BVG Atrás Índice de Páxinas |
Onde tanto me teño sementado |
||
Páxina 7 |
Epílogo
VOCACIÓN?
Eu un día soñei que era mestre
hai anos e anos
e soñei
que soñaba futuros na aula
e alí modelaba con arte de ourive,
de ourive de almas,
lucentes enxames que bolboretaban
polas verdes ribeiras da infancia.
Eu inzaba, no soño, as paredes e o aire
de milleiros de pompas douradas
que estralaban ledas
e esparexían
rutilantes pingueiras de vida,
frangullas lucentes
daquel ouro que tiña agachado
sen sabelo
gobernando a difícil mestría.
No meu soño soñei que era mestre de deuses,
de minúsculos deuses, capaces
de viraren en soño de fada-madriña
o milagre aburrido do tempo.
E soñei que turraba por eles
e eles viñan, e viñan, e viñan
aprendendo, aprendendo, aprendendo
no poliédrico libro da vida
a ler a maiúscula verba ALEGRÍA.
E soñando, soñei que era quen
de me mergullar nos seus ollos cativos,
esas pozas enormes de alma
que rebordan cariño,
e de sementar no seu fondo tranquilo
refulxentes estrelas
que iluminen a gris neboeira
na que tantos transitan sen luz, agardando
comprender o misterio da vida.
Eu un día soñei que era mestre
hai anos e anos,
foi un soño polícromo e doce
e quixen probalo.
© 2006 Biblioteca Virtual Galega |