Obra completa. Poemas e outros escritos

 

Escolma. I Poesía: "A fonte das meigas"

Páxina Seguinte

m4cabadavazquezobracompleta8.html

A FONTE DAS MEIGAS


Hai unha fonte
na miña terra
que a xente chama
fonte das meigas,
e o que, con sede
chegando a ela,
das súas ágoas
beber se estreva,
disque, endiante,
dores e penas
sinte decote
soio e tristezas.


Hai unha fonte
na miña terra
que a xente chama
fonte das meigas.


Eu, que fun sempre
rebelde ás crenzas
que ten o pobo
tocante a meigas,
trasgos e bruxas
e cousas desas;
moi arrufado,
con moita aquela,
sin facer creto
de tal creenza,
alá me fun
—¡ben se me lembra!—
de cara á fonte,
que din das meigas.


Do mes de maio
unha tarde era.


Ó ver suas ágoas,
craras e frescas
agurgullando
por antre as penas,
sentín degaros
e sede delas*.


Axoenlleime
sóbor das herbas,
e, abaixándome
encol da presa,
bebín..., bebín...
e sentín pena
non ter máis sede,
porque de tela
bebendo un ano
seica estivera.


Tal de sabrosas
e frescas eran
da fonte as ágoas
que din das meigas.


¡Nunca alí fora!
¡Nunca eu bebera!


Dende aquel día,
decote penas
sinto e pesares,
dores, tristezas;
vexo visións,
soño quimeras
e ando sempre
pensa que pensa
e cavilando
cousas segredas,
que nunca logro
realidá velas.


¡Ai! Dende estonces,
¿quen o dixera?,
creo na fonte
que din das meigas.


Hai unha fonte
na miña terra,
que a xente chama
fonte das meigas,
e o que con sede
chegando a ela,
das súas ágoas
beber se estreva,
terá a cotío
moi fondas penas,
que eu ¡ai! bebinas,
e agora... ¡téñoas!...



Vida Gallega, 25 xaneiro 1925. El Compostelano, 23 maio 1932 (Vagalumes, 281-286).

 




* Nota do editor:
En Vida Gallega dise "xa de bebelas" (en vez de "e sede delas":Vagalumes). Por outra banda, antes da estrofa seguinte (que comeza con "Axeonlleime"), hai en Vida Gallega outra estrofa que non aparece en Vagalumes. É esta: "Eu tiña sede, /inda sin tela / aquela tarde / tamén bebera / auga da fonte / que din das meigas".

 

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega