Aires d'a miña terra

Páxina Anterior

Notas

Páxina Seguinte

m5currosenriquezairesdaminhaterra038.html



[p. 177]


NOTAS




     A VIRXE D'O CRISTAL.?Esta composición, o mesmo q' o GUEITEIRO e UNHA BODA EN EINIBÓ, foron premeadas n'o certáme poéteco que houbo en Ourense o 24 de Febreiro de 1877, con dous mil reás, ofercidos pol-o señor D. Modesto Fernandez e Gonzalez ó autor d'as tres millores poesias dedicadas á cantar unha tradición, un tipo y-onha costume de Galicia.
     Topábam' eu d'aquela en Madril. Recorrendo un dia os papés d'a terra, lin o programa en que se anunceaba o certáme y-abrin unha carta de familia en que se me decia ó pé d'a letra: «Por aquí se corre que han muerto por completo en tu corazón los recuerdos de tu pátria. Si esto no es verdad, nunca mejor ocasión para justificarte: escribe.» Diante esta acusacion, de cuya inxustícia respondian doce anos de soedades y-estranezas, pasados lonxe d'a miña casa, sentin —mal está q' eu o diga— algo semellante a indinacion d'o soldado, á quen por virtú de sórdidas xenreiras, se Ile despoxa ó frente d'o enemigo d'os homildes pero honrosos loureiros que traballosamente conquistara. Deporcateime enton de tér escrito tempos atrás o Maestre de Santiago, onde ó hachou, e como quen vay de pasada, falara d'a VIRXE D'O CRISTAL; y-o amor propio sin duda, que cando non pasa de xusto teson está ben tido, ou cando esto non for, o medo que me colleu de q' a idea d'o meu suposto esquecemento d'a patria fose tomando corpo n'unha terra que en tanta estima teñen seus fillos, dígao sinon o estado de prosperidade que alcanza y-as consideracióos e respetos que se gardaron sempre ús os outros, o conto é que me crin n'o deber de coller a pruma. Mais, o prazo pr'a presentacion d'os traballos, por un lado, e pol-o outro á clás d'os asuntos que se me ofercian, cuyo caraute, prescindindo d'as dificultás mecánecas con que tiña que tropezar pr'a desarrollal-os n'a lengua gallega non era o que mais s'adautaba ós meus gustos y-aficiós fixéronme vacilar algun tempo, e foy preciso que pensase en miña nay, que maxinase o inmenso pracer q' esperimentaria de ver, tal como ela m' habia referido de pequeno, á lenda d' virxe d'as nosas montanas, pr'a q' eu me puxese á escribil-a.
     Os esforzos de memoria, os requerimentos e conxuros q'eu faria en oito noites mortás á lengua enxebre, á sencillés encantadora d'o meu povo, pr'a saír d'aquel non visto apreto, y-a repunancia que, 


[p. 178]


como home d'ideas e conviciós, tería que vencer antes de presentar os meus versos o certáme, comprenderános sólo aqueles que recorden os estreitos térmos en que estaba concebido o programa, aqueles que se visen privados como eu de cultivar dend' a infancia á doce lengua nativa y-aqueles, en fin, n'os que, a idade, o estudeo, a mala sorte, ou o conecemento d'as cousas d'a vida, fosen aminguando o tesouro d'as primeiras créncias trocándollas por outras que, máis ou menos ventaxosas —qu'esto non hay pra que discutilo agora— non está na mau d'o home impedirlles a entrada n'o seu peito.
     Afortunadamente, e pol-o q' ésto toca, n'a VIRXE D'O CRISTAL non fixen máis que recoller unha tradicion relixiosa, tal e como anda poI-o povo adiante, e, fóra a rima, c'os mesmos xiros, modismos y apotegmas que say d'a boca d'os nosos campesinos. Si o queredes ver, non tendes máis que ir á Vilanova.
     Nada, pois, de canto n'ese poema vedes é meu, quer sea maraviIloso, quer sea humano e positivo. Eu non falo n'esa obra nunca, como non sea n'o prefaz; pero inda alí non fago máis que pararme á saudar as miñas memorias de neno, como quen toma alento n'o medio d'unha dificil costa, antes de continuar o seu camiño. Esto non quer decir por eso, que eu non apadriñe e teña por meu, e moy meu, canto de deficiente n'a esfera d'a forma s'alcontre n'ese poema: ben sey que moito me pode botar n'a cara unha crítica severa que non guste de certo realismo, en poucas literaturas tan natural como n'a gallega; aunque algo pudera disculparme n'este caso, o haber sido esta obriña á primeira d'o seu xénero que n'a nosa lengua foy escrita. Algo d'esto debéu ter en conta o púbrico ó aplaudirme y-o xurado ó dispensar ás miñas poesías unha honra que non podía prometerme entre vinte que disputaron o premeo. 
     Si éste o recadey con xusticia, á crítica diante á cal comparecen aquelas poesías, purgadas d' algus insinificantes érros d' emprenta, e correxidas d'algun que outro vocablo máis ou ménos neolóxico y-escuro, m'o dirá oxe, y-eu espero que m'o diga, xa que non co'a imparcialidade, polo menos co'a proverbial dozura a que nos ten tan acostumados.
                                                             — 
     CÁNTIGA.— Tal é a primeira poesía que escribíu o autor n'o dialeuto pátrio. Non figuraría n'esta coleucion, si a circunstancia d'habela feito popular en Galicia á linda muiñeira que pra éla compuxo o Sr. D. Cesáreo Alonso Salgado, seu querido amigo, non-a fixese dina de ver á lus púbrica. Fóra d'esto, puxeron n'ela tales variantes os que inda oxe lle fan a honra de tarareála, que o autor xusgóu comenente dála á estampa tal e como a escribiu sobr'o marxe d'a leucion X d'a Economía política de Colmeiro, n'a tarde d'o 5 de Xunio de 1869.
                                                            —
     TEMPRO DESERTO. —Estes versos, d'a raza d'os «suspirillos germánicos» como diría un poeta que non por eso deixou de botar moitos, dito vaya esto sin ánemo d'ofender un nome q'eu quero e respeto, escribínas en castellano cando inda pr'a min, xa q' outros non, vivian e parpadexaban os providentes dioses lares. Pero os dioses vánse, y-estes fóronse tamen; de sorte que, a poesia qu'estonces non tiña obxeto, nin respondia máis que á unha ispiracion d'o momento, oxe pol-o que ten de profecia cumprída, e pol-o que refrexa o estado d'o meu esprito, teno, é douna á lus traducida, rogando ó leutor que non se fixe n'éla, porque, realmente, sólo pra min vál algo.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega