SOÑEI CONTIGO
Soñei contigo esta noite;
meniña, non teñas medo.
A lúa ía peneirando
foulas de luz polo ceo.
O mar era unha resteva
sementada de vieiros.
Dentro de min alentaba
o esforzado mariñeiro:
a nao belida eras ti
e eran meus brazos os remos.
A lúa ía peneirando
foulas de luz polo ceo.
Naufraguei na inmensidade,
apouvigado dos ventos.
Baixo as pingotas de luces
que orballaban os luceiros,
a nao ía mariñando
polo ronsel do misterio.
Soñei contigo esta noite;
meniña, non teñas medo.
De súpeto, no horizonte
o faro da espranza aceso,
a tecer e destecer
unha rede de vieiros,
abalou meu curazón,
que ía na proa senlleiro.
A lúa ía peneirando
foulas de luz polo ceo.
No lonxe, o porto arelado
lucía bicos e acenos;
relanzo do meu esprito,
acougo dos meus desexos.
A nao fuxía, embalada
polo batuxar dos remos,
namentras tremelucía
unha canción nos meus beizos...
Soñei contigo esta noite;
meniña, non teñas medo.
A lúa ía peneirando
foulas de luz polo ceo...
Faro de Vigo,
9 outubro 1932, p. 9. O poema está asinado co pseudónimo J.
Lamenú. |
|