballa, Xesús Fraga e Xosé Luís Méndez Ferrín.

     A Asociación de Escritores en Lingua Galega comunica tamén a posta en marcha dun novo servizo dentro da súa páxina web (www.aelg.org): trátase dunha Axenda cultural que, centrada nas noticias que xera o sistema literario galego, permitirá aos socios/as da Aelg e aos/ás visitantes en xeral, acceder a unha grande cantidade de información actualizada diariamente.

     A Axenda Cultural da Aelg conta cun sistema de busca por categorías que dan conta de presentacións de libros, conferencias, homenaxes, premios e calquera outra iniciativa relativa á literatura no noso país, ás que se pode acceder tamén por xéneros literarios.

     Con este novo servizo, a Aelg segue apostando pola rede como medio de cumprir cun dos seus principais obxectivos, a visibilización dos nosos escritores e escritoras tanto en Galiza como no resto do mundo. A Aelg espera manter coa implementación desta iniciativa a continua subida no número de visitas ao seu portal, que recentemente sobrepasou o medio millón.


Asemblea Xeral

     A Asociación de Escritores en Lingua Galega celebrará este sábado día 20 de xaneiro a súa Asemblea Xeral de socios/as, ás 11:00 en primeira convocatoria e 11:15 en segunda convocatoria, no Salón de Actos do compostelán Museo do Pobo Galego, onde se desenvolverá a exposición do conxunto de actividades do bienio 2005-2007.
     Ao final da Asemblea, previsto para as 13:00, o Presidente da Aelg, Cesáreo Sánchez Iglesias e a Secretaria Xeral, Mercedes Queixas Zas, ofrecerán unha rolda de prensa para dar conta da actividade da Asociación, que se pode consultar na web www.aelg.org, no seu apartado "Memoria de actividades".    


Conclusións da XXIII edición do Congreso Galeusca

     Os días 1, 2, 3 e 4 de novembro celebrouse en Iruña a XXIII edición do Congreso Galeusca que reúne, ano tras ano, a representantes da literatura galega, vasca e catalá arredor dun tema de debate. Nesta ocasión a excelente organización do encontro correu a cargo da Euskal Idazleen Elkartea (Asociación de Escritores Vascos) -que recibiu a cataláns e galegos coa hospitalidade destas tradicionais xuntanzas- e o tema elixido foi o da "TABÚ", analizado en xeral e en cada unha das literaturas e atendendo igualmente ás súas vertentes estética, ideolóxica, afectiva..., considerado como un modelador, censor, freo ou medida do proceso creador literario. Tratábase dunha reflexión necesaria para analizar a historia e o presente dos tres respectivos sistemas literarios, co obxectivo de descubrir as dinámicas literarias e sociais que pexan o avance dos mesmos, exercendo unha función revulsiva endóxena.

     Ao longo dos catro días os congresistas tiveron oportunidade de visitar o val do Baztán, tendo como guía ao escritor galego residente en Oiartzun, Xosé Estévez, auténtico embaixador do noso país en Euskadi, e gran coñecedor de ambas culturas.
     Así mesmo visionouse un vídeo elaborado expresamente para a ocasión, no que baixo o lema "A vontade como ponte", se desenvolve a historia destes 23 anos de Galeusca. A organización vasca agasallou a galega coa proxección do documental "Trintxerpe", barrio do concello de Pasaia, en Guipuskoa, que se toma como exemplo do respecto mutuo entre a emigración galega e a cultura vasca que a acolleu.

     Do desenvolvemento das diferentes sesións de traballo e mesas redondas tiráronse unha serie de esclarecedoras conclusións, que deron pé para que o conxunto das delegacións elaborase o seguinte

 

MANIFESTO DE IRUÑA

 

     Os escritores e as escritoras eusqueras, galegos e catalás, reunidos en Iruña o día 4 de novembro de 2006, na XXIII edición do Galeusca, manifestamos que:
     1. O escritor e a escritora son transgresores que, a través da creación, dan nome aos tabús (ideolóxicos, afectivos, estéticos, sociais e políticos) para poderen superalos.
     2. Celebramos e facemos nosa a aparición de novas miradas e formas de designar o mundo e, ao tempo, denunciamos a banalización da transgresión coa finalidade da súa asimilación polo sistema.
     3. Denunciamos que na actualidade se pretende ir cara o universal ocultando a realidade das nosas culturas nacionais concretas, cando a literatura e a nación se teñen alimentado mutuamente ao longo da historia.
     4. Denunciamos que, malia o relativo grao de normalidade xa conseguido polas nosas literaturas nacionais, existen institucións políticas que intentan facernos invisíbeis e, consecuentemente, prescindíbeis.
     5. Constatamos como o Manifesto de Poblet do ano 1984, fundacional en moitos aspectos, continúa plenamente vixente, posto que moitas das súas reivindicacións non foron resoltas, en concreto a que di respecto da "intensa inquedanza dos escritores, tanto polo que atinxe á problemática das nosas nacións sen estado, como tocante á defensa efectiva dos dereitos humanos; deste xeito, constatamos o feito dunha represión que tamén concerne a escritores, tanto das nosas nacións como doutras do mundo".

 


Iruña, a 4 de novembro de 2006

 

Anuncio da reunión de presentación e elección de coordinadores/as da Sección de Crítica Galega

      A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) anuncia a reunión para a presentación e elección de coordinadores/as da Sección de Crítica, que nace no seo da AELG mais funcionará de forma autónoma.
     Esta reunión terá lugar no Auditorio do Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, o próximo sábado 7 de outubro, ás 11:00.
     E convócase rolda de prensa para presentar os resultados da reunión , no mesmo día e lugar, ás 13:00.

 

   Máis información:

Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da Aelg, 699 115 469

 

A AELG manifesta o seu apoio aos escritores Suso de Toro e Manuel Rivas

     Diante das declaracións do Sr. Fraga Iribarne nun diario estatal, reproducidas logo noutros medios, a Aelg quere pronunciarse en defensa dos escritores Manolo Rivas e Suso de Toro, do seu compromiso ético desde sempre e en momentos fundamentais do noso devir nacional, en defensa das causas que teñen Galicia e os/as galegos/as no seu centro.
     Estamos orgullosos de que máis unha vez, os escritores Manolo Rivas e Suso de Toro, que son parte fundamental do noso sistema literario, e que son referente internacional da nosa literatura, saíran en defensa dos nosos montes e das persoas que estaban a ser cercadas polo lume e as condutas criminais; de que, como escritores en liberdade, alzasen a súa voz e analizasen a situación tan grave de terrorismo incendiario que estabamos a vivir, e tiraran conclusións que só molestaron aos mesmos que nunca condenaron os incendiarios.
     Demandámoslle ao Señor Fraga Iribarne, quen nunca manifestou o máis mínimo arrepentimento de ter sido parte fundamental activa do franquismo máis represor, sendo inimigo público da liberdade de expresión, que se comporte coa dignidade que demandan as súas responsabilidades públicas.

 

Obradoiros de Creación Literaria no Albergue Xuvenil Marina Española, en Bergondo

      A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, está desenvolvendo unha serie de Obradoiros de Creación Literaria impartidos polos socios e socias escritores/as, ao longo de todo o país nos diversos campamentos de verán xestionados pola Vicepresidencia da Xunta de Galiza.
     Os días 25 e 26 de agosto, en horarios de 16 a 17:30 e de 18 a 19:30, o Albergue Xuvenil Marina Española, de Bergondo, contará coa presenza da escritora Yolanda López.
     E os días 28 e 29 de agosto, en horarios de 16 a 17:30 e de 18 a 19:30, será Heidi Kühn-Bode quen impartirá outro obradoiro no mesmo Albergue.
     Co interese por dar unha nova alternativa para o goce do tempo de lecer da xuventude, e aproveitando o marco lúdico dos campamentos de verán, ambas autoras convivirán cos mozos e mozas do campamento para achegalos aos segredos da creación literaria.

    Os obxectivos que orientan a organización destes obradoiros pretenden o goce do texto literario durante a infancia e a adolescencia como antesala dun achegamento máis complexo e reflexivo para facer da literatura unha ferramenta comunicativa que dea sentido á experiencia persoal e colectiva, para entender o pasado, o presente e o futuro, e para explorar os límites e as posibilidades expresivas da linguaxe.

Estes obradoiros foron concibidos tamén como unha oportunidade de achegar á mocidade os nosos autores e autoras e á súa obra, e así coñeceren a realidade cultural do país.

 

Anuncio da constitución da "Sección de Crítica Galega"

      A Asociación de Escritores en Lingua Galega, de acordo co previsto nos seus Estatutos, quere facer pública a posta en funcionamento da "Sección de Crítica Literaria", convocando para adscribirse a ela  todas aquelas persoas que conten cun labor crítico preferentemente centrado na literatura galega, en publicacións periódicas, prólogos, libros de ensaio e traballos de investigación de índole diversa, e que estean interesadas en asociarse dentro da nova sección. 
     Con esta iniciativa, a A.E.L.G. proponse aunar esforzos, ata agora dispersos, a prol do recoñecemento dunha crítica literaria galega que conta cunha longa tradición dentro e fóra de Galicia, ten unha forte presenza na actualidade e quere asegurar un futuro onde as súas tarefas se atopen prestixiadas e recoñecidas institucionalmente.
     A sección poderá impulsar e organizar todas aquelas actividades e publicacións relacionadas coa materia que considere oportunas. Quérese deste xeito fomentar o intercambio de opinións e o debate crítico, de aí que se pretenda esbablecer un ritmo axeitado e oportuno de xuntanzas ao longo do ano.
     Poderán entrar a formar parte da Sección de Crítica Literaria da A.E.L.G. todos aqueles que acrediten un traballo de crítica da literatura galega sostido con certa regularidade nos últimos anos.

    Os datos poderán enviarse en arquivo adxunto por correo electrónico na mensaxe dirixida á A.E.L.G., oficina@aelg.org, onde se pida a alta na Sección de Crítica Literaria.

    Á volta do verán farase unha primeira xuntanza de críticos para organizar a Sección e fixarse un plan de futuro.

    Esta iniciativa da AELG está apoiada, entre outros, polos seguintes críticos literarios galegos:

                Vicente Araguas, Tucho Calvo, Arturo Casas, Xosé M. Eyré, María García Liñeira, Helena González, María Xesús Lama, Ramón Nicolás, Xosé Manuel Ponte Far, Armando Requeixo, Olivia Rodríguez, Dolores Vilavedra, Camilo Franco, Marga Romero.

A Coruña, 28 de xullo de 2006    

 

A Asociación de Escritores en Lingua Galega acorda conceder o seu Premio "Os Bos e Xenerosos" ao Laboratorio de Formas de Galicia

      A Asociación de Escritores en Lingua Galega concede a súa homenaxe "Os Bos e Xenerosos" aos presupostos teóricos e prácticos recollidos no "Laboratorio das Formas de Galicia" fundado por Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, e expresadas nas industrias de Sargadelos, Castro, Editorial do Castro, Museo Carlos Maside, Instituto Galego da Información, etc..., depositarias dun valiosísimo patrimonio documental do exilio e a emigración. Actividades creativas incontestábeis, con anovadas ansias e precedentes no humanismo do Seminario de Estudos Galegos, na xeración "Nós".  
     A Asociación de Escritores en Lingua Galega acorda recoñecer ao Laboratorio de Formas de Galicia pola súa contribución á rexeneración de Galicia, en pasados momentos da ditadura, dende presupostos socioculturais e nacionais, axudando a rexenerar a ética e a estética.
     A Asociación de Escritores en Lingua Galega quere recoñecer o sobranceiro traballo teórico e práctico de Isaac Díaz Pardo por dar participación nunha empresa modélica, dende aos seus traballadores/as, a toda a sociedade galega e da diáspora, aos/ás intelectuais e creadores/as, recuperando e anovando a memoria, a identidade, así como fendendo e arredando dos tópicos folclorizantes dunha Galiza sumida en esperpentos.
     A Asociación de Escritores en Lingua Galega, entende que este episodio que está a vivir este proxecto de industria cultural, pode descapitalizar intelectualmente o proxecto e ficar mancado para o futuro. Entendemos, pois, de sentido común e concordante cunha irreprochábel historia de "bos e xenerosos", que sexa reconsiderada a cuestión no fondo e na forma e non se rache con eses vellos e sabios principios que caracterizaron ao galeguismo, e que Isaac Díaz Pardo viviu e representa, e que quixo transmitir democrática e participativamente.

A Coruña, 13 de xullo de 2006    

 

Premios AELG 2006

     No percurso da Cea das Letras, celebrada en Compostela o 6 de maio, a Asociación de Escritores en Lingua Galega deu a coñecer os galardoados cos Premios AELG 2006.
     Os premiados foron Luz Pozo Garza, na categoría de poesía, por As arpas de Iwerddon; Teresa Moure, no apartado de narrativa, por Herba moura; Manuel Lourenzo, no de teatro, polo volume en que se recollen as pezas Xoana, A lúa pon o ovo en Verona e Aquela historia de Bly; Anselo López Carreira, na categoría de ensaio, por O reino medieval de Galicia, e Xesús González Gómez recibiu o galardón á mellor tradución pola súa versión para o galego de A estrela da maña. Surrealismo e marxismo, orixinal de Michael Löwy.
     Os autores galardoados recibiron unha estilográfica deseñada especialmente pola esmaltista Xulia Ares.


Homenaxe a Manuel María en Ourense

     A Asociación de Escritores en Lingua Galega, en colaboración coa Comisión de Cultura do Bloque Nacionalista Galego e CIG-Ensino organizan en Ourense unha xornada de homenaxe ao poeta Manuel María.
     O acto terá lugar o día 27 de abril no salón de actos da Casa de Chocolate da cidade das Burgas so o lema "Nun abril de lume e ferro, Manuel María, poeta nacional".


A AELG promove a difusión da poesía galega no "Repertorio Mundial da Poesía" da UNESCO

     A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) vén de solicitar á UNESCO a inclusión da web da entidade no Repertorio Mundial da Poesía que esta organización mantén desde o ano 2000 na súa web co gallo da proclamación, en 1999, do 21 de marzo como "Día Mundial da Poesía", co obxecto de "soster a diversidade dos idiomas a través da expresión poética" e "proporcionar información sobre actividades poéticas no mundo".
     Unha vez comprobado que as referencias á poesía galega no devandito repertorio son inexistentes, a AELG considerou imprescindíbel contactar cos mantedores do catálogo e solicitar a difusión da actividade literaria en galego, en xeral, e dos poetas galegos/as, en particular, a través da web da entidade e sinaladamente do seu Centro de Documentación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega onde se pode acceder ás páxinas dos autores e autoras incluídos e mesmo a unha selección da súa obra.
     A AELG considera, así mesmo, que unha organización como a UNESCO, que proclama entre os seus obxectivos primordiais a "protección dos dereitos lingüísticos e das linguas en perigo" ou "a defensa da diversidade cultural", debe pór coidado en non perpetuar a invisibilidade de sistemas literarios como o galego nas súas iniciativas integradoras.


Conclusións da XXII edición do Congreso Galeusca

     As escritoras e os escritores galegos, eusqueras e cataláns, reunidos en Girona no XXII Encontro Galeusca, arredor do tema "Tradición e Disidencia", poñemos de manifesto a solidez das nosas propias tradicións culturais, que están a nutrir e conformar xa agora a base imprescindible da cultura universal.
     Do mesmo xeito que aconteceu en Poblet hai 22 anos, hoxe en Girona reivindicamos a nosa historia de escritores e escritoras vinculada ao GALEUSCA e procuramos ir máis aló coa nosa disidencia. Isto significa:
     1. Coñecer e reescribir a nosa propia historia.
     2. Crear e escribir o noso presente e o noso futuro como pobos diferenciados.
     3. Esixir que as nosas voces non sexan reprimidas nin xudicializadas e, por tanto, poidan ser escoitadas en todas as partes.

     É por todo isto que, como conclusión a estas xornadas, as escritoras e e os escritores manifestamos:
     1. A importancia dos nosos respectivos patrimonios orais como parte central da literatura escrita e como patrimonio da humanidade.
     2. O aprofundamento sobre a escritura redixida por mulleres, invisibilizada durante longo tempo nas nosas propias culturas, como un discurso creador, disidente e enriquecedor.
     3. A necesidade de darmos continuidade ao proxecto de incorporar, nas seguintes edicións do GALEUSCA, os nomes dos nosos escritores e escritoras como referentes comúns para as tres delegacións, tal e como se iniciou este ano coa figura da escritora Caterina Albert / Víctor Catalá.
     E, finalmente, é a nosa intención contribuírmos coas nosas letras a un proceso de cambio decisivo que vimos de iniciar nos nosos respectivos países.


Girona, 13 de novembro de 2005


A iniciativa "Ponte nas ondas!", protagonista da terceira edición da homenaxe "Os Bos e Xenerosos"

     A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) decidiu, na última reunión celebrada polo seu Consello Directivo, adicar a III Edición da Homenaxe "Os Bos e Xenerosos" ao proxecto ¡Ponte nas Ondas!, unha xornada de radio elaborada polos alumnos e alumnas de máis de 40 escolas de Galiza e o Norte de Portugal, coordenados por profesores/as, coa finalidade de establecer unha ponte de comunicación internacional entre os profesionais e adolescentes das dúas beiras do Miño e doutras fronteiras.
     A Homenaxe Os Bos e Xenerosos é un acto de estudo e recoñecemento anual arredor da figura dun escritor ou colectivo que, grazas a unha prolongada actividade de intervención social, contribuíse, de xeito significativo, a unha maior difusión pública da cultura galega; esta homenaxe pretende destacar, polo tanto, o compromiso ético coa cultura de Galiza. Foron protagonistas desta homenaxe, na súa I e II edición, Avelino Pousa Antelo e a institución do Museo do Pobo Galego respectivamente.
     A III edición, que se celebrará a principios de 2006, estará adicada a destacar e poñer en valor a actividade desenvolvida polo proxecto ¡Ponte nas Ondas! desde 1995, data na que nace esta iniciativa coincidindo coa inauguración da Ponte Internacional entre Salvaterra do Miño (Galiza) e Monçao (Portugal). Desde entón, máis de medio cento de escolas e IES de Galiza e Portugal teñen participado no proxecto, xunto coa colaboración, a través de internet e video-conferencias de centros de Francia, Holanda, Finlandia, Brasil, Arxentina ou África.
      Desde hai varios anos, os programas están relacionados coa presentación á UNESCO da candidatura do Patrimonio Inmaterial galego-portugués; por ese motivo, o alumnado elabora traballos nos que recupera, estuda e clasifica o noso patrimonio inmaterial, co obxecto de sensibilizar e concienciar no respeto aos valores de solidariedade, participación, comunicación e conservación do patrimonio.
     En 2003 uniuse a este proxecto a Universidade elaborando programas para o horario nocturno e ampliando o horario da xornada de radio de 12 a 24 horas.


Conclusións do I Simposio Internacional "Letras na Raia"

     Os días 14, 15 e 16 de outubro tivo lugar entre Vila Nova de Cerveira e Goián, Tomiño, o I Simposio Internacional Letras na Raia organizado pola Asociación de Escritores en Lingua galega, AELG.
     O domingo 16, ás 12:30 horas procedeuse á clausura do Simposio dando lectura ás seguintes conclusións:

1. A saúde dunha literatura está relacionada coa saúde da lingua á que pertence. Mais a literatura é a súa carta de presentación, o elo que servirá para captar lectores, adeptos, amantes que desde a ponte do texto chegarán ao idioma, para vivilo, reinventalo e sostelo. Os galegos e as galegas contamos hoxe cunha ferramenta fundamental, o xénero que nos puxo en Europa cando o latín deixou de ser a lingua: a poesía, ela pode e debe ser hoxe a embaixadora da nosa cultura, polo seu recoñecemetno a todos os
niveis.

2. A literatura galega e a literatura portuguesa manteñen unha relación mediatizada pola cultura española que nos impón o filtro de Madrid. Cómpre rachar con esta visión desenfocada e facer chegar, recibir directamente unha e outra literatura. Por outro lado a falta de normalizade da cultura galega, algo que agardamos que mude desde este novo tempo político, obstaculiza o que debería ser unha relación fluída.

3. Este simposio puxo de manifesto a necesidade de que as relacións entre Galiza e Portugal sexan de bilateralidade. Cultura galega e cultura portuguesa son hoxe elementos identitarios diferentes e definidos, mais proceden dun tronco común que previamente se identificou e definiu respecto doutras realidades culturais. Debemos aumentar o mutuo coñecemento e recoñecemento, un exemplo concreto sería o estudo da lingua e a literatura dun país no outro país.

4. Concluímos tamén a necesidade de que os medios de comunicación: radio, prensa, televisión, galegos e portugueses atendan a esta necesaria bilateralidade creando espazos de participación para galegos e portugueses, nun e noutro lado, coa finalidade de afondar e incentivar o coñecemento e o respecto mutuo.

     Finalmente a AELG quere manifestar o seu agradecemento ás asociacións e entidades que apoiaron este simposio: a Câmara Municipal de Vina Nova de Cerveira, a Associaçao do Convento Sao Paio e o Centro Goianés que cederon xenerosamente as súas instalacións; a Asociación Cultural Eliseo Alonso, que nos guiou na visita ao Forte de San Lourenzo e aos patrocinadores: Cedro e a Consellaría de Cultura, que estivo representada ao longo destes días pola Delegada de Cultura en Pontevedra, Dna. Marta Souto.

Goián, 16 de outubro de 2005.


Centro de documentación

     Coincidindo coa celebración do seu vixésimo quinto aniversario, a Asociación de Escritores en Lingua Galega puxo en andamento un Centro de documentación de escritoras e escritores en lingua galega que visa constituírse en fondo de referencia.


Cesáreo Sánchez, novo presidente da AELG

     A Asociación de Escritores en Lingua Galega elixiu o sábado 19 de Febreiro de 2005 o súa nova directiva, encabezada polo poeta Cesáreo Sánchez, como presidente.
     Na mesma Asemblea Xeral, a AELG decidiu outorgar o Premio Bos e Xenerosos 2005 ao Museo do Pobo Galego polo acollemento dispensado en todo momento á Asociación. O acto de entrega do galardón foi axendado para o día 25 de Abril.
     Marica Campo, Marta Dacosta, Mercedes Queixas, Xabier Queipo e Anxo Gómez completan a xunta directiva elixida por unanimidade, que contará con Marga Romero, Xerardo Méndez, Antía Otero, Henrique Rabuñal e Vicente Araguas como vocais locais.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega