O Ferreiro de Santán. Taberna sin dono

Páxina Anterior

"Taberna sin dono". Pirmeiro Lance

 

m5dvarelabuxantabernasindono001.html


     Ista peza estrenouse na República Arxentina, pola compañía galega MARUJITA VILLANUEVA, no teatro MAYO, de Buenos Aires, no mes de Agosto de 1941. Posteriormente, no mes de outono do mesmo ano, foi posta en Montevideo, no teatro SOLIS, sempre co seguinte

REPARTO

AURORA .......................
PARRASCANA ..............
GOLETA ........................
SILVESTRA ...................
MANOEL .......................
FERMIN ........................
DON POMAR .................
ESPIRITISTA .................
COEGO .........................
CARCELEIRO ................
GAITEIRO ......................
VAQUEIRO 1.º ...............
VAQUEIRO 2.º ...............
VAQUEIRO 3.º ...............
VAQUEIRO 4.º ...............
Maruja Villanueva
Eva Carreras
Maruja Iniesta
Pepita Duarte
Fernando Iglesias (Tacholas)
Antón Cubela
Vicente Fernández
Luis Lugo
Alfonso Costela
Vicente Fernández
Manoel Dopazo
Luis Lugo
Luis Iniesta
José Varela
Alfonso Costela
Xente do pobo, mulleres e homes.

     O acontecemento desenrólase nunha aldea de Galiza. —Epoca aitual.
     Direita e izquerda, a dos traballadores da escea.






PIRMEIRO LANCE


(Cadro pirmeiro)

     Ista pirmeira escea, a modo de prólogo, desenrólase na casa de D. POMAR, nun pequeno cuarto que íl adica ás leituras, no que non hai máis que unha mesa, duas cadeiras de estilo antergo, dous retratos de gran formato pendurados da parede —que corresponden aos pais de don POMAR— i un pequeno armario con libros. Tamén fegura o retrato da finada dona de don POMAR, que estará sobor da mesa, nun pequeno cadro. Se os persoaxes poideran ser alumados únicamente por un potente foco, moito millor.




ESCEA I

DON POMAR e FERMIN

D. POMAR.- (Home de caráiter, un virdadeiro fidalgo, afábel i apromado; viste ben e sempre roupas escuras. Ambos se atopan sentados, en amistosa conversa). Ademáis de felicitarche co peito acugulado de ledicia por haberes arrematado os estudos que che deron o tíduo de abogado, teu pai, considerando que é iste o intre propicio, quer arrincar do máis fondo de súa alma... un conselliño que pra tí ten gardado. Non o fago porque non vexa en tí a honradés e fidalguía que decote caraiterizou á familia dos Pomares senón por preveñir...
FERMIN.- (Mozo duns vintecinco anos, un señorito aldeán que viste e fala coma tal: mesurado e respetuoso con todos). Gracias, pai, moitas gracias. I ese consello de que me fala e que pormeto ter presente nos días da vida, recebereino co moor gosto.
D. POMAR.- Tendo en conta que arremataches a carreira, cousa que repersenta ferme chouto na túa vida frolecente, quixera saber qué cras de ideias e proieutos que pra o adiante teñen acougo no teu cerebro.
FERMIN.- Sendo abogado e vendo a imposibilidade de exercer con desafogo e porveito nesta aldea, gostaríame ir...
D. POMAR.- ¿Pra ónde?
FERMIN.- Pra Madrid, por exempro.
D. POMAR.- (Solemne). Non estou conforme, non; non che aconsello que tal cousa fagas.
FERMIN.- Vostede dirá, pai, vostede dirá.
D. POMAR.- Nesta nosa aldeíña onde nasciche e fuche criado, onde nasceron e se criaron teus pais e abós, decote serás máis ben mirado e respetado que en ningún outro recanto da terra; i anque non exerzas a profesión... A Madrid, onde presume de abogado até o mesmo enterrador, pouco máis farías que eiquí.
FERMIN.- Pois quedareime eiquí, pai, quedareime...
D. POMAR.- Iso che pido que fagas, polo menos... até que teu pai peche os ollos, que xa non será moito agardar.
FERMIN.- Non fale dise xeito, pai; ainda queda moito que disfroitar, afortuadamente.
D. POMAR.- En agradecemento aos nosos veciños polo cariño con que decote trataron a tódolos nados nesta nosa casa, se os vires algún día enmarañados nalgún preito, prégoche o moor respeto pra as partes: se puderes arranxalas denantes de chimpalas nas mans da xustiza, farás laboura humán e honrosa, ademáis de amigos, (Sentencioso). Non esquenzas nunca que me darás a morte o mesmo día que me quitel-o cariño dos nosos veciños.
FERMIN.- (Homildoso). Non terán queixas de mín, pai.
D. POMAR.- (Dempois de pequena pausa). Fálase por aí... de que lle andas faguendo a rosca á filla de Manoel da taberna...
FERMIN.- (Un tanto acorado e solprendido). Cousa..., cousa de pasar o tempo...
D. POMAR.- (Súpeto). Sí, sí..., xa comprendo; pero namentres que tí pasas o tempo, a rapaza perde o seu cretiño. Non coido que sexa diño de un fidalgo... E, se por prexuizos de liñase deixares de querela, ten en conta que iste noso pobo é diño do moor respeto pola homildade e honradés con que arrastra o peso da súa probeza, eisí como pola inxenuidade santa con que desenrola as súas peculiares inquedanzas.
FERMIN.- Conforme, pai. Percurarei non ir ta a miúdo pola taberna, inda que non hai moito onde matar as horas de aburrimento.
D. POMAR.- (Erguese e vai sinalando os retratos, ao tempo que vai falando). Por túa nai, túa aboa e teu abó, pídoche que nada fagas nesta aldeíña, en que todos fomos criados e tratados con respeto de fidalgos, que acenda descontento antre os veciños.
FERMIN.- (Que tamén se ergueu). Terei en conta o seu pedido, pai.
D. POMAR.- ¿Entendido?
FERMIN.- Entendido.
D. POMAR.- (Dándose a man). Que Deus sexa con nosco.
     Escurécese a escea para dar paso súpetamente ao cadro siguinte.





PIRMEIRO LANCE

(Cadro derradeiro)

     Unha típica taberna galega. Ampria fenestra no centro do foro, que deixará ver algús arbres e xentes que transiten polo camiño; unha porta na direita, pirmeiro térmiño, i outra na izquerda, segundo térmiño. A porta da izquerda é dunha soia folla, pero a da direita é de duas follas superpostas. O mostrador forma diagonal, dende o ángulo da direita ao do de izquerda do proscéneo. Pipas acuguladas; caldeiros e xamós pendurados dos cangos do teito; unha mesa no centro da escea; algunhas cadeiras espalladas, etc. O teito é dunha soia auga e pinga pra fora. Sóbor do mostrador haberá algo de todo, ademáis dunha balanza de pratos.



ESCEA I

MANOEL i AURORA

MANOEL.- (Dono da taberna, de alcume Fungueiro; simprote, sosegado, de xestos vagarosos; non coñece de pruma, pero é habilidoso e ten boa mamoria; corre pra os setenta anos. A falla de caráiter i o corazón brando, fan que semelle ser máis nulo do que é. Viste chaleque de vaieta e pantalón de pana. Aparez valdeirando un caixón de xabrón, na banda de fora do mostrador). Os sabios..., os que len libros de moitismas follas ¿sabes, Auroriña? falan dunha tal lei de gravitación que, pra entendela, hai que levar un feixe de sabencia nos miolos. (A rapaza asinte coa cabeza). Eu vexo que a nosa taberna vense ao chan e non acho a maneira de impedir o seu derrube. ¿Non será a condanada lei de gravitación, que se meteu na nosa casa pra faguernos ferver o caletre?
AURORA.- (Mociña duns vinte anos, moi natural i afábel; está detrás do mostrador disposta pra tomar notas, cousa que nunca fai sin denantes mollar o lápiz na língoa). Mal será que non vaiamos saíndo, papai. Inda habemos de ser ricos, xa verá.
MANOEL.- Miña pequena..., xa vai sendo moito o que nós debemos... (Transición). Apunta, anda, apunta aí... (Prosigue, coma falando consigo mesmo). Un caixón de xabrón...
AURORA.- (Escrebendo e falando). Un caixón de xabrón...
MANOEL.- ¿Qué fas?
AURORA.- Apunto.
MANOEL.- ¿E qué necesidade tes de poñer aí o caixón? ¿Quén che insina a faguer isa cras de contas?
AURORA.- Entón... ¿Cómo quer qué faga?
MANOEL.- Que poñas aí doce tiras de xabrón, que son xustamente as que contén o caixón.
AURORA.- (Escrebendo). Doce barras, papai, doce baaarras...
MANOEL.- (Algo asañado). Qué doce barras nin... ¡Doce anacos! (Pausa). Non perciso adeprender isa cras de verbas frolidas que usan os señoritas pra enzarapallar a quen lles fai caso.
AURORA.- Adeprendinas na escola...
MANOEL.- Bah, tamén eu as podo adeprender nos recibos da contribución, únicos tratados literarios con que o noso goberno se propuxo ilustrarnos.
AURORA.- (Falando consigo mesma, ao tempo que fai númaros). Doce barras de xabrón...
MANOEL.- (Pousando as barras sóbor do mostrador, a medida que as vai sacando do caixón). A seis reás cada unha..., ¿cántos reás son? (Dempois dun tempo prudencial). Eu xa botei a conta; ¿e tí, nena?
AURORA.- Estou faguendo númaros...
MANOEL.- Non gastes máis lápiz, muller, non...: son satenta e dous reás xustiños.
AURORA.- (Algo contrariada). Se estou eu botando a conta, ¿por qué o fai vostede?
MANOEL.- Pra demostrarche que, faguendo uso dos antergos procedementos, son máis lixeiro que tí no tocante a contas, gastando moito menos.
AURORA.- ¿I eu qué gasto?
MANOEL.- Papel, lápiz, cuspe... (Transición). Gañando tres perriñas en cada anaco, ¿cánto nos queda, nena?
AURORA.- (Escrebendo). Seis perras... doce veces...
MANOEL.- ¡Son satenta e dúas!
AURORA.- (Asañada). ¡Outra vez, papai!...
MANOEL.- Sí, filla, sí... Mira: encarta o lápiz e pon ese xabrón no seu sitio, anda. (Aurora obedece; dempois de pequena pausa, Manoel prosegue). Vaille axudar a túa tía, anda; xa están as tripas do porco cubertas de musgo i os chouriciños sin arrematar de faguer. (Aurora iñiza o mutis). Ah, escoita, escoita unha cousa: ¿É certo que o señorito Fermín arrematou os estudos?
AURORA.- Non o sei de certo, mais a mín eisí mo contaron.
MANOEL.- E..., ¿cómo andades cos vosos namoramentos, cómo?
AURORA.- (Un pouco avergoñada). E... coma decote...
MANOEL.- (Supricante). ¡Mira ben o qué fas, filliña, mira! Non sexa que...
AURORA.- Se Deus quer... non ha de haber perigro.
MANOEL.- Sendo don Pomar o que nos da os cartiños pra ir pagando a quen se debe, de por forza hai que lle poñer boa cara ao fillo. Pero... sin perder tino do que se fai, filliña, sin perder tino...
AURORA.- Isas son as contas que eu boto, papai...
MANOEL.- Que se esconda de seu pai pra vir a xunto de tí(Fungando co fuciño pechado), non che me da boa aquela; ¡hummm!..., non me cheira a prato de festas.
AURORA.- Namentres sexa serio como ven sendo...
MANOEL.- (Taxante). ¡Denantes honra que cousa ningunha! Se ves que se quer propasar... ¡zas!, zafañazo limpo sin roparar en señoritismos nin noutros pelos. Polas dúbidas, non te encariñes moito con el, ¿sabes?; vai indo ó xeito, a paso de boi. Se é certo que che quer, ¿por qué se esconde de seu pai pra falar contigo? En canto a fermosa, coido que non hai muller no mundo que che poida gañar, e non o digo porque sexas filla miña; en canto a bondade, ben o sabe Deus: herdaches a de túa nai, que se outra queda en Galiza coma ela... xa poden aturuxar os probes.
AURORA.- Tamén terei algo de vostede, papai.
MANOEL.- De mín... escusas cobizar nada, miña pequena: eu son moi burro; e tí, por sorte, nada deso tes. (Aurora pendúraselle do pescozo pra bicalo e desaparez por izquerda pegando choutos; Manoel, dempois de limpar unha bágoa, prántase no medio da escea pra botar unha ollada ás mercancías e decir, abaneando a cabeza). As mulleres por unha banda i a miña foca cachola pola outra... estanme deixando sin taberna. (Pequena pausa). Pois de hoxe en diante... ¡nin mulleres nin raio que as parta! Nin ben chegue a Parrascana, que é unha das lerchas que máis sangue me leva zugado, collereina polos pelos e... ¡fora! Que o fago é tan certo como me chamo Manoel; ai fago, fago...



ESCEA II

MANOEL e FERMIN

FERMIN.- (Entrando resoltamente, con escopeta e roupas de cazador). ¡Saúdiña, sinor Manoel!
MANOEL.- (Simulando ledicia e bon humor). Igoalmente, señorito Fermín!... Xa, xa sei que arrematou a carreira...
FERMIN.- (Arrimando a escopeta ao mostrador). Que xa ía sendo tempo ¿non sí?
MANOEL.- Boh, nunca é tarde... ¿E qué estudaba vostede, hom?
FERMIN.- Direito, sinor Manoel, direito.
MANOEL.- ¡Direito sete anos!
FERMIN.- Sete anos direito.
MANOEL.- Pois xa é resistir, ¿eh? (Transición). Vou botar unha cunca de viño pra vostede...
FERMIN.- De ningunha maneira, sinor Manoel; non bebo, vostede ben o sabe.
MANOEL.- Pero unha cunquiña.
FERMIN.- Nada, nada...
MANOEL.- Entón pase pra dentro, que aló lle están as mulleres na cociña...
FERMIN.- Pois, coa súa licencia, irei a quentarme un pouco... (Desaparez por izquerda).
MANOEL.- (Dempois de abanear a cabeza i apertar o fuciño, ergue as mans ao ceo, decindo). ¡Ai, San Antón bendito, cóidame a filliña! ¡Non deixes que iste rapaz rache a honra da miña casiña! Como ma gardes ben gardadiña, hei de darche o fuciño do porco e máis un cesto acugulado de patacas. (Escomenza a traballar).



ESCEA III

MANOEL e DON POMAR

D. POMAR.- ¿Qué tal. Manoel, qué tal?
MANOEL.- (Sempre con moito respeto). Xa ve, don Pomar: coma sapo no chuzo.
D. POMAR.- Boeno, home boeno... ¿Non viches ao meu rapaz por eiquí?
MANOEL.- (Perplexo). Non, non o vin... Ah, pero vou ver se o viron as mulleres...; agarde, agarde unha miga... (Desaparez correndo por izquerda).
D. POMAR.- (Eisaminando a escopeta). Non hai dúbida: é a do meu fillo. (Pousando a escopeta no mesmo sitio). Acaba de licenciarse e semella ter menos xuizo que denantes de escomenzar a carreira. Pois... como lle faga perder o creto á rapaza e non queira casar... vaime coñecer. Pomar nunca aos veciños fixo mal nin consentirá que se lles faga...



ESCEA IV

DON POMAR e MANOEL

MANOEL.- (Pondo cara de circunstancias). Ai, don Pomar querido..., as mulleres tampouco albiscaron ao seu fillo por ningures.
D. POMAR.- ¿Non?
MANOEL.- ¡Por ningures, don Pomar!... (Atordado). Se, se quer cachear... Eu xúrolle que non está...
D. POMAR.- ¿Pra qué hei de cachear?... Que dis a verdade, ben cho coñezo na cara. (Transición). Deica outra hora, Manoel, deica outra hora... (Iñiza o mutis).
MANOEL.- (Acompañando a don Pomar até a porta). Escoite, don Pomar: Xa que lle cadrou de vir por eiquí, vou aporveitar pra decirlle que iste mes..., se é que vostede puder...
D. POMAR.- (Decote afábel). ¿Cómprenche cartos?
MANOEL.- (Homildemente). Pra pagar unhas deudiñas...
D. POMAR.- (Con certa pena). ¡A conta vai indo xa moi outa, Monoeliño!
MANOEL.- Xa sei, sinor, xa; pero...
D. POMAR.- Non coides que cho digo por...
MANOEL.- Non coido, sinor, non...
D. POMAR.- Vai, vai pola casa e traguerás o que percises.
MANOEL.- ¡Deus llo pague, don Pomar!... (D. Pomar desaparez; Manoel, cando se da volta e Ile dan os ollos na escopeta, bota as mans á cabeza). ¡Ai, unha centella me nunca parta!... A pirmeira mintira que lle contei a iste home, saíume esforricada. (Vai correndo á porta de izquerda, pra chamar). Señorito! ¡Ai, señorito!...



ESCEA V

MANOEL, AURORA e FERMIN

FERMIN.- (Aparez correndo, seguido de Aurora). ¿Qué quere, sinor Manoel?
AURORA.- ¿Qué pasou, papaíño, qué?...
MANOEL.- (Sinalando pra a escopeta). Eí ten por onde se desfai a maraña... ¡Sinto máis isto!...
FERMIN.- (Un tanto desconcertado). Boeno, isto non é nada: chegarei a casa moito denantes que el o faga. (Colle a escopeta e saie correndo).
MANOEL.- ¿Ves, filla, ves? Un mozo que se esconde de seu pai pra falar coa moza... (Funga co fuciño pechado).
AURORA.- Que Deus dispoña... (Desaparez por izquerda).
MANOEL.- Que Deus dispoña e que San Antón non durma, que se non..



ESCEA VI

MANOEL e PARRASCANA

PARRASCANA.- (Muller de caráiter tempestivo, pero de bon corazón e nobres sentementos, moi enérxica e chea de vitalidade, pese aos seus sasenta anos, morena, de moitas arrugas na cara, viste modestamente, pero con moita variación de coores vivos que resaltan a súa primitiva mentalidade. Pola fogosidade do seu caráiter aparenta ruín intrana, semellando non sentirse cómoda se a non fan rabiar ou se non fai rabiar a alguén. Entra resoltamente, fiando na roca, con atroadora voz). ¡Saúdiña, Fungueiro, saúdiña!...
MANOEL.- (Con cara de poucos amigos, desposto e faguerse respetar). Cun fungueiro vouche medir o espiñazo, sí. ¿Quén che manda poñer alcumes á xente?
PARRASCANA.- (Mostrándose solprendida). Decote che chamei eisí e nunca deches mostras de asañamento. ¿Estás enfurruñado? Eu non che teño culpa.
MANOEL.- (Dempois de pornunciar algo que non se lle entende). ¿Qué ves buscar?
PARRASCANA.- (Quitando a roca da cintura pra pousala sóbor do mostrador). Xa non fío máis...
MANOEL.- ¡Tampouco eu!
PARRASCANA.- Xa se sabe, home: iste é traballo de mulleres.
MANOEL.- Non cho descuto; pero tamén é precaución de taberneiros.
PARRASCANA.- Bota, bótame eí dous reás de chatoIas pra ferrar os zocos.
MANOEL.- (Pousando o paquetiño sóbor do mostrador). Eí as tes.
PARRASCANA.- Pois apunta, anda, apunta...
MANOEL.- (Arrebatando as chatolas). Apuntar vouche apuntar un zafañazo que che desarme o esquelete, centella.
PARRASCANA.- (Un tanto alporizada). ¿Tí a mín?
MANOEL.- Eu a tí, sí. ¿Non che dixen que non fío máis?
PARRASCANA.- (Dempois de rir bulrescamente). Boh, boh, boh... Ise conto non é pra mín...
MANOEL.- Iste conto non é conto i é pra todos igoal. Non es máis de Deus que tódolos demáis.
PARRASCANA.- (Collendo a cousa máis en serio). ¿E dismo eisí tan cruamente, sen demudares de coor siquera? (Erguendo a voz). ¡Espantallo! ¡Tornapaxaros das figueiras!...
MANOEL.- ¿E por qué raios hei de cambear de coor?
PARRASCANA.- ¿Inda perguntas, montón de osos? Esquénceste de quen ocupa o sitio da túa muller dende que ela morreu?
MANOEL.- ¡Cánto favor me farías, se estiveras no sitio dela!
PARRASCANA.- ¡Eu ben me entendo!
MANOEL.- Xa, xa... Tí queres que eu che siga fiando, ¿non sí? ¡Pois non fío máis, chacha, non fío máis e conto arrematado! Nas túas condiciós, hai moitas outras.
PARRASCANA.- Pois hastra o de eiquí sempre me dixeches que era eu a única que vivía no teu corazón. (Cada vegada máis enfurecida). ¡Sarillo! ¡Tratante de brancas!
MANOEL.- Non te alporices e razoa, muller. Se foras algo xusta, abondaría pra que comprenderas que un home ten necesidade das carizas dunha muller pra faguer máis levadeiros os anos que queden de vida. Pero tí, que non entendes de cariño, confundes o meu corazón coas costas dun burro e queres andar decote acabalo de mín. (Taxante). ¡Tí non es unha muller!
PARRASCANA.- ¿E logo qué raio son?
MANOEL.- Unha morea de sebo pra untar zocos, iso é o que tí es.
PARRASCANA.- (Mostrándose cada vegada máis furiosa). Dalle, dalle...
MANOEL.- Sabes que por culpa túa descuidei as miñas obrigas; sabes que estou a ponto de coller un saco e botarme a pedir esmola polas portas do mundo... Boh, ¡es unha zugadora de osos!
PARRASCANA.- Teño a concencia moi tranquiliña, e máis limpa que leite de burra. Se algo me deche, foi pola túa voluntade. Por outra banda, se algo me deche..., moito máis che merezo.
MANOEL.- Non vexo por qué.
PARRASCANA.- ¿I a miña honra, galupín, i a miña honra?...
MANOEL.- Boeno, muller, boeno... Es viuda duas veces e semellas non aturar hastra chegar ás tres. Acouga, muller, acouga...
PARRASCANA.- (Ameñazante). As túas bulras están faguendo chegar ao meu espizaño unhas moi adoecidas ganas de botarche as mans i afogarte coma quen afoga un pito...
MANOEL.- (En tono de súprica). ¡Sen boa, Parrascaniña, sen boa!... Non esquenzas que teño unha filla, que estou deixando por portas do mundo. A tí tamén che quero, pero...
PARRASCANA.- Xa se ve o moito que me queres, xa... (Dempois de limpar unha bágoa). Tódolos homes sodes o mesmo: dempois de que Ile quitades a honra a unha muller, faguedes dela un barredoiro... (Novamente enfurecida). ¡Palanquín! ¡Esgazador de honras!
MANOEL.- Falas de honra coma se foras filla de María, chacha.
PARRASCANA.- Hai fillas de María... que non me poden mirar a cara siquera.
MANOEL.- (Bulrón). Xa se sabe: pra iso... compre estámago.
PARRASCANA.- A tí sobrouche.
MANOEL.- Sí, porque tiña os lixos do amor nos ollos.
PARRASCANA.- (Enfática). Estouche vendo furado dun cachetazo.
MANOEL.- (Aloumiñando). Boeno, Parrascaniña, boeno; deixemos a parola pra millor ocasión e vaite, anda, vaite denantes que saia miña irmá Silvestra: ben sabes qué cras de xenio Deus lle dou e...
PARRASCANA.- O xenio, daríallo pra tí, que es como as canivelas dos fogos: furado por dentro; pero a mín... non trates de poñerme medo coa túa irmá, porque... (Fan crisis os seus nervios e pasa pra dentro do mostrador pra tirar ao chan tudo canto atopa no camiño: pratos da balanza, caldeiros, cadeiras, etc., etc. Manoel, despavorido, contempra a escea sin pornunciar verba; Parrascana, dempois que fixo rodar tudo polo chan con grande estremonía, resoprando, colle a roca i as chatolas, i alanca até a porta pra darse volta e decirlle). Entretente en poñer tudo no seu sitio, anda. (Desaparez).
MANOEL.- (Cheo de indiñación, e cando está seguro de que Parrascana se foi, corre á porta pra berrarlle, con voz apagada e tremerosa). ¡Lo... loba! (Volta correndo pra esconderse detrás do mostrador).



ESCEA VII

MANOEL e SILVESTRA

SILVESTRA.- (Irmá de Manoel, máis vella que él, de faciana enfermiza, de poucas e vagarosas falas; viste modestas roupas e leva un escapulario pendurado do pescozo. Solprende a Manoel anicadiño detrás do mostrador). ¿E qué estás faguendo eí tan amoricadiño? (Cando ve o desorde en que tudo está, pergunta). ¿Qué ocurreu eiquí?
MANOEL.- (Con cara de circunstancias). Pois..., pois... tiña as portas abertas i entrou... entrou un aire tan forte que... mesmamente semellaba un furacán.
SILVESTRA.- ¿E non serían bufadas da Parrascana?
MANOEL.- (Sacando peito, faguéndose valente). ¡Pero, irmá querida!... ¿Cómo podes supoñer que eu non sería capaz pra pegarlle dous couces á Parrascana e poñela de lancaños fora da porta se isto intentare faguer na miña casa? Tí esquences que o teu irmán viste pantalós, Silvestra...
SILVESTRA.- Sí, home, sí... Que Deus nos dea pacencia...
MANOEL.- (Dispóndose a poñer tudo en orde). Vai, vaite á cociña, anda. Dende que che dixeron que me entendo coa Parrascana, ves Parrascanas por túdolos recantos. Se collo a quen ergueu semellante caloña, cos nervios que eu teño...; boeno, millor que non o seipa nunca.
SILVESTRA.- Cando eu a pille a xeito, vai ouvir as que nunca lle dixeron. Boeno, en canto a vergoña... tanta tes tí coma ela. (Desaparez por izquerda, faguendo a sinal da cruz). ¡Xesús, María e Xosé!...
MANOEL.- (Suspira). ¡Qué cruz teño enriba, centella! (Erguendo as mans ao ceo). ¿Ónde, ónde estará isa maldecida morte que me ha de levar dunha vez, hom?



ESCEA VIII

MANOEL e AURORA

AURORA.- Vaia comer, papai, vaia comer. (Ponse a traballar).
MANOEL.- ¡Non fíes a ninguén, Auroriña! Nin que che pidan en nome do sinor abade, ¿eh? ¡Moito tino, filliña, moito tino!...
AURORA.- Vaia tranquilo. (Manoel desaparez por izquerda). Aporveitándose do brando corazón de meu pai, tódolos veciños veñen mercar sen cartos. Nista semán de Deus non entrou cadela no caixón, e co caixón valdeiro... non se paga ás casas mooristas. Non, pois..., quen veña buscar cousas sen cartos... vai levar que rañar. (Bótase a cantaruxar).



ESCEA IX

AURORA e GOLETA

GOLETA.- (Unha mociña mal traxeada que, inda que nobre, sabe finxir inxenuidade pra conquerir os seus propósitos. Entra con un cestiño da praza, cantaruxando). ¡Bons días, Auroriña!
AURORA.- Pra mín xa son tardes, Goleta.
GOLETA.- ¡Quén diso poidera gabarse, amiguiña!
AURORA.- Parezme que comedes moi tarde na vosa casa.
GOLETA.- Nunca é tarde cando se come. O pior do conto é cando hai que dar os "bons días" aos que polo feito de haber comido agardan as "boas tardes".
AURORA.- (Tenra e con certa pena). Boeno, muller, boeno... (Transición). ¿Qué ves buscar?
GOLETA.- (Pousando o cesto sóbor do mostrador). Vai metendo dentro do cesto tudo aquelo que eu che nomée, anda.
AURORA.- Pois dalle xa.
GOLETA.- Tres patacós de franela.
AURORA.- Franela non che temos.
GOLETA.- ¡Ui, que raio!
AURORA.- Non será franela, muller; pensa ben...
GOLETA.- Isa fariña bermella que lle da coor i arresdendemento á comida, muller...
AURORA.- ¡Canela, muller, canela!
GOLETA.- ¡Iso, iso mesmo!... Que burricana son eu, malo raxo.
AURORA.- (Dempois de meter algo no cesto). ¿Qué máis
GOLETA.- Duas libras de pantrigo.
AURORA.- (Namentras pesa). ¿Qué máis?
GOLETA.- Duas libras de bacalao.
AURORA.- (Dempois que lle meteu tudo no cesto). ¿Qué máis?
GOLETA.- Nada máis. (Dispóndose a coller o cesto). ¡Apunta, Auroriña, apunta!
AURORA.- (Retén o cesto). Ai, iso sí que non: resolvemos non fiar a máis ninguén e non podo apuntar.
GOLETA.- (Apesadumada). Díxome o papai que vos pidira polas anemiñas do purgadoiro...
AURORA.- Dille a teu pai que non se pode pagar ás casas mooristas con ises contiños, filliña...
GOLETA.- (Ao tempo que vai quitando as cousas do cesto pra poñelas sóbor do mostrador, con finxida pena). ¡Probe miña naiciña!... (Churimisga).
AURORA.- ¿Qué ten túa nai?
GOLETA.- ¿E non sabes... Como Deus bota menicoques do outro mundo pra iste, sen roparar se caien en casa probe ou rica, acaba de darlle un a miña nai: un meniño coma un anxo, iso sí... (Finxe o choriqueo).
AURORA.- (Abrandando). I a túa nai síntese mal, craro...
GOLETA.- ¡Coitadiña!... Tivemos que ir correndo polo médico... (Aparte). Que Deus me perdoe, se peco.
AURORA.- ¿E qué lle dixo o médico?
GOLETA.- Pois... dixo que... dado o estado afebrado da enferma... non conviña meterlle na barriga moitas cuncas de caldo. E... se ben é certo que somos probes, a saúde da nai... compre atendela.
AURORA.- Sí, muller, sí; Deus goberne...
GOLETA.- Miña nai non é nada larpeira ¿sabes?, pero como se alcontra tan enfermiña, o meu pai resolveo darlle a comer unha libra de bacalao gobernada con patacas novas.
AURORA.- ¿E non lle fará mal isa comida tan forte?
GOLETA.- Se lla pide o corpo... ¡adiante con ela! Cando se come con gosto, non hai cousa que faga mal. (Compunxida). Pero..., se tí non fías, a probe da miña nai terá que xuntar as paredes do estámago coas da soá.
AURORA.- (Conmovida, meténdolle tudo no cesto). Leva, leva tudo; xa pagaredes, se Deus quer.
GOLETA.- (Dando choutos de contenta). ¡Deus cho pague, Auroriña! Que Deus che dea un home cariñosiño e duro coma eso, pra que nunca poidas acabar con el... Adeus, amiguiña, adeus... (Desaparez por direita, rindo a gargalladas).
AURORA.- ¡Quén non faría outro tanto pola nai!... (Colle a libreta e ponse a tomar nota do fiado).



ESCEA X

AURORA e MANOEL

MANOEL.- (Que aparez por izquerda, limpándose co pano; achégase a Aurora e, dempois de alongar o pescozo por riba dela pra ver o que fai, solemne i apromadamente). ¿Qué apuntas, pequena?
AURORA.- (Con certo temor). Unhas cantas cousiñas que levou Goleta, a filla do sinor Andrade...
MANOEL.- ¡Ai, centella! ¿E non che dixen que non fiaras máis? (Con dureza). ¿Eh? (Pequena pausa). Tí vas acabar conmigo, criatura, ¡vas acabar conmigo! Mira que fiar dempois de decirlle eu que non fiara... ¡Iso non se fai! ¡Qué maneira de guiarse por mín!...
AURORA.- (Resentida). A nai de Goleta alcóntrase moi maliña: tivo un neniño e trouxéronlle o médico...
MANOEL.- (Con marcada curiosidade). ¿Qué tivo un menicoque a... (Reaicionando). ¡Non importa! Pra carrexalo pra iste mundo... non percisou de mín...
AURORA.- (Limpando os ollos). Cando me falou daquel xeito... lembreime de miña naiciña e...
MANOEL.- (Tenro). Tes razón, miña pequena: a túa... morreu aos catro días de tí nasceres. (Aloumiñándoa). Cala, filliña, cala... (Dempois de limpar unha bágoa, colle un molete de pan pra entregarlle a Aurora, decíndolle). Corre aló lixeiriña, anda; lévalle ise molete. (Aurora saie co pan por direita, correndo e moi contenta; Manoel, dempois de limpar os ollos, prosegue). Se deu a luz e se atopa enferma... hai que axudala, malpocado: hoxe por ela... e mañán por mín. (Ponse a traballar).



ESCEA XI

MANOEL i o ESPRITISTA

ESPRITISTA.- (Home duns trinta anos, descoñecido no pobo, que viste correitamente e porta unha maletiña, fala o castelán e semella ser amábel). Buenas tardes. (Séntase acarón da mesa).
MANOEL.- Que Deus veña con vostede. (Aparte). ¡Qué señorito afidalgado!... (Indo ao recén chegado, con moito respeto). E logo... ¿Qué lle poño ao señorito?
ESPRITISTA.- Pues..., medio litro de vino tinto, señor tabernero.
MANOEL.- (Dilixente). Correndo, señorito, correndo... (Aparte). Debe de ser deputado... polo menos. (Poñéndolle xarro e cunca diante). ¿Algo máis?
ESPRITISTA.- Por ahora... nada más.



ESCEA XII

DITOS e DON POMAR

D. POMAR.- (Xuntándose con Manoel a pe do mostrador). Veño a traguerche isas pesetas... (O Espritista non perde detalle).
MANOEL.- Deus llo pague, don Pomar. Que os santos non se cansen de acugular fartura na casa de vostede.
D. POMAR.- Amén, amén. (Entregándolle os cartos). Eí che van duas mil oitocentas pesetas, que sumadas ás doce mil oitocentas que xa tes aló, fan xustamente quince mil seiscentas.
MANOEL.- (Metendo os cartos nunha carteira, que logo gardará na faixa ou nun peto de fora da chaqueta, detalle que non se lle rispa ao Espritista). Boeno, sinor, boeno... Bote o recibo pra firmarlle, ande. (D. Pomar entrega o recibo; Manoel, namentres firma, pergunta con certa sorna). I o seu fillo... ¿aparesceu ou índa non?
D. POMAR.- (Tamén con sorna). ¡Sííí!... Xa estaba na casa cando eu cheguei. ¡É moi lixeiro!
MANOEL.- (Entregándolle o recibo). O seu fillo é unha luz, don Pomar, ¡Unha luz! I en canto a sabencia... coido que non hai outro. (Transición). ¿Quere botar unha copiña?
D. POMAR.- Non, non quero nada; teño que escreber unha carta denantes que pase o Castromil e... o tempo non agarda. (Collendo o recibo). Deica outra hora, Manoel...
MANOEL.- Hastra decote, don Pomar; hastra cando goste... (Pomar desaparez; Manoel, sin percatarse de gardar millor os cartos, emprende parola co Espritista). E logo... ¿o sinor vai pra lonxe?
ESPRITISTA.- Voy para Monterroso. ¿No conece usted algún atajo que me haga ganar un par de horas?
MANOEL.- Non lle vexo moito... Ah, únicamente que colla vostede a Vilar de Morrazos pra saltar a Raña e ir cair ao Mexadoiro. Pero é moi mal camiño; millor que colla vostede o Castromil.
ESPRITISTA.- Sí, pero Castromil tardará mucho.
MANOEL.- Denantes das sete non pasa.
ESPRITISTA.- Métame en esta maleta medio kilo de pan, un buen queso y una botella de vino.
MANOEL.- Correndo, sí. (Aparte, namentres colle as cousas). ¡Qué maneira de gastar!...
ESPRITISTA Ah, antes que me olvide: póngame también una lata de sardinas de Ia mejor clase ¿sabe, señor tabernero?
MANOEL.- Correndiño, correndiño... (Namentres mete as cousas na maleta). O sinor será tratante de mulas ¿non sí?
ESPRITISTA.- No, señor: yo paso Ia vida haciendo bien a Ia humanidad, trabajando para los demás.
MANOEL.- ¿Médico?
ESPRITISTA.- En parte sí y en parte no; acaso médico de almas, sí: soy Espiritista.
MANOEL.- (Aparvado). Espritisss... Ah, xa sei: vostede é dos que contan chistes pra xuntar xente denredor dun sacamoas ¿non sí?
ESPRITISTA.- No, señor, no: nosotros tenemos Ia virtud de poner al habla los vivos con los muertos.
MANOEL.- (Faguendo a sinal da cruz). ¡Alabado sexa!... (Estremece). ¿Vostede fai falar os vivos cos mortos?
ESPRITISTA.- Y tan clarito como si nunca murieran. ¿Tiene usted algún miembro de su familia en el otro mundo?
MANOEL.- (Con sentimento). ¡A miña mulleriña, por disgracia!
ESPRITISTA.- ¿Y no le agradaría a usted mucho poder sostener una conversación con ella?
MANOEL.- E logo... ¿cánto me vai cobrar por poñerme á fala con ela, anque namáis sexan tres menutos?
ESPRITISTA.- ¿Quién habla aquí de cobrar, señor tabernero?; ya le dije que andamos en el mundo para hacer bien a Ia humanidad.
MANOEL.- (Con desconfianza). ¿E quén lles da de comer?
ESPRITISTA.- Si trabajamos para Ia nación, justo será que ella nos mantenga.
MANOEL.- ¿Entón vostede é empregado do goberno, craro?
ESPRITISTA.- Justamente: empleado del gobierno.
MANOEL.- Pois xa ía sendo tempo de que o goberno se fixera ver, hom. (Transición). O que vostede acaba de beber, engadido ás cousas que van gardadas na maletiña, compoñen nove reás xustos. (Dempois de chiscar un ollo ao púbrico). Non é por desconfianza, ¿sabe?; é por gañar tempo.
ESPRITISTA.- Tiene usted razón, señor tabernero: cobre lo que sea. (Paga).
MANOEL.- (Aparte, namentras garda os cartos no caixón). Eu ben digo: trátase dun sinor moi correito. (Indo ao Espritista). Pois..., cando vostede goste, póñame á fala cos habitantes do outro mundo.
ESPRITISTA.- Sí, señor; ahora mismo. (Érguese mói lixeiro e quita do peto un tubiño de metal ou de canivela; maniobra e fala moi lixeiramente, pra millor enzarapallar a Manoel e risparlle os cartos que gardou na faixa ou no peto). Este misterioso tubito es indispensable para que usted pueda fijar Ia vista allí donde yo le indique. (Dándolle instruciós). Así: firme y sin moverse. Tendrá que tapar el ojo izquierdo con Ia mano; y el ojo derecho, bien abierto, lo aplicará usted al tubo para fijarse bien aquí... (Sinalando un sitio determiñado na parede, de xeito que Manoel quede de costas á porta de direita), y esperar que aparezca Ia imagen de Ia persona con Ia cual desea usted conversar.
MANOEL.- Sí, sinor sí...
ESPRITISTA.- (Namentres o acomoda, o achega á parede e o fai mirar alí onde millor conveña). Usted mire fijamente para este puntito. Tardará un poco en aparecer su mujer, pero no le preocupe a usted. Hay que tener en cuenta que viene de muy lejos: de aquí al cielo hay siete mil millones de leguas, cuatro kilómetros, tres cuartas y seis pulgadas; hasta el infierno no se sabe exactamente, pero se supone que está mucho más lejos aún.
MANOEL.- E se coñecemos a distancia ao ceo: ¿por qué non ao inferno?
ESPRITISTA.- Porque es tantísimo el calor que allí existe, que no hay cinta métrica que lo resista; muchos han sido los peritos que se acercaron, pero sin poder lograr sus propósitos. (Co gallo de poñelo ben, vaino apalpando e quitándolle os cartos). Póngase así, así... Tenga usted paciencia y no se intranquilice. El cuento que le estoy haciendo es igualito a muchos otros que ya hice; entonces, Ia gran práctica que tengo, autorízame para sostener que tampoco fallaré en esta oportunidad...
MANOEL.- (Tapando o ollo izquerdo coa man e desenrolando a escea do tubo con moita atenzón). ¿E non sintirei algún ruídiño, sinor Espritista?
ESPRITISTA.- (Pechando a maleta e dispóndose a fuxir). No, señor tabernero!... Tengo muy buena mano y todo lo hago de Ia manera que menos moleste al candidato.
MANOEL.- ¡Qué listo é vostede, nai que me paríu!...
ESPRITISTA.- Ni una palabra más ni el más pequeño de los movimientos, señor tabernero. ¡Quietito! Voy a pronunciar silenciosamente Ias misteriosas palabras que harán que su mujer aparezca ahí mismo donde le indiqué. Pero... ¡mucho ojo! No olvide que un pequeño ruído o el más insignificante de los movimientos, podrían echar a perder todos nuestros propósitos. (Colle a maleta). ¡Silencio! Preciso tiempo para dar los primeros pasos. (Vai retrocedendo de espaldas á porta). Así..., así... (Desaparez correndo. Manoel, dempois dun tempo prudencial na postura en que o deixou o Espritista, intuindo o ocurrido, deixa caer o tubo pra botar as duas mans ao peto onde gardaba os cartiños; bota unha pausada mirada denredor de sí e, repentiñamente, corre á porta de direita, na que se alcontra con Aurora, que niste intre fai a súa entrada, tamén defraudada).



ESCEA XIII

MANOEL i AURORA

AURORA.- (Que entra chorando, co molete na man; Manoel tamén chora). Goleta minteume pra que eu lle fiara; non é certo que a nai tivo un neniño; están faguendo unha festa, porque é día do seu Santo...
MANOEL.- (Alanca até Aurora paseniñamente e, namentres lle da carizas). Corazós tan brandos... xa non deberan nascer máis niste ruín mundo, filliña. Tódolos que no peito non carrexamos maldade, somos dispreciados e motivo das máis despiadadas bulras. Xa naide ten en conta a nosa sensibilidade, a nosa bondade i a nosa sinxeleza: todos coidan que somos burros... e nada máis que burros... (Limpa os ollos co seu paniño marelo).
AURORA.- (Con certa solpresa). ¿Por qué chora, papaíño, por qué chora vostede?
MANOEL.- (Acorado). Por..., por..., por nada, filliña, por nada... (Abrázanse).





PANO SUPETO

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega