A carón da roda (Vida dun afiador)

Páxina Anterior

Rebumbio no tren

Páxina Seguinte

v1xlripaldaafiador010.html

                         Veña pra acá afiador
                         afiei a navalla miña...
                         Teño na festa da Virxe
                         de facer trinta feridas.


                    (Xosé María Alvarez Blázquez)


Ramuín entrou nun dos corredores dun vagón que tal parecía que non tiña fin, empurrando a roda ía tropezando con todo o que se lle poñía por diante o que ocasionaba continuas protestas, e aínda máis pode ser os vagóns de primeira clase polo que dicían que non se debía permitir os viaxeiros de categoría inferior subisen ó tren pola súa zona. O proceder daquela xente, que viaxaba comodamente sentados sen estreiteces falando ou lendo ou simplemente dexergando a paisaxe poas fiestras dos pasillos coa seguridade de que ninguén se apoderará do seus asientos, enoxou en sobexo o Ramuín quen dixo:
     -Virán tempos en que xunto ó soldado viaxe o xeneral, xunto o labrego o presidente da nación. ¿Acaso non teñen todos as mesmas posadeiras?
     Continuando a busca dun lugar en que puidese refolgar seguiu o afiador, pero o único que observaba era a faciana de felicidade amosada por todos aqueles que disfrutaban de asiento e daban conta de variados bocadillos, así como do viño que lles caia certeiramente nas gorxas enxoitas polo alamio de fume e carbonilla que se colaba de cando en vez por algunha xanela. De súpeto ollou un compartimento que lle pareceu valeiro e pensou que aló podía atopar o tan arelado descanso, pero non se decatou que enfronte os bancos baleiros ía unha parella de gardas. A súa sorpresa foi grande cando viu que no medio dos do tricornio ía o Carqueixa, e laiouse de que a fin derán con el.
     Un dos gardas recoñeceuno e dixo:
     -¡Que señor afiador! Segue vostede coa súa tocata, pois mire por onde eiquí levamos un admirador seu.
     O Ramuín non dixo palabra e arredouse do lugar coa tristura de ver o amigo en tal situación. Continuou o seu devalar polos vagóns onde puido comprobar a grande bullangueira que había en algúns, sobre todo os ocupados por soldados que volvían ás súas casas despois de cumplir un servicio militar bastante máis longo que o do Pepiño. Canso de andar baroutas empurrando a tarazana e cando xa desesperaba de atopar algún vagón libre, deu cun compartimento onde tan só viaxaban un home e unha muller, eso si, tanto un como outro ocupaban case todo o banco do seu lado, e non viron con agrado que entrase o afiador, quen saudou.
     -¡Boas tardes teñan vostedes!
     A parella a que ninguén aburara pensou que así ía continuar ata o seu destino, devolveu o saúdo duinha maneira un tanto fusca. Despois o Ramuín díxolles:
     -Vou acomodar a miña Pepa de xeito que ninguén proteste.
     A parella pensou como era natural que outro pasaxeiro ía tamén acomodarse o seu carón, o que aumentou a súa inquendanza ó saber que agora tiñan que realizar a viaxe con varias persoas. Ó cabo viron que o afiador regresaba non cun viaxeiro senón coa tarazana que non sen pouco traballo conseguiu meter no compartimento.
     -Así que esta é a súa compañeira, pois nós pensamos que se trataba dunha persoa .
     -Bon, para min si, levamos moitos anos xuntos e así continuaremos penso eu.
     Entón o home indicoulle que podería ter a súa dificultade co taniscador por mor da Pepa. Pero Ramuín quitouno de dúbidas ó dicirlle que tamén levaba billete en regla para ela. Despois de tanto traxín quedouse dormido e ó pouco tempo xa soneaba e así continuaría, pero o balbordo que facían os compañeiros de vaixe fixo que despertase. Entón puido ollar como a muller subía as vaporosas saias e o home afloxaba lizgairo o cinto do pantalón. Por un momento pensou no peor, mais logo decatouse que se trabucaba porque tanto un como o outro levaban uns bulsos pendurados debaixo da saia e do pantalón. E que a medida que ían sacando guindaban pola fiestra do tren. Sendo recollidos por xente que axiña desaparecía coa mercancía. Non había ningunha dúbida, aquela xente adicábase ó estraperlo e todos os movimentos tíñanos moi estudiados, o que indicaba que operación viñan de realizala moitas veces.
     Rematado o cometido, a parella agora ,como podía, tencionaba acomodarse debido ós atrancos que a roda lles causaba para poder situar os pés, cousa que fixeron despois de non poucas dificultades.
     O Ramuín ollaba para eles comprobando como os voluminosos corpos que amosaban ó principio disminuíran agora dunha maneira considerable.
     O xardesco movimento do taniscador ó abrir a porta do compartimento despertou ós viaxeiros cando este pronunciou as consabida frase de a cotío:
     -¡Billetes por favor!
     Mais a súa faciana arrubiouse pola carraxe cando viu o espacio que ocupaba a tarazana, o que fixo que esgutiase:
     -¡Pero que diaño é esto!
     Ante as palabras que o taniscador pronunciara, o afiador alporizouse debido ó mal trato que recibía o seu instrumento de traballo e dixo:
     -Esto non é ningún diaño, só faltaba eso, aldraxar a Pepa, pois deberá saber vostede que ela é a miña compañeira xa hai unha chea de anos e non lle permito a vostede nin a ninguén ese torgo de voz con ela, cando ademais viaxa co seu correspondente billete.
     Malia as palabras do afiador, o taniscador continuou coas súas amenazas dicindo:
     -De que billete me fala vostede, acaso non sabe as normas, que un calimbornio de semellante tamaño debe de ser facturado, e non pode en modo algún ocupar o sitio destinado ós viaxeiros.
     -Mire, xa me está vostede a encher os nefres -di o afiador-, primeiro trata a Pepa de diaño e agora de calimbornio. ¡Abonda xa de aldraxes!
     O taniscador sen darse conta pisou o pedal da tarazana, o que fixo se puxese en movimento a roda onde tiña apoiada a man e berrou.
     -¡Ai, ai ! Que me pela a man o diaño.
     -Pero home quite o pé do pedal, senón nin a raspa lle vai a quedar, ademais que a Pepa xa lle dixen que non se pode aldraxar, logo non se estrañe que se defenda.
     Esto fixo que o taniscador calmase os seus azos e dixese a modo de disculpa:
     -Bon retiro as miñas anteriores palabras e agora dígame cara onde vai co seu apero de traballo
     -Dirixome a París, onde tratarei de buscarme a vida como un guaripo máis.
     Sen embargo, entre tanta galra o taniscador esqueceuse do miolo da cuestión e dixo:
     -Mire, eu síntoo moito, pero terá que baixar na vindeira estación e facturar o diaño, ou como se chame.
     Pero o Ramuín amosoulle o billete que traía quitándoo da alxibeira; aquel ó velo dixo:
     -Non sei quen é o que verdadeiramente está máis tolo, se o xefe da estación ou vostede -e outra vez, debido a carraxe, a cor avermellada chegoulle, esta vez, ata as orellas.
     Logo Ramuín díxolle moi pereno:
     -Pero, malia todo eso, o xefe é o xefe ¿ou non?
     Tendo como resposta:
     -¡Sexa pois!
     E dando un portazo o taniscador arredouse. A parella que ante os sucesos acaecidos mantiverase en silencio agora deu señais de vida dicindo:
     -Polo que vexo contra vostede nada se pode facer pois está moi organizado.
     Ó que lle respondeu o afiador:
     -Para andar por este mundo, onde como di o rapaso todas son trampas, hai que procurar ser moi espilidos. Pero, falando de todo un pouco, polo que vexo vostedes tamén teñen a súa organización, ademais adelgazan nun abrir e cerrar ollos sen necesidade de receta médica. E tamén son uns verdadeiros trasnos, pois fan desaparecer as cousas en menos do que canta un galo.
     A parella, ante a confianza que desprendía o Ramuín na conversa, comezou a portarse dunha maneira amable, moi lexos de aquela aptitude xardesca que amosaran o principio, así dicíanlle:
     -Bon, non pense que a operación de facer desaparecer as bolsas de café, pois ese é o material que guindamos polas fiestras, non ten o seu traballo, do que vostede tan só viu a parte final, pero ata chegar eiquí hai un longo camiño que recorrer.
     Así o home comezou a súa explicación depois de estirar as pernas o que lle permitía a tarazana.
     -Mire, nós temos que aproveitar tódolos tantos e para eso valémonos de certas festas que se celebran polo pais, aproveitando que os que tiveron unha grave enfermidade van ofrecidos nuns ataudes que traemos de Portugal, pero que son un pretexto para que podamos transportar o café no doble fondo deles.
     -Pero si o café arrecende o seu, de que maneira evitaban eso -di o afiador.
     -Pois empleando outro cheiro aínda máis forte como follas de loureiro, para dese modo contrarerstar o ulido co café.
     Mentras tiña lugar a conversa entre o Ramuín e os contrabandistas algo estaba a pasar no vagón onde ía o Carqueixa, quen dirixindose ós guardias dixo:
     -Doime a barriga, teño ganas de ir ó escusado, xa que como vostedes enxergarán estou nervioso, pois non sei o que van facer conmigo.
     -Non debes preocuparte por eso, pois o que che vai suceder está claro, o irche a retorcer o gañote como outros moitos que foron caendo.
     Estas palabras, dun dos gardas, agora puxeron en verdade inquedo o Carqueixa, o que fixo que o outro guarda, moito máis humano que o seu compañeiro, tratase de tranquilizalo dicíndolle:
     -A perdiz mentras voe non é do cazador, así que teña confianza, e agora de seguido atenderemos a súa petición.
     Como o escusado estaba no vagón onde ía o Ramuín, por forza tiñan que pasar diante do compartimento onde el se atopaba.
     O Carqueixa detívose e fixo un aceno para saudar ó afiador, pero pronto empurrouno un dos gardias dicíndolle:
     -Deixe o músico de zarzuela e de óperas e tira para diante
     O Ramuín non dixo palabra e baixou a cabeza.
     Un dos gardas, unha vez que chegaron o lugar, díxolle o escapado
     -Veña, entre e faga o que teña que facer, pero deixe a porta aberta.
     -¡Home! Non me dirá vostede que desexa ser padriño da merda xa que onde son eu así lle chaman o que mira para o que caga.
     -¡Era o que me faltaba!- berrou o garda- malia cada vez que eu diga ¿está o paxariño? ti deberás contestar: pío, pío.
     E así estiveron durante certo tempo que o Carqueixa aproveitaba para romper a ventá buscando espacio para saltar, ata que o garda xa canso díxolle
     -Mira, xa levamos eiquí bastante tempo coa mesma cantinela, así que abre a porta e sae dunha vez...
     -Como vostede queira, pero xa sabe o título que vai a ganar, así que...
     -Bon, tampouco se trata de que apande con semellante agasallo, por tanto vou deixarlle un anaco máis para que realice as súas necesidades.
     Despois da espera volveu a repetir o garda:
     -¿Está o paxariño?
     E como insistía unha e outra vez sen recibir resposta algunha, falou o compañeiro que estaba un pouco arredado.
     -Penso que o paxariño xa emprendeu o vo.
     O garda deu unha patada a porta e puido comprobar que o Carqueixa fuxira pola ventá tal como se propuxera, indo a caer enriba dunhas xestas que fixeron que amainara o golpe, logo afastouse do lugar arripiolando todo o que puido.
     Os guardias mandaron para o tren e correron detrás por ver se lle podían acadalo, pero do Carqueixa non atoparon nin trazas, polo que dixo un dos gardas:
     -Pouco importa que corramos, o Carqueixa está no seu mundo onde se defende como peixe na auga.
     -Pero senón corremos a xente que nos está a mirar dirá que somos uns inútiles.
     Así o fixeron, pero sen resultado algún, por tanto decidiron volver ó tren e mandaron que arrancase de novo, indo a sentarse no compartimento onde viaxaba o Ramuín con grande abraio da parella que temía que foran descubertos. O mesmo tempo que os gardas limpaban a suor das súas frontes arfaban profundamente a consecuencia da percorrida que viñan de dar. E dirixíndose ó Ramuín dixo un deles:
     -Toque vostede o que queira, tempo imos ter, xa que que o noso cometido xa rematou, teremos que volver a aldea empurrar o arado, pois eso é o que nos espera como consecuencia do noso fracaso.
     E despois de dicir esto un dos gardas notou un forte ulido a café polo que dixo:
     -¡Vaites! ¡Vaites! Así que tamén hai eiquí contrabandistas.
     -Como viran que tanto o home como a compañeira se inquedaban ó ser descubertos, tranquilizounos o outro garda.
     -Non teñen porque preocuparse, nós xa polo pouco tempo que nos queda, non imos denuncialos, por tanto acouguen.
     A fin sen máis novidades que reseñar, o Ramuín chegou a Irún, onde xa escarmentado polo que lle pasara, esta vez facturou a Pepa.


Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega