A poesía de Xosé Luís Méndez Ferrín

Páxina Anterior

A xeración

Páxina Seguinte

v1forcadelapoesiaferrin002.html
      Neste sentido, X. L. M. F. maniféstase como un fillo do seu tempo, como un integrante típico, aínda que ben singular, da xeración da que forma parte.
     O propio X. L. M. F. encargouse de establecer as pautas que consideraba significativas dese grupo xeracional e que englobou, no seu coñecido tratado sobre a poesía galega da posguerra, De Pondal a Novoneyra, baixo o epígrafe de Xeración das Festas Minervais. Segundo o alí exposto, tal xeración, "partindo das estructuras xuvenís de comportamento da España posterior á nosa guerra", logo de constatar que "os costumes da mocedade francesa ou inglesa posterior á guerra mundial contrastaban moi vivamente" cos da mocidade do núcleo xeracional ao que pertencían, optará, nun primeiro momento, por "unha adhesión acrítica ós establecimentos democrático-liberais da postguerra mundial".
               Deste xeito, o radicalismo innato da XFM privounos de identificárense coas socialdemocracias ou coas
          democracias cristianas, facéndoo co federalismo europeísta, con nidios perfiles anticomunistas, que a
          xeración de 1936 propuxo e que chegou a trunfar nos círculos de vangarda da Universidade Compostelán
          dos anos cincuenta. Con algunha regularidade, o federalismo (ou liberalismo extremista) chegaba a licuarse
          en actitudes libertarias moi próximas en canto a pautas -con exclusión da práctica das drogas- ó movemento
          beat (caso do grupo Brais Pinto, do que se falará) ou ó chamado "existencialismo", venerado na figura
          mitificada de Jean Paul Sartre.
               Posteriormente ós anos cincuenta, e nunha altura que situaríamos ó redor de 1962, como reacción ante os
          graves problemas suscitados no seo da sociedade galega e ante a problemática condición de Galicia como
          nación oprimida, dibuxarase en certos escritores da XFM unha evolución a posicións moi radicais e críticas,
          con frecuencia postuladas a partir de análisis marxistas. Este é un proceso de radicalización pequeno-burgués
          de tradición demócrata, liberal e galeguista, e, en ningún caso, inflúe en dito proceso a procedencia de clase,
          xa que os seus compoñentes non son, en xeral, de raíz obreira. [Méndez Ferrín 1984: 259]
     Igualmente, Ferrín enumera os principais feitos colectivos nos que a súa xeración se implica e que, na súa reflexión, serían:
     - A restauración das Festas Minervais Compostelás.
     - A colaboración no diario vespertino compostelán La Noche.
     - A creación da colección Illa Nova, dentro da editorial Galaxia.
     - A fundación da editorial e do grupo Brais Pinto.
     - A aparición do nacionalismo revolucionario.
     Outros autores optan por denominar a este grupo xeracional Xeración dos 50 e, tamén, Xeración de La Noche, denominación esta última que se xustifica polo feito de seren unha parte dos seus membros colaboradores do xornal santiagués que dispuxo unha canle de expresión para os mozos universitarios comprometidos na recuperación da nosa expresión cultural na segunda metade da década dos cincuenta.
     O grupo estaría, pois, constituído por autores nados na súa maior parte na década dos anos trinta, incluíndo ao máis vello, Manuel Cuña Novás, nado en 1926, e tamén ao máis novo, Arcadio López Casanova, nado en 1942, e que comparten entre si unha serie de características comúns.
     A finais da década dos 50 fórmase en Madrid un grupo denominado "Brais Pinto", formado por escritores e pintores galegos, a maior parte deles estudiantes universitarios, que tenta por ao día a cultura galega, e moi concretamente a súa literatura e a súa pintura, desde unha perspectiva vangardista. Os poetas máis significativos deste grupo serán Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Alexandre Cribeiro, Ramón Lorenzo, Bernardino Graña.
     Estes autores, xunto con outros non presentes no grupo pero si na xeración, retoman o diálogo coa tradición poética galega, interrompido polos poetas anteriores debido, sen dúbida, á Guerra Civil, e xa desde os primeiros anos 50 proceden a renovar as formas e contidos da poesía do seu tempo, acrecentando a chamada "Escola da Tebra" baixo cuxo abeiro apareceran xa libros tan específicos desa época como Fabulario novo (1952) de Cuña Novás ou os primeiros poemarios de Manuel María Muiñeiro de brétemas (1950), Morrendo a cada intre (1952) ou Advento (1954), obras nas que predomina unha filosofía existencial e unha poética da angustia.
               Mais nos compoñentes desta xeración a actividade poética e literaria en xeral vai vinculada a unha           concepción e a un percurso vital que na maior parte dos casos se irá decantando cara ao que nos anos
          sesenta será un proxecto político nacionalista. Méndez Ferrín ten sinalado como na maior parte dos casos
          parten dunha adhesión aos valores dun federalismo europeísta que podía representar ben a figura de Ramón
          Piñeiro, concepción coa que unha boa parte deles romperá nunha evolución radical que os levará ao
          nacionalismo de base marxista. Xunto coa continuidade, os poetas dos cincuenta desenvolven un proceso de
          apertura que os fai conectar co existencialismo e con certas actitudes do movemento beat e mesmo co
          surrealismo.
               Durante estes anos é evidente que a primeira linguaxe poética renovadora é a ofrecida por Manuel Cuña
          Novás e o Manuel María de mocidade, que no contexto da colección pontevedresa "Benito Soto", na que
          publican sobre todo poetas da Xeración do 36, dan a coñecer uns libros nos que domina o pesimismo
          existencial. Fabulario novo conxuga pinceladas surrealistas e románticas, expresionismo e existencialismo
          deixando unha pegada que, cremos, domina a expresión poética galega dos cincuenta e que tivo ademais a
          importancia de romper co imaxinismo e neotrobadorismo que seguían a ser hexemónicos na poesía galega de
          posguerra.
               Herdeira parcialmente da tradición paisaxística anterior é a obra de Uxío Novoneyra, unha poesía que
          dialoga co entorno natural desde un esencialismo telúrico que ten en Os Eidos (1955) o seu punto de partida.
          [López Bernárdez 1994: 7-8]


 

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega