3.9.3. O triunfo Efímero. (De Febreiro a Xullo de 1936)
As negociacións do P.G. co Frente Popular, de
cara á elaboración das candidaturas, foron árduas. O F.P. mantivo
inflexiblemente o seu criterio de non admitir nin sequera a metade da
ducia de candidatos galeguistas que o P.G. estimaba que lle
correspondían en función da sua implantación. A pesares de sentirse
contrariado por considerarse infrarrepresentado, o P.G.: «en
atención aos graves momentos porque atravesan a República e
Galicia», decideu aceptar os cinco postos que se lle concedían.
Deste xeito, incrústanse na candidatura frentepopulista: Castelao por
Pontevedra, Bóveda por Ourense (765), Alvarez Gallego por Lugo, e Suarez
Picallo e máis Antón Villar Ponte pola Coruña (766).
A candidatura do Frente Popular compite polas
maiorías coa do Frente Antirrevolucionario na Coruña. Na provincia
pontevedresa ás coalicións de dereitas e frentepopulista súmanse á
de Centro, que, a diferencia do que sucedía na Coruña, eiquí ía polas
maiorías. Outro tanto aconteceu na circunscripción ourensana, pero non
así na de Lugo. Nesta, o Comité Central do F.P. asignara o terceiro
posto na sua candidatura ó P.G. Para ocupalo X. Alvarez Gallego
trasladouse a Lugo, máis, cando chegou, xa os partidos de esquerda da
provincia tiñan establecido un pacto co Centro para formaren unha
candidatura única, chamada de «Coalición Republicana»;
todo elo sen contaren para nada coa representación galeguista.
Exposto o caso a Madrid, a dirección do F.P. ratificou a asignación do
terceiro posto para o candidato do P.G., o cal non obstou para que o
presidente do consello provincial de I.R. fixera caso omiso, negándose
a altera-Ia distribución de postos. Situado nesta tesitura o P.G.
actuou de maneira equívoca. Alvarez Gallego participou nalgúns actos
de propaganda (767), pero retirou ó cabo o seu nome da candidatura,
noustante o cal recomendou ós afiliados e simpatizantes galeguistas
votar «feita exclusión de todal-as direitas, as candidaturas que conteñan nomes de
auténticos republicáns, que polo menos, teñan
capacidade de galeguización» (768). É dicir, preséntase polas minorías ó marxe da candidatura que presentaba na provincia o F.P.,
pero solicita que non se excluia da votación a determinados elementos
da devandita lista.
Como non podía ser menos, dada a intensa
crispación da vida pública española, a propaganda das distintas
coalicións levouse a cabo nuns termos de gran acritude (768
bis). As
dereitas esgrimían o eslogan de: «Contra Ia revolución y sus
cómplices» (769); pedían o voto «por España y contra Ia
revolución», e tamén «Contra el marxismo, Contra el
laicismo, Contra el separatismo. Votad a España» (770). Frente a elas a coalición de esquerdas replicaba
sañudamente combatindo a obra das
dereitas: «reaccionarias y anti-republicanas» (771), e
difundindo o seu programa de amnistía, reformas democráticas, melloras
económicas (reforma agraria, etc.) e autonomía. O P.G. insistía
especialmente na autonomía e nos problemas de Galicia (772). Presionou,
ademais, sobor dos demais partidos para que a propaganda conxunta fose
redactada en galego e castelán, empeño no que distou de obtelo éxito
apetecido. O P.G. e mailo conxunto das forzas de esquerda, conscientes
do momento crucial que estaban a vivir, entregáronse á campaña con
singular denuedo. «A Nosa Terra» interrumpeu durante dúas
semanas a publicación, por estaren os seus redactores absorbidos nas
tarefas propagandísticas; coidamos que isto evidencia que a sua
difusión non trascendía máis aló do circo de afiliados e
simpatizantes, pois de non ser así resultaría máis proveitoso seguila
editando e mesmo incrementa-la tirada, convertindo a revista nun
instrumento electoral máis. Na provincia de Pontevedra o F.P. superou
con moito o número de actos electorais da candidatura de dereitas e
centrista, realizando máis de trescentos mitins (773). Na de Ourense,
Bóveda, que ía en cuarto lugar, amosouse especialmente activo,
participando en perto de trinta mitins, preconizando, sen ser escoitado,
a actuación coordinada dos candidatos do F.P., e conquerindo que, no
manifesto que se fixo público, os problemas de Galicia e a defensa do
Estatuto ocupasen un lugar destacado (774). Na circunscripción coruñesa
sobranceou a laboura desplegada por Picallo. Os gastos totais da campaña
do P.G. ascenderon a 30.000 pesetas (775), que ocasionaron un déficit nas
finanzas do partido como tamén lle aconteceu ó F.P. en conxunto
(776) que non conqueriu cobrir coas aportacións dos afiliados sumadas ás dos
emigrantes de América (777), polo cal tivo que seguir reunindo fondos con
posterioridade ás eleccións (778).
Na provincia coruñesa a xornada electoral desenrolouse con
tranquilidade, sen que se rexistraran anomalías (779), sendo completo o
triunfo do F.P. O P.G. obtivo dous deputados: Suárez Picallo, elexido
en terceiro lugar con 153,145 votos, a moi escaso marxe do candidato
máis votado, José Miñones Bernárdez con 153.887, e por riba de
Casares Quiroga, que acadou 151.523 sufraxios. Moi boa votación obtivo
tamén Antón Vilar Ponte, elexido en octavo lugar con 145.009 votos (780). Nun principio pensóuse que
gañarían as dereitas, ó computárense
as cifras de Arzúa e Carballo, onde: «as dereitas cometeran os
maiores fraudes» (781). Deste xeito, xentes de significación
esquerdista formaron unha manifestación que se dirixíu con gran
alporizamento á residencia dos candidatos de significación contraria,
tendo que intervir o Comité do F.P. para sosega-los ánimos.
Manifestáronse logo diante do Goberno civil pedindo que o Comité do
F.P. se encargase do goberno da provincia, accedéndose a elo en
evitación de desordes. Picallo e Miñones dirixíronse a moitedume
aconsellando calma e garantizando que sería respetado o triunfo da
candidatura de esquerdas. Pero a inquedanza era grande e o Comité tivo
que intervir reiteradamente para apacigua-los ánimos de duas impoñentes
manifestacións que querían ceibar decontado ós presos políticos e
sociais (782).
En Pontevedra triunfou tamén a candidatura
frentepopulista, obtendo Castelao 103.436 votos, co que saíu elixido
deputado co maior número de votos da provincia (783).
Na provincia lucense rexistráronse algúns
incidentes (784), vencendo polas
maiorías a candidatura de centro-esquerda, e polas
minorías dous
candidatos de dereitas, quedando Alvarez Gallego en posición desairada,
con só 4.991 votos (785). A tradicional febleza do galeguismo lucense
facíase patente unha vegada máis.
En Ourense foi onde as irregularidades
menudearon máis. O triunfo correspondeu ó Frente Antirrevolucionario,
obtendo tamén os radicais unha certa cuota. Polas minorías a
candidatura de Centro obtivo dous postos. A Bóveda correspondéronlle
algo máis de 25.000 sufraxios, que eran moitos se consideramos o cativo
número de votos obtido polos seus compañeiros de lista. As dereitas
foron acusadas de dar un «pucheirazo» acordando o F.P.
impugna-Ias eleccións na provincia (786). A indignada reacción dun
sector da poboación ante o anuncio do resultado, provocou diversos
incidentes nos que se rexistraron enfrentamentos e alteracións do orde;
neles Bóveda xogou un importante papel como líder asisado e contrario
as excitacións e radicalismos na protesta (787). O cabo,
saíu Bóveda para
Madrid co gallo de impugna-las actas da provincia. Tivo unha boa
intervención ante a Comisión de Actas, polo que a impresión que lle
trasmite por carta a sua muller (788)
é francamente optimista. Ata un
deputado dereitista da Lliga dixéralle que ó asunto da sua acta era
cousa feita. En efecto, dadas as probas aportadas por Martínez Risco e
Bóveda, todo parecía indicar que o Parlamento aprobaría o dictame da
Comisión de Actas no que se pedía a anulación das eleccións
celebradas en Ourense. A Comisión de Actas presidida por Indalecio
Prieto segundo sinala Seco Serrano (789) traballou nunha laboura
depuradora que tendía non só a aumentar a proporción das esquerdas na
Cámara, senón tamén a excluir dela ás personalidades máis
relevantes da dereita, e compre relembrar que Calvo Sotelo saira por
Ourense. Entramentres, agardando a convocatoria de novas eleccións, o
P.G. dispúñase a trasladar militantes doutras provincias para reforzar
unha campaña na que estaba disposto a empregarse a fondo (790). Por todo
elo podemos imaxinar a desilusión dos galeguistas cando o Parlamento
decideu non anula-los resultados das eleccións na provincia de Ourense.
Bóveda apunta como causas desta inesperada decisión a falla de apoio
dos deputados coruñeses, que accederon a unha componenda por temor a que
foran anuladas tamén as suas actas, e a rexa actitude das dereitas que
chegaron a retirarse circunstancialmente do Parlamento, conquerindo
salva-Ia acta de Calvo Sotelo, ainda que non a de Goicoechea (791).
Temos, pois, que o P.G. obtivo soamente tres deputados; é dicir, a
mesma cifra que no primeiro bienio en que este partido contaba con menor
infraestructura e militancia. Perdeu un deputado por Ourense e outro
máis por Pontevedra, onde o P.G. entendía que en xusticia Ile
corresponderían dous postos, cousa que non puido ser pola
distribución: «arbitraria e imposta dende Madrid sin terse
estudado a fondo [...] o releve dos partidos coaligados» (792). No
contexto dos nacionalismos peninsulares, o galego seguía sendo
notablemente feble. Consideremos que a Esquerra obtivo 38 deputados, a
Lliga 13 e os nacionalistas vascos 9 (793).
Na valoración que o P.G. fixo das eleccións
de febreiro de 1936, destacou o papel das mulleres, labregas e peixeiras
especialmente («Non as señoritas vilegas»). Deste xeito,
congratulábase de que os deputados galeguistas tivéranse pronunciado
no Parlamento a prol da concesión do voto da muller, e consideraba que
quedaba desembafada a sua imaxe, un chisco comprometida por mor das
eleccións de 1933, nas que se lle imputou o resultado adverso para as
forzas progresistas (794). Formado o goberno con Azaña na presidencia,
Gómez Román, dada a impacencia que por todas partes reinaba, chamou á
calma e a deposita-la confianza nos homes da República: «Compre
que non malogremos (a victoria) con impaciencias innecesarias» (795).
A dirección do P.G. ordenou ós Grupos que permanecesen nos comités
locais e provinciais do Frente Popular, xa que a eles correspondía
marca-Ia orientación política que se debía seguir en Galicia dacordo
cos compromisos adquiridos no pacto electoral. Plantexou como temas mais
urxentes, os seguintes: decreto de bilingüismo, cátedras de galego nas
Normais, eleccións municipais, aprobación do Estatuto vasco presentado
ás Cortes, plebiscito do galego e nova lei electoral que suprimise
dunha vegada por todas as prácticas caciquís evidenciadas nas últimas
eleccións (796).
As primeiras medidas adoptadas polo novo
goberno foron positivamente valoradas polo P.G.; os problemas galegos
escomenzaban a atopar unha vía de solución. Unicamente criticaban o
excesivo vagar na destitución dos cargos públicos que dende as
Deputacións e Concellos atentaran, segundo él, contra da auténtica
República. De tódolos xeitos dicía que para facer isto deberíase
evitar incurrir en arbitrariedades e inxusticias (797).
Denantes de tomar posesión do seu escaño,
finou Antón Villar Ponte, recibindo a sua familia, que quedou punha
situación económica precaria, innumerables testimuños de pesar e
solidaridade. Da Coruña e dos medios progresistas de toda Galicia
choveron comunicados á prensa facendo patente a door pola perda dun
periodista valente e político honesto (798). Reunido o Consello Nacional
do P.G., ó que asistiron os representantes dos galeguistas de Bos
Aires e Montevideo, Ramón Obella e Ramiro Illa Couto, acordou publicar
algunhas das suas obras e que tódolos afiliados levasen corbata negra
durante un mes en sinal de loito. Tratouse tamén nesta xuntanza (799)
da
liña de actuación dos deputados: manterían a sua independencia,
funcionando como grupo parlamentario sen máis disciplina que a do P.G.,
pero cumplindo con lealtade os acordos co Frente Popular. En todo caso
deberían ter moi claro que nos problemas especificamente galegos a sua
actuación tiña que respostar ós principios nacionalistas. Debatíuse
longamente a actitude a adoptar verbo de I.R., coa que estaban sumamente
descontentos pola sua actuación nas pasadas eleccións. Prosperou a
postura de entrevistarse co Consello Nacional de I.R. denantes de tomar
unha posición de ruptura, como pedía un sector da dirección
galeguista. Acordouse prestar asistencia ós Comités do F.P., por seren
insustituibles nas vindeiras eleccións municipais e na campaña
plebiscitaria; conseguintemente ordenouse ó Grupo de Lugo que se
reintegrara no Comité do F.P., do que se arredara por recibir un
trato que considerou inxusto. Para respostar a estes retos, por razóns
eminentemente prácticas, e moi ó seu pesar, os dirixentes galeguistas
acordaron crear organismos a nivel provincial, o necesidade dos cales
fixérase patente nas últimas eleccións. Por certo que para enxaugar o
déficit ocasionado polas eleccións, a dirección resolveu que
continuara aberta a suscripción de fondos electorais, e que deputados e
cárgos públicos retribuidos contribuiran co 10 % da sua asignación (800).
A fins de marzo os comités do Frente Popular
reorganízanse (nalgúns casos, como na Coruña, reconstitúense por
haberense disolto (801)), dispostos a presentar batalla nas eleccións
municipais (802). O P.G. tiña xa definitivamente clara a importancia da
política municipal (803) e non estaba disposto, esta vegada, a deixar
pasa-la oportunidade de acceder ós Axuntamentos. Xa que logo prepara a
maquinaria do partido para acada-lo mellor resultado posible (804).
Conquire que Gómez Román fora aceptado como candidato a alcalde de
Vigo polo F.P. (805), pero as eleccións non se levaron a cabo
(806).
De tódolos xeitos, nas novas xestoras
municipais nomeadas polo Goberno, o P.G. conquire varios postos. Temos
así que, ademáis do concellal de elección popular en Redondela,
Blanco Alfaya (807), o P.G. tiña como concellais a Xosé Pereira Raxo, en
Ponteareas (808), e a Agustín Baladrón en Leiro
(809). Participaba ademais
nas xestoras municipais de Santiago, Bueu, Allariz, Celanova, Viveiro
(con tres concellais) e Ribadeo (810). Para máis, conqueriu situar na
alcaldía de Santiago a Anxel Casal, na de Viveiro a Balbino Cerdeiras,
na de Bueu a Xohán Carballeira, na de Sada a Xusto Rodríguez (811), na de
Tomiño a Daniel Calzado (812)
e na de A Garda a Brasilino Alvarez (813).
Polo
que fai as Deputacións soamente nos consta que Núñez Búa foi
designado vicepresidente da de Pontevedra (814).
A inquedanza galeguista de establecer unha
intelixencia entre galegos, vascos, cataláns e demais autonomistas non
se plantexa nesta etapa. Soamente de cando en vez algún galeguista
recorda esta cuestión (815) pero sen que o partido como tal a asuma.
Prima, con moito, a relación co Frente Popular. En abril as Cortes
destitúen a Alcalá Zamora, manifestando o P.G. o seu acordo con tal
medida, na que creía ver a determinación increbantable de que non se
malograse o triunfo saido das eleccións de febreiro. Agardaba o P.G.
que se procedera á limpeza política local, extirpando o caciquismo e
poñendo nas máns dos verdadeiros republicáns os postos de
responsabilidade, de xeito que se cumplise un dos obxetivos políticos
do P.G.: a autentificación da República (816). Convocadas eleccións para
elexir o novo presidente da República, o Consello Executivo do P.G.,
crendo imprescindible que os galeguistas participasen en todaIas
cuestións de importancia política, envía unha circular ós Grupos,
firmada po Alvaro Xil en calidade de Segredario político interino (817),
instándoos a que designasen compromisarios. Tras dunha satisfactoria
entrevista con Azaña, o P.G. acordou votar por el e asimesmo que os
seus deputados colaborasen co grupo republicano de esquerdas (818). Este
compromiso con I.R. impideu que o P.G. poidera dar satisfacion á
petición dos nacionalistas vascos de que os deputados galeguistas
sumaranse ós seus para poder completar o número esixido polo
reglamento da Cámara para formar un grupo parlamentario (819).
En maio, Azaña foi elexido Presidente da
República, votando ó seu favor os tres compromisarios galeguistas. A
xefatura do Goberno lle foi encomendada a Casares Quiroga sen que o P.G.
puxera chata ningunha (820).
Como queira que a alianza do P.G. coas
formacións de esquerda non se limitou a ser unha mera táctica, pensada
conxunturalmente para unhas eleccións, Otero Pedrayo atopábase cada
vegada máis incómodo. Dende a «Tribuna Libre» que lle ofrece «A Nosa Terra»
(821) laiábase de que houbese galeguistas gañados polo credo marxista
(822), ó que consideraba como a: «negación da dinidade da descendencia humán». Estaba
en
disconformidade con que afiliados galeguistas participasen nas xestoras
municipais: «criadas na trúbia atmósfera dos Gobernos
civiles»; creía que se abusaba da rebeldía e que o esquerdismo
ibérico estaba penetrando amparado doorosamente pola política do P.G.
Non se debía caer na trampa de pretender: «dixerir» e
galeguizar ó marxismo, por máis que este: «avispado, práitico e
oportunista» chegase a Galicia: «falando ou faguendo que fala en galego». Amosábase moi preocupado polo anticlericalismo
belixerante (menciona o caso da queima da igrexa de Barbadás) que vía
desatarse en Galicia, e abogaba porque o P.G. dera por rematado o seu
compromiso coa esquerda, que non debería ser nada máis que
circunstancial, se non se quería que se convertise nunha servidume para
o galeguismo. Con todo, ó escomenza-lo mes de xuño, manifestaba que «ainda temos a espranza de que o Partido Galeguista ha
recoñocer o
seu trabucamento actual» (823). Víctor Casas foi quen polemizou co
líder do mingoado sector conservador do P.G. que ainda permanecía no
partido. Entendía V. Casas que «non é tarefa despreciabel o
galeguizar cantas invasións se produzan contra a nosa
vontade» (824). De tódolos xeitos, Víctor Casas recoñecía que
constituía unha preocupación para tódolos republicanos o avance das
forzas marxistas que se estaba a rexistrar. Creía, noustante, que este
avance era o froito da contraproducente campaña antimarxista levada a
cabo, con torpeza manifesta, polas dereitas durante o segundo bienio, e
negaba que chegara a Galicia amparado pola política do P.G. Se o
problema se plantexaba en Galicia era principalmente por mor do seu
sometimento político a «Hespaña», onde se xeneraba. O
galeguismo non debería, nin creía doado que poidese no caso de
pretendelo, facerlle frente ó marxismo, tentando de atrancar o seu
avance; o que debía facer era conquerir que se axeitara a Galicia, que
recoñocera a sua especifidade, e que en suma se fixese galego. Neste
senso, tiraba a colación unha caricatura de Castelao encol do
comunismo, no pé da cal rezaba o seguinte: «Si viñera falando
galego...» (825).
Por outra banda, partían tamén de Víctor
Casas, as exhortacións a construir un gran partido galeguista, para o
cal creía que existían as condicións apropiadas. Animaba ós Grupos a
seguir desenrolando unha intensa campaña proselitista tendente a
incrementa-lo número de afiliados e a fundar novos núcleos. O P.G.,
sen deixar de actuar conxuntamente no que atinguía ós seus compromisos
con outras forzas, debía preocuparse de facer laboura partidista, de
potenciación do propio partido principalmente, dado que estaba pendente
de resolución o pleito autonómico e que, ademais, unha vegada
conquerido o autogoberno o papel que debería desempeñar o P.G. tería
unha importancia capital. Con moi pouca memoria histórica das propias
declaracións oficiais do P.G. («nós non queremos o poder»)
dicía que:
«Unha autonomía que non esteña, pol-o menos, controlada por nós,
non será a autonomía que nos queremos e a Galicia lle importa. Fora das
nosas mans ou da nosa decisiva intervención poidera ser desvirtuada.»
(826) |
Este pensamiento de Víctor Casas era,
noustante, congruente coa conciencia cada vegada máis forte que tiñan
os galeguistas de seren esencialmente un partido político; e como tal,
nada máis normal que anceiase acada-lo poder. De tódolos xeitos, ainda
a estas alturas non pode omitir Víctor Casas unha referencia a que a
tarefa de creación dun gran partido, non tiña por que representar un
perigo: «para a pureza ideolóxica e o xeito específico de actuar
dos galeguistas» (827). Quere isto dicir que non estaban
totalmente disipadas as preocupacións dos puristas que ollaban con
suspicacia a apertura do P.G. e o incremento da sua militancia.
Na campaña do plebiscito do Estatuto da que
axiña pasaremos a falar
xurdiron diferencias e mesmo friccións entre o P.G. e o Frente
Popular. Froito destas tensións foi a dimisión do alcalde de Santiago,
Anxel Casal e dos concellais da minoria galeguista, decidida polo F. P., e que levou aparellada a renuncia de tódala xestora
municipal (828). O
P.G. tentou de tirarlle ferro ó asunto, pedindo ós seus aliados que
meditasen a sua actitude para non dividir as forzas nuns momentos tan
graves como eran os que se estaban a vivir ó escomenza-lo mes de xullo
de 1936 (829). «El Pueblo Gallego», que tamén por aquelas datas
tivo algún que outro enfrentamento co P.G. (830), non tivo reparo en
ensalzar a xestión de Casal, atribuíndolle como méritos a
constitución por iniciativa sua do «Patronato de Asistencia
Social», e as enerxías derrochadas dende o seu posto de alcalde en aras do
Estatuto (831).
Diante dos atentados que, xa dende a dereita,
xa dende a esquerda, sofren Jimenez de Asúa, Ortega, Largo Caballero, o
teñente Castillo e Calvo Sotelo, o P.G. prodiga as condenas, pero
exculpa ó sistema republicano dos actos de desorde e violencia que se
estaban a producir, manifestando a sua intención de seguir defendendo
á República, en tanto que posibilitadora das suas arelas (832).
Tras da morte de Calvo Sotelo, Víctor Casas segue a se manifestar
partidario de mante-la alianza coa esquerda, ainda que non xustificaba a
sua violencia, considerando que proviña das provocacións dereitistas.
Razonaba que o devandito compromiso podía desfigurar en parte as
esencias tradicionais de Galicia como dicía Otero Pedrayo pero máis
as desvirtuaría un triunfo da dereita autoritaria. Premonitoriamente
afirmaba que de gañar ésta, perseguiría ós galeguistas e tentaría de
extermina-lo seu pensamento. Como consecuencia, pois, de múltiplas
razóns, e mesmo por instinto de conservación persoal, seguía sendo
proclive a preserva-Ia alianza coa esquerda (833). Nas datas anteriores ó
erguemento militar, o P.G. preparaba intensamente a celebración do Día
de Galicia. Agardaba que tivera un alcance superior ó da anterior
edición, estando previsto que na Coruña intervisen nun mitin varios
representantes do F.P., o que indicaba un comenzo de aceptación desta
celebración pola banda das forzas de esquerdas (834). Pero tal cousa non
puido ser.
Pasemos agora a glosar a marcha do proceso
autonómico.
O primeiro partido que solicitou o plebiscito do Estatuto foi o P.G.,
pouco dempois de coñecerse o resultado electoral favorable ó F.P. en
tres provincias galegas. En efecto, nunha xuntanza do Consello Nacional
celebrado en marzo de 1936 (835)
acordouse solicitar ó «Comité
Central de Autonomía» que convocara, en uso das suas atribucións
legais, o plebiscito, e dirixirse asimesmo ós Comités provinciais do
F.P. para que preparasen a campaña. A financiación da campaña, que fora
un dos problemas máis acuciantes cos que toparon as forzas autonomistas
na anterior andadura, deberíase resolver mediante as aportacións das
corporacións e partidos integrantes do Comité estatutario, e apelando
tamén á suscripción pública. O P.G. perfilou, ademais, como debía
ser ó seu xuicio a campaña: moi intensa, en marcha ascendente, pero non
moi longa; dez ou quince días como máximo. O destino do Estatuto estaba
vencellado ó F.P., motivo polo que o P.G. manifestouse dende un
principio partidario de que o compromiso continuara, debendo comparecer
unidas as forzas integrantes nas eleccións municipais e na campaña
plebiscitaria, tendo ademais entre os seus cometidos a constitución das
autoridades da «Rexión Autónoma» e a resolución dos
problemas galegos máis urxentes (836).
As prisas do P.G. bateron cun feixe de atrancos
que demoraron a campaña plebiscitaria ata o mes de xuño. Basicamente os
factores retardatarios pódense reducir a tres. Estaba en primeiro lugar
o lento proceso de reactivación da maquinaria organizativa, capaz de
abordar con éxito a inxente laboura propagandística que era mester
efectuar para conqueri-lo pronunciamento favorable das duas terceiras
partes do censo electoral. En segundo lugar, as crises que se
desencadearon nas altas esferas do poder central, non resoltas ata a
constitución do goberno presidido por Casares Quiroga (tras da negativa
de Prieto) a mediados de maio, centraron lóxicamente a atención
pública, polo que non era precisamente a conxuntura máis propicia para
plantexar a consulta estatutaria. O cabo, a convocatoria de eleccións
municipais veu a enguedellar ainda máis as cousas, polo que soamente
cando estas foron desconvocadas e as duas cuestións anteriores
resoltas, as forzas políticas autonomistas estiveron en condicións de
aborda-Ia recta final do proceso estatutario.
Os primeiros síntomas alentadores que denotaban que o Estatuto podería
chegar esta vegada a bo porto, foron os acordos dos concellos da Coruña
(837) e Vigo (838)
(que na parada xeira pronunciáranse en
contra) de apoia-lo Estatuto, asignando sustanciosas cantidades para
financia-Ia campaña, e solicitando do Comité Central de Autonomía a
convocatoria do plebiscito no prazo máis breve posible. O Concello de
Santiago, a proposta da minoría galeguista, acordou sumarse á
iniciativa do da Coruña. Na provincia de Pontevedra, Núñez Búa (P.G.) e
Adrio Barreiro (U.R.) conquiren que a Deputación renove a sua adhesión
ó Estatuto e consigne trinta mil pesetas para contribuir ós gastos que
ocasionase o referendum (839).
Tamén a instancias do P.G., o Comité
provincial do F.P. de Pontevedra acordou dirixirse a tódolos concellos
da provincia exhortándoos a que se adherisen ó Estatuto e votasen cantidades para sufraga-la campaña. O P.G. da a consigna
ós seus representantes nos restantes comités provinciais do F.P. para que
obrasen do mesmo xeito que o de Pontevedra, e asímesmo ós seus
xestores provinciais e municipais para que nas respectivas corporacións
presentasen propostas a prol do Estatuto (840). Deste xeito, ó longo do
mes de maio fóronse decantando en fervenza os concellos partidarios da
autonomía.
Paralelamente levábanse a cabo os traballos de
reorganización do Comité Central de Autonomía e de creación de
organismos de enlace a nivel provincial e local, onde as opinións das
esquerdas estaban divididas sobor de se debían formar parte deles
exclusivamente as forzas que integraban o F.P., ou se ben deberíanse
abrir a tódalas organizacións autonómicas. Vaiamos por partes. O
secretario xeral do C.C. de A., Enrique Rajoy, publicou o 8 de maio un
comunicado na prensa (841)
pregando ós organismos que ainda non elexiran
representantes no C.C. de A., tiveran a ben designar novos delegados.
Apelou tamén, ás organizacións obreiras, patronais e Cámara de
Comercio, a quen se lles recoñecera o dereito a formar parte do C.C. de
A., sen que se decidiran a exercelo, agardando que non deixaran agora de
sumarse a el. Esta cuestión tiña unha importancia capital. Tanto a
clase obreira como a burguesía industrial e comercial, refugaran
comprometerse decididamente na endeita estatutaria. E, pois,
comprensible que se quixera que o Estatuto non somentes gozara do favor
das clases medias, da intelectualidade e de importantes sectores
agrarios.
Varios líderes galeguistas entrevistáronse en Madrid
con Osorio
Tafall, presidente de C.C. de A., e cunha parte importante dos
diputados galegos. Estas xestións, das que Castelao foi un dos
principais artífices, tiñan como obxetivo sondear a disposición na que
se atopaban de cara ó plebiscito. Trasmitida a sua impresión favorable
ó Consello Nacional do P.G., éste acordou dirixirse ó C.C. de A.
adheríndose á proposta formulada por varios Concellos para que fose
convocado o plebiscito coa maior urxencia posible (842). Convocados por
Osorio Tafall, reunironse nunha sección do Congreso os deputados e
compromisarios elexidos por Galicia, acordando que o Comité pro-autonomía chamase á celebración en Santiago, o domingo 17 de maio,
dunha xuntanza de entidades e partidos políticos co obxetivo de fixar a
data de celebración do Plebiscito (843). Máis exactamente serían
dúas as reunións que terían lugar. A primeira sería nunha magna
asamblea no salón de actos da Facultade de Meiciña, á que estaban
invitados deputados, compromisarios, partidos, prensa, institucións e
entidades de diversa índole (844). Nela o C.C. de A. quería calar o degrao
da temperatura estatutaria que se rexistraba en Galicia, denantes de
determinar, nunha xuntanza ulterior, a data do plebiscito (845).
Tratábase, pois, dunha medida de cautela, posto que o C. C. de A. tiña
nas suas máns un decreto que o autorizaba a convoca-lo plebiscito
discreccionalmente, coa sóa condición de notificar os gobernadores civís galegos a data de celebración, coa antelación suficiente para
que poidesen publica-lo acordo nos sus respectivos boletins oficiais.
A asamblea autonómica, celebrada o 17 de maio
en Santiago, revestiu un gran valor sociolóxico por canto nos permite
achegarnos á problemática da posición das distintas forzas políticas
e sectores sociais verbo do Estatuto. Dado que o tema que se estaba a
ventilar era o dun plebiscito, que para triunfar debería vencer tanto
as tendencias opostas como abstencionistas, a pesares de que as duas
posturas non son estrictamente equiparables á hora de determinar con
precisión os comportamentos políticos, a afectos prácticos ambas
surten un afecto idéntico: inviabilizar o Estatuto, polo que
consideramos oportuno englobalas nun mesmo conxunto.
Mencionemos, xa que logo, ós sectores que non se amosaban dispostos a
apoia-lo Estatuto. As entidades representativas da burguesía son as
primeiras en reclama-Ia nosa atención. Xa vimos como os dirixentes do
C.C. de A. percuraban o seu apoio, cousa que non era tan clara no
comité rector do F.P., onde algúns dos seus integrantes pensaban de
maneira contraria. O certo é que, salvo excepcións, non apoian o
Estatuto. O propio «El Pueblo Gallego» o pón tácitamente en
evidencia na glosa que adica á asamblea, cando salienta as «ausencias significativas», precisando que se
refería:
«a organizaciones políticas, más o menos responsables del
ambiente en que se pretendió ahogar hace tres años el Estatuto renaciente.»
(846) |
Políticas e tamén económicas, engadamos pola
nosa banda. Pero vexámolo polo miudo. Na extensa lista de entidades que
asisten ou se adhiren á asamblea, que detalladamente publica E.P.G. (847),
non figuran os partidos de dereitas, a excepción de «Dereita
Galeguista». Polo que fai ás entidades económicas as ausencias
son tamén significativas. Xa con anterioridade á celebración da
asamblea, as «Cámaras de Ia Propiedad Urbana», manifestaran que
lles traia sen coidado o sinalamento da data do plebiscito, e que:
«alejadas por preceptor estatutarios de toda deliberación
política se abstendrán de intervenir como tales entidades en Ia
propaganda tendente a Ia aprobación por el cuerpo electoral del Estatuto
gallego.» (848)
|
O cal non obstaba para que con gran sentido
práctico reclamasen que se lles concedera a elas, e as demais entidades
económicas similares, voz consultiva ante a futura Administración
autonómica, no caso de que o Estatuto resultase aprobado. Das
organizacións patronais, Cámaras de Comercio, etc., somentes cabe
rexistra-la asistencia da «Patronal» de Santiago e da «Cámara de Ia Propiedad», da mesma cidade.
Polo que respecta as forzas representativas da
clase obreira, a situación mellora algo, se a comparamos coa de 1933,
pero con todo dista de ser satisfactoria. Comparecen os partidos
socialista e comunista, pero en cambio a C.N.T. se desentende e o propio
fai a «U.G.T.» e mailos sindicatos independentes que existían
en Galicia, do que temos información precisa no sector conserveiro. A
título anecdótico mencionemos asistencia do «Bloque de Obreros y
Campesinos» da Estrada e da «Agrupación de Trabajadores y
Agricultores» de Serres, únicos que parecen interesados no Estatuto.
A
tenor do que levamos dito, non extrañará que as forzas que constituían o F.P. tiveran un peso determinante na asamblea de
Santiago. Os galeguistas xogaron un importante papel, dado que a
actuación de Suarez Picallo, Bóveda e Anxel Casal, súmouse á dos
tamén galeguistas, ainda que discrepantes, Alvaro das Casas
reconvertido novamente ó credo autonomista e Filgueira Valverde,
sen
esquencerse do representante dos agrarios pontevedreses, Alonso Rios.
Ademais, o P.G. volcouse facendo que moitas das suas organizacións
locais enviasen representantes á asamblea (849). Tódolos partidos do F.P.
estiveron tamén ampliamente representados, manifestándose igoalmente a
prol do Estatuto o «Partido Republicano Federal de Izquierda
Gallega», os portelistas e «Unión Socialista Gallega».
As sociedades agrarias xunto cos concellos conformaban unha nutrida
representación pro-estatutista, que como viñera sucedendo, erixíuse no
seu máis rexo alicerce. Resaltemos ó cabo, o cambio operado nun
importante sector do profesorado, que ó escomenza-lo proceso estatutario
estaba en contra, en tanto que a estas alturas deviñera favorable ó
Estatuto. Nesta metamorfose tiveron moito que ver os socialistas. Temos
así que, entre os adheridos á asamblea, estaban o «Congreso
Regional de Trabajadores de Ia Enseñanza» (850)
e o «Colegio de Licenciados y Doctores» de Pontevedra.
Sen que houbera demasiadas polémicas, nin
excesivos desacordos, a asamblea aprobou, como resolución, declarar
urxente a realización do plebiscito e que o C.C. de A. se puxera
dacordo co Goberno para fixa-Ia data, sen que ésta poidera revasar o
mes de xuño (850 bis). A providencia de consulta-lo parecer do Goberno,
foi acordada por prudencia política, xa que non era preceptivo facela.
O tempo que Rajoy saía para Madrid, co obxectivo de
incorporarse á
comisión de deputados que se debía entrevistar co xefe do Goberno, Casares
Quiroga, para darlle conta do acordado na asamblea do
17 de maio e chegar a un acordo na data do plebiscito, escomenzaron a celebrarse xuntanzas a
nivel provincial con vistas a
organiza-la campaña (851). Os presidentes das catro Deputacións decidiron
crear unha oficina en cada unha delas, que estaría a disposición dos
partidos do F.P. e mailos autonomistas en xeral (852). Dende un principio
estaba xa, pois, claro que as organizacións que se pronunciaban polo sí
ó Estatuto gozaban do apoio institucional incluídos tamén a
maioría
dos Concellos como non podía ser menos dado o triunfo que
obtiveran nas
eleccións xerais de febreiro.
Noutro apartado xa apuntamos como na constitución dos Comités autonomistas provinciais prevaleceu unha
visión sectaria, que impideu a actuación unitaria do F.P. cos escasos
sectores autonomistas da dereita. Tal aconteceu concretamente en
Ourense, onde as forzas marxistas opuxéronse a que formase parte do
Comité de Propaganda a «Dereita Galeguista», como tal forza,
e outros elementos de significación conservadora (853). Outro tanto
aconteceu nos comités de zona e locais (854). Vexamos o sucedido na
provincia de Pontevedra. Á reunión convocada para constitui-lo Comité
provincial compareceron non só os representantes de F.P. senon tamén
de D.G., «Partido Agrario Español», Acción Popular, «Partido
Radical» e «Partido Conservador», escusando a sua
ausencia a «Unión Regional de Derechas» e o «Partido
Tradicionalista». Pois ben, o representante comunista, Manuel
Martínez, acompañado do socialista Edelmiro Ríos, decidiron retirarse
por considerarse incompatibles cos partidos de dereitas presentes. No
debate que tal actitude ocasionou, tódolos representantes
manifestáronse a prol da autonomía, o «Partido Conservador»
con especial énfase con excepción dos agrarios e radicais (éstes
farían logo campaña en contra) que non se poideron pronunciar por non
tomaren ainda ningún acordo os seus respectivos partidos. A postura do
P.G. consistía en admitir tódalas ofertas de colaboración na campaña,
viñesen da dereita ou da esquerda. Era pois un punto de vista moi
próximo ó de D.G. Non extrañará, por elo, que cando na devandita
reunión, o representante do P.G., Víctor Casas, vista a actitude
intransixente dos socialistas e comunistas, propuxo que fora o F.P. quen
constiuise o Comité provincial, por estar en posición de facelo,
circunstancialmente, con máis éxito, e que os demais partidos o
apoiasen, o delegado de D.G., García Vidal estivo dacordo. Decideuse,
deste xeito, que o Comité provincial estivese constituído polas forzas
do F.P., colaborando na propaganda os demais sectores, cousa lograda en
gran parte pola incitación que D.G. fixo a estes sectores para que
actuaran de xeito autonomista (855).
En Lugo, os partidos situados nunha posición máis esquerdista non tiveron ocasión de refugar a colaboración coas
forzas de dereita, porque éstas, do mesmo xeito que as Cámaras de
Comercio, da Propiedade, etc., que foran invitadas (856), nin siquera se
dignaron acudir á xuntanza de constitución do Comité provincial de
propaganda estatutaria. Xa que logo, formaban parte do Comité
provincial (que funcionaba baixo a dependencia do C.C. de propaganda, e
estaba diseñado para orientar a sua vez a tódolos Comités municipais):
I.R., P. socialista, U.G.T., U.R., Mocedade Galeguista, P. Comunista,
«Confederación General de Campesinos» e P.G., representado por
Anxel Fole e Xosé Ramón Oxea. Reserváronse, tamén, postos para os
delegados da C.N.T., (que non temos datos de que foran cubertos) e «Juventudes unificadas Socialista e Comunista». Como
presidente actuaba o que o era da Deputación provincial, Noya, e como
secretario Avelino López Otero. Agora ben, para dar continuidade ás
tarefas de dirección acordouse crear unha «Comisión
Ejecutiva» composta por Celestino Noya, como presidente, Avelino
López Otero, como secretario, e outros tres membros máis, que eran
Francisco Lamas, Jacinto Calvo e Ramón Piñeiro (857).
Na Coruña o Comité provincial constituiuse,
do mesmo xeito que nas demais provincias, en base ós partidos que compuñan o
F.P. (858).
O domingo 31 de maio o C.C. de A. resolveu
convoca-lo plebiscito para o 28 de xuño (859). De seguida escomenzou a
campaña. A fins de maio Alexandre Bóveda, en calidade de Segredario de
Organización, dirixíu unha circular ós Grupos (860)
establecendo como
prioridade absoluta do P.G. a tarefa do plebiscito. Facía a salvedade
de rigor, dicindo que o Estatuto non satisfacía tódalas arelas do
P.G.; pero que era mester, así e todo adicar á campaña plebiscitaria o
traballo máis afervoado. Exhortaba ademais ós Grupos, a que
traballasen máis que ninguén, preparándose non só ó que se lles
asignara, senón tamén ó que se Ile encomendara ós demais, e éstes
deixaran de facer. Consecuentemente con isto o P.G. lanzase á campaña
de propaganda, antes de que escomence a conxunta, celebrando
inmediatamente mitins en Chantada, Paradela (Meis) e Godos (Caldas de
Reis) (861). Realmente segundo o ten declarado o propio Bóveda
(862) a
propaganda plebiscitaria acaparou tódala actividade dos afiliados e
organizacións do P.G.
Denantes de resumi-Ias liñas mestras da campaña
plebiscitaria conxunta, aludamos ós seus suxeitos promotores, e tamén,
por contraposición, ós que se inhibiron ou opuxeron. Co que xa levamos
dito excusamos de dicir que tódolos partidos de esquerda facían campaña a prol do Estatuto. Dentro dela, compre mencionar o caso
particular das organizacións representativas da poboación asalariada.
Feita exclusión da C.N.T., que non apoiou o Estatuto a pesares dos
chamados que se Ile fixeron, ollandoo moitos dos seus integrantes con
moita reticencia, defendíano os partidos sindicalista, comunista e
socialista, e as organizacións sindicais que estaban na sua órbita,
habendo que destacar en especial á «U.G.T.», pola sua
implantación. Agora ben, elo non nos debe levar a pensar que a
problemática de autogoberno tiña sido consciente e completamente
asumida pola clase obreira. Sucedía, en efecto, que, por máis que os
oradores do P.C.E. e do P.S.O.E. empregaran en moitas ocasións o
galego, nos seus discursos quedaba claro que asumían a autonomía non
porque fixeran seus os plantexamentos do nacionalismo (seguían a
declararse internacionalistas) senón por considera-Ia unha conquista
democrática máis. Ademais, unha persoa que coñecía ben os medios
obreiros (era membro do P. Sindicalista) e manifestabase como un
autonomista de corpo enteiro, Fausto Brand, nos pón en alerta, evitando
que caiamos no espellismo de crer que a clase obreira estaba imbuída do
ideal autonomista. Recoñecía Fausto Brand que as organizacións
obreiras:
«non teñen máis concepto de Autonomía que o cuidar n-unha nova
rede burocrática e n-unha nova serie de deputados que zugan o suor do pobo, os
máis deles, cobizosos e larpeiros. [...] Non se fita ao producto que da
autonomía pode resultar.»
|
e chegaba mesmo a decir que tiñan verbo da autonomía unha actitude «semi-agresiva»
(863). Coidamos, pois, que compre
considerar de xeito ponderado o apoio da clase obreira e das suas
organizacións representativas ó Estatuto, evitando caer en visións
xeneralizadoras e por demais optimistas (864). Apoiaba, tamén, ó
Estatuto, nin que decir ten, o galeguismo, pero non somentes o P.G.,
senón tódalas organizacións e persoeiros que integraban o movimento
galeguista: D.G., U.S.G., F.M.N., Alvaro das Casas, Peña Novo, Paz
Andrade, Maside, etc. E ésta a primeira conxuntura importante na que
todo o nacionalismo galego conquire unha unidade na práctica. Idéntica
actitude pro-autonomista mantiñan o Partido Centrista e gran parte do
asociacionismo agrario (865). A elo hai que engadir o respaldo
institucional dos Gobernos Civís, Deputacións, e a meirande parte dos
Concellos. Polo que respecta ós colexios e asociacións profesionais
poucas son as que manifestan o seu beneplácito; unicamente temos
constancia do «Colegio Oficial de Doctores y Licenciados de Ia provincia de Pontevedra» (866)
e do «Colegio de Farmacéuticos» (867). Verbo dos mestres xa mencionamos o cambio
operado, ainda que dende logo non indicaba que non seguira habendo no
corpo de profesores de maxisterio, muitos funcionarios en contra do
Estatuto (868). Non hai dúbida de que coa asunción do Estatuto por parte
das forzas que integraban o F.P., o soporte social da autonomía medrou
considerablemente. O P.G. aledábase de que sucedera tal cousa, sen
considerar que lle fora roudaba unha divisa que antano defendían os galeguistas en exclusiva. Mesmo sentíase fachendoso de ter logrado o
contaxio, ainda que elo supuxera a perda do seu monopolio nese terreo (869).
Compre facer constar, tamén, que a actitude setaria que as organizacións marxistas conqueriron insuflar ó F.P., en
relación coas organizacións dereitistas, puido restar apoios ó
Estatuto, de non ser que elas mesmas eran en termos xerais contrarias a
autonomía, con independencia de que a asumise ou non o F.P., e de que o
fixera de xeito sectario ou transixente. Os escasos sectores da dereita
que apoiaban a autonomía, non deixaron de apoiala polo feito de que o
F.P. non lles permitise formar parte dos seus comités de propaganda. En
puridade, soamente fixeron campaña a favor o «Partido Republicano
Conservador» (implantado fundamentalmente en Vigo), e a «Dereita Galeguista», que amosouse activísima, dando tódolos
seus persoeiros unha gran cantidade de conferencias radiadas, que eran
ampliamente glosadas na prensa. A propaganda de D.G. estaba orientada a
conqueri-lo voto da opinión conservadora, teima na que non obtivo os
froitos apetecidos. En abono desta tese, poderiamos citar as declaracións de moitos elementos pro autonomistas, pero para non
reiterarmos en demasía limitarémonos ás do P.G. (870), que ben que se
laiaba de que as dereitas fosen insensibles á angueira estatutaria.
Dicía «A.N.T.» que as dereitas galegas en nada diferían das
homólogas españolas, amosando durante a campaña plebiscitaria unha
oposición xorda e imprimindo a sua prensa un talante opositor. Deixemos
para máis adiante o papel xogado pola prensa, e prosigamos o estudio do
comportamento das dereitas. Na darradeira semana de campaña os deputados
galegos perteñecentes á C.E.D.A., que sen dúbida era a organización
conservadora de maior arraigo en Galicia, fixeron pública unha nota
declarando que se inhibían por unha serie de razóns, que explicaban
por qué as dereitas non fixeron abertamente campaña en contra,
limitándose a unha «xorda oposición».
Dicían:
«Nosotros nada tenemos que hacer ante este asunto. Nuestra
inhibición es completa, tanto por Ia conocida pasión de los grupos
regionales del Frente Popular, como por Ias circunstancias político-sociales
de Galicia. El Estado de alarma impide Ias mínimas garantías colectivas
e individuales para toda actuación política: ni libertad de prensa, ni
de propaganda, ni de reunión. La Mayor parte de nuestros centros
políticos... (liñas en branco por mor de censura gubernativa)
los Ayuntamientos han sido sustituidos por Comisiones gestoras de
nombramiento gubernativo.» (871) |
Dous días despois a «Unión Regional de
Derechas de Ia Coruña» (C.E.D.A.) ratificaba oficialmente esta
posición, facendo constar
«[...] su oposición firme [...] a todo movimiento
político-social que tienda a destrozar Ia «unidad
nacional», creando en Ias regiones autónomas «instituciones
políticas de mango corto», al transplantar a ellas remedos de
instituciones en decadencia en el mundo entero y que el estado de
excepción en que vivimos (excepción normal en nuestra Patria), nos
impediría criticar.» |
Despois desta declaración de principios nos
que se puña veladamente en solfa o sistema institucional demo-liberal,
manifesta a sua intención de absterse da votación e asimesmo da campaña, deixando claro que se non a facía en contra era porque a
suspensión das garantías constitucionais non o permitía:
«De antemano sabemos el resultado
del plebiscito por Ia
imposibilidad en que se encuentran los más fuertes sectores de Ia
opinión pública, de exteriorizar su manera de pensar, y, por eso, no
siendo posible convertir en diálogo el monólogo entablado, U.R.D. de
La Coruña se parta de toda actividad política que de cerca o de lejos
tenga relación con el llamado Estatuto de Galicia, recomendando a sus
afiliados y simpatizantes se abstengan de emitir su voto el próximo
domingo, día 28, evitando toda colaboración ineficaz.» (872) |
A C.E.D.A. con esta nota saia da ambigüedade
na que se situara en 1933, cando permitira que un sector dos seus
afiliados santiagueses se declararan pro-autonomistas. Agora se
pronunciaba abertamente en contra (872 bis).
Menor fuste revestiu a declaración da «Junta de
Defensa de Madrid», contra o Estatuto de Galicia, aducindo que «[...] cuanto se
hace para obter Ia autonomía no es
más que producto de Ia ambición y de Ia hipocresía» (873). Tamén
nesta nota expresábase o sentir dos sectores dereitistas, referente a
que o «amordazamiento» imposto polo Goberno non lles permitía
facer campaña en contra, tendo ademais a convicción de que os seus
votos «han de ser omitidos o falseados al celebrarse el
plebiscito» (874). Seguramente o temor ó falseamento dos votos
induciu a dereita a adoptar unha postura que, como a abstención,
resultaba máis dificil de manipular, amén de surtir a efectos
prácticos as mesmas consecuencias que o sufraxio negativo.
En Lugo, Dereita Galeguista conqueriu polo
menos frenar unha decantación das dereitas análoga á coruñesa. Na
nota que firmaron conxuntamente D.G., Partido de Centro, P. Conservador,
P. Agrario Republicano, Acción Popular e Bloque Nacional, soamente as
duas primeiras forzas declarábanse afectas o Estatuto e dispostas a
facer campaña favorable. As restantes limitábanse a manifestar que «no
hostilizarán Ia aprobación plebiscitaria», a pesares
do «tono partidista que el Frente Popular ha impreso en Ia campaña
estatutista»; de cara ó futuro aceptaban a tese de D.G. de que o
Estatuto podíase considerar como unha reivindicación neutral:
«confiando que en el futuro el Estauto no será un instrumento de
partidismo, sino una obra de todos los gallegos, puestos al servicio de Galicia. Para ello esperan que en Ias Cortes el texto que se vote no ha
de favorecer ningún partidismo.» (875) |
Esta declaración, inducida e modulada por
D.G., podería ter unha significación importante de cara a un futuro que
non puido ter o Estatuto, na medida en que as dereitas lucenses
aceptaban o sistema autonómico sempre e cando fose «neutral», pero no que se refire a implementar as
posibilidades de que o Estatuto superase con ben o difícil trance
plebiscitario, pouca ou nula significación tivo. Non facer campaña en
contra, era un compromiso moi cativo, se temos en contra que o
conxelamento das garantías constitucionais xa se encargaría de porlle
as cousas moi dificiles se tal quixeran facer. Absterse era, ademais, a
actitud adoptada polas dereitas das restantes provincias. Concluindo: a
nota das dereitas lucenses non contribuia a facilitar o triunfo
plebiscitario do Estatuto, pero cando menos evitabase un pronunciamento
en contra; algo é algo.
A campaña en contra do Estatuto foi ínfima. Os
seus principais promotores foron Renovación Española, o Partido Radical
de Pontevedra (876) e as organizacións dereitistas do Ferrol. Polo que fai
ós tradicionalistas, a Comisión carlista de Ourense publicou un
comunicado ordenando ós seus afiliados que se obstiveran de votar (877).
A opción opositora moi rara vez se expresou dende tribunas públicas
distintas da prensa. Refirámonos agora ó compartamento desta. Fixeron
campaña entusiásticamente a favor do Estatuto: «El Pueblo
Gallego», «El País» (de Pontevedra), «A Nosa
Terra», «Heraldo de Galicia» , «La Zarpa», «Nuevo Heraldo» da Garda,
«El Emigrado» da Estrada (878). «Vida Gallega», revista dirixida por Jaime Solá,
que, sendo un tradicional «baluarte antigalleguista» (879)
e
propiciando un localismo viguista de vía estreita, rectificou
declarándose no número de xuño favorable ó Estatuto. «La Voz de
Galicia» otorgoulle un tratamento informativo aceptable, admitindo
artigos de colaboración a prol do Estatuto (880). Coa
excepción, pois, das
mentadas publicacións as restantes optaron por non concederlle a menor
importancia ó Estatuto (881). Temos un caso paradigmático desta actitude
no xornal calvosotelista ourensán «Galicia», que non alude
para nada ó referendum, xa non nas datas anteriores ó 28 de xuño,
senon no propio domingo en que tivo lugar o plebiscito (882). O máis que
en xeral fan é publicar pequenas notas informativas rexistrando
someramente o movimento propagandístico; «El Compostelano»,
é un exemplo disto. O máis hostil ó Estatuto foi «El Ideal
Gallego» que dudaba da capacidade de Galicia para autogobernarse e
insertaba comentarios contrarios a autonomía (883). A prensa de Cataluña e
o Pais Vasco publicou moitas referencias informativas e comentarios
solidarios e emotivos. A de Madrid concedeulle tamén considerable
atención, destacando en especial «El Sol», «La
Voz», «Heraldo de Madrid», «Mundo Obrero», «El Socialista», «Política»,
«Claridad», «El Liberal» e «La Libertad».
Non fallaron as notas disonantes de «ABC», «El
Debate» e outros de matiz dereitista que fixeron o posible por
restar importancia ó feito autonómico galego (884).
Paremos a comentar os rasgos básicos da campaña plebiscitaria. A
campaña tivo unha duración non moi dilatada
(perto de vinte días) para evitar a fatiga dos votantes, pero unha
envergadura insólita. O ritmo propagandístico foi medrando
progresivamente até culminar na efervescencia final do domingo dia 28,
no que non cesou a campaña. Os recursos empregados, tanto polo seu
volume, como pola sua arnaxe, constituiu algo inédito na historia
política de Galicia. En efecto, o esforzo propagandístico desplegado
polo conxunto das forzas autonomistas, e das galeguistas singularmente (885),
foi dunha intensidade descoñecida deica entón. Moitos
deputados trasladáronse a Galicia, a petición do C.C. de A., para
cooperar activamente na campaña (886). A apertura oficial tivo lugar
brillantemente cun mitin unitario (do F.P.) celebrado o domingo día 7
simultáneamente nos teatros Rosalía Castro e Linares Rivas (887); os
discursos pronunciados foron radiados polas emisoras da Coruña,
Santiago, Vigo, Pontevedra, Lugo e Ourense (888). As emisoras de radio
prestaron unha importante cobertura propagandística ó longo de tódala
campaña, e en especial nos derradeiros días, intensificando a sua
laboura difusora, facendo duas sesións diarias e radiando toda clase de
actos: noticias, conferencias (nas que se destacou D.G.), arengas,
lecturas de traballos, versos patrióticos, etc. Altavoces emplazados
nas ruas e cafés contribuiron a amplia-lo seu labor (889). Ó mitin da
Coruña seguiron outros nas principais cidades: a mediar xuño en Ourense,
Pontevedra, Ferrol (890) e Lugo
(891); o domingo o 21 celebrouse un mitin en
Vigo, en dous teatros simultáneamente (892)
o xoves 25 outro na Alameda
de Santiago (893) e na Coruña rematou a campaña cunha festa-mitin
celebrada o víspora do plebiscito. Formáronse, ademais, equipos de
oradores (nos que debemos destacar ós elementos das Mocedades
Galeguistas (894)) que recorrían vilas e aldeas, en camionetas enfeitadas
coa bandeira galega (e as veces tamén a republicana) e carteis
autonómicos, dando mitins, que as vegadas improvisaban cando atopaban
un grupo de persoas. Berraban, ademais, polos altavoces consignas
autonomistas, espallaban propaganda e pegaban carteis. Aproveitaban,
tamén, as numerosas festas que tiñan lugar no mes de San Xoan, e os
establecementos públicos, para dar mitins-lostrego (895). Co gallo de
facilita-los desplazamentos destes equipos os taxistas de Ourense
prestaron gratuitamente os seus coches (896). Para dar unha idea do esforzo
desplegado mencionemos o dato aportado polo «Comité de Ia zona de
Santiago», segundo o cal, o domingo 21 na zona de Santiago
celebráronse máis de 200 actos públicos con intervención de 700
oradores (897). Nestes mitins, como na propaganda porta a porta, tamén
utilizada, os oradores aplicabanse a explica-Ias ventaxas do Estatuto (898). O C.C. de A. imprentou unha tirada dun millón de
exemplares do Estatuto, que foron gratuitamente distribuidos; falábase
de facer unha segunda edición, da que non temos noticias certas (899).
Distribuíronse, ademais, distintas follas de propaganda, manifestos (de
mestres, mozos (900), mulleres
(901) e intelectuais) e papeletas de votación.
Colocáronse letreiros luminosos en puntos estratéxicos das cidades,
varios tipos de carteis murais (ilustrados por Castelao, Maside e Díaz
Baliño (902)), e pancartas; aceras e paredes foron roturadas con slogans
feitos con pintura. Moitos automóviles, tranvías, edificios públicos e
escaparates locían bandeiras de Galicia (903). O que máis solpresa causou
foi o emprego do cine e das avionetas. En efecto, duas avionetas
sobrevoaron Galicia os dous últimos días guindando ó aire proclamas,
estatutos e octavillas (904), e levando baixo das suas azas unha
inscripción que rezaba: «Votad el Estatuto» (905). O
longo da campaña recorreu Galicia un auto de cinemóvil que proxectaba
duas copias dunha película autonomista, e no que viaxaban rapaces
galeguistas que pronunciaban discursos nas vilas e pobos (906). Ademais, en
moitos cines galegos, especialmente nos da empresa Fraga, pasáronse a
cotío cristais con lendas alusivas á campaña plebiscitaria (907). No
víspora do plebiscito, e especialmente na mañá do domingo, a
actividade propagandística fixose febríl. Automóviles provistos de
altavoces recorrían as cidades chamando a votar (908)
e lanzando
propaganda (909); as paredes dos edificios estaban literalmente
empapeladas de carteis; as avionetas surcaban o ceo. En moitos lugares
houbo festas populares, gran profusión de pancartas nas rúas e
bandeiras galegas. Bandas de música tocaban aires da terra. En Lugo, na
noite do sábado, alcendéronse fogueiras nos montes próximos á
capital, convocando ó pobo a votar; nas primeiras horas do domingo
fixéronse estalar gran cantidade de bombas de palenque (910). Isto mesmo
reproducíuse noutras cidades e vilas (911). O alcalde de Vigo dictou un
bando en galego chamando á poboación a votar (912). Na Coruña, bandas de
música e gaiteros recorreron as ruas dende a primeira hora da mañá, e
moitos barcos fixeron soar as sereas (913).
Capítulo aparte merece a actuación solidaria
e rexamente autonomista das sociedades de emigrantes galegos. En
Barcelona constituíuse un «Comité Catalán pro Estatuto
Galego», composto por galeguistas e catalanistas, da Esquerra
primordialmente (914), que levou a cabo varias conferencias de divulgación
do Estatuto. Outro tanto fixose en Madrid, onde destacou pola sua
actividade organizadora Fermín Penzol (915). O comité pro-autonomía dou
un mitin de afirmación galega no Teatro Alkazar, cedido gratuitamente
polo empresario galego Isaac Fraga, ó que asistiu numerosísimo
público (916). Antes de escomenza-lo acto recorreu as ruas madrileñas un
coche coberto con gran profusión de bandeiras e carteis, distribuindo
manifestos e octavillas. O rematar, organizouse unha manifestación que
interrumpeu a ciculación do tráfico pola rua de Alcalá (917). Enviaron
tamén mensaxes de adhesión grupos de galegos residentes en Bilbao,
Lisboa e O Porto (918). En Bos Aires, reuníronse en asambleas numerosas
sociedades galegas, entre as que figuraban as máis importantes: o «Centro Gallego» e a
«Federación de Sociedades
Gallegas Agrarias y Culturales», que agrupaban en total a cento
cincoenta mil asociados, acordando apoiar o plebiscito (919). Na capital do
outro país riopratense, Montevideo, as institucións que encadraban ós
galegos alí residentes, «Casa de Galicia», «Centro
Gallego» e «Irmandade Galeguista», promoveron actos
autonomistas e enviaron a Galicia comunicados e telegramas de apoio ó
Estatuto (920). Amén de todo elo, tras da asamblea celebrada en
Compostela o domingo 5 de xullo para computa-los votos contidos nas
actas do plebiscito, tivo lugar as 4 do serán unha emisión radiada
para América, con hinos e discursos de Luis Iglesias, Bóveda e Anxel
Casal (921).
No transcurso da campaña do plebiscito producíronse algúns incidentes
entre membros do P.G. e militantes de partidos obreiros, en especial do
comunista, que non transcenderon á opinión pública polo común
interés en non aparecer divididos, nun momento en que se requería da-Ia
sensación de completa unión na angueira autonómica. O máis que
chegou a traslucirse na prensa foi que entre os lemas pintados nas
paredes e aceras «No faltaban algunas U.H.P. y otros por el
estilo» (922). En Santiago os militantes das xuventudes comunistas e
socialistas largocaballeristas, incumplían as consignas acordadas
unitariamente, poñendo as vegadas «U.R.S.S.», «U.H.P.», «Viva Rusia», etc. O P.G.
entendía que
isto equivalía a boicotear a autonomía, producíndose algún altercado
cando os seus militantes chamaban a atención ós comunistas (923).
Concretamente nunha destas rifas disparáronlle un tiro a un mozo
galeguista alcumado «Chocas» (irmán de Sebastián
González), ocasionándolle unha ferida de importancia (924). Os membros do
P.G. tiveron en xeral poucas tiranteces cos socialistas, e nalgúns
lugares as relacións foron francamente boas. Así e todo, en Lugo os
galeguistas rexeitaron a colaboración tanto do P.C.E. como do P.S.O.E.,
pola sua tendencia a difundir consignas partidarias (925). En
localidades como O Barco, os galeguistas quedaron descontentes «cos
do Frente Popular, que sexa por considerar que o choio era da nosa
excrusiva incumbencia, sexa pola sua aduanería, o caso é que nos
deixaron completamente soios [...]» (926).
Dous días antes da celebración do
plebiscito o Goberno restableceu as garantías constitucionais en
Galicia, continuando en suspenso no resto de España, con obxeto de que a
votación se fixera con toda legalidade (927). A xornada plebiscitaria
transcorríu seu incidentes, pero cunhas condicións meteorolóxicas
máis ben malas: en diversos puntos, entre os que figuraban Vigo e Coruña, choveu a
cachon a media
mañá (928), o cal segundo
recoñoce o
xornal «Heraldo de Galicia» : «[...] hizo que faltase
aquella animación externa que suele acompañar a estas manifestaciones» (929). Así pois, o tempo non axudou. O caso é que en
opinión da prensa que non era afervoadamente autonomista, e segundo as
mesmas fontes vivas (que axiña pasaremos a citar) fíxose notar máis
ben pouca animación producida polo trasiego de votantes. Unha semana
despois, o domingo 5 de xullo, facíanse públicos os resultados
oficiais (930):
Censo de electores: 1.343.135
Número de votantes: 1.000.963
Electores que votaron SI: 993.351
Idem
que votaron NON: 6.161
Idem en branco: 1.451
Quorum en toda Galicia: 895.423,32
Exceso de votos favorábles ó Estatuto: 97.927,68 |
O triunfo non puido ser máis
solprendente e espectacular dadas as tradicionais cifras de
abstencionismo que adoitaban rexistrarse en Galicia. O que compre
engadir o que se chamou «o plebiscito sentimental»: colonias
de galegos de moitas partes de España, Portugal e América recolleron
milleiros de firmas (somentes en Madrid, máis de trinta mil) remesando
os pliegos ó C.C. de A. como testimuño do rexo sentimento
autonomista da emigración galega (931). Noustante, existen monos
indicios de que o plebiscito non se efectuou coa pureza democrática
requerida. Cremos necesario recupera-Ia verdade histórica evitando caer
no prurito de agachar vergonzantemente unha realidade ingrata, cousa que
deica agora se ten feito por razóns que teñen moito que ver cos
condicionamentos políticos, pero nada co respecto a fidelidade
histórica.
A cuestión non é
só que á prensa anti-autonomista falase de pucheirazo, como fixo. Así
«El Ideal Gallego» (932) presentou a información referente ás
votacións plebiscitarias con numerosos espacios en branco por obra da
censura, e no que puido, deu conta dun ambiente de considerable
desánimo e parcas votacións (933). «El progreso» de Lugo e «La Región» de Ourense aludiron a que a xornada
plebiscitaria estivo presidida polo abstencionismo, e o citado en
segundo lugar comentaba: «Ias irregularidades y falsedades con
que se preparó el plebiscito y que superan a Ias realizadas
anteriormente» (934). Outro tanto dixeron os xornais
madrileños «ABC»,
«El Debate» (935) e «Informaciones»
(936).
Pero dicíamos que non era só isto. «El Sol», que non
tivera unha posición contraria o Estatuto, calificou o plebiscito como
unha obra de técnicos no pucheirazo, dubidando que pasara do 10% o
número real de votantes (937). De pouco serve que «El Pueblo
Gallego» saise ó paso tachando de «maniobra burda y grosera» a
presentación escandalosamente eivada da devandita información de «El Ideal Gallego», indignándose de
paso co censor coruñés
por permitirlle deixar elocuentes espacios en branco (938). E serve do
pouco porque nós temos testimuños de que as cifras oficiais non
reflexaban os votos realmente emitidos. Avelino Pousa Antelo (939)
recoñeceu que nas cidades votou pouca xente, e que el mesmo votou
duas veces; razona que o único xeito de supera-Ia barreira dos dous
tercios foi dar un «santo pucheirazo». Sabemos tamén por
fontes orais (940) que para da-Ia impresión de nutrida e entusiasta
afluencia ás urnas de votación, houbo necesidade de que un grupo de
galeguistas se puxesen en ringleira diante dalguns colexios electorais,
tirando fotos que logo se publicaron na prensa (941). Temos ademais a
cuestión das actas. Tivemos a oportunidade de consultar un feixe de
copias delas (942), atopándonos con resultados
tan increibles como os que
a continuación facemos mención a mero título de exemplo, xa que o noso non é un estudo monográfico sobor do plebiscito:
Axuntamento |
Dis./Sec. |
Censo |
Votantes |
Votan SI |
Votan NON |
Avión |
Barroso |
|
338 |
337 |
1 |
Avión |
San Xusto |
|
506 |
500 |
2 |
Barbadáns |
Sobrado |
487 |
450 |
450 |
0 |
Barbadáns |
Piñor |
528 |
528 |
528 |
0 |
Ramalongo |
Prada |
533 |
533 |
500 |
0 |
O Bolo |
2.º, 1.ª |
568 |
560 |
560 |
0 |
O Bolo |
2.º, 2.ª |
587 |
580 |
580 |
0 |
Por todo o que levamos dito consideramos que
non é aceptable o alegato de Castelao (943), a tenor do cal:
«[...] o decreto que nos otorgou para celebrarmos a consulta eleitoral,
concedía intervención a tódal-as Cámaras oficiaes, Colexios profesionaes, Asociacións patronaes e obreiras, así como institucións de
cultura, etc., e que estas entidades podían dispoñer do Corpo notarial
de toda Hespaña para que vixiaran a pureza do plebiscito, intervindo as
mesas dos colexios. Este intervencionismo, autorgado esclusivamente a
Galiza, pol-a xenerosa previsión do Goberno, non produxo reclamación
ningunha. Podemos, pol-o tanto, agradecer a «xenerosidade»
do Goberno, que nos permite proclamar, con testimonios legaes, a pureza
do referendum galego a favor do Estatuto.» (944) |
Que no decreto se contemplase a posibilidade de
que os distintos estamentos e entidades vixiaran a pureza das
votacións, non quere decir que tiveran a obriga da facelo. De feito os
sectores contrarios á autonomía, non quixeron exercer ese dereito,
optando por unha actitude de pasiva inhibición.
A efectos legais o Estatuto superou o trámite
plebiscitario. somentes quedaba a discusión do proxecto no Parlamento,
onde non se preveía que fora a haber dificultades dado o predominio
que nel tiña o F.P. Castelao envióulle unha Carta a Bóveda
encarecéndolle a urxencia de que enviasen o Estatuto ás Cortes no plazo
máis breve posible, para que entrara en comisión xunto co
vasco (945). Desbotado o proxecto de organizar un tren especial a
Madrid para suliña-la solemnidade da entrega oficial do proxecto de
Estatuto, en atención as graves circunstancias polas que atravesaba a
vida pública española, o 16 de xullo unha comisión de deputados e
persoeiros dos distintos partidos e institucións entregou o Estatuto ó
presidente da Cámara, Martínez Barrio, pedíndolle que canto antes
escomenzara a ser discutido (946). Lonxe estaban de supoñer que por mor do
erguemento militar o texto non tomaría estado parlamentario atá a
reunión de Cortes celebrada en Montserrat caseque dous anos despois
(febreiro de 1938) (947).
Para non deixar inconcluso o que narramos en
anteriores apartados verbo das cuestións agraria e ferroviaria convirá
que nos refiramos brevemente a elas.
Xa víramos que a «Federación Agraria
Provincial» presenta a Antón Alonso Ríos co candidato a deputado
en febreriro de 1936, na lista pontevedresa do Frente Popular. Alonso
Ríos foi elexido en sexto lugar, con 86.114 votos (948), convertíndose no
portavoz dos agrarios esquerdistas de Pontevedra nos plenos da Cámara,
nos que interveu repetidas vegadas, e asimesmo en activo valedor dos
seus intereses, a prol dos cais levou a cabo innumerables xestións ante
a Administración. Dispuña tamén a F.P.A. dun representante na xestora
da Deputación provincial, Castro Estévez (949). Ambolos dous rendían
periódicamente conta do seu labor nas asambleas da Federación.
A F.P.A. seguía a estas alturas empeñada na
reconstrucción das seccións que quedaran desartelladas na etapa do
bienio conservador, e asimismo na percura da adhesión de novos
sindicatos, conquerindo logros relativamente importantes neste doble
cometido. O cal non ten nada de particular se temos en conta o xeneral
avance rexistrado polas forzas de esquerda no seu conxunto e que
naturalmente ten tamén a sua plasmación no eido agrario (950). Deste
xeito, sabemos do ingreso na F.P.A. do Sindicato de Rebordáns (Tui)
(951) do sindicato de agricultores de Etienza (Salcedo de Caselas), e alguns máis de Lugo, A Estrada, A Golada, Campo Lameiro,
Silleda, etc. En total arredor duns vintecinco novos sindicatos (952).
Ademais reestructuráronse as federacións de A Estrada (953)
e Tui (954), e
arbitráronse medidas para facer outro tanto coa de Lalín.
Compre salientar o importante apoio prestado
pola F.P.A. ós comités do Frente Popular na campaña do plebiscito do
Estatuto, tendo representantes no C.C. de A. e no Comité provincial da
zona na que operaba (Pontevedra) (955).
Nos seis meses de goberno frentepopulista que
vivíu Galicia, a problemática agraria atravesou por unha fase
difícil, que nalgúns capítulos mesmo chegou a ser crítica. Para a
F.P.A. a xestión gubernamental distou de ser satisfactoria e así o
puxo de manifesto Alonso Ríos nas suas intervencións no Congreso (956).
Laiábase o diputado agrarista da falla de proteccionismo da
agricultura, gandería e da industria madereira galega. Ó non seren
abolidos os tratados de importación de carne (de Uruguai e Arxentina),
madeiras e outros productos (como os ovos), o productor padecía os
rigores dunha baixa de precios xeneralizada, abundando as protestas pola
irrentabilidade das explotacións (957). Tamén para os deputados do P.G.
era unha laboura prioritaria conquerir a anulación dos Tratados co
Uruguai e Arxentina (958), fracasando no empeño, a pesares dunha
tentativa de coordinar a este respecto a presión dos agrarios galegos
coa dos cerealistas e gandeiros cataláns (959). Polo que facía á riqueza
forestal, e ó piñeiro concretamente, por ser «Ia caja de ahorros
de Ia mayoría de nuestros pequeños campesinos», é mester
sinalar que estaba enormemente depreciada, inducindo o paro nos
aserradeiros (960). Alonso Ríos atopaba marcadamente discriminatorio que
todos estes productos estivesen exentos de protección arancelaria, e
que pola contra gozaran dela os trigos, arroces, sucres e demais
productos da meseta e Levante (961).
Sobor da cuestión da madeira, Alonso Ríos
presentou un rogo ó Goberno, en maio de 1936 (962), solicitando que se
impedisen os atrancos á introducción en Málaga de «tablilla» elaborada nos aserradeiros galegos, con destino ás
caixas de envase das sonadas pasas. Resultaba que a industria do
aserrío existente en Málaga, como non podía competir coa galega,
tentou de que se prohibise a entrada desta polo porto malagueño e, ó non
conquerilo, convenceu ós obreiros da C.N.T. para que se negaran a
descarga-Ia. Este arbitrario ergumento de valados no mercado interior
afectaba a 402 pequenas fábricas de madeira, espalladas polo territorio
galego, que empregaban a perto, de seis mil traballadores (963). A pantasma
do paro gravitaba sopor destes obreiros, e non era cativa cuestión,
dado que o nivel de desemprego existente era, segundo os testimuños
existentes, preocupantemente alto e así o sinalan Alonso Ríos e Suárez
Picallo, pedindo solución ó Goberno, pola principal vía das obras
públicas (964). Este problema estaba ademais acentuado pola crise
pesqueira (965).
A problemática dos foros seguiu estando viva.
Dende logo o Goberno mantiña a prohibición de conformidade coa base 22
da Lei de Reforma Agraria de que se fixera efectivo o cobro dos foros
de señorío (966), pero como sinalaba Santiso Girón, a República non
acometeu decididamente a resolución do problema (967). O pagador de foros
seguía tendo que demostrar o carácter señorial da renda, para poder
quedar exento dela. Alonso Ríos pedíu nas Cortes que se arbitrara un
procedimento inverso, é dicir que fora o cobrador quen tivese que
demostrar que non eran de orixe señorial os seus foros. Reclamaba tamén
que cando os pagadores interpuxeran recurso ante o «Instituto de
Reforma Agraria», con vistas a que se declarasen os seus foros
como de carácter señorial, os tribunais suspendesen todo trámite
xudicial por cobro de foros, ata que resolvese o I.R.A. (968). Fora por
falla de tempo ou de vontade política, o caso é que o problema foral
quedou sen resolver. Outro tanto aconteceu cos arrendamentos rústicos,
non obstante a prohibición dos deshaucios, establecida agora, que
supuxeran un importante problema no bienio conservador (969).
Para rematar, dous temas máis concentraban a
atención do agrarismo galeguista: a desgravación da pequena propiedade
rústica (970) e a libre importación de millo, que escaseaba e rexistraba
cotizacións moi altas (971).
Temos descrito así un panorama singularmente
crúo e sombrío que tiña unha resultante dramática, tal como reiteradas
vegadas salienta a prensa (972): «Hambre en el agro gallego»
(973).
Para resolver tan complexa problemática Alonso Ríos propuxo a
primeiros de xullo no Parlamento, que o Goberno diseñase unha lei de
reforma agraria aplicable ó minifundio (974).
Polo que fai ás sociedades agrarias que se
adheriron ó P.G. nesta etapa, somentes podemos engadir, ó xa dito
noutro apartado (975), que o «Sindicato Católico Agrario de Ia Puebla
del Caramiñal», acordou en abril de 1936 ingresar no P.G. (976).
Refirámonos agora á construcción do
ferrocarril Zamora-Ourense-A Coruña. De entrada a situación mellorou
notablemente. En efecto, a presencia de Casares Quioroga no ministerio
de Obras públicas, dende febreiro até mediados de maio (que deixaría
para ocupa-la presidencia hastra o 18 de xullo de 1936), serviu para que
se libraran as cantidades precisas para a continuación das obras (977).
De tódolos xeitos, os traballos levábanse a cabo con pouca rapidez (978).
NOTAS:
|