A carón da roda (Vida dun afiador)

Páxina Anterior

O Cuco volta ó mar

Páxina Seguinte

v1xlripaldaafiador004.html

                         Nos anos de lonxana mocedade
                         tódolos marzos , cando viña o cuco,
                         o afiador de roda e parafusa
                         entraba na viliña mariñeira
                         ceibando o berro longo e desmaiado:
                         ¡o afiador ...!

                                                  (Ramón Cabanillas)

Ramuín continuou recorrendo as terras do interior, saíndo máis ou menos das dificultades que se lle foron presentando. Sen embargo entroulle a curiosidade de viaxar á beira do mar, ós mesmos lugares onde antano estivera o seu pai.
     A súa presencia acollerana con grande alegría sobre todo polos rapaces que berraban:
     -¡Xa veu o Cuco! ¡Xa veu o Cuco!
     Ramuín non enxergaba como a el o identificaban co seu pai, pero un velliño que tomaba o sol a porta da súa casa ó notar a sorpresa do afiador explicoulle:
     -Non se estrañe, pois eiquí desde hai moito tempo ós afiadores coñéceselles co nome de "Cucos" e verá o porqué. Esto élle en lembranza dun grande afiador que puntualmente viña por estas terras o mesmo que o cuco, de aí o alcume que lle quedou desde entón para tódolos afiadores que por eiquí se acaroaban. E mire por onde vostede ten un grande parecido con el, nen que fose o seu filllo.
     Por estas consideracións cara a persoa do seu pai o afiador facía o traballo como se di poñendo os catro sentidos. Durante a súa estadia tivo ocasión de coñecer un mundo do máis reloucante que polo seu modo de vida era moi distinto do que deixara atrás. Agora Ramuín non se cansaba de ollar ó mar, aquel mar que atravesara o seu pai para nunca máis voltar. Uns deses días que estaba a ver o ir e vir dos vagallóns coñeceu a unha muller aínda rufa, pois malia os moitos anos cos que apandaba manexaba os remos da gamela como se dunha moza se tratase. Malia o Ramuín díxolle:
     -¿Non cree que xa vai sendo hora de que descanse?
     Entón a muller moi perena respóndeulle.
     -Levo xa unha chea de anos metido nesto traballando arreo, sobre todo desde que me quedei viuva dun "vivo". Este é o meu medio de vida, salgo coa gamela tódolos días que o mar mo permite e con ela pillo o que cae logo vendo os peixes e así fago uns cartiños para ir tirando.
     -Si mal non entendín, vostede dixo que era viuva dun vivo, xa me explicará como pode ser eso e perdoe a miña curiosidade.
     -Mire, eu tiven mala sorte ó casar, pois o meu home resultón un folgazán de primeira é...
     -Aínda que non pretendo que lle sirva de consolo, a min pasoume o mesmo no meu matrimonio -atricou o afiador.
     -Sintoo, entón saberá o mal que se pasa e, seguindo co asunto do meu home, direille que este non daba pancada, enchíase de comer e beber. En tratando de arranxar o asunto fun a onde o cura, a quen lle contei as miñas cuitas, pero lexos de darme unha solución díxome:
     -Mire, a muller debe levar as cargas do matrimonio con paciencia e resignación, pois así nolo enseña o noso Señor Xesucristo.
     -Eu respóndinlle que era o único que me podía axudar, pero que vivía bastante lexos.
     -¿E que fixo vostede entón?
     -Pois tratei de solucionar a cuestión pola via rápida.
     -Supoño que se está a referir o xuzgado, aínda que tampouco se lle pode chamar vía rápida.
     -De que xuzgado me fala nen farrapos de gaita; mire, o asunto solucionouse cun palitrocazo co remo da miña gamela, penso que non pode ser a cousa máis rápida. E ademais advertinlle que como se deixase volver a ver por estes lares escacharíalle mitade da cabeza que lle quedaba. O asunto serviu de escarmento porque endexamais souben máis del.
     A historia da vella pescantina causoulle moita gracia ó Ramuín, ó contrario do que lle sucedeu un día que estaba xunto a un cantil dexergando o espéctaculo de ollar como os vagallón rompían sobre os cons deixando esbarar a xerfa. Cando viu que unha rapaza se atopaba en perigo de ser arrebatada polos golpes de mar se continuaba na perigosa situación. Ó afiador aquelo non lle pareceu normal e tencionou acaroarse a ela, o que conseguiu non sen poucos esforzos, xa que aínda que estaba acostumado ós lugares esgrevios aquelo era demasiado para el. A rapaza tan envisa estaba nos seus pensamentos que non se decatou da presencia do Ramuín ata que lle dixo:
     -Non penso que este sexa o lugar adecuado para vires tomar o sol.
     A rapaza contestoulle chorando.
     -Xa me queda pouco tempo para eso e para calquer cousa, e senón quere acompañarme máis val e que se arrede do meu lado, xa que algún dos vagallóns acabarán por levarme.
     O Ramuín non sen poucos esforzos conseguiu ó cabo afastar a rapaza do perigo e díxolle:
     -Por moito desengano amoroso que teñas, pois seguro que esa é a causa de que te queiras matar, non penso que sexa tan grave ata o punto de querer abandonar este mundo.
     A xoven novamente sorprendeu o afiador dicíndolle:
     -Eu non teño ningún desengano como vostede dice, mátome por amar demasiado.
     -Pois con eso non contaba xa me dirás entón cal é o motivo de que estes amorantada dese xeito.
     -Mire, a miña familia vive pobremente, por eso os meus pais queren que case co Foncho que ten ó seu mando a frota pesqueira da vila, pero a min pouco me importan as súas riquezas, ademais de ser xa moi vello para min e noxento pois tense rido de moitas rapazas.
     -Por desgracia o que me contas non é novidade algunha, pero desde logo eso non che vai a pasar a ti, gracias a este asubiote que levo no bulso.
     De súpeto a rapaza baixou a cabeza e púxose a saloucar, o que sorprendeo a Ramuín, que lle dixo:
     -¿Que diaño pasa agora?
     -E que o meu noivo Pedro tamén ía a face-lo mesmo ca min, cando saise a pescar coa súa gamela.
     -¡Quen non quere caldo sete tazas! -esgutiou o afiador-, pero deseguido recobrou a calama dicindo:
     -Veña, azancoa, que non temos tempo que perder.
     Ámbolos chegaron no momento en que Pedro estaba disposto a sair, contándolle Elena, que ese era o seu nome, todo o que lle acontecera sen esquecerse do asunto do chifro, o que lle fixo pensar:
     -E non será que ese home esté tolo, pois o que me dices non é para considerar que ande con demasiada cordura.
     -Tolos estabamos nós polo que íamos facer, eu teño completa fiuza neste home e ti débela ter de igual maneira.
     Por uns días o Ramuín deixou a roda e comenzou a recorrer aqueles lugares esgrevios coa seguridade de que atoparía ó Carqueixa, cousa que non tardou en ocurrir pois un día viu o escapado sentado nuns cons e berroulle:
     -¡Eis Carqueixa!
     Quen tan pronto como se decatou da presencia do seu amigo acaroouse xunto a el e foi cando o afiador lle dixo:
     -Sabía que te atoparía por eiquí, pois dixérasme que ías a cambiar de aires.
     -Segundo podo observar ti tamén fixeches o mesmo, e falando de todo un pouco, que novas me traes.
     O Ramuín contoulle todo o que lle sucedera coa parella de noivos sen esquecerse dos propositos que tiña o cacique da vila para coa rapaza, unha vez que acabou díxolle ó Carqueixa.
     -Non te preocupes, que a ese tiña ganas de arreglar contas con ese galopín xa que segundo me puiden enterar abusa dos mariñeiros pagándolles o que lle peta e despidíndoos tamén cando lle vén en gana. Deixa esto nas miñas mans, verás como se lle dará xeito a todo.
     O Carqueixa non tardou en presentarse na casa do Foncho e fíxolle a seguinte petición:
     -Mire vostede, estou nun grande apuro, pois teño unha débeda cun ricachón e senón lla pago terá que casar coa miña filla, que é o único que el acepta para poder perdoarma. Ela está disposta pola familia en unirse a tal porco e por tanto...
     Entón interrumpiu o Foncho
     -Eso a min non me importa nada, estaría apañado se cada un con problemas viñese onda min para que llos sulucionase, ademais que o mundo está cheo de porcos.
     Ante as palabras do Foncho respóndeulle o Carqueixa moi pereno.
     -Ten vostede moita razón e un deses porcos está diante de min, pero deixémonos de palabras e vaia afloxando a carteira, senón vai aínda máis aumentar de peso con estas onzas de chumbo que lle meta no peito. Ademais concederá un préstamo a fondo perdido, claro está, a un tal Pedro, supoño que lle sonará, de maneira que poida mercar un barco para faenar. E a cousa non remata eiquí, pois firmará contrato indifinido a cada un dos mariñeiros ó seu cargo. Senón cumple deixareille o peito coma se dun coador se tratase. ¡Palabra do Carqueixa!
     O Foncho, ó escoitar tal nome, entroulle unha suor fría como de morte e deixouse caer sobre a poltrona facendo ruxir tódolos seus muelles.
     O Ramuín inda quedou varios día na vila e puido comprobar como o Foncho ía cumplindo todo o mandado, pero antes de partir quixo despedirse da vella pescantina cando como un día calquer se dispoñía a realizar a súa tarefa e díxolle:
     -Cando volva a casa quizais se atope cunha novidade, logo pasoulle as mans polas meixelas a modo de anaina en señal de despedida e agardou uns momentos que desaparecese coa súa gamela no horizonte aquela extraordinaria muller que malia os moitos anos o mar seguía a respetar.
     A vila despidiu con entusiasmo ó Ramuín, quen ó pasar coa súa roda diante dos enamorados dedicoulles a súa máis fermosa tocata. Entón Elena dixolle ó seu noivo:
     -Decíache que debiamos confiar nel e como ves así sucedeu.
     -Si, foi un home de palabra -dixo Pedro, ollando para el cheo de admiración.
     Xa entre o fusco e o lusco chegou a vella pescantina a casa e atopouse coa agradable sorpresa de que diante da porta tiña un motor fora borda para a gamela, o que lle fixo dicir:
     -¡Que raio de afiador!


Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega