O castelo de Pambre

Páxina Anterior

Capítulo II (páx 21-30)

Páxina Seguinte

m5lopferrocastelodepambre002.html

[p. 21]


II
ESTRANA MESAXEIRA



   Nin asomos de caroca había n' o que lle dixera Alberte ao seu amigo; pero por non adiantar os sucesos e xa que o boo d' AIberte cos seus mesmos misterios espertou a nosa cursidá, contaremos como aquela mesma mañan, ben cedo, subía pol-a costa de Carelle con direición, pol-o que parecía, á Sobrado, unha fidalga moza sobr' unha teixa facanea seguida d' un escudeiro montado nun cabalo castaño. Cando deron vista ao convento, xa os pirmeiros rayos do sol nacente refrexábanse nas torres da eirexa,  bañándoas c' aquel tinte dourado con que o radiante astro do día sol ao sair  inundar a terra. Esto foy coma un aguillón que lles fixo apertar o paso; así é que aos poucos menutos xa os dous cabalgantes atravesaban pol-o arco que estaba á entrada do patio e daba comenzo aa vía sacra que viña á ser como unha calzada que conducía aa eirexa. A moza ao chegar

(1)

 

O pirmeiro que descubreu as suas ruinas foy o meu ilustre e querido amigo o Sr. D. Xesús Fernández Suarez; o cual ca sua acostumada intelixencia e fogosidá, non poido acougar, hastra que non puxo ao descuberto aqueles tan entresantes vestixios.



[p. 22]

acarón do pórtico, púxose d' un brinco no chao sin dar siquera tempo á que o escudeiro lle viñese á ter conta da cabalgadura. Un dos acemeleiros do convento recolleu as bestas e levounas pra as caballerizas da hospedería.
   Entramentres a fidalga moza subeu os dous ou tres escalons do pórtico, púxose á amañar e arrupiar un algo o rubio cabelo que leuaba ao aire como avecia á unha doncela, estendeu o manto que trajía dobrado sobr' o brazo, e cubreuse con el desd' os pés aa cabeza; e así composta e arregrada fixo o sinal da cruz e meteuse na eirexa pol-a porta do medio, que era a única qu' estaba aberta.
   Naquel entonces a eirexa de Sobrado tiña outra forma moy distinta da que ten, ou mais ben, da que Ile quedou hoxe. O pórtico de que acabamos de falar, era unha soberbia costrución sobre que se fundaba a fachada e que reguardaba as portas da eirexa (1). Entrábase á él por catro arcos, tres de frente, e un poI-o costado da ezquerda, pois pol-o costado da dreita estaba cerrado cas paredes do Mosteiro. Cubríao unha bóveda de nervaduras con

[p. 23]

seus correspondentes rosetons nos puntos en que as nervaduras se cruzaban, e estaba dividida en tres compartimentos, tantos como eran os arcos do frente. Escontra destes arcos abríanse as tres portas da eirexa, as xambas das cuales compúñanse de seis ou sete codillos de cada banda, nos cales codillos encaixaban outras tantas culunas cos seus respeutivos capiteles. Sobr' a imposta corrida que coroaba as culunas e capiteles, volteaban, marchando de viaxe e de mayor á menor, outros tantos toros ou baquetóns que formaban as arquivoltas que rodeyaban os dinteles ou sobrelumes semicirculares que cubrían as portas. A xuzgar poI-os restos que quedan, non debían de verse ali grandes obras de talla, nin estátuas, nin outras feguras de seres fantásticos e estranos; mais si molduras lisas e xangales que trazaban linias moy correutas e alegantes. E sabido que os frades do Cister, Orde á que pertenecía Sobrado, repunaban todo estudio na ornamentacion e mais taes representaciós fantásticas e caprichosas.
   Vista a disposicion do espacioso pórtico, está dito que a eirexa había de ter tamén tres naves cubertas de bóvedas de nervaduras. A nave do medio para alá do segundo ou terceir arco hachábase cerrada por unha reixa de ferro, que separaba a que chamaban eirexa dos seglares da dos mon-

[p. 24]

xes. Viña dempois o cruceiro ou transepto alomeado por unhos rechamantes rosetons calados; e logo mais alá do cruceiro a capela mayor. Nada desto queda agora en pee; porque no sigro XVII a par desta eirexa costruyeuse á que susiste hoxe, e o solar da vella destinouse a dependencias do convento.
   Debemos ademais supoñer que na eirexa vella sobre o cruceiro se erguía a cúpula e que ao redor da capela maor había o seu deambulatorio ou coroa, ou chirola como o ten a de Oseira; pois eirexa tan importante como a de Sobrado, que comezou á levantarse en época de tanto gusto e fartura, como foy a segunda mitá do sigro XIl e baixo o impulso e direicion dun home de tanto rasgo como foy o abade D. Xil, non había de quedar desprovista de tan vistosos aucesorios.
   Ao punto en que a nosa doncela entrou na eirexa resoaban as bóvedas cos ecos da Prima que estaban cantando os monxes no coro alto. O misterioso e unísono balbordo que cas suas lentas vibracions inchia todol-os ámpitos da eirexa, penetraba no de mais adentro
da alma, e trasportabaa á outras rexiós desconocidas en que a maxinacion tira á adiviñar cousas indefinibres e maravillosas, á outras épocas das que buligan na mente os recordos de tantos personaxes e de tantas escenas.Todo o animaban, todo

[p. 25]

o movían, á todo lle facían perder a sua inercia aqueles sons graves e mesurados co seu ritmo solto pero tan espresivo e maxestuoso. As mesmas estatuas yacentes que pousaban acá e acolá poI-as naves da eirexa, paricía que pelexaban por incorporarse sobre os seus fríos e lapídeos leitos para tomar tamén parte no solene concerto; pois aqueles cánticos feguraban ser, non a espresion de contadas e singulares presonas, mas a de moitas e xa remotas xeeraciós. Sin querelo víñase de socato aa mamoria o nome do nobre conde D. Hermenexildo, que tamén él visteu o santo hábito de San Bieito e canto  e salmodiou neste convento; do cal ca sua vertuosa parenta D.ª Paderna e co seu fillo o Obispo de Compostela D. Sisnando II, foy insine e xeneroso fundador. E o que chaman asociacion de ideas tragía á continacion o recordo dos dous ilustres condes hirmaas, D. Fernando e D. Bermudo Perez de Traba que redificaron o mosteiro desd' os cimentos, e poblárono cos monxes que pidiran ao seu amigo S. Bernaldo, e o D. Bermudo quixo que alí o collese a sua última hora vestido c' aquela cogulla qu' a tantos santificou; e logo o do poderoso conde de Lemos, D. Pedro Fernandez de Castro; e logo o de Lope Rodriguez d' Ulloa, o de Sancho Sanchez d' Ulloa; e logo o de tantos outros señores e cabaleiros e Abades como son

[p. 26]

os que teñen groriosamente engarzados os seus nomes na importante hestoria deste mosteiro.
   ¡Pobre Sobrado! ¿Onde están hoxe as tuas oficinas e Obradoiros n' outro tempo tan cheos de animación e de vida, abertos sempre e de cote pra que neles poideran deprender e perfeccionarse os mozos de toda aquela redonda? ¿Onde o teu taller de carpintería? onde o de ferrería? onde o de cantería? onde o de xastrería? onde a oficina de escribir? onde a tua butica? onde as tuas cortes de gando e as tuas caballerizas? onde a tua soberbia hospedería, na que non houbo camiñante que por alí pasara, que non esprimentase a cheura, a caridá, o agrado dos frades encargados de administral-a e servil-a? Todo desapareceu; e en balde para elo lle buscará un algún motivo ou achaque. ¿Sería acaso porque lle chamarán progreso aa destruición e arraso de todal-as importantes obras que á costa de tantos esforzos e de tanta costancia fuche levantando no andar dos sigros? ¿Ou será cultura o non deixar nin fiñascos d' unha casa onde por tantos tempos estiveran recollidos e guarecidos todol-os estudios e disciprinas e endustrias que fan culto e ilustrado a un pobo? Ou quizaibes seya necesaria e forzosa eisixencia das nosas pulcras modernidades o non deixar rastro nin reliquia de todo aquelo que n' outro

[p. 27]

tempo foi foco perene de cultura, de moralidá e de social edificación! Inda se podería aguantal-o sarcasmo (e non faltará quen se encargue de volvel-o) si tantos probes e infelices labradores e artesanos non tiveran que quedar irrimisibremente privados do pan pra a alma e pra o corpo, que alí con tanta liberalidá e amor se lles regalaba!
   Pero volvendo ao noso conto, e por mor de Sobrado perdónenme a digresion, asi que a doncela percebeu os ecos dos sonoros cantos relixiosos, non poido acultar a empresión que sintira, e un lixeiro estremecimento que lle fixo estordigar todo o corpo, descobreu a sua comoción. Oyeu a misa da Prima con gran recollemento, e acabadas as suas devocions, saeu da eirexa ao tempo que o escudeiro xa Ile tragía a facanea e lla arrimaba aa escaleira do pórtico. Posta ela no último paso, sacou o manto, encartouno, pousouno sobre o arzón e apoyándose c' unha man sobr' a besta, dou un pulo e quedou montada á cabalo, e sin mais botou a andar ca mesma fuga con que viñera.
   ¿Quén era esta arrogante rapaza que tan cedo e con aquel porte se presentara en Sobrado para cumprir as suas devocions? Era a filla, e filla única, do señor do Vilar de Mella, Vasco Fernandez. lba á facer dous anos que tivera aa morte á sua nai, e para

[p. 28]

que noso Señor lla sanase, oferecérase á visitar todol-os dias á Santa María de Sobrado. Desde entonces, que chovese, que nevase, que fixese o tempo que quixese, non viña día ao mundo, que ela non fose facer á Sobrado a sua visita acustumada e oir misa podendo ser e asistir ao oficio divino. D' aquela, por eso, había outro motivo mais que a abrigaba á non interrumpir o seu diario viaxe.
   Unhas duas légoas distaba a casa forte en que soía residir Beringuela, que este era o nome da fidalga rapaza, do célebre mosteiro; pero esta distancia atravesabaa ela na sua hacanea en pouco mais de media hora.
   Aquel día en que por pirmeira vez a alcontramos na costa de Carelle, chegou como sempre sin novedá aa sua casa qu' estaba entre as parroquias de Mella e de SendelIe no mesmo sitio en que se xuntan dous rigueiros e xuntos van parar ao Iso. Asi que o vixía da torre a avistou, dou o sinal para que todo estivese aviado para deixar caer a ponte levadiza asemade ela chegase. O pai, que xa a asperaba na porta, colleuna nos brazos, doulle un bico na frente, e sin mais marchou él mismo ca besta pra a caballeriza.
   A nai non estaba moy conforme con estes paseos da filla. Mentres Beringuela non volvía, ela non acougaba e sempre estaba tembrando e receando algunha mala nova

[p. 29]

ou algunha mala ventura. Valíase ela de ter avisados, pero en moito sacreto, aos viciños dos sitios por onde a filIa debía pasar, para que tan pronto como soupesen que Ile sucedera algunha cousa, viñesen de carreira á dicil-o ao castelo. Mais, nin con esta precaución quedaba Eldonza, que así se chamaba, satisfeita e tranquila.
   O pay ao rivés; ningunha cousa o poñía tan arrufado e tan teso como o pensar que tiña unha tan arrogante e tan disposta filla. Cando a vía marchar á cabalo tan lixeira e tan áxele como unha ave, mismo lle caía a baba. O coidado que el tiña era que lle aparellasen ben a besta, o cual soía facer el mismo cando tiña vagar; e cando él llo facía, dicíalle moito chiscándolle co dedo no queixo; —xa podes ir sin medo anque seya ao cabo do mundo.
   Casque a mesma ansia amostraba él cando Beringuela chegaba de volta do seu viaxe. El mismo soía recollerlle a besta, desaparellarlla, e despois botarlle algún requebro, que si podía falagar aa filla, mais era o que á él lle facía poñerse foncho e ufano.
   Pero nesta acasión tamen él tiña outro motivo mais para gardar ca filla estas atencions. Ao recoller da besta o reposteiro, que era unha manta de pana azulado c' unha franxa dourada e cas armas bordadas da casa, que eran unha águia negra en campo de prata, cacheou nun bolso sacreto

[p. 30]

qu' a manta tiña, e sacou del un billete, que non tardou en ler tan pronto como s' hachou compretamente soilo. O billete decía así:
   «Todo hastra Parga marcha á pidir de boca. Pasado mañaa aa unha da noite; podendo ser, quero ver aos de Libureiro, Remonde, Pambre e Ambreixo. Diredes o sitio. —De min G. Oz.»
   O significado deste billete dirémol-o; pero antes queremos escudrumar quen era o autor.



Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega