A tecedeira de Bonaval

Páxina Anterior

Capítulo VI (páxinas 85-97)

Páxina Seguinte

m3lopezferreiroatecedeiradebonaval007.html

[páx. 85]



VI


PRIMEIROS CHISPAZOS



Q
UERER, non quixemos ir detrás de Gonçalvo, pero por eso non somos tan olvidadizos, que non coidemos de averiguar o que lle pasou en Valladolí. Chegou a esta cidá a principios do ano 1544, nos primeiros dias de Xaneiro, e non nos veñan dicindo de si chegou a principios de ano, por forza tivo que chegar nos primeiros dias de Xaneiro, porque ainda non habia moito que se deixara de contar o ano desde o 25 de Dicembre. A verdá no seu punto. Asi que chegou, buscou a casa de Francisco Gamarra, Procurador na Chancillería, e solasmente nas maas del quixo entregar os pregos que lle dera Froitoso de Ulloa. O Pro-


[páx. 86]


curador recebeuno bastante secamente, díxolle que tiña que esperar a que se informase dos papeles e que, despois, xa o despacharía. Gonçalvo non facia mais que ir e volver aa casa do Procurador, pero éste, unhas veces dicíalle que non estaba bóo, outras, que estaba moy ocupado, outras, que xa o despacharía dentro de dous ou tres dias. En fin, asi o foy entreténdo hastra fins de Xaneiro. O probe Gonçalvo bufaba e bremaba ca calma do Procurador, e ainda non lIe deixou de botar algunhas restras; pero non habia que facerlle.
     Para esparexerse, salía a veces, non moitas, porque o amo encargáralle que se recatase, a dar unha volta pol-o poboo; pero despois volvia mais triste e mal humorado para a casa, pois de tantas caras como vira non encontrara a que él deseaba, que cada vez lle parescia que se poñia mais lexos. Encerrábase na casa cos seus pensamentos, e alí dáballe unha volta, e despois outra, e, ao cabo, encontrábase no mesmo punto en que habia começado. Unhas veces soñaba que era dono do ben poI-o cual degaxaba, e estonces o home, como si a boca se lIe volvera auga, babábase e non cabía en sí de gusto. Pero estas veces eran as menos, que moito mais bastas eran as en que se lIe figuraba a Ta-


[páx. 87]


resa diante do altar dándolle a sua man a Rodrigo. E a este mesmo punto daba en revirar os ollos, en patear e en espumar que parecía un furioso, hasta que caía sentado xunto a unha mesa, ca cabeza fincada entre as duas maos. Outras veces, en que estaba algo mais sereno, facía o ensamen da sua concencia, e decia, falando consigo mesmo: —Pero ¿qué fixen eu para que Taresa non me queira? Por mais que discurra, non vexo qué motivo lIe puden dar para que ela no-me corresponda. Puxen adrede todo coidado para que ela nunca me pudese botar na cara que eu me chanceaba con outra. E a verdá é, que o amor que sempre lle tiven, facíame ver que como ela non habia outra, e que solasmente ela era dina do meu corazon. É certo que Taresa nunca se me mostrou desposta a acetar os meus requebros, pero tamen o é que canto mellores eran os modos con que ela me refugaba, tanto mais se encendia en min o deseo de vencer a sua resistencia. E despois hei de consentir eu que ela prefira a outro? Non! eso non, eso non-o ha de aguantar o fillo de miña nay!
     Estes e outros razoamentos e soliloquios poI-o estilo estábaos Gonçalvo repitindo a todas horas.



[páx. 88]


     Neste medio tempo chegou o Arcebispo, de paso para Santiago, e como Gonçalvo inda tivo que esperar hasta o dous de Febreiro en que o despachou o Procurador pol-a tarde, deixarémolo quedar en Valladolí e xuntarémonos ca escolta do Arcebispo. E certamente que alí animacion e boo humor non-os habia de faltar. Todol-os soldados que alí iban estiveran en Alemania, e cada un ponderaba as valentías que fixera. Alguns deles foran no famoso ataque de Duren, ou Dura, como estonces decíase, aas ordees do noso valeroso paisano D. Alvaro de Sande, un dos mais renombrados oficiaes xeneraes que contou o exército español, que estonces era un señor axército. O oirlles pintar a eles o medo que se apoderou dos Tudescos e de seu señor o Duque de Cleves, cando viron aos españoles aganchar como gatos, e sin teer por donde, apoliñar poI-as murallas da cidá e correr poI-o adarve, como podian correr por unha eira, paricia un sainete. Por suposto, que cada un poñía de seu caletre o que mellor lle viña a conto, e como ninguen quería quedar atrás, puxeron aos Tudescos que non habia por donde collelos, e ainda calquera diría que estaban correndo de medo. 
     Un pouco mais adiante iban os acemileiros, 



[páx. 89]


que, tamen a contos, procuraban facer mais levadeiro o camiño. Cada un, todo encontraba pouco para ponderar as boas calidades da sua besta. 
     Unha por eso había privilexiada, a cual camiñaba sempre diante do Arcebispo e levaba de carga duas caixas moy ben arreadas. As quaes caixas, por mandado do Sr. Arcebispo, nas pousadas eran sempre colocadas na sua cámara, e sua señoría nunca se metía no leito sin rezar algun pouco diante delas. A piedá e a devoçon parecían connaturaes no Prelado compostelano. Criouse no palacio de aquel santo home que foy o primeiro Arcebispo de Granada, Fray Hernando de Talavera, seu tio, e contan que encontrándoo unha vez o Arcebispo, non sei por que caso, na sua silla de coro, dixéralle:
     —Saca, Gaspar, que para tí está gardada outra mais ilustre. 
     As caixas que así veneraba o Arcebispo, eran as que contiñan as Reliquias de San Cristobo e as de Santa Paulina e compañeiras mártires. 
     Era o Arcebispo de poucas falas, seco de carnes e algo tirante a moreno. Tiña a sua faciana certo aire melancónico, que indicaba que o boo do señor debía teer xa os seus achaques; cabalgaba nunha hacanea negra como o acibache, e iba ao seu lado o seu sobriño D. Pedro



[páx. 90]


de Abalos. A pesar do crudo da estaçon, non detuvo o viaxe, asi é que chegou a Santiago a primeiros de Febreiro. Diante despachara un correyo para avisar ao Cabídoo e aos da cidá da sua próusema chegada. Na Lavacolla xantou algo, e, esto feito, prosigueu o camiño. Tan logo como desde o alto de Manxoy, donde estaba a capela do Corpo Santo, descubreu as torres da Catredal, apeouse e dispúxose para facer a sua entrada na cidá: xa o estaban agardando os legados do Cabídoo e do Rexemento. Ordenada alí a comitiva, todos se puxeron en camiño para Santiago, cerrando a marcha a escolta, que se compoñía de cerca de cen homes a cabalo. Ao chegar aa Rua de San Pedro, encontraron arranxados en duas longas ringleiras o Cabídoo e o Rexemento, que sairan en corporacion a recibir o Arcebispo. O Arcebispo iba detrás do seu acompañamento de honor, sobre a sua negra hacanea cuberta con un gran reposteiro de graa, ricamente bordado. D' un lado e outro había tamen alguns grupos de xente, que foran a ver a entrada do Prelado. Na cual nada houbo aa verdá, de particular, sinon que no xentío aquel que alí se agolpara, notábase certa frialdá e certo empaque que non viñan ben para tal auto. No silencio xeeral, interrumpido solasmentes 



[páx. 91]


pol-o troupeleo dos cabalos, atravesou o Arebispo a Porta do Camiño, despois o escurelo, ou, como se dixo despois, o escuriño da praça, baixou pol-a rua dos Azabacheiros hasta chegar aa Catredal aa porta das Cambias. E chegado alí, apeouse, e un mozo de espora sacoulle as maníficas que traía de prata, e entrou no santo templo, pero non sin que antes fixese descargar as duas caixas das Reliquias, para levalas diante de si por maos de cregos hasta o altar mayor, onde, postrado ante a imaxee do Apóstolo, dou gracias a Noso Señor, que o deixara chegar con saude e sin novedá á sua Sede, despois dos traballos e molestacions de un viaxe tan largo e tan aventurado. Despois de un rato de oraçon, na que mentou o Sr. Emperador, segun o encargo que tragía, levantouse e acompañado do Cabídoo e de alguns dos rexidores, encamiñouse ao tesouro que estonces estaba na capela de San Fernando, e depositou alí as caixas das Reliquias, facendo ao mesmo tempo entrega aos Reliquiarios dos testemoyos que lIe deran en Colonia, para facer fe da autenticidá de aqueles restos sagrados. Esto feito, acompañado dos coengos, retirouse a descansar ao seu paaço. 
     A todo esto, o Provisor estaba esperando que 



[páx. 92]


viñese un dos alcaldes e un rexidor, como era costume, para repartir as boletas dos aloxamentos. O alcalde e o rexidor non viñan nin parecian, e deles non habia razón nin mandado, e como estaba visto que habia que despachar a aquela xente, o bachiller Plasencia, que non era home que se deixase aturrullar por unhas paIlas, despuxo qu' o teniente de alguacil mayor, Gregorio de Mercado, fose aloxando aos individuos da escolta e demais criados que non fosen apousentados nas casas arcebispales. O alguacil mayor colleu cos seus atélites e botou pol-a Acebachería arriba, seguido da xente da escolta. A primeira casa a que foy a parar, foy a do zapateiro Nicolao. Sin mais requisitos nin cirimonias, entrou no portal con dous da escolta, e dirixíndose ao zapateiro que estaba na tenda, díxolle moito: 
     —Aqui trayo a estes dous mozos para que os apousentedes na vosa casa. 
     —E sua mercé quén é? —preguntou con xorna Nicolao.— A sua cara paréceme que a iñoro, pero a sua mercé non-o conozo. 
     —Xa vol-o direi. 
     —Non, eu quero sabelo a tempo. 
     —O que vos compre saber a tempo é que tendes que dar apousento a estes dous. 



[páx. 93]


     —Eso non é o camiño. E si non ¿descant' acá sua mercé é alcalde?
     —Esa non é costion vosa.
     —Si non é miña, menos é de sua mercé.
     —Xa falache bastante, que non estou para conversa.
     —Sua mercé, que non sei quén é, mándame apousentar a eses dous na miña casa. O zapateiro Nicolao manda qu' os apousente na sua, si a ten. Sei que pensa, sua mercé, que na miña casa, eu que teño duas fillas, vou a meter, pol-a sua boa cara, a xente que a sua mercé me trai. Non quiría mais o deño para riir. Léveos, repito, para a sua casa. 
     —Eh! adentro, mozos
—prosigueu Mercado, señalándolles unha porta travesa que habia no medio do portal. 
     Nesto, Nícolao saltou como un corzo por encima do mostrador e pechou a porta, sin dar casque tempo a que saise unha filla que acudira ao ruido. O alguacil, nun deses primeiros impulsos que mal se atallan, avalanzouse aa porta como para abrila, ou botal-a abaixo, pero topando con Nicolao, enliouse con él, para separalo. A muller do zapateiro, como unha esalacion, botouse na calle e, con todos seus gaznates, deu en berrar:


[páx. 94]


     —¡Ay! da cidá! ¡ay! da cidá!!.....
     Ao mesmo tempo entraron os corchetes para axudar a seu amo que inda estaba lidando co zapateiro. Aas voces da muller, dou en acudir xente, mormentes mulleres, pois de homes, anque se presentaron alguns, quedáronse a algunha distancia, porque o caso era para pensalo. Soilo o acebacheiro Cutrin, que tiña a tenda frente aa de Nicolao, lançouse como un can de presa para socorrer o seu viciño. En cambio, mulleres, en un abrir e cerrar de ollos xuntouse ali unha nube delas ¡Qué tormenta de imprecacions, de insultos, de improperios, descargaron sobre o probe Alguacil! Unhas, chamábanlle lobo esfameado, miñato, acabador do poboo; outras, trataban de poñelo en ridículo chamándolle tatexo, virollo, moucho, cachapelada, tiñoso, chouma, larpeiro, mal crego (estaba ordenado de Menores), que lle roera a porca os libros; outras, apostrofábano e botábanlle na cara todasl-as. prisions e sagrestos que fixera. 
     —Non as de sair con todas —decíanlle ao último, berrando canto podían— como saiche hastra aqui, ¡Unha forca para ti é pouco; ladron, asasino! 
     E despois volvían a repetir a sua hestórea. En fin, cada unha baldeirou seu vocabulario 


[páx. 95]


de insultos, vituperios e pestes ¡e non era pequeno! 
     Da muller de Nicolao xa non quero decir nada, que andaba como unha arroutada, da porta da calle para a da escaleira, e xa que non podía facer mais, meteulle as uñas na cara ao Alguacil. Pero como contra a forza non hay verba nin berros que vallan, Mercado ordenou aos seus criados, que eran unhos dez ou doce, e xente escollida, que para esto tiña él boa man, que prendesen a Nicolao, e a sua muller, e a Cutrin, e os levasen ao cárcele. Así que os presos viron que os encamiñaban aa torre da praça, aumentáronse ainda os layos, as protestas, os alaridos, non menos que as imprecacioos e as ameazas, En fin, aquelo parecia a degollacion dos Inocentes.
     —¡Somos viciños de Santiago! —berraban os presos, e o mesmo repetia a gran turba que se xuntara— ¡somos viciños de Santiago e témos o noso cárcele, e non queremos ir para a torre! 
     Apurado se veu o boo de Mercado para sair de aquel novo conflito. Non lle quedou mais recurso que levar antepostos e a repuxoos aos presos. Se non que pouco antes de chegar ao hospital vello, que casi estaba frente aa porta das Cambias (hoxe da Acebachería na Catedral)



[páx. 96]


aa muller de Nicolao, ca rabia e ca carraxe, doulle un pasamento e cayeu esmorecida. Non tiveron mais remedio que volvel-a para a casa; pero por eso non deixaron de seguir cos outros presos da misma maneira hastra aa torre da praça. A turba berraba e alborotaba pol-a sua conta; mais todo foi tempo perdido para deteer a marcha dos alguaciles. A verdá é que casi todos eran mulleres e pícaros; solo no portal d' unha casa, abaixo do hospital vello, púdose notar unha recovaxe de homes que estaban como ollapando o que pasaba. Era xa a xunta da noite, e como eles estaban no escuro, apenas se podian apelumbrar; pero nosoutros, por certos endicios que témos, casi nos astrevemos a dicir que eran o Precurador síndico do concello, e os escribanos Xan do Casal e Marcos Picado, con dous ou tres homes da vila. 
     Pois, como iba dicindo, chegados os presos aa porta da torre, foy meester metelos dentro en andas e volandas, que soilo así lle foy posible aos esbirros facer o seu feito. E vencida esta batalla, quedou Mercado por dono do campo; de maneira que, para apousentar aos demais soldados do Arcebispo, xa non encontrou mais dificultá que malas caras, moitas rosmaduras e ainda tal cual praga e imprecacion.
 


[páx. 97]


     Por eso aquela noite non se falou de outra cousa na cidá que da prision de Nicolao e Cutrin, e do pasamento da muller do primeiro; a cal, segun moitos, quedara morta no auto, e, para alguns, non lIes parecía moito o dicir que xa estaba enterrada. Era de oir o que latricaban as mulleres, cada unha desde a porta da casa ou desde a fiestra. ¡Qué de comentarios, qué de descursos, qué de sentencias saían alí a relucir! Ao fin, empezaron a ouvirse as lúgubres e pausadas bataladas con que invitaba a queda a rezar poI-as Animas, e todas aquelas voces e todo aquel rechoucheo foise apagando, como o fero bramar das estrepitosas olas se vay calmando despois da tormenta. Cando, duas horas despois, o alguacil Mercado patrullou ca sua tropa casi toda a cidá, xa se desvaneceran casi todol-os chíos e o último balbordo de aquela rebodaina; e a vella Compostela xacía en profundo silencio e escuridá.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega