Actualidade da Real Academia Galega

 Xosé María Díaz Castro protagonizará o Día das Letras de 2014

     O Plenario da Real Academia Galega, reunido o 21 de xuño de 2013, acordou dedicar a Xosé María Díaz Castro o Día das Letras Galegas de 2014, ano que coincide co primeiro centenario do seu nacemento. A forza expresiva dos seus versos concedeulle un lugar destacado no panorama da poesía de posguerra.

 

 

 Roberto Vidal Bolaño será homenaxeado no Día das Letras de 2013

     O Plenario da Real Academia Galega acordou dedicar a Roberto Vidal Bolaño o Día das Letras Galegas de 2013. Trátase dunha figura imprescindíbel para comprender a dimensión do Teatro Galego.


A Academia dedica a Lois Pereiro o Día das Letras de 2011

     O plenario da Real Academia Galega, reunido en sesión ordinaria o 26 de xuño de 2010, acordou dedicar o Día das Letras de 2011 a Lois Pereiro. En vida, Pereiro só publicou dúas obras, Poemas 1981/1991 e Poesía última de amor e enfermidade, duros e espidos poemarios nos que se fan patentes as pegadas expresionistas, as referencias á literatura xermánica e certos trazos da contracultura.


Xosé Luís Méndez Ferrín elixido Presidente da RAG

     O 23 de xaneiro de 2010, ás 12 da mañá, reuniuse o Plenario da Real Academia Galega en sesión extraordinaria para a elección do Presidente e da Comisión Executiva da Institución.
Tras a correspondente votación, a Xunta de Goberno da Real Academia Galega queda constituída polos seguintes académicos numerarios:
Presidente: D. Xosé Luís Méndez Ferrín
Secretario: D. Xosé Luís Axeitos Agrelo
Tesoureiro: D. Manuel González González
Arquiveiro-Bibliotecario: D. Euloxio Rodríguez Ruibal
Vicesecretario: D. Francisco Fernández Rei

 

 

Manuel Rivas membro electo da RAG

     O Plenario da Real Academia Galega, reunido en sesión ordinaria o 31 de xullo de 2009, acordou nomear membro electo a don Manuel Rivas para ocupar a vacante que se produciu tras o falecemento do académico numerario don Camilo González Suárez-Llanos.
     Manuel Rivas naceu na rúa Marola do barrio coruñés de Montealto o 26 de outubro de 1957. Estudou na escola pública de Castro de Elviña e no instituto de Monelos. É licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid.
     No campo da creación literaria, deuse a coñecer como cofundador do grupo poético Loia e na revista co mesmo nome apareceron as súas primeiras composicións poéticas en 1977.
     A partir de 1980 a obra literaria de Manolo Rivas introdúcese con audacia en todos os xéneros literarios: na poesía (Libro do entroido, Mohicania, Balada nas praias do Oeste), na novela (Os comedores de patacas, En salvaxe compaña, O lapis do carpinteiro, A man dos paíños, Os libros arden mal), no relato (Un millón de vacas, Que me queres amor?, As chamadas perdidas), no teatro (O heroe), na novela infantil e xuvenil (Todo ben, Bala perdida) ou no xornalismo literario (Toxos e frores, Muller no baño, Os grouchos).   


Uxío Novoneyra será homenaxeado no Día das Letras de 2010

     O plenario da Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras de 2010, ano en que se cumpre o décimo aniversario da súa morte, a Uxío Novoneyra, quen fora presidente da AELG entre 1982 e 1999.


Falece o académico Camilo Gonsar

 

     O académico Camilo González Suárez-Llanos faleceu o día 9 de novembro de 2008 en Vigo cando contaba setenta e sete anos de idade.

     Académico de número da RAG desde o 14 de decembro de 2002, data en que deu lectura ao discurso Sobre a literatura galega: un achegamento subxectivo, ao que contestou en nome da institución, Xosé Luís Franco Grande.


Faleceu Constantino García González

     O creador do Instituto da Lingua Galega e académico numerario da Real Academia Galega desde 1982 faleceu en Compostela o día 23 de outubro cando contaba oitenta e un anos de idade.


Pasamento de Ramiro Fonte

     O intelectual galego Ramiro Fonte faleceu en Barcelona o día 11 de outubro. Fonte era membro da Real Academia Galega e na actualidade dirixía o Instituto Cervantes de Lisboa.


Ingreso de John Rutherford como académico de honra

     Cun discurso intitulado "O fermoso sorriso do profeta Daniel", John Rutherford ingresou formalmente na Real Academia Galega o día 4 de de outubro de 2008 nun acto que tivo lugar no Salón de Actos da RAG. Na súa honra falaron Antón Santamarina, Manuel González e o propio Xosé Ramón Barreiro.

 

A Academia dedica o Día das Letras 2009 a Ramón Piñeiro

     O plenario da Real Academia Galega, reunido en sesión ordinaria o día 5 de xullo de 2008, acordou dedicar o Día das Letras de 2009 a Ramón Piñeiro. A elección de Ramón Piñeiro ten máis que ver co seu carácter de «activista cultural e coa súa influencia" que coa súa produción como escritor en termos convencionais. O Día das Letras servirá para dar a coñecer "unha obra ensaística que merece ser tida en conta e que quizais quedou en segundo plano fronte á súa figura política", segundo explicou Villares.

 

Nomeamento de Margarita Ledo como académica electa

     O Plenario da Real Academia Galega, reunido en sesión ordinaria o 29 de marzo de 2008, acordou nomear académica electa a dona Margarita Ledo Andión, para ocupar a vacante que se produciu tras o falecemento do académico numerario don Miguel Anxo Araúxo Iglesias.
Margarita Ledo Andión (Castro de Rei, Terra Chá, 1951), escritora, cineasta, é actualmente catedrática de Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela. Estudou xornalismo na Escola Oficial de Barcelona e foi lectora da Facultade de Letras do Porto (Portugal). De volta en Galicia, puxo en marcha e dirixiu durante tres anos o semanario nacionalista A Nosa Terra. Anos despois, exerceu a docencia na Facultade de Ciencias da Información da Universidade Autónoma de Barcelona, fixo o doutoramento e, de volta outra vez en Galicia, organizou a Facultade de Ciencias da Información da Universidade de Santiago, da cal foi decana. Os seus estudos profesionais, de gran novidade, están plasmados en varios libros e en numerosas colaboracións en revistas.
Como poeta, publicou dous importantes libros nos primeiros anos da década dos setenta, dentro dunha estética máis avanzada ca a dominante naqueles anos, e que en gran medida anuncian camiños que se impuxeron máis tarde. Margarita Ledo Andión, aínda que a súa activa vida de profesional da información poida facer esquecelo ás veces, é unha das personalidades literarias máis interesantes do noso tempo.
A destacar entre a súa obra fílmica, a dirección e guión da longametraxe Santa Liberdade (2004) e Liste, pronunciado Líster (2007).

 

 

Xosé María Álvarez Blázquez protagonizará o Día das Letras Galegas 2008

     O plenario da Real Academia Galega, reunido en sesión ordinaria o día 30 de xuño de 2007, acordou dedicar o Día das Letras Galegas de 2008 ao egrexio tudense Xosé María Álvarez Blázquez (Tui, 1915-Vigo, 1985).
     A RAG, na que ingresou en 1962, destacou a faceta de polígrafo do autor.

 

Ingreso de John Rutherford 

     A Real Academia Galega acorda o ingreso, como académico honorífico, do profesor do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Oxford, John Rutherford .

 

Concesión da Medalla de Ouro á Real Academia Galega

     A Real Academia Galega recibe a Medalla de Ouro de Galicia, a máxima distinción do goberno galego.   

 

 María Mariño será homenaxeada no Día das Letras de 2007

     O Plenario da Real Academia Galega acordou dedicar a María Mariño o Día das Letras Galegas de 2007. A poetisa é a terceira muller que será homenaxeada con ocasión do vindeiro Día das Letras.

 

Ingreso de Darío Xohán Cabana

     Darío Xohán Cabana ingresou formalmente na RAG nun acto celebrado o sábado 22 de abril na sede herculina da institución. O seu discurso de ingreso estivo dedicado á Xeración dos 50 —que integraba, entre outros, o poeta Manuel María, cuxa cadeira na Academia ocupará Cabana— e foi respondido por Xosé Luís Méndez Ferrín.


Homenaxe aos "mártires de Carral"

     O día 26 de abril a Real Academia Galega celebrou na localidade coruñesa de Carral un acto de homenaxe aos doce fusilados en 1846 por se levantaren contra o Goberno de Isabel II e proclamaren unha Xunta de Goberno de Galiza.
     Os actos deron comezo ás 11.30 horas cunha recepción no Consistorio Municipal. A continuación, o presidente da RAG pronunciou unhas palabras ao pé do monumento aos mártires e realizouse no Campo da Feira unha montaxe artística recreada por Ánxel Huete que deu paso a unha camiñada pola Rota dos Mártires até o cemiterio de Paleo, onde se celebrou unha ofrenda poética e floral en que participaron os académicos Salvador García-Bodaño, Darío Xohán Cabana, Xosé Luís Méndez Ferrín e Xesús Alonso Montero. Na homenaxe interviron igualmente o grupo de música tradicional Alén do mar e a gaiteira Susana Seivane.


Ingreso de Euloxio R. Ruibal

     Cun discurso intitulado "Do escénico e o fílmico. Notas sobre a linguaxe teatral no cinema contemporáneo", Euloxio R. Ruibal ingresou formalmente na Real Academia Galega o día 24 de de marzo nun acto que tivo lugar no Pazo de Fonseca, en Compostela. O encargado de lle dar resposta foi o académico Xosé Luís Axeitos.


Fernández del Riego fixo entrega á RAG dun retrato seu

     Fernández del Riego fixo entrega á institución que presidiu dun retrato seu realizado por Antón Pulido. Con esta incorporación, a Real Academia Galega dispón xa dos retratos da totalidade dos seus presidentes.


Centenario da Real Academia Galega

     A Real Academia Galega iniciou a celebración do seu centenario coa presentación do primeiro número da colección Letras da Academia, dedicado a Os Eoas, de Eduardo Pondal, en edición de Manuel Ferreiro. O volume está publicado por Sotelo Blanco e inclúe estudos de Manuel Forcadela e Xosé Ramón Pena.
     Este acto solemne tivo lugar o día 2 de febreiro de 2006, ás 19 horas no salón de actos da RAG e estivo presidido pola conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo. Interviron, igualmente: Xosé Ramón Barreiro Fernández, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xesús Alonso Montero e Olegario Sotelo Blanco, para alén dos autores responsábeis da edición e estudo do texto pondaliano.


Reelección de Xosé Ramón Barreiro

     Xosé Ramón Barreiro Fernández foi reelixido presidente da Real Academia Galega no plenario celebrado o sábado 17 de decembro de 2005.
     Durante o novo mandato, a institución celebrará o seu centenario, para o que se está a preparar unha exposición programada inicialmente para o mes de xullo.


Dicionario castelán-galego

     A Real Academia Galega deu a coñecer publicamente o seu Dicionario castelán-galego, editado pola Fundación Pedro Barrié de la Maza. A obra, que fornece vinte e cinco mil artigos lexicográficos con setenta e cinco mil acepcións, é o froito de oito anos de traballo dun equipo de sete redactores dirixido por Manuel González e Constantino García.
     No Dicionario recóllese información gramatical e morfolóxica, para alén da estritamente lexicográfica.


A RAG protesta diante da exclusión do galego do informe do informe da Comisión Europea Os europeos e as súas linguas

     O informe Os europeos e as súas linguas, presentado polo Departamento de Educación, Formación, Cultura e Multilingüísmo da Comisión Europea exclúe a lingua galega co argumento de que non posúe carácter transnacional. Diante deste feito inaceptábel, a RAG emitiu un comunicado de protesto e instou aos gobernos galego e español a que se posicionen con firmeza en contra deste tipo de discriminacións que sofre a nosa lingua nos organismos da Unión.


Ramón Villares substituirá a Xulio Francisco Ogando

     O historiador Ramón Villares (Xermade, 1951) foi elixido novo académico da RAG, en substitución do finado Xulio Francisco Ogando. A súa candidatura fora apresentada por Francisco Fernández Fierros, Rosario Álvarez e Víctor F. Freixanes.
     Villares —catedrático de Historia Comtemporánea da Universidade de Santiago, da que foi reitor entre os anos 1990 e 1994— anunciou que o seu discurso de ingreso xirará á volta de Ramón Otero Pedrayo.


Manuel Lugrís Freire será homenaxeado no Día das Letras de 2006

     O plenario da Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras de 2006, ano en que se celebra o centenario da institución, a Manuel Lugrís Freire, quen fora presidente da RAG entre 1934 e 1935. Con esta homenaxe preténdese recoñecer a contribución do escritor sadense á defensa e promoción do idioma galego.


Faleceu Aurora Vidal Martínez

     A escritora pontevedresa Aurora Vidal Martínez, membro corresponde da Real Academia Galega desde 1952 e autora de Poemas de nenos e paxarinos, Cantos do avó ou Camiño de Belén, faleceu na capital do Lérez o día 10 de maio, cando contaba noventa e catro anos de idade.


Darío Xohán Cabana, elixido novo académico

     O plenario da RAG celebrado o sábado 30 de Abril acordou nomear académico ao chairego Darío Xohán Cabana, que substituirá na institución ao desaparecido Manuel María.
     Cabana xa expresou o seu desexo de que fose Xosé Luís Méndez Ferrín quen redixise o discurso de aceptación e adiantou que no que el propio lerá pretende homenaxear á Xeración dos 50.


Actos de celebración do centenario da RAG

     A Real Academia Galega celebrará os seus primeiro século de existencia o próximo ano 2006. Para celebralo, estase a programar unha serie de eventos entre os que figura unha exposición itinerante —organizada en colaboración coa Fundación Caixa Galicia— e un acto central ao que serán convidadas todas as casas de Galiza do mundo.
     Asimesmo, a institución ten previsto dar comezo a un dicionario etimolóxico, concluír a catalogación dos seus fondos e promover a tradución para diferentes linguas das grandes obras da literatura galega.
     Radio Televisión de Galicia anunciou que se vai sumar á celebración, editando un documental sobre a historia da RAG.


Falece o académico Xulio Francisco Ogando Vázquez

     O académico de Beariz Xulio Francisco Ogando faleceu o día 1 Abril na súa cidade natal, cando contaba noventa e un anos de idade. Licenciado en Filosofía e Dereito, exerceu a docencia en diferentes institutos, entre eles o Otero Pedrayo de Ourense, que recibiu ese nome por iniciativa do propio Ogando, testamenteiro do patriarca das Letras.
     Membro corresponde da RAG desde 1942, en 1980 foi nomeado numerario a proposta de Otero Pedrayo, Martínez-Risco, Ferro Couselo e Trapero Pardo. Aliás, facía parte da Fundación Otero Pedrayo, da Real Academia da Historia, da Academia Galega de Xurisprudencia, da Fundación Alexandre Bóveda e do Instituto de Coímbra.


A RAG elixe o dramaturgo Euloxio R. Ruibal como novo académico

     A Real Academia Galega acordou —en plenario celebrado o día 5 de Marzo— o nomeamento de
Euloxio R. Ruibal como novo membro da institución. Proposto por Salvador García Bodaño, o novo académico ocupará a vaga producida após o falecemento de Meixide Pardo.
     Desde este momento, o dramaturgo dispón dun prazo de seis meses para preparar o seu discurso de ingreso.
     Na mesma sesión, abordouse o deseño dos actos de celebración do centenario da Academia que se celebrará o ano próximo.


Convenio de colaboración co Instituto Cervantes

     Xosé Ramón Barreiro Fernández e César Antonio Molina, presidentes respectivamente da RAG e o Instituto Cervantes, asinaron un convenio de colaboración entre as institucións que representan segundo o cal o Cervantes promocionará a lingua galega nos seus centros e a través do seu portal na rede. Entre os actos previstos, anunciouse a celebración dun Congreso de Literatura Galega en Nova York organizado polo Instituto.
     Aliás, o Instituto Cervantes anunciou que oferecerá aulas de lingua galega en todos os seus centros.


Comunicado da Real Academia Galega á volta do topónimo coruñés 

     Ante a polémica suscitada polo intento de oficialización do topónimo "La Coruña" a Real Academia Galega quere facer público o seguinte:

a) A Real Academia Galega ten entre as súas finalidades a de estudar e propor a restauración da onomástica galega e, en xeral, a de velar polos dereitos do idioma galego. A toponimia é unha manifestación fundamental da interacción entre pobo, lingua e territorio que conforma a nosa personalidade. Por iso a Real Academia Galega non pode senón asumir sen ningunha vacilación a defensa da nosa toponimia propia. No caso que nos ocupa a forma propia galega, como xa o ten manifestado noutras ocasións, é "A Coruña".

b) Sen pretender entrar en debates xurídicos que non son da súa competencia, a RAG considera que ademais a única forma oficial do topónimo é "A Coruña", segundo o establece a Lei 3/1983 de Normalización Lingüística, que neste aspecto é totalmente clara, cando di, no seu artigo 10:
     —Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega.
     —Correspóndelle á Xunta de Galicia a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galicia.

c) Neste mesmo sentido se manifestou a Comisión de Toponimia, que estableceu como única forma do topónimo "A Coruña".

d) Tamén para a denominación oficial da provincia se manifestaron As Cortes Xerais do Estado, que na Lei 2/1998, de 3 de marzo, declararon como nome oficial da provincia "A Coruña".
     Por todo o cal, a Real Academia Galega considera que a forma do topónimo é "A Coruña" e que esta forma responde á nosa tradición histórica e está apoiada polo corpus legal vixente.


Asínase convenio entre a Deputación da Coruña e a Real Academia Galega

     A Deputación da Coruña e a Real Academia Galega asinaron un convenio polo que se lle concede á institución académica unha axuda económica de 36.000 euros destinados ao desenvolvemento da mesma.
     Igualmente, o reitor da Universidade da Coruña, José María Barja, asinou un outro convenio que procurará facilitarlles aos estudantes xordos da Universidade a disposición de intérpretes de lingua de signos nas aulas.


Convenio entre La Voz de Galicia e a Real Academia Galega

     A estreita colaboración que mantén La Voz de Galicia coa Real Academia Galega desde o seu nacemento volveuse manifestar coa sinatura dun convenio para a cesión dos fondos dixitalizados do arquivo hemerográfico do xornal así como os do seu Museo.
     Este acordo implica que o material doado poderá ser obxecto de consulta para os investigadores e usuarios do arquivo da biblioteca da RAG. Por outra parte, a Real Academia Galega comprométese a permitir á Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e a La Voz de Galicia, de xeito privilexiado, a reprodución dos fondos da RAG que precise.

     

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega