Novas da Mesa pola Normalización Lingüística

• A Mesa critica que a Xunta "non garanta a formación en galego para quen a solicite", que é "o mínimo exixíbel a unha política lingüística seria":

Carlos Callón: "A Xunta reduce a posibilidade de conseguir o CELGA a un exame anual para así fomentar un clima social contrario ao galego"

A Xunta convoca este ano 45 cursos menos de galego que en 2010 e non garante que se vaian realizar os que se soliciten


     Esta semana, a Secretaría Xeral de Política Lingüística publicou a convocatoria de cursos CELGA, que son 45 menos que o ano pasado (de 185 pásase a 140). A Mesa considera que se trata dunha cantidade "moi insuficiente, que non garante a demanda que existe na sociedade", polo que deixará a moitas persoas "sen a formación en galego que queren conseguir".
     "O mínimo que se lle pode exixir a unha política lingüística seria e responsábel é que haxa cursos para aprender ou mellorar o galego para aquelas persoas que queiran, mais nin iso garante o goberno de Alberto Núñez Feijóo. De que hipócrita liberdade lingüística presume o presidente da Xunta se nin tan sequera garante prazas para quen quere aprender galego?", observa Carlos Callón.

     A Mesa critica tamén que se reduza a unha única convocatoria anual a posibilidade de conseguir o CELGA, o cal "lle pode provocar un prexuízo irremediábel a quen o precisar para un proceso selectivo, concurso de traslados etc". A maior asociación cultural de Galiza non dubida en atribuír tal decisión a un "obxectivo consciente de fomentar un clima social contrario ao galego", o cal cualifica de "incívico e irresponsábel".
     Esta convocatoria anual será en xuño, mentres que nos anos anteriores había probas en maio e en novembro. Quen suspender agora, terá que agardar un ano enteiro para se poder presentar de novo.

     Carlos Callón lembra tamén que a Secretaría Xeral de Política Lingüística, dirixida polo polémico Anxo Lorenzo, non garante que os cursos que se vaian solicitar se chegen a realizar. Deste xeito, aínda que nun concello ou unha asociación abran un prazo de preinscrición e se anoten vinte persoas, non existe ningunha garantía de que ese curso se vaia ministrar.

     Entre outras melloras que precisa con urxencia o modelo dos CELGA, A Mesa tamén reclama que a Secretaría Xeral de Política Lingüística ofreza un certificado de asistencia aos cursos que recoñeza as horas de formación en que se participa.
    

 

21 de xaneiro de 2011

• A Mesa lamenta que as senadoras galegas do PP “menosprecen a lingua propia do país” e considéraas unhas “pésimas representantes de Galiza:

Carlos Callón: "Xa vai sendo hora de que o PP recoñeza dunha vez que no Estado español hai máis linguas que o castelán"


     A Mesa pola Normalización Lingüística valora como un “paso adiante simbólico moi importante” que as senadores e os senadores poidan intervir nas diferentes linguas oficiais do Estado español, entre elas o galego. No entanto, lamenta que as senadoras galegas do PP se negasen explicitamente a facer uso do idioma propio no mesmo día en que este podía comezar a ser utilizado de vez na cámara baixa. O presidente da maior asociación cultural galega pregúntase “A quen representan estas senadoras que se negan a usar o galego unha vez que iso é posíbel? A Galiza xa vemos que non”.
     Callón valora como “cínico e insultante” o discurso de María Jesús Sainz e de María Dolores Pan de que aman moito a lingua galega, mais como os temas que elas van tratar no Senado disque son importantes, van usar o español para que todo o mundo as entenda. “Transmiten a idea de que o galego é unha fala coa que se pode ter afecto, mais que é inútil para o serio e o importante”, observa o presidente da asociación cultural, que tamén lembra que “o relevante da xornada en que se negaron ambas a utilizar o galego foi xustamente que xa é oficial o seu uso no Senado e que hai un servizo de intérpretes que posibilitan que se solventen todas as dúbidas que puider haber”. “É unha mostra de prexuízos e de desprezo por unha cultura, especialmente reprobábel en representantes públicas”, indica.
     Desde A Mesa reclámanlle ao Partido Popular que “entenda dunha vez” que no Estado español “hai máis linguas que o castelán” e que os diferentes pobos que manteñen eses idiomas “son tan dignos como calquera outro”. “Se admitisen iso dunha vez, avanzariamos un paso enorme na convivencia”, conclúe a maior asociación cultural de Galiza.
    

 

19 de xaneiro de 2011