Oraciós Campesiñas

Páxina Anterior

Escolma: "A hora mística"

Páxina Seguinte

m2eladiorodriguezoracioscampesinhas003.html


A HORA MÍSTICA


   Morre a tarde. O lusco e fusco
cobre de quietude os campos,

cal se quixese envolvelos

         no seu manto.

É a hora solemne e mística

          dos misterios sagros,

en que a lus vai esconderse
alá nos confís lonxanos
do hourizonte, donde as brétemas
a recollen n'un abrazo
         de agarimo.
Tèn a terra o tristor prácido
das tranquilidades mornas
i-os anoiteceres calmos,
que pousan sobre o paisaxe
todo o misticismo santo
         dos acougos,
         no remanso
d'un relixioso silencio.
¡Hora de unción en que os agros
se recollen máis en sí
coa fonda abstracción do engado
         d'un feitizo!...
         Como un regalo
do ceo, como un queixume
de acento levián e brando,
sona o toque da oración,
         grave e pausado,
que inunda a campía toda
n'un sosego soave e manso
que fala de eternidade...
         É a voz do alto
que acariñante nos chama
coa dozura d'un són maino;
é a voz que anuncia a hora mística:
         o santo milagro
         de ver cómo as sombras
da noite, mudas de pasmo,
xunta o ceo coa terra
n'un amorosiño abrazo.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega