Nota do editor.
Tanto este coma o seguinte poema, Nos
dondos brazos da noite, foron dados a coñecer, en edición
facsímil, por X. Alonso Montero no Apéndice da segunda edición
de Vagalumes (1989), pp. 56-57. Sobre eles indica o mesmo
autor: «No arquivo Filgueira Valverde figuran dous poemas, sen
data, que son posteriores a 1931. Ademais de moi valiosos,
contribúen a destruí-la imaxe decimonónica que gravita sobre
a súa condición de poeta» (o.c., 30). Pola miña parte, coido
que ámbolos dous poemas poderían ter que ver cunha primeira
resposta ou envío do poeta ( que non chegaría a completarse
debido á prematura morte do poeta a comezos de abril de 1936)
ó inquérito ou cuestionario que Filgueira Valverde dirixiu, no
Nadal de 1935, a uns cincuenta poetas coa finalidade de realizar
unha Antoloxía da creación lírica galega. Se isto fose así,
habería que situar a redacción destes dous poemas entre os
últimos días de 1935 e marzo de 1936. Cf. Filgueira Valverde,
Xosé, «Presentación». En: Cunqueiro, Álvaro, Autopoética
e poesías 1935. Autógrafo e inéditos (s.l., Consello da
Cultura Galega, 1991), pp.5-11. |