Obra completa. Poemas e outros escritos

Páxina Anterior

Escolma. I Poesía: "Nosa Señora da Grela"

Páxina Seguinte

m4cabadavazquezobracompleta10.html

NOSA SEÑORA DA GRELA


Ergueuse o sol moi cediño
e, por ser día de festa,
destrenzou unha muiñeira
na serra de Cabanelas.

Vírono os bos mariñeiros
mailas xentes de Tras-Deza,
e puñéronse en camiño
de cara á Virxe da Grela.

Van de romaxe: e as mozas
desfollan cántigas ledas,
todas cheas de degaros
e ateigadas de ternezas.

Irtos, bariles, outivos,
fillos herdeiros dos celtas,
abrouxadores atruxos
os mozos no ar peneiran.

O gaiteiro repenica
os dedos con xentileza,
bordando armonías doces
que os pesares escorrentan.

Nas mans dunha nena en flor,
vermelliña cal cereixa,
toleirona e donairosa
rebuldea a pandereta.

Reloucando de alegría,
camiñan de cara á Grela
para cumprir santos votos
e sagras promesas feitas
á doce Nosa Señora,
de Dios Nai; á Virxe meiga,
avogada dos homildes,
aliviadora de penas,
sosego nos desacougos
dos corpos e das concencias;
dozura, nos amargores,
nas acedumes, terneza,
nas horas de dor, meiciña,
ledicia, nas de tristeza;
rosa antre espiñas nacida,
miúda e branca azucena,
casta antre tódalas virxes,
reina antre tódalas reinas,
refuxio dos pecadores,
¡hucha de gracias rechea!...

Á Santa da Grela van
para caír diante dela
de xionllos, agradecidos,
e rezarlle coas mans dreitas
á que sosegou os mares,
calmou os ventos, e á terra
guiou os barcos que a roita
na noite escura perderan,
e arredou á praia as dornas,
as probes dornas peixeiras,
trocando bágoas e choros,
mágoas, dores e tristezas
en sorrisos e alegrías,
bicos, caricias e apertas,
levando a paz e o amor
ós fogares e ás concencias...

¡Coitadiños mariñeiros!,
¡cantas dores, cantas penas,
trai sóbor deles á feixes
o mar cando se enrabecha,
e se arremoíñan os ventos
e as loucas olas se encrespan!...

Mais saben que dende a ermida
nosa Señora da Grela
seu ollar protector tende,
e olas e ventos se aquedan,
sempre que a invocan e a chaman,
sempre que acoden a Ela.
¡Por algo é porto seguro!,
¡por algo é do mar estrela!...

Nosa Virxe dos homildes,
nosa Santa mariñeira,
que, cal lumioso faro,
na túa errnida da Grela
te ergues cara ó mar de Arousa,
garimosa e satisfeita,
coa sorrisa a fror de beizos
e a miradiña serena
deses teus olliños meigos,
ollos de nai cariñenta
que nos quer e aloumiña,
que nos bica e arreconchega
escontra do morno peito,
nos arrola e adormenta...

¡Somos probes mariñeiros,
nosa Santa, nosa Reina,
que no escuro mar da vida
á deriva imos, sin velas;
azoutados polos ventos
das tentaciós que nos cercan,
polas olas enritadas,
polo mar que se enrabecha:
olas de falsas doctrinas
que de Cristo nos arredan;
mar, onde ferven as lavas
infernales da indecencia,
enritadas polas modas,
polas lascivas novelas,
polos teatros e cines
e pola prensa blasfema;
mar, onde se arremoíñan
con furias de loba fera
tódalas pasiós humanas
e as desatadas tormentas
dos infernales abismos
e das infernales sectas;
mar enlodado, onde o monstro
dos sete pecados ceiba
pesticenciales bafíos
e arrotos con que envenena
fogares, escolas, vilas,
almas, vidas, e concencias!...

Doce e adourada Naiciña,
nosa Señora da Grela,
guíanos a porto salvo,
lévanos á praia, leva;
sexa teu manto real
das nosas dornas a vela,
teus ollos e teu sorrir,
faro que a roita alumea
ás probes almas que dudan
envolveitas pola néboa;
móstranos, doce refuxio,
nos teus braciños de Reina
ó fillo das tuas entranas,
ó Neno Dios; fai que vexan
seu sorriso loumiñante
nosas almas mariñeiras;
roga por nós, nosa Santa,
ora e na hora derradeira.
¡Por algo es porto seguro!,
¡por algo es do mar estrela!...




Nota do editor.
     Vagalumes, 269-278. O poema foi impreso por primeira vez, no prelo do Seminario de Santiago, co gallo da Festa (6 e 7 de setembro de 1930) da Nosa Señora da Grela (parroquia de Codeseda) nunha folla, que ten por diante a imaxe da nosa Señora de Guadalupe (na súa capela da Grela) e por detrás o poema. Verbo deste poema anota en Vagalumes o poeta de Codeseda: "Poesía recitada por a nena Celia Iglesias Teira, diante a imaxe de Nosa Señora da Grela, o día 8 de setembro -data da súa festa- do 1930" (Vagalumes, 269). Xa tres anos antes fora publicado un extenso programa, "Grandes e solenes Festas adicadas á Nosa Sra. de Guadalupe", todo el en galego e "imprentado no Seminario de Santiago", para as festas da Virxe da Grela dos días 6, 7 e 8 de setembro de 1927. Sen dúbida Cabada Vázquez tivo parte activa na redacción deste programa, que el mesmo enviou á revista A Nosa Terra (esta faise eco do envío do "bon amigo noso, o notabre poeta Xosé Cabada Vázquez", louvando explicitamente o programa, que considera exemplar por estar redactado en lingua galega: ver A Nosa Terra, 1 setembro 1927, pp. 9-10). Na cabeceira deste programa figura un breve poema, que podería ser tamén da autoría do poeta de Codeseda. Ei-lo texto do mesmo:

Nosa Señora da Grela
ten un vestido de corte.
-¿Quen llo dou, quen llo daría?
-Os mariñeiros do Grove.

Nosa Señora da Greta
ten un vestido de seda.
-¿Quen llo dou, quen llo daría?
-Os romeiros de Tras-Deza.

Nosa Señora da Greta
ten un meniño no colo
a quen de cotío prega
por tódolos seus devotos.

 

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega