A narrativa de Carvalho Calero na encrucillada dos anos cincuenta

 

Texto

Páxina Seguinte

v1mforcadelanarrativacarvalho001.html
     Sen deixar de agradecerlles aos organizadores deste Simposio o seu amable convite, quero antes de mais manifestar a miña alegría por poder participar nesta homenaxe a quen, sen exercer o maxisterio directo sobre min, foi, sen embargo, non só mestre predilecto senón tamén persoa que soubo adentrarse con finura e intelixencia na miña, daquela incipiente, vocación literaria e da que gardo un recordo grato, mesmo diría que imborrable.
     Como é sabido, don Ricardo Carballo Calero, a mediados da década dos 40, á saída da súa estadía na prisión, xa de volta no Ferrol, escribe unha obra intitulada A gente da Barreira. A peza, tras gañar o concurso convocado en 1949 pola Editorial Bibliófilos Gallegos, foi publicada finalmente en 1951, aparecendo, 31 anos máis tarde, en 1982, unha segunda edición corrixida ortograficamente polo autor. Correspóndeme a min, dentro do organigrama de intervencións predisposto polos organizadores, dar conta da análise crítica e axiolóxica desta peza do autor, a primeira dentro do seu corpus narrativo.
     Partamos dunha constatación, a que no excelente ensaio de Antón Figueroa Diglosia e texto se enuncia do seguinte xeito:
               Se se nos permite lembrar unha vez máis a frase de R. Lafont ("os estudios sobre a diglosia pertencen ao
          proceso de destrucción da diglosia") poderíamos afirmar que non só os estudios sobre a diglosia, senón tamén
          os estudios sobre a propia lingua, os estudios sobre a propia literatura actual ou histórica, e incluso os propios
          textos que se producen na actualidade nesta situación e a súa lectura fan parte do proceso de destrucción da
          diglosia, en canto que pertencen ao proceso de destrucción da situación sociocultural e mental na que esta se
          produce.
     Aínda que nun principio o autor tiña ideado unha obra que remataría por ser unha colección de contos, relatos entrelazados con baseamento máis ou menos etnográfico (1) sobre documentación obtida por el mesmo e que se intitularía Historias da Barreira, a convocatoria do concurso de novela ao que vimos de aludir e no que se pretendía premiar a mellor novela de ambiente galego, indistintamente do idioma en que esta fose escrita, admitindo, por tanto, orixinais en galego e castelán, fixo que mudase de opinión e que rematase por converter o seu libro de relatos entrelazados nunha novela.
     Esta vicisitude perdura dalgún xeito no feito de que os dezanove capítulos que a compoñen funcionan como unidades autónomas, toda vez que cada un dos fragmentos parece estar ideado arredor da figura dun dos personaxes, como ten sinalado Araceli Herrero Figueroa (2), e centrado en acontecementos de grande intensidade vivencial: nacementos, mortes, vodas, triunfos e fracasos. Sen embargo, unha mesma diéxese, unhas mesmas coordenadas espacio-temporais, dan lugar á coherencia do texto, primeiro, pola continuidade do espacio ficcional, un mesmo núcleo xeográfico durante todo relato, a grande casa dos Frade de Eirís, e a continuidade cronolóxica, a xeito de roman fleuve, desde a invasión francesa ata a primeira guerra mundial.
     Chama, sen dúbida, a atención o feito de que Gente da Barreira fose a primeira novela da posguerra, mesmo nun momento no que o novo alborexar da nosa tradición literaria aínda encontraba obstáculos máis que suficientes para rematar por naufragar. Neste sentido, merece ser considerada como unha obra ponte. Ponte entre o pasado, aínda ben presente na memoria, e un futuro que só se podía imaxinar como un regreso máis ou menos fiel ao ese pasado inmediato, toda vez que a única saída á dictadura tiña que ser, como logo non foi, a restauración da legalidade derrubada e que pervivía dalgún xeito como un espectro.
     Diríamos que, dentro da estratexia do galeguismo do interior, ben diferenciada como se sabe da estratexia do exilio, e máis nesas datas en que Castelao encontrábase en trances moi próximos ao seu óbito, dentro da tarefa de reconstrucción da cultura galega, a novela implicaba unha continuidade nos obxectivos de consolidar o discurso en prosa, tanto no seu aspecto ficcional como ensaístico, toda vez que a poesía estaba xa moito máis desenvolvida.
     Neste sentido, e como ten argumentado Pilar García Negro:
               Coidamos que a escrita da novela foi, para Carballo Calero, unha especie de catarse, tamén un esforzo de
          reidentificación co país e con el propio, co eu anterior a 1936. D. Ricardo declara, após confesar que nunca deixara
          de escreber (en Madrid, en Valencia, no cárcere de Jaén...) que a novela que comentamos foi escrita case
          imediatamente de el chegar a Ferrol, en 1941, logo de ter sido concedida a liberdade provisoria ao noso ilustre
          compatriota, cualificado polo fiscal como "individuo separatista". Semella mesmamente como se quixese conxurar,
          ou amolecer, as duras condicións do retorno, as dificultades laborais, a crúa represión ambiental, cunha sorte de
          autodisciplina que fose, ao tempo, terapia persoal e servizo silencioso ao país. [García Negro 1997].
     A novela parece estar a ollar para o pasado, a recuperar ideas e intencións que adquiriran a súa maior dimensión durante o período inmediatamente anterior á Guerra Civil española e que se traduciran na mellor das súas expresións na novelística de Ramón Otero Pedrayo. De feito, existe un paralelismo máis que evidente entre Gente da Barreira e Os Camiños da vida. Hai, sen dúbida, unha especial coincidencia con Otero no decadentismo da sociedade que se retrata, na maneira en que unha certa saudade parece emanar do narrador á hora de contemplar o pasado e evocar a perda das raíces por parte de tres xeracións vertebradas arredor do espacio-símbolo da grande casa da Barreira.
     Pero, ao mesmo tempo, e como esa ponte tendida da que antes falabamos, incorpora actitudes que logo serían transcendentais no devalar da nosa tradición narrativa arredor de dous núcleos epocais: a narrativa galega dos anos cincuenta, sobre todo no que atinxe á súa vertente de realismo máxico, e a que, na primeira década dos oitenta, se formula arredor das diversas tentativas de alegoría histórica.
     Vexamos un exemplo da primeira das tendencias mencionadas e no que un feito paranormal serve como maneira de comunicar os amores entre o señorito fidalgo e a criada embarazada:
               Aínda era de noite cando o señorito se botou ao camiño, ben plantado no seu cabalo. Voltou de mal génio a
          pouco de sair, e à luz de un candil estivo enxergando os arreos e o corpo da besta. Cabalgou de novo, mais pouco
          tardou en estar outra volta no portón. Foi en procura da nai, que ja comezaba a remexer pola casa. A tremer coa
          carraxe, explicou-se. Ao chegar à altura do cemitério, un fatado de sapos se lle atravesara no camiño. Quixo pasar
          por riba deles, mais o cabalo botou-se atrás; e como no campo aínda non se vía, tiña volto à casa para lle examinar a
          cenlla e as ferraduras. Na segunda saída, os sapos eran aínda máis, e o cabalo non daba unha pasada agiña que se
          lle puñan diante. A nai coidou que tiña de ser un mal de ollo e prendeu-lle no peito unha medalla bieita polo arcebispo.
               Ao baixar, nun currunchiño da grande escada, a Tereijiña, que ouvira a conversa mentres traballaba, meteu-lle na
          man os allos nunha pequeniña bolsa que ela levaba decote contra as meigas. Por terceira vez voltou o morgado. Nen
          medalla nen allos serviran para cousa. O fatado de sapos saíra-lle ao camiño de novo, aínda que ja se via.
          Eran máis que nunca, e o cabalo abalaba a testa e recuaba. O morgado tiña a pel escura, e as suas meixelas non
          amostraban a cor do medo, mais no fundo dos seus ollos pairaba unha muxica aluarada namentres falaba coa sua nai.
               Dona Tereija escoitou-no e dixo:
               Ai, filliño. Non che o mal de ollo. As meigas non poderian coa medalla. Ti estás en pecado mortal. ¿Qué fixeches,
          meu probe?
               Naquel intre, o mozo ollou para a porta, ceibou un rouco salaio e retrocedeu. Encadrada polo marco, as mans no
          peito a latejar, estaba a Tereijiña. Os ollos azuis da nai, como volvoretas abraiadas, voaron do un á outra. A podente
          lousa de un pesado siléncio pandeou as tres frontes cara o chan. [Carvalho Calero 1997: 34,35]
     Unha parte da crítica ten sinalado o carácter de "narración elemental desde o punto de vista técnico e sinxela desde o ideolóxico" [Vilavedra 2000, a] mesmo chegando a sinalar que:
               A falta de referentes e a urxencia por restaurar uns vínculos cun pasado que aparecía como depositario da nosa
          identidade colectiva, fixo que a narrativa galega optara nun primeiro momento por fórmulas monolóxicas, moito
          menos conflictivas (na medida en que estas ofrecen sempre moitas menos posibilidades de interpretación) e que
          se presentaban como as máis axeitadas para vehiculizar unha concreta visión do mundo restauradora. [Vilavedra
          2000b].
     Mesmo chegando a acusar a novela de instaurar:
               un rexime de autarquía enunciativa que evita a pluralidade de instancias inmanentes e a conflictividade
          discursiva que dela se podería derivar, potencialmente metaforizadora dos subxacentes conflictos sociais propios
          daquel momento histórico. [Vilavedra 2000b].
     Cremos, sen embargo, que deben ser valorados na novela, e non como os seus valores menos salientables, o acertado do rexistro lingüístico, a pulcritude do estilo, a capacidade para sintetizar personaxes, acontementos e lugares, a xeito de metonimia continuada do período analizado da historia de Galicia, así como a ausencia total de introspección, cun achegamento aos personaxes que se realiza de xeito obxectivo, toda vez que o autor, como manifestou no seu momento, estaba interesado en conseguir que a explicación do comportamento dos personaxes se deducise dos seus propios actos.
     De todos xeitos non debemos esquecer que o obxecto da novela, e neste sentido podería ser contemplada como unha obra de tese, era presentar dun xeito novelado a historia da transición dos séculos en Galicia, obxectivo este que considero plenamente logrado e, primando máis, tanto polo seu carácter pedagóxico como pola pretensión de achegarse a un público maioritario, a perspectiva didáctica que a autoral, nunha especie de epilion ou epopeia breve, como ten sinalado Araceli Herrero Figueroa, do vivir rural galego do século XIX.
     Nesta mesma liña maniféstase Pilar García Negro cando sinala que:
               A casa da Barreira, a xente da Barreira, exteriorizan, metonímica e simbolicamente, a traxectoria do propio
          país nun XIX mancado pola historia externa a el (guerra contra os franceses, guerras carlistas, desamortizacións...),
          en convivio co proceso histórico de acomodación forzosa ao marco capitalista, particularmente traumático na
          Galiza e activador dunha forte destrucción social. [García Negro 1997]
     Podemos sinalar, por tanto, que Carballo Calero resulta, frente a outros autores do seu tempo ou anteriores, un magnífico productor do que se vén denominando etnosemiose, isto é, a producción e emisión de signos nacionais, etnosememas, a través do discurso literario. Seguíndomos agora a Xoán González Millán [1991], principal introductor entre nós dos estudios de etnopoética, poderiamos sinalar os obxectivos que configuran o seu horizonte conceptual e operativo.
     En primeiro lugar, hai que sinalar na obra de Carvalho, unha actitude subversiva que se formula en termos de resistencia simbólica ao afrontar un corpus discursivo que representa unha situación de marxinalidade. Escríbese contra o sistema hexemónico desde a periferia dese sistema coa conciencia de estar a crear un sistema propio e alternativo. O escritor revélase contra a expropiación histórica da que está a ser obxecto e considera a literatura como unha institución privilexiada no proceso de configuración da conciencia nacional.
     Se o pobo galego está nese momento fóra da historia ou en proceso de reapropiarse dela, a literatura que se produce reflicte un esforzo estético por redirixir, por unha banda, a historicidade do pasado, representada pola memoria xenealóxica, e a do presente, entendida en termos dunha imaxinación histórica proxectiva. Como sinala González Millán, unha das consecuencias desta transformación ou ruptura epistémica sería, en primeiro lugar, a lectura histórica do presente e, en segundo lugar, a interpretación política do pasado. Non hai que esquecer, e non temos máis que considerar a recente polémica sobre os contidos de historia no ensino secundario do Estado Español, que o discurso histórico representa unha área privilexiada de conflicto entre os estados, as nacións e os grupos étnicos. A análise da propia historia convértese así nunha das fontes fundamentais do etnosemema, tal e como historicamente ten acontecido con algúns dos etnosememas máis representativos, como é o caso, por exemplo, de etnosememas como o celtismo e a saudade.
     A etnosemiose, nunha situación cultural marxinal e periférica, está condicionada polos seguintes temas-oposición:
                                        i. posesión / desposuimento;
                                        ii. autonomía / submisión;
                                        iii. diferencia / asimilación.
     Carvalho leva a cabo, precisamente, o relato do desposuimento, do proceso histórico a través do cal emerxen os conflictos sociais, económicos e políticos da Galiza moderna, entendidos como perda, privación, como dano e deterioro, e o seu relato é, obviamente, unha alegoría a favor da diferencia, frente á asimilación, da autonomía, frente á submisión. Neste sentido resultan especialmente clarificadoras as palabras de Araceli Herreo Figueroa ao sinalar que
               Carballo non ten mágoa daqueles antigos señores senón de todo o desarraigo que o cambio trouxo consigo
     Deste xeito, ademais, rómpense as condicións de funcionamento das xerarquías discursivas dentro do discurso histórico hexemónico, trastocando, por tanto, os conceptos de distinguido frente a trivial, de nobre frente a popular, de maior frente a menor, de canónico frente a non canónico. É obvio que o período histórico novelado por Carvalho non ocupa un lugar predominante dentro do discurso histórico español, merecendo dentro deste os calificativos de trivial, popular, menor e non canónico.
     Esta actitude conlevaría a ruptura da imaxe estereotipada que sobre nós proxecta unha cultura esóxena, quebrando algúns dos seus etnosememas: a pretendida limitación expresiva do idioma galego e a aparente ineficacia para expresar (e representar) a memoria colectiva.
     Deste xeito, na novela de Carvalho lévase a cabo unha nova imaxinación histórica ao inscribir unha memoria xenealóxica no marco dunha estratexia de identificación colectiva. Tanto os poetas do Rexurdimento como o grupo Nós, do que Carvalho é, nese momento, unha prolongamento, como os outros membros do Seminario de Estudios Galegos, inauguran unha tradición cultural que asigna á literatura un papel fundacional na producción e configuración da conciencia colectiva. O texto literario convértese, así, nun espacio discursivo privilexiado para a reivindicación dunha identidade (perdida ou silenciada).
     Lévase a cabo, por tanto, a configuración dunha cultura nacional en torno aos seguintes obxectivos: primeiro, a posta en interrogante da identificación entre o principio de universalidade e os valores que proxectan os textos constitutivos do canon da literatura hexemónica; segundo, a proxección dunha nova lectura, incorporando ao paradigma crítico dimensións silenciadas polas institucións canonizadoras; terceiro, a superación dos límites epistémicos impostos polo discurso crítico-literario das literaturas maiores.
     Deste xeito, os perigos sinalados por Antón Figueroa como prototípicos das literaturas en lingua de diferencia frente as de lingua homoxeneizante, (entre outros: folklorización, arqueoloxización, poetización, inferior "apertura" da polifonía da obra, filoloxización, entendemento da obra como "fetiche", excesiva relevancia do vínculo entre literatura e etnografía) son evitados por Carvalho, o que lle confire, frente a outros textos da súa época ou posteriores, un marcado relevo entre outras razóns por evitar a inclinación ao ruralismo, o desprazamento do significado do texto en sentido carnavalesco, e igualmente ao trazar con verosimilitude e naturalidade o devalar histórico á marxe da tentación dun super-pasado imaxinario.
     Non mérito menor desta novela resulta o feito de ter introducido na nosa literatura contemporánea un tema que comezaba a ser moi querido por Cunqueiro, que xa en 1945 publicara en castelán Balada de las damas del tiempo pasado. O penúltimo capítulo da novela intitulado "As neves de antano", ao modo de François Villon, introduce o lirismo da nostalxia polos tempos que foron, a melancolía polo que foi e xa non será. Velaquí a pautada sinfonía deste momento en que o narrador parece abandonarse por un instante aos sentimentos, o momento en que o poeta parece querer, no remate da novela, suplantar ao frío, ao obxectivo narrador:
               Os pazos esborrallan-se, as castes misturan-se, as familias espallan-se, os morgadios esvaen-se. As cidades
          zugan o campo. Os paxaros perden o agarimo do frouxel en que naceron. Os niños fican valeiros. Os miñatos e as
          pombas que revoaban rentes das torres das pequenas igrejas, ao redor dos cativos campanários bolorentos das
          pequenas igrejas aldeás, procuran agora as altas torres catedralícias. Fogen do torrón, arelantes os ollos de albiscar
          as estéreis lousas das rúas, nas que non medra a herba. Só a paxarada vulgar, os carrizos, os peizoques, os
          pardais, as pegas, baixan como decote ao rego coñecido en procura do gran, e asas de curto voo, non se alonga
          dos vellos ares. Fican un pouco sorprendidos ao ver-se libres da presenza das grandes, podentes e formosas aves
          que partiron. Mais moitos medran e ocupan os niños valeiros, depois de revoar un pouco rentes deles con unha
          migalla de medo, temendo que a sombra das longas asas negras ou brancas paire ainda sobre o aleijado lar.
               ¿Onde está a soberba fidalguía da casa de Eirís da que saira don Ramón Frade, o máis novo dos irmáns, para
          se afincar nos montes da Barreira? (3)
     Xa para rematar, e non sen antes agradecerlles a súa comparecencia e a súa atención, gustaríame reivindicar A Gente da Barreira como unha peza merecente de maior atención por parte da nosa crítica e da nosa historiografía, como unha moi digna e meritoria illa no proceloso mar das letras galegas de posguerra.
     Moitas gracias.

                                                                                                                        Vigo, Novembro de 2000



     (1) Neste sentido podemos encontrar na obra certo parentesco con Á lus do candil de Anxel Fole, como ben poderíamos comprender botando man dalgúns parágrafos aillados que parecen estar a identificar a obra do lucense. Por exemplo:
               Logo que a nevaba cesaba, mantiña-se a neve sen se derreter semanas inteiras; e a gente ia de casa en casa
          na procura de pas, ferramentas ou menciñas, e máis que outra cousa para se ver e falar. Acudí à Barreira por un
          rodo para ceibar a porta de neve, ou por enxúlia de capón para untar-lle o gorja ao rapaz que coa friage botara as
          ingínias. Viñan as mozas e as vellas, os homes e os nenos; e traían contos e levaban outros que ouvian a carón
          da lareira acesa todo o día na cociña de abaixo. E baixaban os señoritos e baixaba dona Mercedes e collía a roca
          e o fuso para escoitar a parola; e a señorita Rosário pasaba se cadra pola cociña, sen deter-se, para procurar ou
          ordenar calquer cousa. [Carvalho Calero 97:44]
     (2) Herrero Figueroa 1983.
     (3) Carvalho Calero, Ricardo 1997: 101.


 

 

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega