Chano Piñeiro. Biografía.

Páxina Anterior

Camiño da madurez

Páxina Seguinte

Pagina nueva 1
     "Mamasunción" tamén lle serviu a Chano para que o recoñecesen dentro do incipiente panorama cinematográfico galego, e mesmo no ámbito estatal. No ano 1985 acada o "Premio da Crítica Galicia" no apartado de Artes e Ciencias da Representación. O 25 de xullo, día da Patria Galega, nace a Televisión de Galicia, que estreará a sua programación proxectando a curtametraxe de Chano. Ese é tamén o ano no que se pronuncia con respecto á sétima arte, fundamentando que "non concibo o cine só como unha expresión estética. Para min tamén é darlle voz á miña xente. Eu son un aldeán, para ben ou para mal". Nas Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia, do Carballiño, coincidirá con Carlos Velo, o pioneiro do cinema galego. Pechando ese pletórico ano, o 28 de outubro Chano resulta elixido un dos "once galegos de hoxe", xunto co seu amigo e veciño Xosé Luis Barreiro e con Camilo José Cela, entre outros. Os numerosos recoñecementos, que noutro poderían enxendrar certa dose de fatuidade e a cómoda tentación de dar o barco ó vento, non menoscaban a capacidade de traballo e ilusión de Chano, que se pon de inmediato a navegar nos arriscados mundos doutra curtametraxe. E, certamente, podemos dicir que a seguinte aposta de Chano é das máis arriscadas, porque o novo guión que comeza a escribir ten, en clara contradicción co título que levará, pouco de esperanzador. "Esperanza" será unha película desacougante que relatará os avatares dunha vida demasiado enchoupada de realismo, hiperrealista por contraposición ó surrealismo de "Eu, o tolo". Anticipa o clima de amargor da recente "Los lunes al sol", que se rodará tamén en Vigo. Se "Mamasunción", primeiro, e "Sempre Xonxa", despois, golpean a conciencia coa forte traxedia da emigración, en "Esperanza" convivimos coa abafante traxedia dunha realidade cotiá marcada pola adicción ó alcohol. Está poboada, e embebida, a súa atmósfera por unha esperanza tráxica que salva a beleza interior e os valores morais. Un ton agre está bulindo na sobriedade —¡que paradoxo!— interpretativa de Xosé M. Olveira "Pico". Tamén perfila unha boa e medida interpretación Rosa Álvarez, e favorece esa atmósfera o barrio de Vigo no que foi rodada, por esa estética urbana deliberadamente feísta que Chano lle tenta imprimir á película —un xeito palmar de reivindicar o rural, aínda sen mostralo, como deixa translucir nun folleto publicitario da mediometraxe, no que escribe: enfronteime de sutaque cunha estética diferente, con decorados cheos de cemento, sen sol nin verde—. "Esperanza" foi producida integramente polo Concello de Vigo, dentro da súa programación social. Deste xeito, foi, se salvamos a derradeira "O camiño das estrelas" —tamén de encarga—, a única das obras de Chano que non presentou problemas graves de financiamento. A película representou a España no Premio de Curtametraxes da CEE de 1987.
     Chano asistiu durante meses, para se documentar e facer unha película verista, ás terapias de grupos de alcohólicos, e tivo que construír un final duro, porque a realidade coa que conviviu neses meses, pensaba el, é así de dura, aínda que quede sempre un abeiro para a esperanza. Para o propio Chano tamén era dura a realidade. Levaba como podía, máis mal ca ben, a doenza de Crohn durante todos eses anos. Pero eso non lle impediu facer sempre o sacrificio que tiña que facer para levar adiante os seus guións. E o máis duro aínda estaba por vir.
     No caso de Chano, vendo tódolos problemas que se lle presentaron —de tódalas castes— e o xeito en que os foi salvando todos e cada un ata levar a bo termo as súas obras, case se inclina un a cavilar que ser director non é soamente unha profesión, nin tan sequera unha vocación, senón un destino, un fatum que o propio director non pode declinar, unha misión que consiste non só en poñer algunhas imaxes sobre a película virxe, senón en tratar de comprender algo na vida e expresalo dalgún xeito tamén comprensible —aquela vella teima da escola rusa de pensar que unha película é esencialmente "tempo impreso", e que un artista sinxelamente o montaba, ou o que Xosé Luis Barreiro nos mostra no prólogo cando fala de que os actores ... ... son coma persoeiros atrapados nunha realidade exterior que o cineasta se limita a recoller cunha cámara curiosa—. Existe, pois, un xeito de engado no que tamén fica atrapado o director, que se desvive —nunca máis certo ca no caso de Chano— por cumprir a súa sagra misión: convencer ós demais a través da beleza, pero tamén da verdade, das súas imaxes. O noso amigo vai máis alá e participa activamente na cultura non só desde o mundo das imaxes: na súa rebotica xúntase desde hai anos un nutrido grupo de artistas, xornalistas, actores, pintores e escritores, dando orixe a un interesante faladoiro os xoves de cada semana. Participará tamén na Comisión Xestora da que ha saír a Asociación de Productoras de Cine e Vídeo de Galicia na primavera de 1987, xunto con Pancho Casal, Daniel Domínguez, López Piñeiro e Antón Reixa.
     "Sempre Xonxa", a primeira longametraxe do cinema galego, comezouse a xestar mesmo antes cá mediometraxe "Esperanza". Chano dera nacemento á primeira das moitas versións que iría tendo en tres anos o guión, nos meses postremos do ano 1985. El mesmo nos conta que reescribiu a historia máis de nove veces. Neses anos que van desde o 85 ata o 88 atopa —e fica engaiolado por ela— a paisaxe atávica onde conformará o seu Trasdomonte —metáfora, en verbas de Xoán Acuña, de tódalas Galicias posibles e soñadas—. Neira Vilas, o escritor de Gres, co que Chano fará amizade en Cuba en 1990, deixounos escrito nalgún lugar que todos levamos a xeografía orixinaria na retina. O director de Forcarei traslada a súa xeografía orixinaria a Santa Olaia de Valdeorras, ese lugar da Galicia máxica por onde ruarán os protagonistas da historia no marco da Galicia máis fonda e menos contaminada polo progreso. Compón a historia en catro décadas (1947 - 1986) que estarán representadas nas catros estacións do ano: a primavera da infancia; o verán da adolescencia; o outono da mocidade —e da emigración— e o inverno da madurez. Será unha historia moi humana, ateigada de amores e de odios, de mito e de racionalidade. Curiosamente, o mito e a racionalidade, contrapostos ab antiquo, tomarán corpo nun mesmo personaxe: Caladiño, o home inventor que serve de enlace entre os protagonistas, un pouco tolo e amigo das utopías. Representa coma ninguén a unión entre a vella matria —a Galicia dos mouros, do lucumón, dos tesouros enterrados, das doncelas, da estadea, da tradición, en definitiva— e a idea do progreso (do complexo e descompasado aggiornamento do noso rural).
     Xúntanse, en "Sempre Xonxa", os tópicos que conviven na aldea da época franquista, é dicir, o crego, o mestre, os picariños, os avós e avoas, o "tolo" marabilloso de Caladiño e a criada do crego, pola que salaia o utópico inventor. Este mosaico de personaxes que van desfilando no espacio e no tempo do Trasdomonte piñeirano son os que insuflan a pletórica vida que reborda dos limiares da aldea ancestral e os que tecen a xa coñecida trama de amizade, amor e traizón, enfiada en torno ós tres personaxes protagonistas, que son a propia Xonxa, o Pancho e o Birutas.
     Está inspirada nunha historia da que Chano escoitara falar nas aldeas de Rubillón e Baíste, escenarios, como xa sabe a estas alturas o lector, de Mamasunción.
     Os principias papeis da película estarán encarnados por Uxía Blanco, que debuxa os intensos perfís da muller protagonista, Xavier R. Lourido e Miguel Insua nos papeis de Pancho e Birutas, Roberto Casteleiro construíndo un axeitado Caladiño, Roberto Vidal Bolaño na pel do mestre, a veterana Aurora Redondo incorporando á avoa do Panchiño, Rodrigo Roel como o crego e a actriz Loles León intepretando á súa criada. Conta coa colaboración, nun pequeno cameo, do fotógrafo Manuel Ferrol, a quen Chano quere render, deste xeito, homenaxe como o fotógrafo por antonomasia da emigración, xunto con outra escena que recrea a celebérrima fotografía de Ferrol na que aparece o avó chorando e pasando a súa man por baixo da meixela do seu neto, que tamén chora, ous dous despedindo a alguén dos moitos que se foron ás Américas.
     A espiñenta realidade da película semella influír nos tamén dificultosos avatares da producción e da rodaxe. A pesar de obter as máximas valoracións con "Mamasunción" por parte do Ministerio de Cultura, tres veces se lle nega —cando a película xa está en marcha— a subvención para "Sempre Xonxa" por parte do entón Director Xeral de Cinematografía, o crítico e escritor Fernando Méndez Leite, a quen Chano envía unha carta desde o xornal Atlántico Diario criticando, en ton mordaz, a falta de obxectividade no reparto. Finalmente logra saír do atranco gracias ás aportacións da Consellería de Cultura da Xunta, da organización do V Centenario e da Deputación de Pontevedra, entre outros organismos, e tamén gracias ás pequenas aportacións de particulares que cren en Chano e no seu circio compromiso coa cultura galega.
     A carreira comercial en Galicia é todo un éxito, algo que non se repite no resto de España. Sen embargo, o resultado artístico é outro cantar, posto que resulta seleccionada en 1990 para os festivais de Montreal, La Habana, os III encontros cinematográficos de Cannes, o de Cine Latino de Chicago, o de Portland e os de Sidney e Melbourne. Precisamente en La Habana Chano e Mariluz atópanse e traban fonda amizade co escritor Neira Vilas e coa súa dona Anisia. Mesmo falan de adaptar ó cinema algún día a novela de Neira "Memorias dun neno labrego", que tanto engaiolara a Chano.
     Ese mesmo ano, no verán, Chano será o pregoeiro da Festa dos Dolores de Forcarei, a mesma noite na que se proxectan para os seus orgullosos veciños "Mamasunción" e "Sempre Xonxa", nunha velada memorable de cinema ó aire libre que finaliza coa actuación do grupo "A Quenlla", liderado polo seu amigo Xosé Luis Rivas "Mini", que xa deixara atrás, xunto con Mero, o fundacional "Fuxan os Ventos".
     Chano precisaba, coma o aire que respiraba, unha temporada de acougo tralo esgotador sacrificio que fixera para superar tódolos atrancos da primeira longametraxe do cinema galego. Tiña dereito, e así o fixo ata finais do 92, en que se ten de embarcar noutro proxecto, agora sen ningún dos problemas financeiros cos que se atopara durante toda a súa vida de cineasta: a Consellería de Cultura encárgalle a promoción do Xacobeo 93 a través dunha mediometraxe. El decidirá darlle entón o formato axustado entre ficción e realidade no que trenzaría a historia dun lobishome —Valente—, representando ás terras labregas do interior, da montaña, e dunha serea, representando á Galicia mariñeira. Eses dous personaxes ocorréronselle precisamente nunha visita a Forcarei: "Asaltáronme cando ía no coche facer unha das miñas esporádicas visitas a Forcarei. Xa se sabe que tódolos asasinos volven ó lugar do crime e eu, cada certo tempo, sinto a necesidade de volver á miña primeira aldea. Sei exactamente o lugar onde descubrín que a base da película ía ser unha historia de amor entre unha serea e un homelobo. Entón parei o coche, baixei a xanela e deixei que os personaxes repousaran mentres que cos meus ollos percorría e penetraba os volumes que debuxaba na paisaxe a luz quente do solpor".
     Chano chamoume para que colaborase con el nas tomas que ía facer da Terra de Montes. Lembro que me comentaría a idea da serea e o lobishome nun xantar que tivemos en Cerdedo cando máis tarde nos puxemos á procura de localizacións para rodar as encenas do falcón peregrino na ponte de San Antón —co cameo de Roberto Casteleiro e Uxía Blanco— e a da Rapa das Bestas, en Sabucedo. Pareceume, e séguemo a parecer, unha fermosa idea, porque tamén a min me parecera, igual cá Chano, moi boa a película de Pedro Olea que adaptaba a historia real do lobishome de Santa Baia de Esgos —Manuel Blanco Romasanta—, á súa vez inspiradora da novela "El Bosque de Ancines", de Carlos Martínez-Barbeito, na que se baseou finalmente Pedro Olea. Á película, da que xa falamos no comezo desta obra, titulada "El Bosque del Lobo", faille, desde a mediometraxe precisamente, unha pequena homenaxe na escena en que Goebbels, o antagonista da parella, utiliza a gaiola para levar presos á serea e mais ó lobo, rememorando aquel suxestivo final no que tamén prenden e engaiolan ó lobishome soberbiamente interpretado por José Luis López Vázquez.
     Chano tenta compoñer un fresco ateigado con tódalas imaxes posibles de Galicia, ou, por mellor dicir, con tódalas Galicias posibles. Logra facer algo moi aproximado ó cinema total, é dicir, ó cinema que se expresa sen precisar palabras, sen diálogos. En media hora móstranos a súa idea de país: desde os percebeiros ata as canteiras do Porriño; desde os desfiles de moda ata os peregrinos que se ven reflectidos simbolicamente no falcón que percorre a Galicia desde o aire, como facía Caladiño no final de "Sempre Xonxa"; desde os peliqueiros dos antroidos de Verín e Laza ata as escolas de canteiros; desde as conserveiras ata as palilleiras de Camariñas. O resultado, con non facer da película a mellor das obras de Chano, alónxase da estereotipada imaxe da Galicia que sempre se tenta vender ó exterior. Conta, para o reparto dos personaxes, cunha xove beleza saída das pasarelas chamada Sabela Páez, que debuta na pantalla dando vida á serea, co actor Gustavo Salmerón, que estaba nos seus comezos, incorporando ó lobishome e co veterano Luis Bar Boo, ó que rescata do esquecemento despois de ser un dos secundarios máis prodigados dos anos setenta no cinema nacional, chegando a traballar con directores foráneos da talla de John Milius, Ken Annakin ou Burt Kennedy, e tamén con tódolos españois da época (o coruñés Amando de Ossorio, Jesús Franco, Juan Piquer ou Jacinto Molina, por citar a algúns). Reservou para el o papel do maligno Goebbels, que sempre se entremete na historia de amor do lobishome e maila serea ata que finalmente é derrotado.
     A mediometraxe foi estreada no Auditorio do Monte do Gozo de Compostela o día 25 de xullo de 1993. Cumpriu a súa función dabondo, porque como apuntou Chano: "... ó rematar a película un ten a sensación de ter visto unha historia e non é consciente de ter visto un documental". Foi exhibida nos festivais de Figueira da Foz, Chicago, Pórtland e Lorient.
     A finais dese mesmo ano resulta premiado pola Fundación San Martiño da Estrada, pola defensa da lingua galega e o uso continuado como ferramenta de traballo na súa obra.
     No ano 1994, tamén o 25 de xullo, Chano organiza da man do Concello de Vigo un Festival de Cinema no auditorio ó aire libre de Castrelos, cun grande éxito de afluencia e de organización. Proxéctanse filmes de calidade coma "Veludo Azul" de Lynch, "El Bosque Animado" de Cuerda e "Los Santos Inocentes" de Camus. Xa no Nadal, presenta o libro "Conversas co Vento", no que se recollen artigos que publicaba semanalmente no xornal "Faro de Vigo". Descóbresenos coma un fabulador cargado de imaxinación e de retranca, coma un namorado das letras. O libro resulta dunha amenidade extaordinaria, e nel colabora coas súas ilustracións o humorista Quesada.
     O ano 1995 sería o derradeiro que vería a Chano con vida. O día 21 de marzo falecería no Hospital Xeral de Vigo, ós seus 40 anos, deixando medio orfo ó incipiente cinema galego. A Xunta prémiao coa Medalla de Galicia. Tamén, e con carácter póstumo, o Centro Galego de Artes da Imaxe publica o libro compilatorio de textos seus aparecidos en distintos lugares "A Luz dun Soño e outros textos de Cine". O Concello de Vigo daríalle o seu nome a unha rúa da cidade. A semana seguinte á súa precoz morte, Xosé Luis Barreiro, o amigo íntimo de Chano desde a nenez, expresa desde as páxinas do xornal "La Voz de Galicia" a súa conmovedora despedida para quen xa pasaría a ser considerado un dos piares do cinema galego. Parafraseando a "Elegía a Ia Muerte de Ramón Sijé", do poeta Miguel Hernández, dicía así: "Chano Piñeiro, a quien tanto quería, se me ha muerto como del rayo. Sin darme tiempo a comprender su ausencia; sin alertar el llanto que consuela; sin dejarme más opción que ser un hortelano de esta tierra que ocupa y alimenta tan temprano. Se fue sin avisar. Privándome de argumentos para celebrar mi dolor; sin posibilidad de alabar su buen hacer de cineasta, su sensibilidad de artista, su imaginación de escritor, o su generosa condición de hombre. Porque Chano era mi amigo, y sólo como tal lo puedo recordar. Vio el mundo en Forcarei, su pueblo y el mío, en Ia misma casa que yo habito. Gracias a los casi cinco años que le llevo, su venida a este mundo es el primer nacimiento que recuerdo. Lo mismo que sus pesadas siestas de niño repelente, que me impedían hacer ruido y jugar en Ia escalera hasta pasadas Ias cinco de Ia tarde. Poco a poco, el tiempo acabó por igualarnos. Y la juventud nos hizo compañeros de interminables charlas en Ias noches de verano, con una agradable pandilla que no tuvo ninguna deserción, salvo ésta, brutal e inesperada, que Chano acaba de protagonizar. Él era de ciencias y yo de letras. Y quizá por eso me tuvo siempre por un sabio inagotable, que le descubrió muchos pasajes de Ia literatura y de Ia música, que le enseñó a poner los dedos sobre los trastes de Ia guitarra, que le abrió los arcanos del cine de mensaje, que era capaz de inventar citas clásicas sin que nadie lo notase y de amenizar Ias veladas con chistes nunca oidos. Y así me dejó dedicadas sus Conversas co Vento: compañeiro do clima extremo de Forcarei, mestre na guitarra, nos chistes e na sabiduría. Y se fue al otro mundo, sin darme tiempo a descubrirle el gran secreto de mi vida: que yo no sabía tocar Ia guitarra. De mayores nos separamos. Y nos fuimos los dos a hacer películas, cada uno a su manera. Pero el fue más listo. Y mientras yo intentaba cambiar el mundo solo, sin ayudas ni consejos de nadie, Chano Piñeiro echó mano de mi padre para convertirlo en actor de su primer cortometraje. Por entonces ya no vivía en Forcarei. Pero volvió allí para reconstruir a su manera Ia triste historia de Ia señora María Rosa da Regueira, a Ia que rebautizó como Mamasunción. E hizo revivir a Paco Farria, y regresar de su retiro al cartero de carne y hueso que aún puede testificar los cuarenta años de tan dramático argumento. Con Chano se fue también mi hermano Pablo, su gran amigo, ahijado de sus padres, que se convirtió en compositor e intérprete de Ia música de sus películas. Y asi, de esta forma tan natural, todo fue quedando en casa, hasta que el éxito les hizo rodar por Alemania, Australia, Canadá y el resto del mundo. Por eso, cuando el 24 de julio de 1985 se iniciaron las emisiones de Ia TVG, di una orden muy especial: Ia de emitir por Ia noche, cuando yo estuviese en casa, Ia célebre Mamasunción, cuyo estreno había perdido en el laberinto de mi alocada carrera. Fue como una vuelta a los días felices, al ver como entraba en mi casa Ia pequeña historia de Forcarei, recreada por Chano, musicada por Pablo, emitida porque yo así lo quise, y con mi padre, colega circunstancial de Marlon Brando, arreando carimbazos a las cartas, como en los viejos tiempos. Y tuve Ia sensación de que, como tantas veces habíamos soñado, Ia Terra de Montes se había convertido en el centro de Galicia y del mundo. Gracias a Ia magia rural de Mamasunción, Chano y yo volvimos a encontrar ocasión y tiempo para hablar, contar chistes y reinventar Ia realidad. Aunque ahora, a Ia vuelta de los años, el maestro era él. El tiempo había trastocado los papeles, haciendo de él un soñador empedernido, un fabulador de lo cotidiano, mientras que a mí me había convertido en un frío y calculador científico, convencido de que el mundo se encierra en fórmulas químicas y matemáticas que siempre es posible desentrañar y combinar. Hace sólo un mes que nos vimos Ia última vez. Yo trataba de convencerle de que debía rodar su nueva película, y él intentaba animarme a volver al ruedo político. Y fue allí cuando me hizo su última confidencia: "non sei moi ben a onde quero ir, pero sei moi ben a onde non quero chegar: non quero ser endexamais un galeguista histórico ". Y a fe que lo consiguió; porque pasó a Ia historia sin ayuda de Ia Medalla Castelao. Y me dejó triste, muy triste, por verle morir sin darme cuenta. Porque temprano levantó Ia muerte el vuelo, temprano madrugó Ia madrugada, y temprano veo a Chano, mi amigo, rodando por el suelo ".
     No ano 1997, o Concello de Forcarei réndelle homenaxe poñendo tamén o nome de Chano Piñeiro a unha rúa da vila.
     En 1999, o crítico e xornalista Xoán Acuña publica o libro "Chano Piñeiro, unha Historia do Cinema Galego". O Instituto de Ensino Secundario de Forcarei pasa a levar oficialmente o nome de "I.E.S. Chano Piñeiro". O xornal Faro de Vigo publica a biografía en banda deseñada de Chano, con ilustracións de Bofill e textos de quen escribe. Pódese ollar na web "www.forcarei.net".
     No 2000 o CEFOCOP (Centro de Formación Continua do Profesorado) do Ferrol edita unha unidade didáctica sobre a película "Sempre Xonxa", na que tamén colabora o autor desta biografía.
     Para o final queda a lembranza dun Chano que se foi xa hai oito anos, pero que permanece imborrable na nosa memoria. Cicerón falou un día de que o soño é imaxe da morte —Somnus mortis imago—, e Chano quíxonos deixar, antes de morrer, unha proveitosa lección como testamento, un derradeiro consello que tamén nos fala dos soños: "Non deixedes de inventar contos incribles, por favor. Seguide facendo películas. Quizais sexa o único xeito de sobrevivirdes. Porque, ¿que imos facer se non temos soños?".
     Onde queira que esteas, Chano, sempre estarás aquí. In Corde nostrum.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega