v1xlripaldaafiador011.html
Dalle
así coa roda cen voltas ao mundo
cambuza
a diario tolas e meixuas.
e
despois de andar por tódalas ruas
fundese
coa terra baixo un ceo de chumbo
(Ben-Cho
-Sei)
En París xa estaba a agardar ó Ramuín o sobriño da Pepa, coa
súa furgoneta pero este estrañouse do proceder do seu tío moi
inquedo desde que chegara á estación, polo que lle dixo:
-¿Que che pasa? Que non paras de
mirar a un lado e a outro, penso que eiquí non hai nada de
particular esta estación é unha como outras moitas.
-Non che digo que non, pero a miña
Pepa non é que digamos unha cousa calquer.
-¡Que me dices! Nada, sabía que
viñas acompañado dunha muller, despois do traballo que me deu
buscarche acomodo na barracón agora resulta que sodes dous.
O Ramuín seguia enviso sen facer
caso ás palabras do sobriño ata que viu que baixaban a tarazana
do vagón.
-Mira xa están a baixar o que ti
pensabas que era unha muller.
O sobriño quedou pampo ó
comprobar que se trataba dunha roda de afiar e dixo:
-¡Pero como che se ocurre vir a
París cunha roda de afiar!
O Ramuín sen perder a calma
respondeulle.
-Si outros como o meu bato chegaron
ata as Américas non o vou facer eu a París, que está moito
máis perto.
A roda acomodárona na furgoneta do
sobriño e dirixíronse ó lugar de residencia, unha especie de
choupana de tablas. E, como os lugares que ían recorrendo non
eran moi vistosos, dixo o Ramuín
-Tanto falar desta cidade e resulta
que non hai nada que ver.
-Mira -di o sobriño- estos son os
arrabaldos a cidade é outra cousa.
O afiador continuou a viaxe sen
dicir nada ata que chegaron o lugar onde pensaba vivir, unhas
barracas de tablas, o que obrigouno a dicir:
-¡Madia leva ! Así que estas son
os meixuos onde vivides, pois xa podedes fachendear de hotel,
desde logo aló mandanvos os gandeiros para que vos recollan
eiquí os tratantes.
-Si algo se quere algo costa -dille
o sobriño-.
Unha vez que o Ramuín ía comenzar
o recorrido pola cidade o sobriño quixo facerlle as seguintes
recomendaciós.
-En París debes camiñar polas
rúas de pouco tráfico, nunca se che ocurra meterte nas grandes
avenidas, pois atoparíaste con moitos atrancos.
Pero o Ramuín non era da mesma
opinión e dixo:
-Mira, veño de andar sempre por
carreiros e congostas agora voume a desquitar.
O Ramuín tal como dixera atópase
no medio da cidade e non sabe que admirar máis si o obelisco
chantado no medio das fontes de onde saen multitude de chafarices
ou as estatuas que rodean a praza e os xardíns proximos. Logo
decide cruzar o río por unha das numerosas pontes que unen as
súas beiras. No fondo olla unha marabillosa igrexa con grandes
torres que ven a ser un dos monumentos máis salientables de París.
Así por este continuo andar a cotío,
pronto a figura do afiador comezou a facerse popular polas rúas
da cidade. Sobre todo por un suceso que ocurriu un día cando
Ramuín atopábase a saída dun museo. Xa que comezaron a caer
grandes bullóns, que fixeron que os transeúntes abrisen os
paraguas, pero ó mesmo tempo levantouse un vento refolado que
trouxo como consecuencias que voltasen os paraguas. A xente
entón pensando que xa non valian para nada guindaba con eles nos
lugares destinados ó lixo ata que Ramuín advirtiulles:
-¡Non tiren cos paraguas!. E cousa
das varillas.
E así para convencelos comezou en arranxar os paraguas, de xeito
que estivo aló varias hora sen parar, xa que a xente recollía
os paraguas que momentos antes guindara pensando que xa non
valian.
Por estas e por outras cousas a
figura do Ramuín comezou a facerse popular na cidade, entón
ocurriu o que lle dixera o sobriño, que ocasiounou grandes
atrancos, policía de tráfico non tivo máis remedio que levalo
á xendarmería ante o seu xefe, quen xa fora avisado polos seus
superiores do continuo desorden que ultimamente había en París.
Xa ante a súa presencia díxolle:
-Non sabe vostede as normas que
prohiben circular a bicicletas.
-Si señor -respondeu o afiador.
-E a motocicletas.
-Si señor.
-E a choqueiros vehículos movidos
a pedal.
-Si señor.
-Entón xa me dirá vostede, se
coñece as leis, a razón que ten para formar tales atascos nas
rúas.
-Pero é que dase a circunstancia
que o meu vehículo non entra en ningunha clase dos que vostede
ven de anunciar.
-Pois xa me contara entón que
clase de vehículo é o que vostede empurra.
-Mire chamase roda, e aínda non
atopei no código ningún artículo que empida a súa
circulación.
O xefe entón rañou a cabeza e
quedou uns momentos pensando, logo dixo:
-De momento queda a multa
suspendida, non obstante a roda deberá permanecer requisada
durante uns días nos que agardamos solucionar o caso.
Ramuín, debido ó seu paro forzoso,
aproveitou para pasear lonxe da algarabía da xente por lugares
tranquilos, como podía ser a beira do río Sena, sobre todo gustáballe
facelo durante a noite, que era cando a luz das farolas ó
reflectirse no río que lle parecían miles de vagalumes que
aboiaban nas súas augas. Nun destos paseos ó ver a unha rapaza
moi cerca do río pensou que podía de novo repetirse a historia
de Elena, pois aínda que non había vagallóns que a levasen,
sen embargo un paso abondaría para mergullarse nas augas; ante
esta circunstancia Ramuín acaroouse á rapaza e díxolle:
-Non te achegues tanto á beira que
podes caer.
-Non teña medo, estoulle afeita a
andar polas beira dos ríos pois nacín ó pé dun.
-Pois a min sucédeme o mesmo,
viñen o mundo a carón dun que corre pola mesma terra que a
túa, xa que o teu acento di ben as claras de onde és.
-O mesmo lle pasa a vostede.
E como a noite comezaba a refrescar,
Ramuín invitou a rapaza a tomar algo quente nun dos cafés que
se extenden a unha banda e outra do río. E xa acomodados
preguntou:
-¿Hai moito que te atopas na
cidade ?
-Bon, viñen vai para dous anos,
desde entón traballo nun espectáculo musical nun dos locais de
moda da cidade. ¿E vostede?
-Pois eu en certo modo tamén
podese decir que son un artista da roda.
-¡Non me diga! Que teño diante ó
afiador do que tanto falan os xornais nestes últimos días.
-Así é aínda que nestes momentos
non podo facer uso dela por asuntos de tráfico. Ó afiador
gustaríalle quedar máis tempo a falar coa xoven, tanto polo
agradable da súa conversa como por contemplar a súa beleza.
Pero ela decatouse de que pronto chegaría a hora de incorporarse
ó espectaculo e despidiuse do afiador. Este tencionou
acompañala, o que inquedou a rapaza, entón Ramuín non quixo
insistir e deixou que se fose soa. Despois aínda permaneceu un
anaco no café dándolle voltas á cabeza sobre o traballo da
rapaza e pensando que o dono do bar, que por outro lado non lle
quitara ollo de enriba, quizais podía sacalo de dúbidas
preguntoulle:
-Pode decirme o lugar da cidade
onde hai espectáculos musicais.
O home ante a pregunta sonrío e
díxolle:
-Parece que lle gustou a rapaza, se
quere atopala non lle será dificil e para mellor seguridade
amosareille o enderezo neste mapa da cidade que teño a man.
E unha vez que llo dixo de novo
volveu asomar na súa faciana o sorriso malicioso do taberneiro O
afiador non lle foi dificil atopar o lugar coa información
recibida. Aló o ambiente era do mais bullangueiro, pero o
espectáculo musical non aparecía por ningures. O cabo viu como
rapazas moi novas entraban e saían de certos sitios, aquelo de
seguro que o poñería tras das trazas da xoven. Así despois de
recorrer varios daqueles tugurios viu como nun deles a rapaza que
coñecera unha hora antes íase debullando da roupa ata quedar
completamente en coiros. Agora decatábase o porque non quixera a
súa compaña. Tencionou esperala á saída, pero logo desistiu
delo ó pensar que sería unha humillación para ela. Preso dunha
grande mágoa andivo ás baroutas dun lado a outro polas rúas
solitarias ata que o sobriño da Petra atopouno coa furgoneta, xa
que saíra na súa procura ó tardar en chegar a casa. Ramuín
contoulle a historia ó sobriño, quen unha vez que a escoitou
dixo:
-Pero ti a que andas, aínda non
saes dun lío e xa querías meterte noutro, éche ben certo que sentimentais
coma ti non gañan os cartos.
O home tivo que presentarse na
xendarmería segundo un aviso que recibiu para tratar dunha vez
por todas rematar o asunto da roda. Unha vez aló o xefe, que non
atopara ningunha saída para o caso, tencionou solucionar a cousa
polas boas dicíndolle:
-Non sería mellor para vostede que
agardase nun local ós siaeiros sen ter que andar polas rúa dun
lado para outro, sobre todo no inverno baixo a chuvia e a friaxe.
Ante semellante proposta o Ramuín
anoxouse en sobexo dicindo:
-Vostede está a propoñerme nada
menos que a industrialización da roda, eso non é posible, xa
que este sempre foi un oficio itinerante e así vai a continuar,
polo menos mentras eu teña folgos.
O xefe continuou a devandar os
miolos ata que un guardia deulle a solución.
-Mire vostede eu penso que a cousa
e mías doada do que se pensa, bastaría con engadir unha nova
señal ó código de circulación prohibindo circular a rodas de
afiar.
-Pois si, non sei como non se me
ocurriu antes esa idea -dixo cheo de razón o xefe.
A señal axiña apareceu por rúas
e avenidas e así Ramuín non tivo máis remedio que voltar á
terra.