BVG Voltar atrás |
A lingua demanda campos de uso
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza demanda maior presenza do galego nos medios
No comunicado emitido pola Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza con motivo da celebración do Día Internacional da Liberdade de Imprensa, sinálase que "nunha sociedade democrática a información ten que estar ao servizo da cidadanía" polo que resulta "prioritario que en Galicia se senten as bases políticas para a consolidación dun espazo galego de información e da comunicación, tanto desde o punto de vista das infraestruturas como dos contidos. Ese espazo da información e da comunicación será galego se nos permite ver o mundo cos nosos propios ollos e á vez nos ofrece unha visión universal para poder entendelo razoadamente, no noso idioma, desde a óptica da nosa ética e dos nosos intereses individuais e colectivos. A Xunta de Goberno do CPXG considera, ademais, que "para que ese espazo sexa galego, debe comunicar no noso idioma".
Versión galego dos sintonizadores da televisión dixital terrestre
Co propósito de axudar a garantir a presenza da lingua galega nos máis modernos soportes de difusión audiovisual, a Secretaría Xeral de Política Lingüística vai realizar a tradución para o galego dos menús dos sintonizadores de televisión dixital terrestre, que estarán disponíbeis para a súa comercialización a partir de mediados de ano.
A Asociación Cultural Fala Ceibe protesta pola denominación castellana dos concellos bercianos
A Asociación Cultural Fala Ceibe do Bierzo dirixiu a seguinte carta de protesta ao Procurador do Común de Castela-León, en que denuncia a denominación castellana dos topónimos do Bierzo:
«Fala Ceibe do Bierzo diríxese ao Procurador del Común de Castela e León (Defensor do Pobo rexional) para denunciar a imposición da lingua castelá na denominación dos concellos bercianos, que hai na Lei de Réxime Local de Castela e León. Esta Lei rexional di textualmente que "la denominación de los municipios habrá de ser en lengua castellana, respetándose las denominaciones existentes a la entrada en vigor de esta Ley (...)", artigo 24.1 da Lei 1/1998, de 4 de xuño. Esta obriga legal considerámola totalmente discriminatoria coa denominación tradicional e autóctona dos concellos en galego, idioma propio do Bierzo occidental. Ademais este mandato resulta contraditorio co preceptuado polo Estatuto de Autonomía de Castela e León, xa que no seu artigo 4.2 se indica que "gozarán de respeto y protección la lengua gallega y las modalidades lingüísticas en los lugares en que habitualmente se utilicen". Non se protexe a lingua galega do Bierzo impedindo a recuperación da toponimia no seu idioma territorial e histórico, e obrigando a manter as impostas denominaciois castelanizadas dos concellos.
Pola outra banda, Fala Ceibe pide ao Procurador del Común que analice se o dito artigo 24.1 da Lei de Réxime Local de Castela e León é contrario ao contido do artigo 4.2 do Estatuto de Autonomía de Castela e León. Indicámoslle que por mor da xerarquía de fontes de Dereito positivo español, o precetuado pola dita Lei de Réxime Local debe respectar o articulado da Lei Orgánica que aprobou o Estatuto de Autonomía de Castela e León.
Fala Ceibe recorda ao Procurador del Común que entre as súas funciois está "(...) la tutela del Ordenamiento Jurídico Castellano y Leonés y la defensa del Estatuto de Autonomía de Castilla y León" (art. 1.1). Neste sentido, no caso de non cumprir o artígo 24.1 da dita Lei de Réxime Local co mandato do artigo 4.2 do Estatuto de Autonomía de Castela e León, pedimos ao Procurador del Común que inste a modificación inmediata do artigo contraditorio ao Parlamento rexional. Deste xeito os concellos bercianos poderán recuperar a súa denominación en lingua galega.
Fala Ceibe tamén pide ao Procurador del Común que inste ás Cortes de Castela e León a que recoñezan expresamente, na vindeira reforma do Estatuto de Autonomía da Comunidade Autónoma, o dereito lingüístico a recuperarmos a toponimia tradicional (maior e menor), unicamente no idioma galego do Bierzo occidental. Isto o demandamos en razón da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, aceptada polo Estado español mediante o correspondente Instrumento de Ratificación (BOE, 15 de setembro de 2001).»
Tradutor automático galego-castelán-galego de uso libre
O primeiro tradutor automático galego-castelán-galego foi dado a coñecer polo Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo. O tradutor Apertium permite obter traducións automáticas de documentos (en diferentes formatos e sen límite de extensión) e navegar en lingua galega sobre webs deseñadas en español. O traballo é o primeiro resultado dun proxecto de I+D financiado polo programa Profit do Ministerio de Industria en que participan diversas empresas e institucións galegas, cataláns e vascas.
Alocución do presidente da Xunta en lingua galega no Comité das Rexións
O presidente da Xunta e os seus homólogos catalán e valenciano intervirán no Comité das Rexións nas suas linguas respectivas. Desta maneira, Pérez Touriño empregará o galego poucos días após a sinatura do acordo asinado recentemente co Consello da Unión polo que os idiomas cooficiais españois poderán ter presenza nas institucións europeas. Con todo, a alocución do presidente galego non figura na orde do día e tampouco haberá versión ao galego das intervencións dos restantes membros do Comité.
O galego terá presenza nos Consellos da Unión Europea
Segundo un acordo asinado polo ministro español de Asuntos Exteriores e Cooperación, as linguas cooficiais españolas poderán ser empregadas formalmente nos Consellos da Unión Europea, nos plenos do Parlamento e no Comité de Rexións.
A lingua galega terá así presenza nas institucións europeas a través da tradución dos actos xurídicos, a intervención dos conselleiros autonómicos e as comunicacións escritas dos cidadáns.
Campaña para estender o uso do galego no comercio de Carballo
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo promove unha campaña de dinamización lingüística no ámbito socioeconómico da vila co lema "Incrementa o teu interese". A intervención pretende estender o uso do galego no sector comercial, tanto na comunicación oral como na sinaléctica, a publicaidade e a etiquetaxe.
No marco desta campaña desenvolveranse varias actividades formativas, como un curso de optimización para a comunicación empresarial dirixido aos traballadores de comercio ou un obradoiro de estratexias de atención ao público.
Plano de formación para o persoal escolar
No percurso dunha entrevista mantida cos representantes da Mesa pola Normalización Lingüística, a conselleira de Educación plantexou a posibilidade de pór en andamento un Plano de formación para o persoal escolar en colaboración con Política Lingüística. A medida responde á vontade da Consellaría de que sexa respectada nos centros de ensino a normativa vixente en materia de lingua e de que se garantan os dereitos lingüísticos dos estudantes do país.
Na mesma reunión, a conselleira Laura Sánchez Piñón anunciou que para acceder en Galiza a un posto no ensino, os docentes deberán coñecer a lingua galega. Igualmente, expresou a súa intención de que os libros subvencionados empreguen o galego.
As linguas cooficiais na Cámara Alta
O Senado aprobou, por unanimidade dos grupos, unha modificación do seu regulamento pola que poderán ser empregados o galego, o eúscaro e o catalán nas sesións da comisión xeral de Comunidades Autónomas e nas mocións e interpelacións.
Porén, as linguas cooficiais continuarán sen poder ser empregadas nas sesións plenarias ou nas propostas lexislativas e non serán incorporadas á páxina web da Cámara nin nas respostas aos escritos dirixidos polos cidadáns.
O galego, nas inscricións do Rexistro Civil
O Congreso dos Deputados aprobou unha reforma da Lei do Rexistro Civil que permite realizar os asentos rexistrais nas linguas oficiais da Comunidade Autónoma en que se ubique o rexistro, sen necesidade de que conste a súa tradución para o español. Con todo, a lingua galega só se empregará a petición expresa do solicitante, nunca como procedemento normalizado.
Nos Rexistros Mercantil e da Propiedade, non obstante, este uso lingüístico non está autorizado.
Esta reforma entrou en vigor o 22 de xuño de 2005, após a súa publicación no Boletín Oficial do Estado.
O fiscal xefe do TSXG demanda que o galego sexa obrigatorio na Xustiza
Carlos Varela, fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza reclamou no percurso da apresentación do libro Estatuto xurídico da lingua galega publicado por varios profesores de Dereito das Universidades de Vigo e Compostela a revisión da Lei de Normalización Lingüística para que na Adminisdración de Xustiza o coñecemento do idioma galego deixe de ser considerado un mérito e sexa exixido como unha obriga, nomeadamente entre os funcionarios que manteñen contacto directo cos cidadáns.
O galego na xustiza
Coincidindo coa apresentación en Compostela do libro Palabras de lei. Galeguizar Galicia, realizado pola Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística, un grupo de xuíces, maxistrados, fiscais e funcionarios deron a coñecer unha campaña de promoción do emprego da lingua galega no ámbito xudicial que visa a utilización normalizada da nosa lingua nas comunicacións orais e escritas da Xustiza.
Neste sentido, o fical xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), Carlos Varela, anunciou a galeguización "piloto" dunha serie de xulgados do país, coa intención de estender posteriormente os resultados ao resto dos existentes.
Suspéndese o acordo do Pleno do Consistorio da Coruña sobre a cooficialidade do topónimo
O Xulgado número 3 do Contencioso Administrativo da Coruña suspendeu o acordo do Plenario do Concello da Coruña en que se aprobaba a coofiliadade da forma española para o topónimo da cidade, en resposta ao recurso interposto pola Consellaría de Xustiza. Segundo o dictame do xuiz, o acordo apresenta todos os indicios dun acto nulo de pleno dereito e lembra que o Concello xa esgotou todas as vías de recurso e que os intereses da tutela da Xunta de Galiza son superiores aos do Cámara Municipal.
Versión en galego de Microsoft Office 2003
O paquete informático de Microsof Office 2003 dispón xa dunha versión na nosa lingua. Ferramentas de uso cotidiano como o Access, Power Point, Excel, Outlook, ou Word comercializaranse tamén en galego.
Con anterioridade, verquérase á lingua galega o Windows XP máis esta é a primeira ocasión en que un paquete de ofimática se traduce para o noso idioma.
A Xunta de Galiza distribuirá cinco mil copias do Office 2003 en CD-Rom e a versión poderá ser descargada desde a rede.
A Consellaría de Xustiza considera nula a decisión da Corporación da Coruña sobre o topónimo
O acordo tomado polo Concello coruñés en que se oficializaba o topónimo en lingua española para a cidade herculina é considerado nulo pola Consellaría de Xustiza, Interior e Administración Local da Xunta de Galiza, que interporá recurso contencioso-administrativo para que se revoque a decisión e, como medida cautelar, se decrete a súa suspensión. A asesoría xurídica do Goberno galego estima que a mudanza de denominación oficial do municipio foi realizada prescindindo total e absolutamente do procedemento legalmente estabelecido.
Homenaxe aos dous deputados que utilizaron a lingua galega na Eurocámara
Camilo Nogueira e Xosé Posada serán homenaxeados en Compostela por teren sido os primeiros eurodeputados en empregar o galego nas institucións europeas. O acto que terá lugar na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago o sábado 9 de Abril ás 12 horas está organizado pola Associaçom Galega da Língua (AGAL) e insérese dentro das actividades programabadas so o epígrafe "O galego: língua nacional e universal".
A UDC pon en andamento unha campaña de implantación do galego nas aulas
O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña editou seis manuais terminolóxicos cos que se quere axudar aos docentes no uso da lingua galega en campos especializados. A publicación enmárcase no desenvolvemento da campaña "Profesionaliza a túa lingua" con que Fátima Babío Vecino, Emilio Xosé Cambeiro López, Antonio Iglesias Mira, Beatriz Vilaverde Santamariña e Xoán Luís López Viñas gañaron o I Premio Luísa Villalta a Iniciativa Normalizadoras convocado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña o ano 2004. A súa pretensión non é outra que a de potenciar o uso da lingua galega no ámbito laboral e, máis concretamente, na docencia e na investigación universitarias, puntos débiles no emprego do noso idioma tal como recolle o Plan xeral de normalización lingüística aprobado recentemente no Parlamento Galego. Os glosarios están relacionados con diferentes áreas de coñecemento e foron concibidos como unha ferramenta de apoio para realizar obradoiros de lingua dirixidos a profesorado especializado nos ámbitos que se examinaron nesta primeira entrega. As titulacións elixidas foron Arquitectura, Informática, Podoloxía, Enfermaría, Fisioterapia, Dereito, Ciencias, Económicas e Empresariais.
Dentro da mesma campaña, o Servizo de Normalización Lingüística vai realizar sete obradoiros sobre terminoloxía específica dirixidos ao profesorado, co obxectivo de pór á súa disposición materiais que reforcen o seu coñecemento da lingua galega no ámbito profesional, tanto docente como investigador, asesorándoo e recollendo dúbidas e suxestións para o potenciamento dun maior uso da lingua galega na actividade universitaria.
Os obradoiros estarán impartidos por profesorado especializado e terán unha duración de 6 horas repartidas en dúas sesións, unha de entrega de materiais e explicación de terminoloxía básica do campo científico a que se dirixe e outra de resolución de dúbidas e problemas con que se encontran os profesionais asistentes.
Caixa Galicia traducirá para o galego os documentos que a entidade emprega na relación cos clientes
O director xeral de Caixa Galicia, José Luís Méndez, anuncio que a entidade financeira introducirá o galego nos documentos empregados na súa relación diaria cos clientes. Con este motivo, asinou un acordo coa Consellería da Presidencia polo que a Xunta de Galiza avalará a tradución dos mesmos.
O presidente do Congreso dos Deputados prohibe de novo o uso do galego no hemiciclo
O presidente do Congreso dos Deputados, Manuel Marín, anunciara por escrito a autorización para que o galego, o catalán e o éuscaro podan ser empregados na cámara baixa un uso estará restrinxido aos escritos e as intervencións rituais, en intervencións breves acompañadas da correpondente tradución para o español.
Porén, poucos días máis tarde Marín decidiu abortar estas iniciativas flexibilizadoras e comunicou en rolda de imprensa a súa determinación de non permitir o uso destas linguas nos debates parlamentares.
O galego será optativo en todos os centros de ensino secundario do Estado
A Comisión de Educación do Congreso dos Deputados acordou aprobar unha iniciativa parlamentar pola que se insta ao Goberno español a crear no currículo da ESO de todo o Estado as materias optativas de galego, catalán e eúskaro, de maneira que se poidan estudar as tres linguas en todo o territorio español.
Topónimos galegos para a Garda Civil
O Goberno anunciou, a través do seu delegado en Galiza, que se deron as indicacións oportunas para que a Garda Civil lembre que segundo a lexislación vixente en materia de normalización lingüística a única forma oficial dos topónimos do país é a galega. O comunicado ten como obxectivo evitar a utilización de denominacións deturpadas tanto nas dependencias da institución como nas súas comunicacións.
Reclámase a versión en galego de Java
Un grupo de programadores da Galiza decidiu solicitarlle á multinacional propietaria da linguaxe de programación Java a incorporación da versión en galego gl_ES como soporte local, facto que propiciaría a inclusión dunha serie de mensaxes automáticas xeradas nos procesos das aplicacións de java, como números e datas.
Diante da decepcionante resposta da empresa de software, que alegou o galego non ser lingua oficial da Unión Europea, acordouse abrir unha campaña de apoio a esta demanda e recoller asinaturas en rede.
Actividade comercial en galego
A Área de Normalización Lingüística do Concello de Oleiros (A Coruña) vai subvencionar as empresas que promovan o uso do galego na súa actividade laboral. Con este fin, destinaranse axudas para a edición de material gráfico e publicitario.
Os empresarios oleirenses foron convocados pola Concellaría de Turismo, Deportes, Xuventude e Normalización a unha reunión explicativa no edificio da Fábrica (Perillo), en que se comunicarán os prazos e se darán a coñecer os modelos da memoria que haberá de se entregar coa solicitude.
O cinema galego denuncia imposicións para rodar en español
O guionista e realizador Carlos Amil apresentou no II Congreso Galego do Audiovisual unha comunicación en defensa da versión orixinal galega dos produtos realizados no país. No seu parlamento, denunciou a imposición dos coprodutores estatais de que o idioma orixinal das películas subvencionadas pola Xunta de Galiza sexa o español, cando a subvención conleva en todos os casos a promoción do uso do idioma galego. Estas presións, segundo Amil, imposibilitan que as producións audiovisuais galegas podan ser rodadas e sonorizas na nosa lingua.
A lotaría e a lingua galega
A Organización polo Multilingüismo mostrou a súa vontade para os billetes da Lotaría Nacional, moi especialmente nos sorteos de Nadal e Reis, mais tamén en todas as apostas do Estado, utilizar o galego, basco e catalán. A entidade, que denunciou a discriminación a que se ven sometidas neste ámbito as linguas do Estado diferentes do castelán, declarou que cómpre empregar os catro idiomas por igual nestes sorteos, o cal, alén de representar mellor o conxunto da cidadanía, difunde tamén a realidade plurilingüe española.
Así mesmo, a Organización polo Multilingüismo solicita que durante a extracción dos premios do sorteo de Nadal se empreguen os catro idiomas e que os cinco primeiros premios sexan anunciados nestas mesmas linguas.
Demanda do galego no Bierzo
O colectivo Fala Ceibe reclama ante o Procurador Común de Castela e León un aumento do uso da lingua galega no Bierzo. O grupo pide que, alén de impartirse esta lingua dentro doutras materias coñecemento do medio, plástica e ciencias sociais, se oferte como unha materia propia, en terceiro e cuarto da ESO.
Por outra parte, o colectivo tamén solicita unha maior información sobre o ensino do galego no Bierzo e reclama ao Goberno autonómico que divulgue a oferta resultante dos diversos acordos acadados coa Xunta nos últimos anos, en virtude dos cales a comunidade escolar berciana ten a posibilidade de optar voluntariamente polo ensino da materia de lingua galega.
Denuncia da USC polo non cumprimento da legalidade no emprego do galego no Ensino
O Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela vén denunciando o incumprimento das normas legais sobre o emprego da lingua tanto no ensino público como privado en Galiza. Así, o día 28 de Setembro este departamento aprobou por unanimidade unha declaración en que dá conta desta situación e propón medidas para lle dar solucións urxentes. A proposta, apresentada por Júlio Diéguez, espérase que conte co apoio tanto da Universidade da Coruña como da de Vigo.
Manifesto polo uso do galego nas etiquetas dos viños
Un manifesto asinado por un total de máis de 120 persoas pertencentes a moi diferentes ámbitos da vida galega reclama que as adegas da Galiza etiqueten os seus viños en galego para así, entre outras cousas, dar conta da orixe dos caldos.
Así pois, segundo este manifesto, sendo o primeiro dos argumentos de cara á venda dos viños a súa procedencia xeográfica, a utilización da lingua galega ha de ser, alén dunha contribución ao proceso de normalización lingïística, un argumento comercial que reforzaría necesariamente a imaxe de orixe dos viños galegos. Da mesma maneira, neste manifesto sublíñase que hai empresas vinícolas na Galiza que xa levan anos apostando polo idioma nas súas etiquetas e que están a competir en mercados europeos e internacionais con resultados altamente satisfactorios.
A lingua nos aeroportos da Galiza
As preocupacións arredor da utilización marxinal da nosa lingua nos aeroportos galegos foron feitas públicas por Francisco Rodríguez, quen subliñou que o noso idioma non se está a empregar en condicións de igualdade co castelán. Así, o deputado destacou que nin nas diferentes sinalizacións nin nas mensaxes de magafonía, por exemplo, o galego ten unha presenza minimanente destacábel.
© 2006 Biblioteca Virtual Galega