Novidades da Asociación Galega de Editores

XXXIV Feira Internacional do Libro de Bos Aires

     A Feira Internacional do Libro de Bos Aires xurdiu baixo a premisa de reunir, nun mesmo ámbito, a lectores e autores. Na súa XXXIV edición, que terá lugar do 24 de abril o 12 de maio baixo o lema "El espacio del lector", estarán presentes os libros dos asociados da AGE.    

 

Premios da Edición 2007

     A Asociación Galega de Editores deu a coñecer os Premios da Edición 2007 nas súas diferentes categorías nun acto celebrado no Aquarium Finisterrae da Coruña o 14 de decembro.
     O premio Ánxel Casal ao Libro do ano recaiu en Made in Galiza de Sechu Sende.

     Rodeira fíxose co premio Lois Tobío ao Libro traducido de 2007 con A Odisea, traducido por Xavier Senín e Guía de mamíferos de Galicia, ilustrado por Carlos Silvar, co premio Isaac Díaz Pardo ao Libro ilustrado.

     O premio Francisco Fernández del Riego á colaboración no labor editorial foi para o Salón de Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra pola súa colaboración no labor editorial 2007.
     Por outro lado, Anxos Sumai, fíxose co premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor ou autora de 2007.

     Porén, o autor dos exitosos Corredores de sombra e Cartas de inverno, Agustín Fernández Paz, non quedou sen premio, xa que se impuxo con O único que queda é o amor ás outras obras finalistas na categoría de libro infantil e xuvenil.

     No apartado de Edición Histórica de Galicia 2007 foron galardoadas A Nosa Terra, La Voz de Galicia e Alvarellos Editora, que este ano celebraron o seu centenario, 125 aniversario e 30 aniversario, respectivamente.

 

Premios da Edición 2006

     A Asociación Galega de Editores deu a coñecer os Premios da Edición 2006 nas súas diferentes categorías nun acto celebrado en Pontevedra o 16 de decembro.
     O premio Ánxel Casal ao Libro do ano recaiu en Edicións Xerais de Galicia polo obra Os libros arden mal de Manuel Rivas.

     Sotelo Blanco Edicións fíxose co premio Lois Tobío ao Libro traducido de 2006 e Kalandraka co premio Isaac Díaz Pardo ao Libro ilustrado por Smara de Paula Carballeira.

     O premio Francisco Fernández del Riego á colaboración no labor editorial foi para o programa "Libro aberto" da TVG.
     Por outro lado, Manuel Rivas, fíxose co premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor ou autora de 2006.

     Por último, Isaac Díaz Pardo recibiu o título de Presidente de Honra da Asociación Galega de Editores e Sabino Torres Ferrer foi galardonado co premio á Edición Histórica de Galicia de 2006.

 

Premios da Edición 2005

     A Asociación Galega de Editores deu a coñecer os Premios da Edición 2005 nas súas diferentes categorías nun acto celebrado en Compostela o 17 de decembro.
     Xosé Luís Méndez Ferrín recibiu o galardón Álvarez Blázquez ao mellor escritor do 2005, entretanto Antón Costa Rico fíxose co Ánxel Casal ao libro do ano por Historia da Educación e da Cultura en Galicia. O Premio Díaz Pardo á mellor obra ilustrada recaiu en Catro poemas galegos, de Lorenzo Varela con gravuras de Luís Seoane. Aliás, a versión galega de Manhattan Transfer, de John dos Passos, realizada por Mercedes Pacheco foi merecedora do Premio Lois Tobío á mellor tradución.
     Por outro lado, Xavier Senín, ex-subdirector xeral de Promoción  Cultural, Libro e Bibliotecas, recolleu o galardón Fernández del Riego á cooperación no labor editorial e dous galardóns de honra foron entregados a Edicións Xerais de Galicia e Sotelo Blanco, polos vinte e cinco anos de produción editorial de ambas empresas.


Anuario da edición galega

     Froito do convenio de colaboración entre a Asociación Galega de Editores e a Compañía de Radio e Televisión de Galiza, apreséntase un libro-DVD onde se recollen máis de cen novidades editorias galegas do ano 2004 e comezos de 2005. O volume vai ser distribuído baixo o título Palabra de Autor / Palabra de Autora e contén material audiovisual procedente do espazo diario que o Telexornal dedica á literatura galega, onde se convida a un autor a falar sobre un libro da súa autoría durante un minuto.
     Outra das iniciativas previstas no marco deste acordo é a gravación dun documental sobre a historia do libro galego distribuído en seis capítulos e que comezará coa chegada da imprensa ao noso país.


Edicións Positivas abandona a Asociación

     Paco Macías, director de Edicións Positivas —unha das empresas editoriais fundadoras da Asociación Galega de Editores—, comunicou a súa saída da AGE, decisión á que, con todo, quixo restar importancia. Macías expresou igualmente a súa vontade de renovar a liña editorial de Positivas para facer fronte ao negro panorama en que se desenvolve o mundo editorial galego.


Primeiros obxectivos

     Miguel-Anxo Fernán-Vello, novo presidente da Asociación, apuntou como primeiras actuacións da recentemente elixida directiva o estudo das Lei do libro e bibliotecas e a participación na Mesa do Libro, para a que se designarán os editores que estarán presentes nas diferentes comisións. 
     Entre as iniciativas que se visa levar adiante figura igualmente unha entrevista co Presidente da Xunta de Galiza.


Nova directiva

     O día 14 de Xuño de 2004 foi elixida a nova directiva da Asociación Galega de Editores. A candidatura de consenso, única apresentada, recibiu o apoio dos asociados da AGE nun acto celebrado en Compostela. O equipo dirixido por Fabiola Sotelo, que estivo á frente da asociación nos últimos catro anos, será relevado por unha directiva encabezada por Miguel Anxo Fernán-Vello (Espiral Maior)  e que contará con Víctor F. Freixanes (Galaxia), como vicepresidente. Manuel Bragada (Xerais), como secretario, e Francisco Rodríguez (Hércules), como tesoureiro. Completan o cadro reitor os vocais Susana Lamela (Tambre), Alfonso Sanmartín (Rodeira), Francisco Pillado Mayor (Laiovento) e Irene Penas (Everest).

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega