A carón da roda (Vida dun afiador)

Páxina Anterior

A carón da roda

Páxina Seguinte

v1xlripaldaafiador003.html

                         E saben os teus ollos de cómaros e pinos
                         -Tamén a noite afía no vento rel que brua
                         salaios e friaxes de serra infida e nua
                         E saben os teus beizos de anceios peleriños.

                                                            (Manuel Luis Acuña)


Así coa incomparable compañeira á que bautizara co nome de Pepa, Ramuín botouse a recorrer camiños e congostas. En certa ocasión, un tanto canso, pois o sol apretaba, detívose diante dunha fonte que deitaba auga moi fresca por estar nun lugar avesío.
     Despois de refolgar ó pe dun carballo, aproveitou para asar un isco de lardo coa compaña dun cacho de pan.
     Entón viu como se movían unhas xestas, atopándose coa sorpresa da presencia do lobo, quen sen dúbida atraído polo cheiro do lardo acaroárase. O home entón xa pensou que ía ser presa da fera e comezou a laiarse:
     -Adeus miña tarazana querida, adeus rebolo, adeus auga das oreteiras, miñas andolias xa non andarán máis camiños porque xa estou na boca do mirco...
     O lobo, ante tales berros do afiador, inesperadamente arredouse do lugar. Ramuín despois de tantas emocións quedouse dormido, botando unha soneta prolongada como amosaba os ronquidos que botaba.
     O despertar de novo quedou abraíado ó dexergar ós poucos metros del a un home con revolver e pistola ó cinto e boa escopeta, quen estaba a dar boa conta do queixo e do pan e mesmo do isco. Ó ver o Ramuín disculpouse dicíndolle:
     - Perdóeme vostede a liberdade de apropiarme da súa mantenza, pero a fame non espera, ademais como dormía deume lástima despertalo.
     O afiador unha vez que se tranquilizou puido artellar a fin palabra e dixo:
     -Vexo que vai moi ben armado ó xuzgar polo boquelo e boquela que leva ó cinto sen que me esqueza da escopeta que podía empleala para a caza, pero as outras armas non son precisamente para eses menesteres, ademais a guerra xa rematou hai tempo e...
     -Non para min -andruviono o descoñecido- e antes de nada vou presentarme, son o Carqueixa e...
     -¡Como o fuxido do monte!
     -Pois si.
     -¿E pode saberse en que bando loitou ? Bon, que parvada de pregunta, se anda escapado é dos que perderon.
     -Pois non esté tan seguro, pois gañase quen gañase eu tiña a cousa fastidiada porque non tomei parte en ningún bando, por tanto recibiría os paus dun e dos outros.
     -Xa me decato e agora ten que andar dun lado para outro a pillar o que poida e tendo sempre detrás das súas trazas os belbas.
     -Non lle falta a vostede razón, andan detrás de min como auténticos furóns. Aínda que polo de agora funme librando veremos en adiante o que pasa. E como non convén andar moito tempo polos mesmos lugares vou a cambiar de aires, así que marcharei para a costa.
     -O meu desexo, amigo Carqueixa, é que a sorte te acompañe pois vas necesitala.
     -Moitas gracias, meu amigo, antes de marchar quero dicirche que sempre que te decates da miña presencia en algún lugar tocarás o chifro dunha maneira diferente, segundo anden os gardas cerca ou non, a tocata imola acordar agora.
     Así, despois do que conviñeran, ámbolos dous despidíronse.
     Continuando o afiador o seu cometido, chegou a unha aldea xa cando a noite comezaba a facer acto de presencia, polo que a xente ía tornando as casas despois de rematar as labouras no campo. A súa preocupación era agora o lugar onde pasar a noite; para eso dirixiuse á baiuca onde pediría información e aproveitaría para tomar uns grolos de viño.
     Aló mantivo unha animada conversa cuns e con outros, e falouse de todo e tamén do Carqueixa despois dun anaco o Ramuín preguntou:
     -¿Hai por eiquí algun meixuo para dormir ?
     Ó que lle respondeu o taberneiro .
     -Non lle vai ser nada doado atopar pousada, xa sabe, a xente anda un pouco receosa polo asunto do escapado e por eso non ofrece pousada a ninguén.
     O Ramuín, xa cando se dispoñía a atravesar o sarego da porta, oíu ó taberneiro que lle dicía:
     -Agarde un momento, pois non me lembraba que perto deiquí ó chegar a unha encrucillada e apartando á esquerda hai un camiño que conduce a un caseirón moi antergo que se coñece co nome do "Pazo dos Axusticiados", onde de seguro lle darán pousada.
     Entón o afiador, movido pola curiosidade, preguntou:
     -¿E a que se debe tal nome?
     -Iso sería un pouco longo de contar e cada un sabe a historia á súa maneira, non obstante podo dicirlle que no pazo vive un home un tanto estraño, ó dicir da xente, pero de seguro que el satisfará a súa curiosidade.
     O dar co pazo foille doado despois de seguir as indicacións que lle deran; aló estaba o vello caseirón rodeado por un muro ancho en sobexo, ó que se entraba por unha cancilla de ferro. O seu aspecto nas noites de luar debía de ser feiticeiro e fantasgomérico. Coa fin de que lle abrisen, tocou o chifro e deseguida oubeou un can que alertou ó mordomo, quen se acaroou ata a cancela e dixo:
     -¡Un afiador ! Hai tempo que agardaba a visita dalgún de vostedes.
     O Ramuín respóndeulle moi contento pola fiuza que o señor lle amosaba.
     -¿E logo non se achegan por eiquí a miúdo outros compañeiros? Ou cicais cóllenlle medo ó doco que defende a casa.
     -Non hai caso, as causas son outras
     E sen máis o mordomo levou a Ramuín xunto ó amo, quen se atopaba sentado nunha poltrona do salón. Ó ver ó afiador dixo:
     -Tome acomodo, espero que non lle moleste a chimenea acesa, porque malia a época do ano en que nos atopamos polas noites refresca sempre por esta zona. Ademais, un xa vai vello e gosta do calor do lume. Mentras o meu mordomo prepara a cena imos falar do que interesa. Como pode apreciar eiquí hai obras de arte en mal estado.
     O afiador seguía a conversa daquel home que, a medida que avanzaba, resultáballe do máis interesante. Así seguiu a falar o vello.
     -Teño entendido que vostedes non só arranxan paraguas, senón que tamén son parafuseiros ¿Estou no certo?
     -Pois si, ten razón; ademais do noso cometido de sempre tamén sabemos facer algo de todo.
     Ramuín puido apreciar na cara do home a satisfacción que as súas palabras lle producían ó dono do pazo, así unha vez que cearon mandou o mordomo que trouxera unha copas e abrindo unha botella de champaña dixo:
     -Sempre me gostou brindar con este viño porque é unha maneira de renderlle homenaxe ó meu avó e tamén a un capitán francés, ámbolos morreron con honor. Pero como xa vai sendo tarde e vostede estará canso retirarémonos a descansar, o mordomo indicaralle o lugar para.
     -Non é necesario -atricouno Ramuín- xa sei onde está a palleira, vina cando entraba.
     Entón o dono do pazo alporizouse en grande maneira e cun forte torgo de voz preguntou:
     -¿Ese é o lugar que lle ofecen por aí para dormir?
     -Pois si, que quere que lle diga, as palleiras, xunto cos fornos, son as miñas meixuos.
     -Así tratan ós artistas neste mundo de incultos, pero eiquí non vai a ser o caso, vostede ocupará o cuarto no que no seu día estivo o capitán francés; así concédolle o máis alto honor que lle pode rendir a miña casa.
     Aquela noite o amolador tardou en pegar ollo; o lugar estaba para el cheo de misterio, non deixando de matinar na persoa que dormira nel .Ó cabo cavilando nestas cousas quedou dormido.
     O vindeiro día comezou a tarefa de restaurar xarróns, vasixas... pero sempre agardando o momento a tergo para saber do misterio que pechaban aquelas centenarias paredes. Así chegou un día que o señor lle dixo:
     -Había tempo que desexaba ter todo esto preparado, sen embargo ninguén quería pasar do sarego da cancela . E ben certo que cando ocurre un malfado a xente deseguida arrédase do lugar entrándolle as máis disparatadas manías.
     Ramuín atopou a ocasión por fin tan alerada e preguntou:
     -Senón é moito falar quixese saber de onde lle ven o nome de "Pazo dos Axusticiados".
     -Sabía que acabaría por inquerirme esa cuestión; o certo é que os feitos, atando cabos deiquí e daló, puideron ocurrir así:
     Naquel tempo os franceses entraron no país, por causas xa coñecidas, e foron ocupando as principais vilas e cidades. Eiquí, en vista das boas condicións que ofrecía o pazo, decidiron quedarse. O capitán da tropa pidiu ó meu avó permiso para pasar a noite; por certo, hai que dicir que tiña moi boas maneiras, aquela noite o capitán xunto co tenente estiveron de sarao. O meu avó deseguida se decatou da grande cultura que amosaba o capitán francés e dixolle:" Vostede fala cun acento que semella bretón". A esto respondeulle moi complacido o capitán: "Si, son de Bretaña, unha terra parecida á súa e amada por todos nós por mor das súas tradicións e danzas, o son do binou e da bombarda; sen embargo, teño medo de non poder volver a ela, estas continuas guerras arruinan o noso país e botan a perder a xuventude. A unidade das terras tal como pretende o noso emperador é de todo imposible, pois cada pobo ten o seu propio modo de ser e costumes, tan só un home preso de semellante doidice pode pensar lograr tales desatinos".
     Ante as palabras do capitán o tenente asorouse e dixo: "Un capitán francés non pode falar deste xeito e menos tratando de louco o noso invicto emperador, terá que dar conta desta traición".
     O meu avó, como pensou que a cousa podía ir a peor polo enzuque do tenente, tencionou apaciguar os azos dicindo:
     -"Bon, como xa é tarde e vostedes teñen un longo camiño por diante sería conveniente retirarnos a refolgar.
     Así o fixeron, malia o vindeiro día no quinteiro do pazo había grande rebumbio, a causa era que o capitán resistíase de ser empurrado cara o muro, pero decatándose de que toda resistencia era inutil aceptou o seu destino, e así acribillárono a balazos.
     O meu avó dexergou aquela barbarie desde a fiestra do salón derrubándose sen azos sobre unha das poltronas, esta foi a triste fin do oficial francés. Como a curiosidade do Ramuín non quedou satisfeita andruviou:
     -Bon, a xente fala do pazo dos axusticiados pero eu de momento só hai un, podía aclararme todo esto.
     Entón respóndeulle o Señor que parecía enviso nos seus pensamentos, sen embargo axiña tomou de novo o fio da conversa.
     -Mire, uns meses despois acudiron ó pazo novas tropas, aínda que esta vez non eran francesas, malia quen as mandaba viña co propósito de aclarar todo o que sucedera no pazo, polo que dixo ó meu avó: "Vostede deu abeiro ós soldados franceses xunto cos seus xefes, por tanto é un traidor", ó que lle replicou o meu avó: "eu non son ningún traidor; ademais, cómo quería que me enfrontase a eles, pois non creo puidese facer moito coa miña escopeta de caza". Estas palabras foron rexeitadas polo oficial da tropa dicindo"un verdadeiro patriota é o que debería de facer nun destes caso por tanto"...
     O meu avó non lle deixou rematar dicíndolle: "mire, eu non lle entendo de patriotismo nin de salvapatrias, eso deixollo para vostedes". O capitán, que tal era o grado de quen mandaba a tropa, mandou acaroar o meu avó cara o muro, onde tivo o mesmo final que o oficial francés. Tanto un como o outro non querían a violencia sendo víctimas dela, esta é a historia pola que lle quedou ó pazo o nome co que se coñece agora.
     Deste xeito quedou satisfeita a curiosidade do afiador que continuou varios días máis disfrutando da conversa do señor, quen unha vez deu por rematada a súa laboura despidiuse do Ramuín na porta do pazo.
     -Perdoe non poida acompañalo ata a cancela de entrada pero é que as pernas xa non me responden. Non se esqueza de volver algún día por eiquí se pode.
     Así llo prometeo o amolador despedíndose del cunha forte aperta, moi contento de servir a un auténtico cabaleiro.
     E de novo viuse no camiño e como a mañá era fresca facía que empurrase a tarazana con forza. Ademais que desexaba percorrer o máis pronto posible aqueles lugares isolados. Enviso como ía nos seus pensamentos, pois despois do acontecido no pazo a cousa non era para menos, non se decatou da presencia dunha parella de gardas que lle berraron:
     -¿Eis amigo, como anda o negocio?
     Ramuín instintivamente sacou o chifro e interpretou a tocata que conviñera co Carqueixa cousa que estrañou ós gardas, así díxolle un:
     -Non vexo a santo de que ven a poñerse a utilizar o subiote así de súpeto, tendo en conta ademais de que por eiquí non hai casa algunha e por tanto xente que lle vaia a sair ó paso.
     O afiador como puido tencionou sair do paso dicíndolles:
     -Perdoen vostedes, pero é que para facer máis levadeira a miña andaina toco de cando en vez pezas musicais: unha habanera, un preludio de opera ou zarzuela... e a presencia de tan importantes autoridades aínda me animou máis a elo.
     Os gardas non moi convencidos seguiron escoitando ó afiador quen esta vez dixo:
     -E falando de todo un pouco que prefiren vostedes. ¿Ópera ou zarzuela?
     Sorprendido pola pregunta un dos gardas respóndeulle tatexando
     -Pois a nós ... o que se dice ópera... en fin...
     O Ramuín observou o seu azoramento e tratou de continuar coa súa retranca.
     -¡Xa vexo, xa vexo! Ó mellor de zarzuela quizais me podan dicir algo.
     O que falou agora foi o compañeiro do garda que por aí andaba de cultura segundo as súas palabras.
     -Pois zarzuela... o que se di zarzuela...
     Ante os coñecementos musicais que amosaba a parella, o Ramuín decidiu acabar con aquela situación que xa estaba resultando un tanto fóra de tono e dixo:
     -Se lles parece deixamos o concerto para outra ocasión.
     E sen máis continuou o camiño entonando a mesma tocata do principio. O que fixo que un dos gardas dixese:
     -Non sei... Non sei ... pero este home...
     -Si, eu penso que ten moita pibela.
     Interrumpiuno o compañeiro que miraba en fite como desaparecía o afiador.
     O Ramuín aínda que cada vez máis afastado do lugar de cando en vez volvese a cabeza e ollase para atrás por si era seguido.
     Despois de atravesar aqueles lugares xardescos o Ramuín atopou un grupo de casas, o que lle indicaba que estaba ante unha nova freguesía; era xa mediodía, polo que se dispuxo a buscar algún sitio onde poidese comer, algo xa que a fame xa lle apurraba o seu.
     E así na súa procura veu a dar ata a igrexa chamándolle a atención a grandiosidade do edificio que tiña ó seu carón, tratábase da retoral, detívose a dexergala sen decatarse que era ateivado polo abade que, desde unha ventá, invitábao a que entrase. Unha vez dentro expresoulle o seu entusiasmo dicíndolle:
     -¡Loubado sexa Deus! Non se estrañe pola miña alegría, pero é que necesitábamos moito a súa presencia, xa que pronto será a festa do patrón e deverán estar os coitelos en condicións para que poidan trinchar o cabuxo e demais viandas sen dificultade algunha.
     -Si, pero antes desexaría tomar un bocado, pois a gadulla é grande; ademais o meu desexo é o de refrescarme nunha oreta xa que a camiñata foi grande.
     -¡Como non! Pase á cociña e que lle sirva a miña ama unha taza de caldo se é que aínda non o botaron ó caldeiro dos porcos, vostede ben sabe que na aldea as sobras nunca se perden.
     -Por min que sigan a non perderse, xa que ollei antes unha tóla onde mercarei o que necesite.
     Así o fixo o amolador e, despois de dar boa conta dun pedazo de queixo con pan, volveu a retoral , e puxose man a obra que en sobexo lle agardaba, segundo puido apreciar pola cantidade de coitelos que debería afiar. O traballo levoulle toda a tarde e xa cando se acaroaba ó final de novo o crego fixo acto de presencia con desexos de conversa co amolador.
     -Como vostede poderá comprobar atopase nunha das máis grandes retorais en moitas leguas a redonda como se dice, agora vai ter oportunidade de coñecela.
     E así o crego foille enseñando as adegas, as tullas para o trigo e centeo, as despensas coa carne de porco, as arcas para o pan e, como non, tódalas estancias da retoral entre as que estaba o grande salón onde se reunía coa familia, moi numerosa, cando lles quería dar unha enchenta, ou cos cregos do entorno, por ser el o dirixente ou conselleiro deles. Unha vez que rematou de amosarlle todo ó afiador díxolle:
     -Como verá hai que fornecerse de todo o necesario, pois uns anos son máis xenerosos que outros, por tanto estes tapan os buratos que deixan os demais...
     -Polo que vexo nese aspecto eiquí non hai cuidado, ten para tapar e tapar.
     -Pois de momento non teño queixa e da abundancia das nosas arcas están enteirados os ladróns que sempre tiveron nos seus puntos de mira as casas retorais; pódolle contar uns cantos casos, entre eles o do "Truco", que roubou nunha retoral vinte mil reais obrigando a descalzar ó abade para logo baterlle cos seus propios zapatos na cabeza; outros que tamén fixeron das súas foron o "Ventosela" e mais o "Louzán". Non obstante, o máis salientable de todos foi Xan Quinto, que no seu ataque a unha retoral matou o cura e a súa sobriña.
     Ramuín seguía moi atento a conversa do cura e quixo saber máis cousas sobre o asunto destes bandoleiros, así preguntoulle:
     -Malia todo eso que vostede me conta, segundo teño entendido, parece ser que os cregos non foron mancos na defensa dos seus intereses.
     -Pois leva razón, xa que nós tamén sabemos defendernos ata o punto que puxemos a máis dun con pes en polvoreda. Podo falarlle dun compañeiro que mantivo a raia a unha cuadrilla de bandoleiros disparando dese a fiestra, a pesar de ter un brazo inutilizado ó ser acadado polos disparos dos contrincantes. O mesmo fixo outro disparando polas torneiras da retoral que fixo que os asaltantes fuxisen como cans escaldados. Ultimamente fálase moito dun escapado que anda por estes lares, pero si ven será recibido como se debe. E dicindo esto o crego levou ó afiador a un cuarto cheo de armas o que lle fixo dicir:
     -¡Madia leva ! Nesta caxegueira hai armas para combatir a todo un exército.
     -Pois esta vostede no certo, amigo, xa que a retoral foi unha sorte de cuartel durante a guerra contra os franceses na que os cregos loitamos como verdadeiros soldados, morrendo na loita un número bastante considerable.
     Unha vez que o crego lle amosou tódalas dependencias díxolle:
     -Como pode ver esto custa moito o sostelo, as aportacións dos feligreses cada vez son máis pequenas, non se decatan como dicía o apóstol que o que traballa no altar debe vivir do altar, o que non deixa de ser unha grande verdade.
     -¿Que verdade? -preguntou o afiador.
     -¡Cal vai a ser, a nosa! -respóndeulle o cura moi alporizado.
     -Tamén é verdade -díxolle Ramuín- que a perdida de fé sempre vai unida a un maior espelimento da xente.
     Neste momento da conversa que cada vez se ía encerellando máis, apareceu a sobriña do cura pavoneandose diante do afiador, o que fixo que dixera o abade:
     -Segundo pode ver teño unha sobriña moi fermosa, pero non vou a deixar que outro Xan Quinto faga das súas con ela.
     -Desde logo ten a quen parecerse -di o afiador.
     -Razón non lle falta , malia que non me coñeceu vostede nos meus anos mozos.
     Entón a señora ama que seguía a conversa un pouco arredada vendo o rumbo que estaba a tomar esgutiou:
     -¡Señor cura! ¡Señor cura!
     Este decatouse de que metera a zoca e tencionou de arranxar a cousa dicindo:
     -¡Xa te entendo ! ¡Xa te entendo! Non sei o que digo, a culpa tena este anisete cando bebo uns grolos demais.
     O caso é que entre unha cousas e outras a noite botábase enriba e o afiador quixo saber onde ía pasala, cousa que lle fixo saber o cura, quen lle dixo:
     -¡Como non!. E ata vai a ter sorte pois aínda non se segou a herba, polo que ten a palleira libre.
     O Ramuín rosmou:
     -Auténtica caridade cristiá a deste zoina, sen colchón nin parrela non se conforma o que non quere.
     O lumbrigar o día enxeitou a palleira, doíalle todo o corpo de estar deitado nas laxes, pois así era o solo e por tanto non era cousa de botar aló máis tempo. Ademais tiña a boca seca e desexaba refrescarse na primeira oreteira que atopase.
     Despois de varias horas de camiñar viu a un home que baixaba por unha congosta que levaba ó monte de aspecto bragoleteiro cunha roupas moi usadas porque non lle ían a medida, semellaba non de bon xorne ó ir ía falando só, contra uns e contra outros.
     O Ramuín coa fin de que se aledase un pouco saudouno, o que fixo que o home quedáse sorprendido dicindo:
     -Como se coñece que vostede non é destas terras, pois de ser así pasaría de largo aínda que me vise guindado no chan.
     -¡Home! Penso que o saudar e o menos que se pode facer.
     -Así debería de ser pero o Gaiolas que así é como me chaman, non entra nesas normas.
     -Vostede é un grande madrugador, e perdoe a miña curiosidade, pero...
     Sen darlle tempo a que continuase, o Gaiolas andruviono dicíndolle:
     -Mire, sempre antes do abrente subo ó monte armar as miñas gaiolas, de aí ven o alcume co que se me coñece, e unha laboura de tempo e paciencia, logo ó solpor veño a ollar o que caeu. Endexamais me gostou cazar por outros medios que non sexan estos, eu empleo as miñas mañas e os animais deben emplear a súas para non caer nas trapelas.Como verá é a eterna loita pola supervivencia.
     Despois desta palabras o Gaiolas permaneceu uns momentos calado o que aproveitou o Ramuín para dicir:
     -Vexo que estará en contra os que convirten o monte nunha verdadeira carnicería, querendo acabar pola via rápida empregando furóns e outros métodos para obrigar os animais a saír á forza dos seus tobos.
     O Gaiolas por uns momentos alporizouse xa que o Ramuín viña de lembrarlle unha das súas teimas: a caza ilegal polo, que lle dixo:
     -Agora, si que atopou vostede o miolo da cuestión, con relación a eso direille que estou moi enoxado coa maioría da xente, pois o que máis ou que menos ten algo que rañar sobre todo algúns que deberían dar exemplo, non é necesario dar nomes pero ós que estorbo porque xa non é a primeira vez que os collo en plena faena. Por eso conto con moi poucos amigos na aldea, ademais consideranme un vagabundo porque vivo arredado nunha poubea nun mal colchón de palla e por se todo esto fose pouco din que son un mal exemplo para a aldea.
     De novo Ramuín atricou a conversa dicindo con retranca:
     -Será por cazar honradamente. ¿Non si?
     -Poida que sexa así, dicíalle que todos estaban en contra de min, aínda que esto non é de todo certo, xa que o taberneiro e mailo mestre axúdanme, por eso xa recibiron un toque de atención do cura e mais dos gardas.
     Como o afiador quedara un pouco estrañado polas palabras do Gaiolas, este decatouse delo e díxolle:
     -Mire, ás veces o mestre dame uns cartiños, non moitos, xa que o pobre non pode ó non nadar precisamente na abundancia . E o taberneiro agasállame coa correspondente botella de viño. Ámbolos dous reciben as súas criticas porque segundo esta clase de xente o que fan é viciarme, como lle dicía, ó ser un mal exemplo para a freguesía andan buscando a maneira de recluírme nun asilo da cidade. E temo que rematarán algún día non moi lonxano por conseguilo.
     O afiador acompañou ó Gaiolas ata a aldea, pois invitárao a tomar unhas cuncas de viño na baiuca, aínda que non puido levar a cabo o seu propósito xa que decatouse de que nese momento atopábase no lugar os que menos desexaba: o cura xunto co cabo dos gardas. Entón aló mesmo despidiuse do Ramuín, quen si entrou na baiuca cando precisamente o crego lle estaba sermoneando o taberneiro dicíndolle:
     -Vostede está a fomentar os vicios do Gaiolas ó darlle tanto viño, xa que con frecuencia vese guindado pola estrada, o que ademais de constituír un grande perigo para el, resulta un mal exemplo na vecindade.
     Naqueles momentos entrou o mestre, quen tamén recibiu a súa chamada ó orde, esta vez por parte do garda.
     -E deso ten a culpa o ensinante ó darlle cartos, pois teño comprobado que pasa pola porta da escola con frecuencia, o que tampouco é un exemplo edificante para os rapaces.
     -O que eu lle dou -deféndese o mestre- penso que non lle chegará nin para un cuartillo de viño, así que xa me dirá. ..
     -Bon, deixemos esta cuestión, que xa se arranxará ó seu debido tempo, e saboreemos este anisete.
     E así rematou a cuestión o crego.
     O garda e o cura abandonaron a taberna e o Ramuín, que permanecera calado escoitando os desatinos de ámbalas persoas, mirou para o taberneiro como agardando unha resposta, este decatándose delo díxolle:
     -Que lle quere, as cousas son así, a esta xente non se lle pode levar a contraria, sempre creen ter a razón.
     -Si , está no certo -respondeu o afiador-.
     Quen apurou a cunca de viño e saiu da baiuca, esta vez contra o seu custume de parar a exercer a súa laboura por onde pasaba, colleu a tarazana e continuou camiño, xa que polo trato que a xente daba ó Gaiolas pensou que non merecían ningunha atención pola súa parte.


Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega