O castelo de Pambre

Páxina Anterior

Capítulo XIV (páx. 153-163)

Páxina Seguinte

m5lopferrocastelodepambret014.html


[p. 153]


XIV
Á BATALLA D'AMBREIXO



   Non tardou tanto Vasco Gomez en têr noticia da pérdida de Curbián, como tardara en saber a desfeita da Mamoa de Losoiro. E foy porque o casteleiro que estaba por él en Curbián habendo sabido por unhos pecureiros que saían ben cediño co gando pra o monte o mismo día da refrega, que por alí víanse moitos homes e ben armados, que paricía que iban marchando contra o castelo, tratou de pescudar que caste de xente era aquela; asomantes e asegurou de que toda aquela montitú non viña á facer cousa boa, antes de quedar compretamente cercado, pudo despachar á toda presa un propio ao seu señor, participándolle que si quiría que Curbián siguise mantêndose na sua obedencia, era perciso que canto mais antes viñese á socorrel-o e ca mais xente que poidese.
   Ao recibir Vasco Gomez a tal noticia púxose na luna, e dou en bruar e en bufar

[p. 154]

que nin un touro bravo. Xa toda a xente do Castro das Seixas podía ver como andaba no aire, pra dar cumprimento, e moy exauto comprimento, á todal-as suas órdees. A nube de mandados e avisos que aquel día saleu d' aquela casa non é pra dita. Recados á Betanzos, recados á Lugo, recados á Villalba, recados á toda á terra de Narla, Trasparga, e á todol-os outros sitios onde el tiña amigos e aliados, dicíndolles que Ile acudisen canto mais axiña poidesen, que viñera Gonzalo Ozores d' Ulloa pra levantar outra vez a aborrecída bandeira do Rey D. Pedro, e que xa tomara algunhas fortalezas.
   Non se fixeron os xordos os amigos do señor de Sampayo aa sua chamada; e ca aquela de ir á combatir aos antigos partidarios do Rey D Pedro, deron en ferver e moverse é correr co intento de esbardallar aquela tropa que xa antes tanto lles dera que facer. En poucos días xuntáronse, pois, ao redor do Castro das Seixas mais de tres mil homes, cos cales se encamiñou Iogo o señor de Sampayo cara á Curbián. Como á todas horas viñan novos reforzos foy camiñando pouco á pouco hastra chegar ao Castro d' Ambreixo onde fixo alto pra tomar noticias de Curbián (que distaría como unha legua) e da xente que alí había.
   Pois a o punto que Gonzalo Ozores es-

[p. 155]

taba preparando a sua expedicion contra as torres de Sampayo, foy cando tuvo aviso de que Vasco Gomez estaba apostado no Castro de Ambreixo c' unha gran fatutina de xente. A Gonzalo rebulíalle o sangre no corpo co deseyo que xa tiña de salirlle ao encontro ao seu anamigo; no oustante, quíxolles consultar aos aliados o partido que habían de tomar; é dicir, si habían de asperar alí á pee firme, ou si habían de salir á buscar á xente de Vasco Gomez. Esto último foy o que mais acontentou á todos sin qu' apenas descamallase un; e no auto todo se dispuxo para poñerse imediatamente en camiño.
   Atravesaron o Pambre poI-a parte de Campaña, que cuase estaba aa vista de Curbián; deixaron alí algunha xente para asegurar aquel paso, e logo fixeron un gran arrodeyo marchando do lado da ezquerda pra coller aos contrarios pol-a espalda.
   Asomade deron visto ao anamigo, que aparicía moy ten aparapetado no dito Castro d' Ambreixo, Gonçalo Ozores aparentou que dubidaba dar o ataque ca intencion de escudrumar en que ánimo estaba a sua xente.
   —E estonces pra que nos chamastes? —escramaron todos.
   —É que eles son moitos mais que nos e teñen moy boas posicions.

[p. 156]

   —Mellores, asegún. Boas témolas nos na sede que nos degaxa de vernos co-eses larpeiros.
   Vendo pois, qu' a xente estaba tan ben disposta, escolleu unha compaña de hastra cen homes dos mais atrevidos e valentes pra que atacasen con ímpitu aos do Castro pol-a espalda, mentres o demais da hoste pol-as outras bandas á grandes berros os insultaba e aldraxaba con mil motes e vituperios coma os de marraus, lapóns, mulos, e outros peores e mais desnorantes, provocándoos  a que salisen aa batalla. Os do Castro, por suposto, non iban a ser menos, e contestaban chamándolles páparos, barrosos, pichaleiros e outros vocables mais picantes e desvergonzados.
   —Subide, subide —dicíanlles —que vos tocaremos pra que bailés.
   —Eso nin que dicir ten —respondían os outros; —pero o noso baile ha de ser cando estea feito o estrado cas vosas costas; e medio mal que xa estades ben apatoados contra o chao.
   Pero ao mesmo tempo que dicían esto e outras cousas poI-o estilo, íbanse chegando ao Castro cada vez mais afoutos e dicididos. Os balesteiros que mandara Alvaro Paez, tundían pol-a sua parte o Castro á forza de tiros, que puñian en non pouca confusión aos contrarios.
   Mais nesto foy tanto o ímpitu con que

[p. 157]

acometeron os da compaña que dixemos, que cuase chegaron hastra o medio do Castro; o cual visto por Vasco Gomez, dou neles con tanta furia, que despois de matar e mal firir á bastantes; xa estaba para cañalos á todos, cando por outro lado do Castro apareceu Gonçalo Ozores ao frente de douscentos ou trecentos homes, mentres que ao mesmo tempo toda a sua xente dando cada vez mais grandes allaridos iba arrubindo pol-o Castro arriba hastra chegar aa propia croa. Con esto trabouse a batalla de mala maneira en todol-os lados do cruto; pero onde se fixo mais recia e enliada, foy cuase no medio do Castro, pois alí foran a parar as duas opostas mareas dos combatentes, arrastradas por Vasco Gomez e Gonçalo Ozores, que así que se viron, botáronse un pra o outro coma dous leons, dispostos á esgalletarse. Non é esto dicir que noutros sitios no se pelexase tamén con toda furia e gana; e lances houbo en que uns e mais outros amostraron ben a sua valentia.
   E antre estes lances non deixaremos esquecido un ben singular, pero que nestes casos de guerras civís non deixa de acontecer á miudo. Refirímonos ao encontro dos nosos conocidos Alberte e Domingos; dos caes cada un militaba no seu bando. Alberte fora medio aa forza; pero posto no sitio batíase coma os demais, e cun gran

[p. 158]

chuzo que tiña na man espabilábase e sacudíase que paricía un alarbio. Estaba mismo nunha oréla do Castro, que por aquel lado era ben chupado, cun boo fato de homes; e él pol-a sua parte, pincha d' aquí, pincha d' alí, facía canto podía para tornar a os de Gonçalo Ozores que xa empezaban á aganchar pol-o cómaro ou trincheira que por aquela parte cerraba o Castro. Entre eles estaba o Domingos; o cual, gran tirador de cantos e croyos, ceibou con canta forza pudo unha pedra recortada e afiada coma un coitelo, que foy á dar na testa d' Alberte e gunindou con él de patas arriba. (1)
   Mais volvamos aos dous campions; porque por eso, como xa dixemos, pra alí foy pra onde abundara a forza da batalla. A xuzgar poI-o coraxe e sede que se amostraban, poI-o aparello das armas que levaban, poI-os estropicios e cachizas que xa no seu redor fixeran, o encontro tiña que ser terribre e mortal. O velos agachados baixo os escudos, e cas espadas tinxidas en sangre e brandidas nas suas maos como rayos ou estrumentos de esterminio, era pra infundir medo e terror no peito mais atrivido. O pirmeiro que descargou o golpe foy Vasco Gomez; e descargouno con tal furia, que

(1) Na Crónica do Conde de Buelna, D. Pedro Niño, imprentada en Madrí ano 1782, páx 44, dícese que D. Pedro era moy boo braceiro. Lanzaba canto votado e rodeado muy reciamente e piedra puñal. Poida que fosen hachas prehistóricas!



[p. 159]

anque Gonçalo Ozores se esbarreu co corpo un algo pra un lado, a espada pasoulle arrentes, poI-o casco, e cayeu sobre o escudo e sobre as hombreiras facendo saltar un boo anaco da armadura. Aa sua vez Gonçalo Ozores con canta alma poido endergoulle un señor espadazo no medio e medio do cruto do elmo; e a espada, que era das boas, longa, pesada e d' un tempre de primeira,  fixo ao caer tal abolladura no casco, que cuasi o dobrou pra dentro; e esto ca forza do golpe de tal maneira atordoou a Vasco das Seixas, que veu ao chao, sin sentido.
   Pareceu que con esto inda a batalla se encendera mais e se fixera mais fera; que tan cegos e enfurecidos se puxeran os combatentes! Corrían uns, arrabiados, á libertar á Vasco Gomez; alancoaban outros rexendo os dentes pra axudar á Gonçalo Ozores; paricía que os estaban apurrando de dentro pra comérense ou facérense getas uns aos outros. Mais por eso aos de Gonçalo o feito aquél taes ánimos lles infundeu, que ca senxeira que xa de atrás trajían, brincaron cos anamigos como lobos ou cabalos desenfrenados.
   Ao pouco tempo en toda a coroa do Castro non quedou sano un dos de Vasco Gomez; que desde que viron a conta mal parada, fóronse esbarrendo cada un conforme pudo, anque sin desbandarse do todo; pois

[p. 160]

unha boa partida deles foyse entamiñando cara ao Castro das Seixas.
   E tocantes á Vasco Gomez quedou un boo anaco sin sentido apatoado contra o chao; mais coma a fuga d' aquela tremenda sarracina fórase correndo pra outro lado, tiveron vagar dous dos seus escudeiros pra il-o sacando fora do Castro hastra que chegaron, ao pee d' un frondoso castiñeiro e aa beira d' un rego d' augas tan bulideiras e tan espellantes que non impidían que poidesen contarse as areas do fondo. Alí sentárono recostandoo contra o albre, e sacáronlle o elmo, que antes non tiveran modo pra facelo; e ao fin estonces comezou de buligar, pois hastra d' aquela non dera sinales de vida. E fora que pirmeiro o estremecemento do golpe, e despois a abolladura do casco que lle tiña entalada a cabeza contra á baveira e o gorxal, de tal modo o atordoaron e atafegaron, que cuase quedara esmorecido.
   Por fin alí co descanso e libertado d' aquela prensa que Ile estorcía o celebre e mail-as queixadas, foy collendo algun folgo; e anque con traballo e medio furtadamente poidérono ir levando á pasar a noite aa casa d' un servizal seu na parroquia de Cuiña que partía diezmos ca d' Ambreixo. E ao outro día xa estaba tan campante; pois duro como era como un cartao, pouca mella Ile facían aquelas embreaduras; e

[p. 161]

eso que inda se Ile conocían as sosegas, ou mais ben cardenales que no pescozo Ile fixeran as orèlas do casco e do gorxal.
   Namentras Gonzalo Ozores, vístose dono do campo, mandou dar alto aa sua xente pra que non se espallasen ou caesen nalgunha emboscada siguindo aos fuxitivos. E caro Ile costou o arrecadala e arrellala; porque como vian que aquela era a sua, quixeron aproveitarse e fartarse. Concentráronse por fin no Castro; que ascadasí non lles faltaba que facer no sitio. —Tiñan que enterrar os mortos que non eran poucos dunha parte e d' outra; recoller e percurar os firidos; gardar os prisioneiros que levaron para Curbíán; e descansar e mais tomar acordo do que lles cumpría facer.
   Alguns porpuñan marchar sin perder mais tempo, contra o Castro das Seixas; pero Gonçalo Ozores, poI-as razós que sabemos, non quiría entender desto; e manifestou resoltamente que o seu pran era buscar e atacar ao anamigo nas suas propias e últimas trincheiras; que este era o millor modo d' arrincar e desterrar d' unha vez aquela mala nebiña que tiña insado todo o país.
   Todos acaeron; mais o que marraba do día e inda todo o siguente cas precaucions debidas pasárono no Castro dando comprimento a as cousas e labores que dixemos,

[p. 162]

pero non sin percurar estender, e con toda a intencion, a voz de que ao outro día habían de marchar á Friol contra as torres de Sampayo.
   Gonçalo Ozores non se descuidou en poñer esculcas sobre o paradeiro de Vasco Gomez. lnda o buscaron antre os mortos ou firidos, pois ben se procataban de que, para quen él era, soilo antre os mortos ou firidos o poderían hachar despois do que pasara; pero por mais que cachearon nada poideron husmar; porque cegos como estaban ca furia do combate, non repararan no que lle pasara á Vasco Gomez des que o viran espostexado no chao. A quen alcontraron foy á Nuño, que o probe piriceu alí pelexando como valente; e con esto non tivo tempo de poñer en axecucion os seus proyeutos.
   E ascomasí aquela demoranza non lle veu mal á Gonçalo Ozores; porque con esto dou tempo á que se Ile encorporasen moitos que inda estaban dubidosos e a ver vir as cousas. Así chegou á contar nas suas fileiras ao outro día da batalla unhos boos tres mil homes. Os cales, todos alentados cas avantaxes hastra entonces outidas, reloucaban e estaban bremando por vir aas maos cos contrarios; de maneira que cando ao alborear ao día siguente, formados en espesas e mechas culunas se puxeron en marcha, todos aa unha iban

[p. 163]

berrando —A Sampayo! á Sampayo! —ca mesma animacion e algareo, como si foran pra unha festa. Por eso aos alrededores de Sampayo non chegaron hastra a xunta da noite.



Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega