A carón da roda (Vida dun afiador)

Páxina Anterior

As vacacións de Pedro da Raña

Páxina Seguinte

v1xlripaldaafiador007.html

                         Vel ehi ven o afiador
                         asubía que asubía
                         Co seu carro de unha roda
                         é como a besta xunguida


                              (Xosé María Alvarez Blázquez)


Unha vez que Ramuín achegouse de novo a casa comprobou que a muller non cambiara en nada, máis ben se podía dicir que estaba de peor xorne que nunca, debido ademais ó que fachendeaban algúns emigrantes da súa estadía por Europa, por eso lle dicía ó afiador:
     -Ti despois de tanto tempo fóra da casa ¿que é o que traes? Fíxate no Pedro da Raña, ese si que pode dicirse que é un home, ademais fíxate no agasallo co que obsequiou a muller: un anel de brillantes, e non só eso, hai que ver o elegante e fino que se puxo. E ti sempre o mesmo, feito un paifoco amarrado á roda.
     En verdade que a Petra non cambiara nada. Sen embargo, agora Ramuín o que lle importaba era coñecer se todo o que dicía a muller sobre o Pedro era certo, de maneira que achegouse á baiuca, lugar onde acudía case que tódolos día a contar as súas fazañas. Así o atopou no momento que lle estaba a dicir ó taberneiro:
     -¡Como me serves a cervexa en semellante vaso! Non sabes que tes que usar un vaso fino. O taberneiro, como xa estaba cheo das enxangadas do Pedro, díxolle:
     -Mira, como sigas amolándome, a fe que vouche servir a cervexa no vaso fino que mereces: a maseira dos porcos.
     Así deste xeito o Ramuín íase enterando das cousas do Raña, unha veces porque coincidía con el na baiuca e outras veces por comentarios da xente, como nunha ocasión que oíu falar a un.
     -Parece ser que o outro día estivo o Raña na capital e pidiu un wisque, entón o camareiro preguntoulle se tiña preferencia por alguha marca en particular, o Raña moi convencido díxolle que el quería do mellor. Así o camaeiro trouxolle unha das botellas consideradas caras, pero ante a súa sorpresa viu como o Raña rexeitábao pois aquel non lle servía. Entón o camareiro serviulle un dos máis baratos. Unha vez que lle chegou ó padal asegurou que aquel era o mellor, que a el era moi dificil enganalo, xa que desta bebida entendía moito.
     -O camareiro -dixo o Ramuín- debeu cobrarlle o wisque como se fose o máis caro para que escarmentase.
     -Dito e feito, pero eso non foi todo, senón que ó saír do lugar o Pedro pronunciou as palabras que repetía a cotío desde a súa chegada ¡Que incultura! ¡ Que incultura! cando algunha cousa non lle ía ó direito.
     A conversa continuou, porque o que máis e o que menos tiña algo que contar sobre o Pedro, así falou agora outro.
     -Tamén dicía que era moi entendido en roupa, así un dia na feira acercouse a un dos tenderetes de roupa a mercar unha camisas e comprobou que eran polo menos dez veces máis baratas que no país onde estivera. O que fixo que se alporizase en sobexo, dicindo que aló eran uns completos ladróns. Os que o acompañaban entón repetironlle a coro ¡Que incultura! ¡Que incultura!.
     Así un día e outro o Raña continuou coas súas parvadas ata que xa non foron novidade para a xente, polo que se acabaron os comentarios. Pois a xente dicía que se parvo era cando se marchou, parvo volvía.
     Esto fixo cavilar ó Ramuín ó pensar que se un babión como o Pedro gañara os cartos de maneira tan doada, porque non o intentaba el, que se consideraba bastante máis espilido.
     Así dispúxose a preparar a viaxe, Francia foi o país polo que se dicidiu e dentro del a cidade de París era a que lle atraía máis. Moitos foron na aldea os que tencionaron que non saíse da casa, pois coa roda nada ía a facer. Sen embargo, lexos de acobardarse, o Ramuín colleu azos dicíndolles os seus veciños:
     -Se o meu bato chegou coa roda ás Américas tamén o podo facer eu a un país que está bastante máis cerca.
     Así un día o afiador colleu a congosta que o levaría a encrucillada e aló agardou que pasase o coche de liña, comenzaba deste modo unha aventura que ía resultar do máis reloucante.


Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega