A estrada románica

Páxina Anterior

V. Igrexas de ábsida semicircular

Páxina Seguinte

Pagina nueva 1
San Lourenzo de Ouzande

     Ouzande antigamente chamábase Ausande, que en latín vulgar significa alá, andando ata máis adiante. Do ano 1362 é un escrito polo que dona Aldonza Fernández de Churruchao doa ao mosteiro de Acibeiro "toda cuanta herdade et chantado eu ey enna freigesia de San Lourenço Douciente, a cual herdade chaman dorrego". Máis tarde, ao redor de 1574, aparecen documentos nos que a Ouzande se lle denomina Uçande e tamén aparece como vila de Ausinda. Xa no século XVII identifícase Ouzande con San Lorenço de Beande. Nos primeiros anos deste século o xove Castelao ía de paseo, coa que posteriormente sería a súa muller Virxinia Pereira, dende A Estrada ata Ouzande. Gustáballe moito a igrexa e o cruceiro.


A desfeita de 1781. Unha descrición da fachada.

     Observando a fachada principal, de orientación occidental, apréciase o perfil dun arco de medio punto peraltado e cegado. Este arco que facía o labor de descarga, é a única testemuña que nos queda da primitiva fachada románica que desapareceu trala reedificación de parte da nave que tivo lugar, como se pode constatar nunha inscrición sita no lintel da porta lateral setentrional, no ano 1781.

     A fachada presenta unha porta rectangular arquitrabada e unha fiestra na parte central superior. O conxunto está coroado por un campanario de dobre corpo, onde tres arcos de medio punto, dous no de abaixo e un no de enriba, resgardan as tres campás. Aderezan as acróteras dos dous corpos uns pináculos barrocos. Unha cruz de ferro con veleta, símbolo característico dos nosos templos, levántase na parte central do corpo superior. Esta fachada lémbranos á de San Miguel de Moreira.


Os muros da igrexa

     No muro meridional da nave, salváronse da desfeita da restauración, un fragmento do aleiro decorado no chafrán con bolas. Na parte meridional está
a capela do Socorro e na parte setentrional, anexionada á parte recta da ábsida, están as dependencias da sancristía.


A cruz cumial de Ouzande


     Castelao gustaba de chamarlle ás cruces que se erguen no cumio das igrexas, ás cruces antefixas, ás fillas ou netas, pola súa feitura, das irlandesas e escocesas, cruces cumiaes. Un carneiro portador dunha cruz está no piñón do muro do testeiro da nave de San Lourenzo. O tema do Agnus Dei, tan representado na miniatura mozárabe, está moi difundido no noso románico. O Agnus Dei, o Año de Deus ou Año Pascual, Xesucristo, aparece degolado porque foi inmolado e á vez en pé porque foi resucitado. Cristo é comparado constantemente ao longo da biblia cun año, animal frecuentemente empregado nas ofrendas a Iavéh, é símbolo de bondade e de mansedume. Cristo como fillo de Deus acata con docilidade os mandatos do Pai que lle ordena morrer para "quitar os pecados do mundo".
     A característica do Agnus Dei, de Ouzande, está na tipoloxía da cruz. Estamos diante dunha cruz de palmas ou de oito puntas, esta cruz é de tradición hispánica, utilizada polos hispanovisigodos, é unha cruz que pertence ao grupo das patadas e é característica de Asturias.
     Lembrámonos dos versos do poeta pontevedrés, Luis Amado Carballo, que nos invitan a contemplar unha posta de sol sobre as cruces das nosas igrexas:

E o sol agoniante
ven a encravarse na cruz,
abrindo os marelos brazos
como o Salvador Xesús.



Unha ábsida semicircular

     O máis salientable da arte románica que posúe San Lourenzo é a súa ábsida semicircular; orientada ao este, seguindo a ortodoxia das igrexas católicas, apreciamos dende o exterior que está apoiada sobre tres rebancos, estando o inferior parcialmente soterrado.

     A ábsida de San Lourenzo —a diferencia das outras tres igrexas de ábsida semicircular da comarca— non ten nin columnas adosadas ao tambor nin contrafortes na porción rectangular. Estas ausencias non constitúen un elemento orixinal diferenciador xa que desapareceron, seguramente, por mor dunha reconstrucción ou reparación.


O exterior da ábsida. Uns canzorriños moi choqueiros

     No exterior vemos unha seteira simple que non está enmarcada por arcos nin columnas. Enriba da seteira, escorado un pouco á esquerda, distinguimos o escudo do Marqués de Santa Cruz que tivo, durante moito tempo, a prebenda de presentar crego (as presentacións rematan coa chegada do Concilio Vaticano II).
     Sen dúbida o máis interesante da ábsida é o seu aleiro con chafrán enfeitado con bolas, sostido por unha magnífica e variada colección de canzorriños moi choqueiros: cabezas de animais, e diversos personaxes que se atopan tocando a viola, en posición invertida, coas mans nos xeonllos, suxeitando un falo, ofrecendo os seus xenitais; completan a colección canzorros con motivos vexetais e un de proa.


O interior da ábsida, os arcos do presbiterio

     No interior da ábsida hai dous arcos, un triunfal e outro perpiaño ou faixón, que está paralelo ao triunfal. Ámbolos dous son arcos de medio punto, algo peraltados —característica do románico compostelá— e cunha lixeira tendencia á ferradura, sobre todo o triunfal.
     Rodea ao arco triunfal unha dobre arquivolta. Unha interior tórica e outra exterior con chambrana dunha fila de billetes que empeza sendo, no arranque setentrional, de tacos. Este arco apóiase sobre dúas columnas, con fuste de cinco semitambores, coas bases de perfil ático destacando a súa decoración con flores tetrapétalas enmarcadas nun círculo.

O capitel meridional presenta unha loita de leóns, lémbranos un similar dunha escea de caza no capitel meridional do arco faixón da igrexa de Santiago de Tabeirós. O león simboliza a forza, o poder e a maxestade; a lenda di que os cachorros de león nacen mortos pero aos tres días resucitan cando o león pai lles insufla o alento. Por iso na simboloxía cristiá o león asóciase a Cristo. A Biblia dalle a Cristo o apelativo de "León de Xudea".
     O capitel setentrional amósanos unha especie de volutas ou pencas con entrelazos.
     O arco faixón apóiase, asemade, sobre dúas columnas, con fuste de cinco semitambores. Os plintos están soterrados. Os capiteis son vexetais.
     Unindo tódolos ábacos hai unha imposta de billetes que percorre todo o presbiterio chegando aos muros laterais da nave.


Sistema de abovedamento da ábsida

    A bóveda da ábsida é de canón no tramo recto e de forno, cascarón ou cuarto esfera no tambor semicircular. A tendencia, ao igual que os arcos, é de lixeira directriz de ferradura.




Unha seteira con arquivolta semicircular

     A seteira simple sita na parte central está enmarcada cunha arquivolta semicircular, apoiada sobre dúas columnas de fuste monolítico e con capiteis vexetais.
     No medio das columnas, presidindo a cabeceira, está o patrón de Ouzande, San Lourenzo: " Aí vén San Lourenzo co seu caldeiriño penzo".





San Miguel de Moreira

     O nome da freguesía de Moreira, morera, vén, quizais, das moras, moi abundantes nas silveiras desta parroquia. Aínda que non podemos esquecermos de que os lugares, onde vivían os protagonistas dos nosos contos infantís, os mouros, eran chamados morerías. Moreira sinala na toponimia sitios nos cales a rocha ou o terreo preséntanse dunha cor escura ou morena. Sabemos que o arcebispo Xoán Arias no seu testamento, datado o 20 de abril de 1266, fai unha doazón do Casal de Moreira a Santiago. Pertenceu esta igrexa ao mosteiro benedictino de San Martiño Pinario pasando posteriormente á Coroa.
     Na bula de Clemente VII, datada o 25 de marzo de 1525, aparece como tributaria para o Colexio maior de Fonseca da Universidade de Santiago a parroquia de San Miguel de Moreira.



Unha igrexa dunha soa nave


     A igrexa de San Miguel de Moreira era orixinariamente dunha soa nave e posúe unha ábsida semicircular. Por mor das obras levadas a cabo nela, no século XVIII co obxectivo de ampliala, perdeu a fachada occidental, a principal, onde se ergueu o campanario de dobre corpo; parte das fachadas laterais da nave quedaron seriamente mutiladas.
     Engadiuse a sancristía á fachada setentrional e unha capela moderna á fachada meridional. A transformación estaba completada; a nave ten na actualidade unha planta de cruz latina.
     O aleiro da nave de San Miguel que perviviu ás reformas do S.XVIII ten o chafrán decorado con bolas, e está sostido por unha boa colección de canzorriños: de proa, de forma picuda, de mazás, atleta espido en forma invertida, cabeza de bóvido e outros que por mor da súa mala conservación non podemos apreciar a súa forma.
     No testeiro da nave, unha seteira, ábrese cara oriente.



O exterior da ábsida


     Para que o estudio da ábsida resulte máis doado dividímola en cinco partes. Dúas partes corresponderíanse cos tramos rectos e as tres partes restantes, sitas no tambor, co tramo semicircular.
     Os tramos rectos da ábsida, delimitados por dous contrafortes rectangulares, xúnguense directamente coa nave. Dúas columnas adosadas ao tambor dividen ao mesmo en tres tramos semicirculares. Estas columnas teñen as bases de perfil ático con garras. O seu plinto vai decorado, mais resúltanos
difícil facer unha descrición exhaustiva por mor do desgaste da pedra. Os fustes están formados por oito semitambores. Son moi curiosos e orixinais os capiteis historiados destas columnas adosadas á ábsida.


Descrición e interpretación dos capiteis do exterior da ábsida

     O capitel meridional móstranos no centro da cara principal unha figura humán, vestida cunha túnica curta e cos brazos abertos tratando de separar a dous ameazadores cuadrúpedos —leóns— que teñen as patas enredadas nun talo ou ¿é unha corda?. O capitel ofrécenos un dos temas máis cotiáns do románico galego: Daniel salvado dos leóns, (a imaxe da alma salvada do mal). Esta mesma temática repítese nun capitel —conservado no museo de Pontevedra da— igrexa de Sta. María de Bermés (no concello de Lalín).
     Constantino Neira Baloira na Compostellanum interpreta este capitel:

  • O personaxe pode representar un domador de feras (león), simbolizando a Cristo triunfador.
  • Pode personificar a Sansón, personaxe bíblico ou a Gilgamesh, personaxe sumerio. Simbolizando ao home como rei da creación.
  • Podería encarnar ao profeta Daniel cos leóns.
  • Os perigos, aos que estaba sometido o peregrino, simbolizados polos leóns e a axuda e protección do Apóstolo.
  • Pode plasmar ao mago Fileto, compañeiro de Hermóxenes, convertido polo Apóstolo. Ou ao mesmo Hermóxenes antes da súa conversión.

     O capitel setentrional está formado por tres figuras humáns. Unha delas axeonllada sostén contra sí un largo báculo, mordido por unha serpe ondulada aparecida entre esta e a figura central. A cara principal do capitel está representada por un personaxe, de túnica longa ata os pés, que sostén nunha man unha bolsa ou vasilla e mesmo parece estar recibindo algo do personaxe da esquerda.
     Fixádevos na interpretación de Neira Baloira:

  • Representaría a chegada do peregrino á meta. Seguiríase, deste xeito, coa temática xacobea. Nembargantes, para Neira Baloira, esta explicación non enchería o derroche iconográfico deste capitel, por iso segue matizando:
  • Podería significar o acto da conversión do mago Hermóxenes, a claudicación deste ás súas artes nigrománticas; a entrega do caiado polo Apóstolo en sinal da conversión e como talismán para vencer aos demos e por último o seu bautismo administrado por Santiago a quen axuda un dos seus discípulos.

     Ambos capiteis están unidos directamente ao fuste, carecendo de astrágalo e colariño.


O beirado da ábsida presenta unha interesante novidade

     No beirado da ábsida hai unha interesante ringleira de canzorros historiados que presentan como novidade o ter decorado, no espacio que queda libre entre eles, flores estreladas,(lémbranos ao das Praterías) inscritas nun círculo de seis puntas cun botón central.


     Os canzorros comezando polo máis meridional representan os temas seguintes: personaxe nu que leva algo á boca coas dúas mans, animal inidentificado coa boca aberta, cabeza de animal, músico sentado apoiando o arco sobre unha viola, atleta espido en posición invertida, monstro, cabeza de bóvido, cuadrúpedo decapitado...


Unha ventá no tramo central da ábsida

     A ventá, ábrese no tramo central da ábsida, posúe unha chambrana de billetes nos arranques que se transforman en tacos na parte central. A arquivolta está decorada con flores de tres pétalos carnosos ou pequenos triángulos.


     Érguese este conxunto sobre dúas pequenas columnas adosadas. Estas columnas teñen as bases de perfil ático, o fuste monolítico e os capiteis están enfeitados con motivos vexetais de mazás e de follas rizadas. No centro ábrese unha seteira que na actualidade está cegada.


O interior da ábsida

     No interior da ábsida podemos apreciar o arco triunfal de medio punto peraltado e cun pequeno peche no arranque. Paralelo a este, coa mesma directriz, está o faixón ou perpiaño.

     Catro columnas adosadas, apoiadas nun rebanco que percorre todo o presbiterio, sustentan estes dous arcos. Estas columnas teñen as bases de perfil ático e o plinto redondeado. Os fustes son de cinco semitambores irregulares. Os ábacos, engalanados con florecillas hexapétalas, enmarcadas nun círculo, están unidos por unha imposta de billetes que arrodea o presbiterio. Dende a parte frontal, ata os muros laterais da nave, a imposta é lisa.


Na procura dunha descrición e interpretación dos capiteis do presbiterio

     Os capiteis setentrionais de ámbolos dous arcos, triunfal e faixón, están enfeitados con motivos vexetais, follas rizadas rematadas en espiral.
     Os capiteis meridionais representan motivos ornamentais nada frecuentes. O capitel meridional do arco triunfal representa na cara longa unha imaxe ecuestre, o cabaleiro suxeita coa man dereita as rendas e coa esquerda suxeita un grande corno na boca. Esta é a interpretación de Neira Baloira:

  • Un guerreiro está a convocar a mesnada para ir á guerra.
  • Un heraldo que invita aos divinos oficios, ou que chama ás xentes ao traballo, ás xuntas de vecindario, ao pago de gabelas, aos cans para unha cacería ...
  • Sobriño de Carlomagno, en actitude de obedecer as razóns do bispo Turpin, facendo soar o corno da guerra.

     E nas caras estreitas representa nunha cara, un personaxe vestido ata os pés suxeitando nas súas mans un libro. Velaí a lnterpretación:

  • Un sacerdote ou outro servidor da igrexa desempeñando o seu labor ministerial.
  • Pode representar un peregrino cantando o " E ultreja ", " Os milagres de Santiago " ou " A Chanson de Roland ".

     E na outra cara representa outro personaxe vestido tamén ata os pés, cunha parella de pombas nas súas mans.

  • Pode significar as nosas ofrendas ao Señor, representándoas co ofrecemento, feito no templo de Xerusalén pola Sagrada Familia, dun par de pombas.
  • Pode simbolizar o milagre do aforcado, segundo a tradición compostelá, en contra da Rioxana de Santo Domingo da Calazada

Capiteis da ábsida

     O capitel meridional do arco faixón está ornamentado con motivos vexetais no medio dos cales xorden dúas cabezas: unha humán e outra dun félido.


"O lavatorio dos pés" de Frameán

Na ábsida de San Miguel de Moreira hai uns frescos, pintados polo mestre Frameán; representan unha pasaxe da vida de Xesucristo: O lavatorio dos pés. A similitude das formas, cores e tema, traenos á mente as pinturas descubertas en Santiago de Tabeirós en xaneiro de 1998. Estes frescos estiveron ocultos por unha capa de cal debido á obrigatoriedade de encalar os establecementos públicos para poder loitar contra a propagación das enfermidades epidémicas, tan cotiáns nesa época.




Sistema de abovedamento da ábsida

     O tramo recto da ábsida, entre os arcos triunfal e faixón, está cuberta por unha bóveda de canón peraltada, ao igual que as directrices dos arcos. A parte semicircular, sita a partir do arco faixón, posúe unha bóveda de forno, cascarón ou cuarto esfera.




San Estebo de Oca

     O nome desta freguesía de Oca vén, segundo Pedro Varela, do apelido dun famoso guerreiro expulsado de Toledo: Oca, descendente de Olca, que se establecería nesta localidade e Ile daría o seu nome. Moar cóntanos que o nome desta freguesía de Oca vén do fillo de Darío de Persia, Oco; desenvolvendo esta teoría chegamos a Álvaro de Oca que casou con Constanza de Rivadeneira e, ámbolos dous, fundaron Oca.


     Seguindo a etimoloxía portuguesa, Oca significaría antiquísima cabaña ou primitiva vivenda de indíxenas.
     Sabemos pola Historia Compostelana que esta igrexa pertenceu á Sé Compostelá dende que a adquiriu o arcebispo Xelmírez no ano 1114 e un documento pontificio datado en xullo de 1199 confirmaba ao arcebispo Pedro as posesións da Catedral entre as que figuraba a vila de Oca que pertenceu ao arcebispo ata 1526, data na que o papa lle concede o abadengo de Oca a Felipe II que Ilo vendeu, o 15 de novembro
do 1586, a Dª María de Neira por 195.775 marabedís.
     No eclesiástico dependeu esta freguesía do mosteiro de San Xoán da Coba, desaparecido nas augas do Ulla no ano 1575, pasando despois a pertencer ao Priorato do Sar que pagaba oito fanegas de froito á fortaleza da Barreira ou de Tabeirós (fortaleza arrodeada polo río Bo e da que na actualidade non queda dela practicamente ren).
     Hai un dito popular nesta parroquia que di: "quen moito vai á igrexa algunha ten feita". A igrexa sempre estivo eclipsada polo pazo pero hoxe non imos falar do noso Versalles Galego; a nosa única protagonista é unha xoia, unha miudeza inesquecible, de visita obrigada para tódolos
afeccionados á arte que mellor nos define. Permítanme roubarlle estes versos de loubanza ao pazo, San Estebo ben o merece:

Cando na igrexa d'Oca,
a tardiña o sol fachea,
parece un navío d'ouro
qu'o pé da costa fondea.



A desfeita da fachada. Os muros da igrexa


     Como ocorre en moitas igrexas da nosa comarca, seguramente para poder darlle unha maior amplitude, a fachada principal de San Estebo foi totalmente reedificada no ano 1769.
     En canto aos muros da igrexa teñen, ámbolos dous, unha seteira de derrame interno. O aleiro das mesmas teñen as cobixas lisas apoiada en canzorros, todos eles, de proa. Existe en cada fachada unha porta. A do lado meridional está tapiada e a setentrional é unha sinxela porta que ten as xambas lisas e que loce, no lintel rectangular, esculpida, unha cruz inscrita nun círculo (que representa a eternidade e o ceo).
     Os arranques occidentais dos muros están reconstruídos. No muro setentrional da nave unha capela, de planta rectangular e bóveda estrelada con cinco claves, é unha fiel testemuña da arte renacentista do S.XVI. O muro meridional ten anexionada a sancristía.


A cruz cumial de San Estebo

     No decorrer da Idade Media persitiu o costume de chantar cruces de pedra ou de metal enriba das igrexas. A cruz estaba por riba de todo. Na igrexa de San Estebo destaca, no piñón do testeiro da nave, unha fermosa cruz cumial de San Andrés de Lazos.


O exterior da ábsida

     Se observamos o exterior da ábsida de San Estebo de Oca, decatámonos que está dividida en cinco tramos: dous na parte recta e tres na parte semicircular. Un cobadiño, a xeito de contraforte, igual que na ábsida de San Martiño de Riobó, fai o labor de unir as partes rectas ao testeiro da fábrica.
     Os dous contrafortes rectangulares sinalan o comezo da parte semicircular da ábsida, que está apoiada en dous rebancos baquetoneados. Esta parte semicircular queda dividida por dúas semicolumnas adosadas en tres tramos.
     As columnas teñen as bases de perfil ático, unha delas de plinto redondeado. Os fustes constan de doce e trece semitambores. Os capiteis, pouco traballados, están adornados de xeito moi sinxelo, con motivos vexetais de pomas e follas rematadas en espiral. O beirado da ábsida está sostido por canzorros de proa ou aresta o que remarca esa sinxeleza ornamental presente nos capiteis. O aleiro posúe un chafrán con bolas (ao igual que San Lourenzo de Ouzande e San Miguel de Moreira).


Unha ventá con arquivolta pentalobulada no tramo central da ábsida

     No tramo central da ábsida hai unha fermosa e orixinal ventá de arco tórico semicircular. Ten unha arquivolta con cinco arquiños; son cinco lóbulos con peche en arco de ferradura. A chambrana está fermoseada con billetes. Estes arcos van apoiados nos ábacos cun chafrán recto e presentan como novidade que a parte inferior do ábaco (o cimacio), está ornamentado con pequenos arquiños semicirculares, a xogo sen dúbida coa decoración lóbulada da arquivolta. Dúas columnas adosadas sustentan o conxunto anteriormente descrito. As bases das columnas son de perfil ático con garras. Os fustes son monolíticos e os capiteis están embelecidos con motivos vexetais de follas e pomas.
     No centro da ventá está a seteira e enriba dela dous arcos semicirculares enfeitados con motivos florais.


O interior da ábsida. Os capiteis do presbiterio

     No interior da ábsida hai dous arcos, un triunfal e outro faixón, paralelo ao primeiro; ámbolos dous son arcos de medio punto e peraltados, características estas que vimos en San Lourenzo de Ouzande.
     Ambos arcos descansan sobre semicolumnas adosadas, apoiadas nun rebanco que percorre toda a ábsida. As bases das semicolumnas son de perfil ático con garras. Os fustes posúen grandes tambores completados con dous ou tres moi pequenos. Os capiteis estan enfeitados, de forma sinxela, con motivos vexetais de follas e pomas.
     Unha imposta embelecida con arquiños semicirculares prolóngase por todo o presbiterio e une aos ábacos, que son de chafrán recto. Na cabeceira da ábsida está a seteira con derrame interior.


Sistema de abovedamento da ábsida

     No tramo recto da ábsida, entre os arcos triunfal e faixón, está cuberta por unha bóveda de canón e a parte semicircular, sita a partir do arco faixón, posúe unha de forno. Un tramo da bóveda non é de pedra senón de cascallo.




San Martiño de Riobó

     A última igrexa dentro do grupo do que estamos a falar está en Riobó, o Riuvou dos textos medievais. Sabemos, polo Diccionario de artistas de Pérez Costanti, que Jorge Cedeira, prateiro apodado "O Mozo", fixo unha cruz procesional de prata para a igrexa de San Martiño de Riobó a fins do século XVI.



A fachada principal de San Martiño de Riobó

     É a única igrexa de ábsida semicircular da nosa comarca que conserva un anaco da fachada orixinaria románica: a entrada, composta por dous arcos semicirculares en aresta. O arco exterior apóiase nas xambas e o interior nun par de columnas de fuste monolítico adosado. As bases son de perfil ático. Os capiteis, con motivos vexetais, están moi deteriorados a causa da erosión. Os ábacos, en caveto, impóstanse uns trinta centímetros. O oco da porta —o van— é alintelado e o tímpano, formado por dúas pezas, carece de calquera tipo de ornamentación, é liso.


Os muros da igrexa

     Un contraforte na esquina e o oco dunha porta primitiva, agora cegada, son os únicos vestixios dun pasado románico que ten o muro meridional da igrexa de San Martiño. O cornixamento e unha ventá foros construídos en tempos modernos.
     A sancristía, que ocupa a metade da fachada setentrional da nave e o tramo recto da ábsida, oculta co seu tellado parte dos canzorriños. Dende fóra da igrexa observamos que nesta fachada setentrional existe unha porta alintelada que no interior debuxa un arco semicircular en aresta. Enriba desta porta hai unha seteira de derrame interno. A cornixa con cuberta en caveto está sostida por canzorriños de proa. Unha escaleira sobe á espadaña rompendo o cornixamento. O muro do testeiro da igrexa loce unha seteira; vótase en falta o carneiro con antefixa característico das nosa igrexas.


O exterior da ábsida de San Martiño

     A ábsida está dividida en cinco tramos: dous tramos na parte recta e tres na parte semicircular.
     Un cobadiño, a xeito de contraforte, fai o labor de unir a parte recta da ábsida co resto da fábrica, neste tramo recto hai dúas columnas, que como veremos no seguinte apartado constituirán unha novidade estructural. Os tres tramos, en que está dividida a parte semicircular da ábsida, veñen delimitados por catro columnas adosadas que se erguen dende a base ata o aleiro.
     Estas columnas teñen as bases de perfil ático con plinto redondeado, o fuste componse de dez semitambores. Os capiteis, decorados con motivos vexetais de follas picudas, están moi desgastados.
     O aleiro está sostido por unha ringleira de canzorriños; unha boa mostra dos motivos da simboloxía románica: folla picuda con poma, cabeza de xabarín, folla picuda, cuadrúpedo, cabeza de animal, de proa .... outros están tapados polo tellado da sancristía.


Unha diferencia estructural no exterior da ábsida

     San Martiño posúe no exterior da ábsida dous contrafortes e dúas columnas no tramo recto e dúas columnas na parte semicircular. Esta diferencia fala da creatividade dos mestres canteiros que tiveron a ben con esta pequena diferencia estructural darlle unha certa orixinalidade, un feito diferencial, á ábsida da igrexa de San Martiño.


O interior da ábsida

     No interior da ábsida hai dous arcos, un triunfal e outro ou faixón, paralelo ao triunfal. Ámbolos dous son arcos de medio punto e descansan sobre catro columnas adosadas sitas nun podio que percorre o interior do presbiterio.
     Estas columnas teñen as bases de perfil ático; os fustes están compostos de sete semitambores. En canto os capiteis, estes son no arco triunfal de grandes follas con pomas no meridional e de grandes escamas no setentrional. Os capiteis do arco faixón son de follas picudas con pomas no setentrional e de labor de cestería o meridional. Os ábacos, en caveto, impóstanse polo interior da ábsida e pola fronte ata os muros laterais da nave.


Sistema de abovedamento da ábsida

     O tramo recto da ábsida, entre os arcos triunfal e faixón, está cuberta por unha bóveda de canón. A parte semicircular, sita a partir do arco faixón, mostra unha bóveda de forno.


Unha fermosa seteira no tramo central

     No tramo central da ábsida de San Martiño hai unha fermosa ventá cegada cun arco semicircular con chambrana de cinco e seis filas de tacos. A arquivolta, formada por varios baquetóns de distinto grosor, está apoiada sobre dous ábacos que teñen o chafrán recto, e impóstase ata as dúas columnas que delimitan o tramo central da ábsida. As columnas teñen as bases de perfil ático con garras, o fuste das mesmas é monolítico e os seu capiteis están decorados con motivos vexetais de follas picudas rematadas en espiral.


O retablo de Parcero

     A ventá románica está ocultada no interior da ábsida por un inimigo da nosa arte románica: o retablo. Este retablo foi contratado por Juan Antonio del Río, párroco de Remesar e Riobó, o 28 de febreiro de 1744, por 1800 reais. As obras realizounas o escultor e retablista de Santiago Luís Parcero, o mesmo que fixo o retablo da capela do Pazo de Oca, con imaxes do célebre José Gambino.




¿Cal é a data de construcción das catro igrexas de ábsida semicircular? O problema cronolóxico

     Á hora da datación cronolóxica preséntasenos un problema, xa que ningunha das catro igrexas de ábsida semicircular do noso Concello conserva epigrafía ou documento que nos indique a súa data de construcción.
     As características comúns destas igrexas: mesmo sistema de abovedamento, ausencia de elementos transitivos... lévannos a pensar que estamos ante construccións moi antigas. Para resolver o problema cronolóxico temos que atopar unha igrexa que se encadre no grupo anteriormente descrito. Esta igrexa atopámola no veciño concello de Silleda; trátase de San Martiño de Dornelas, datada no ano 1171, como se constata nunha inscrición incompleta que existe no extremo meridional do muro do testeiro da nave. Polo tanto cremos que para San Lourenzo, San Miguel, San Estebo e San Martiño é boa esta data de 1171.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega