Obra completa. Poemas e outros escritos

Páxina Anterior

Escolma. I Poesía: "Os banqueiros do demo"

Páxina Seguinte

m4cabadavazquezobracompleta13.html

OS BANQUEIROS DO DEMO


Facilius est enim camelum per
foramen acus transire,
quam divitem intrare in regnum Dei
             (San Luc., XVIII, 25).


                      I

—¡Quen che me dera ser rico,
que xa lle eu diría ó crego
se caben ou non os ricos
polas entradas do Ceo!...

Isto barballoaba un mozo
ascontra de outros do xeito,
ó voltar da misa un día,
en que espricando o Evanxeo
dixera o crego que ós ricos
lles é moi custoso o Ceo,
"que —asegún dixo Xesús—
máis fácil é que un camelo
caber poida dunha agulla
polo apretado buxeiro
que un rico traspasar
os limiares do gran reino".

Como fixo non me costa
o tal mozo para selo,
pro cóstame que foi rico,
sendo logo un usureiro.

Se alguén precisaba cartos
el llos emprestaba a rédetos,
cobrando un trinta e un corenta
e hastra un cincoenta por cento,
hipotecándolle a casa
e as leiras. Deste xeito
cos probes labregos fixo
o que saleulle de drento
hastra que os máis emigraron
e os outros, o seu perdendo,
convertéronse do rico
en misérrimos caseiros;
quedando hastra o mesmo abade
só con sotana e manteo...

En morrendo —pois parentes
non tiña seus nin herdeiros—
todos coidaban deixase
pra eles aquel milleiro.
Pro, coitados, enganáronse,
que aconteceu de outro xeito.
Foi pondo todo en billetes,
casas e veigas vendendo,
e ó ter xa todo en papeis
dentro dun saco meteunos,
e con el ás costas marchouse.
¿A onde? Non o sabemos...


                   II

Era unha sera de abril,
e nos limiares do Ceo
—as chaves do Paradiso
apreixadas nas mans tendo—
sentado tomaba o sol,
moi caviloso, San Pedro;
cando, sin el decatarse,
se lle presenta o usureiro,
dos cartos co saco ó lombo,
engoumado e feito un vello.
—¡Boas tardes!
—Boas tardes!,
repuxo o Santo, volvendo
en si medio estremecido.
—¿Conque vós sodes San Pedro,
o porteiro tan famoso?
¡Fólgome de conocervos!
—¿E vós quen sós? —dixo o Santo—.
—Déixame sentar, que veño
moi derrengado. Pois son o...
¡Vaia que che é ben estreito
ese camiño que tedes
para chegar hastra o Ceo!... 
E, dimpois..., ¡todo barrancos, 
estripos..., toxos!... Eu penso 
que, un bon reparo lle dando, 
inda en automovis mesmo 
poidera a xente subir; 
porque como está..., ¡meu vello!... 
Olla, se non, cal eu chego: 
¡todo esgazado e maltreito!...
—Mais ¿que é o que queredes? —dixo,
xa coñecéndoo, San Pedro?.
—¡Disque que quero! Que abrades
as portas pra entrar ¡que deño!...
—¡Iso non! ...Se sabés lere,
lede o que di ese letreiro...
—¡Tontiño que es! —dixo o outro,
xa tuteando ó Porteiro—.
¡Iso son paparruchadas
e pamplina de outros tempos!...
¡Hoxe o diñeiro éche o todo!
Se algún ti precisas... Drento
do saco todo é billetes...
e pra ti... ¡hastra sen rédetos 
—¡Aquí cartos!... ¡As boas obras!,
dixo, anoxado, San Pedro.
—¡Se che se maxinan poucas
as que eu fixen!... ¡Bah! Abre presto,
que inda che prometo dare...
pra pitillos e... ribeiro...
—Que non se abren, dixen xa,
estas portas a usureiros.
E non fagás desquererme,
porque, se non ...¡Se sós terco!
—dixo, amostrándolle as chaves
ó tal, e póndose dreito—.
—¡Non vos propasés, meu santo,
que a cousa non é pra eso!
—o atallou sin tutealo,
pois cobráralle respeto—.
Perdón, se vos ofendín.
¡Non vos coidei de tal xenio!...
E ¡adiós!, que —pois non me abrís—
xúrovos que aló no Inferno
heivos de ter quen me abra.
¡N'ha ser tan aspro o Porteiro!...
E, botando o saco ás rens,
—de reollo e con recelo
mirando ó Santo— ás carreiras
pillou camiño do Averno.


                   III

—¿A onde vas con tanta présa?
—¡Ó Inferno!
—¡Se, pois, ben vido!
—¿Pro, xa o Infemo está aquí?
—Si, señor. ¿Ou vas pra o limbo
dos rapaces?
—¡Arrenégote!
¡Con nenos quen nunca os quixo!
¡Mais, chegueiche ben axiña!...
¡Iste si que é bon camiño!...
¡Nin as millores estradas!
Así dá gusto. Maxino
que xa todo estará cheo
de marqueses e ministros...
—Moitos hai. Pero ti inda colles,
¡porque é o Infemo infinito!
—¿Non poidería falar
con Lucifer?
—Son eu. Listo.
—¡Ola!... ¡Fólgome!... ¡Cal queima
isa túa man...! ¡Re...cristo!
Escóitame: Eu nesta alforxa
ou saco traio metido
moito diñeiro. Se queres
entre os dous o repartimos,
con tal de que me desiñes
drento pra min un bon sitio.
—¡Trato feito! Pousa o saco
aí, e vente comigo.
—¿Pero?..
—¡Anda! ¡N'hai ladrós!
e, ademais, drento non fío...
Pois, como todo é papel,
unha muxica...
—¡Entendido!...
Ningún lugar lle axeitaba.
Mais, ó fallo, por máis dino
tendo de forneiro o posto,
forneiro quedou de fixo
xa nomeado. Desde estonces
alí o temos, de contino
atizando leña ó forno.
E coido que n' é preciso
declarar que a leña aquela
arde millor que o gas mismo;
que ¡coma o gas dos pecados
nin o habrá nin ten habido!...


                   IV

O Demo, que moi arteiro
sempre foi e moi lagarto,
en vendo que o home aquel
traía un milleiro de cartos,
dixo escontra o seu chaleque.
—"¡Agora, si eu dou o salto!..."
E douno, pois, ó entregarlle
as gallas, pillou o saco
e dun brinco —pouco menos—
rubeu á Terra. Axuntando
uns cantos homes daqueles
que el coñecía máis aptos,
foilles todo repartindo
o diñeiro, deica o saco
baleiro quedou de todo.
Mais antes firmano un pacto,
cada cal coa súa sangue
pra así facelo máis válido,
do que sacáronse copias
sellás co cruño satánico,
polo que todos ó Demo
a entregarlles se obrigaron
suas almas n'hora da morte
—¡que é o seu logro cobizado!—.
Ademais, mentras vivisen
que facer tiñan que os cartos
inzando fosen decote,
o que lograrían, dándoos
a render e tendo tino
que o tanto por cen fose alto.
E ir fundando sucursás,
por mor de abondo ter pactos
que fagan chegar ó Averno
de almas un rego a diario.
¡Tanto é do Demo o egoísmo,
que non se dá delas farto!...


                 EPÍLOGO           

Tal foi —non outro— o orixen
dos infernaes banqueiros:
eses que xente valura
tamén lles chamar soemos;
e ás veces se ón berregar:
¡os cartos... hastra no Inferno!...


 Vida Gallega, 5 outubro 1925.

 

 

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega