A carón da roda (Vida dun afiador)

Páxina Anterior

Encontro con Pepiño

Páxina Seguinte

v1xlripaldaafiador006.html

                         Asubiando van e van
                         anduriñas miñotas
                         de moeda en moeda

                         (Antonio Tovar Bobillo)


O Ramuín, xa cando se acercou a unha encrucillada da que saía a corredoira cara a súa aldea, viu como do coche de liña baixaba o Pepiño, que tocaba o clarinete nunha pequena banda e tan pronto se achegou a el díxolle:
     -Seica te deixaron dar unha volta pola casa.
     Ó que lle respondeu o Pepiño moi ledo:
     -Pois si, pero ademais que este viaxe non terá volta, xa que déronme inútil para o servicio e, como por esta corredoira debido ó seu mal estado non poderás correr coa túa tarazana, vou ter tempo de contarche de vagar como me foi a curta mili de tres meses.
     -Sorte a túa, só tres meses de charría.
     -Menos mal que foi pouco tempo, senón non sei como ía aguantar, pero comezarei a contarche desde o principio a miña estadía nos cuarteis. En primeiro lugar teño que dicirche que tan pronto chegamos deixaron as nosas cabezas completamente peladas, segundo nos dixeron por culpa dos parasitos, así é como lle chamaban aló ós piollos. Despois mandaron poñernos en ringleira para ir un a un pasando diante dunha mesa onde se atopaba fronte a ela un sarxento que nos ía preguntando a cada un que oficio tiñamos; en chegando o meu turno díxome "a ver, di o que saibas facer, se é que sabes algo"; entón respondinlle que tocaba o clarinete. Como resultado da entrevista presenteime ó capitán de música. O caso é que a cousa non saíu moi ben que digamos.
     -¿Que pasou entón ? -preguntou o afiador.
     -Pois que ó chegar diante do capitán para comprobar os meus coñecementos deume un papel semellante o que usan os músicos das grandes bandas para que tocase o que as notas indicaban, como lle dixen que así non sabía tocar el díxome que cal era o procedimento que empleaba, como lle indiquei que tocaba de oído comezou a berrar que semellaba que oubeaba un can.
     -¿E mordeute?
     -Home, non chegou a eso, pero mandoume que saíse inmediatamente de xunto a el porque senón ía a comerme o figado.
     -¡Cacho animal!
     Esgutiou Ramuín espantado, logo continuou o Pepiño coa súa historia.
     -Agora vouche dicir o que pasou cando nos deron os uniformes, aquelo facía rir, pois a uns quedábanlle curtos e a outros longos, o mesmo pasaba coas zamarrras e os puchos. E chegou o día que nos avisaron para comezar a instrucción, o que ocasionou que o capitán se volvese a enoxar conmigo xa que advertinlle que eu non tiña case nada de pluma e non poidera ir á escola debido as labouras da casa. Pero el dixome "Anaco de cortiza, non se trata dese tipo de instrucción, que por outra parte poderá adquirir na clase de analfabetos a que deberá ir, así que vaise esquecendo de pensar en permisos, instucción que eu lle mandarei trata do manexo das armas, preparación física entre outras moita cousas".
     De xeito que para disparar había que facer unha serie de cousas, que sei eu, tempo un, tempo dous... Eu díxenlle ó capitán que como andivesemos con estas monadas diante das perdices non ía cazar ningunha, pero o capitán indicoume que todo aquelo facíase en sentido figurado. Esto serviume para amolalo.
     -¿E como o amolaches?
     -Foi un día que mandou á compañía correr, e ó ver que eu non o facía chegouse onda min moi alporizado dicíndome "Vostede, tarugo, porque non corre, non oíu a voz de mando"; eu respondinlle que estaba trabucado, que corría pero en sentido figurado. Ante esto, comezou a berrar dicindo que aquelo non se podía aguantar, pois tratábase dunha anormalidade pola miña parte, así levoume xunto ó medico para que me declarase inútil por louco. Malia o médico despois de falar conmigo un anaco viu que era unha persoa completamente normal. O que disgustou en grande maneira o capitán. Sen embargo, cando me marchaba fixouse nos meus pés e dixo "Un momento, este home debe de ser considerado inutil como soldado, ten os pés completamente planos, como non se deron conta no seu recoñecemento". Este foi o final do soldado Pepiño.
     -Así que te deron por chulán e xa estas de novo camiño da casa. O caso e que ti remataches a túa mili, pero ó mellor empeza a miña, ó chegar a casa, co sarxento da miña muller aínda que neste caso a licencia esta nas miñas mans.


Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega