O galeguismo na encrucillada republicana (Vol. I)

Páxina Anterior

"Xustificación do tema" e "Metodoloxía"

Páxina Seguinte

v3xaviercastroencrucillada002.html



     Xustificación do tema

     Cremos innecesario salienta-la importancia dos movementos nacionalistas na historia contemporánea mundial. Liberalismo e nacionalismo son as dúas grandes correntes que, ben superpostas ou ben diverxentes, caracterizan ó século XIX. Na centuria presente nen sequera as manifestacións políticas da clase obreira, sexan de tipo anarquista, socialista, socialdemócrata ou comunista, teñen unha importancia parella ó nacionalismo. Reparemos ademais que ós nacionalismo que en Europa tentan de reestructura-lo mapa político, se engaden os de signo anticolonial que abanean América Latina, Africa e Asia.
     Pero se ben o tema reviste gran interés, comporta asimesmo gran complexidade. Vén esta dada pola ampla e heteroxénea gama de manifestacións que en, cada país e en cada situación histórica concreta, reviste o fenómeno do nacionalismo. Para facernos unha idea da proteica problemática dos nacionalismos abondará con que pensemos que nacionalistas son Hitler, De Valera, Broz Tito e Jomeini. Quere isto dicir que existen nacionalismos expansionistas e nacionalismos anti-imperialistas, e que ademais o nacionalismo se entrefreba con outras doutrinas, como poden seren a demoliberal, a marxista e a fundamentalista islámica. Existe, ademais, notoria diversidade na base social dos distintos nacionalismos, pois aínda que as ideoloxías nacionalistas pretendan agrupar a toda a nación, facendo caso omiso das diferencias de clase, en realidade rara vez conquiren tal cousa. Sucede así que son unhas determinadas capas sociais, que difiren segundo os casos, as que se erixen en portadoras dun determinado proxecto nacionalitario. Adoito hai, ademais, unha precisa clase social que hexemoniza e conduce ó movemento nacionalista.
     Por todo o indicado non son posibles estudios xenéricos do nacionalismo en abstracto. Son mester análises concretas de cada un dos nacionalismos historicamente existentes, e nesta perspectiva inscríbese o presente traballo de investigación. Tentaremos de averiguar cales foron as pautas ideolóxicas, o programa político, a composición social, a identidade e práctica política do nacionalismo que como tal se manifesta nunha concreta zona dun territorio diverso como é España, e nun período histórico tamén ben definido. Galicia e a etapa na que estivo vixente nela a Segunda República son, xa que logo, as coordenadas ás que se circunscribe a nosa pescuda. A política xeral do Estado e a actividade dos restantes nacionalismos periféricos que coinciden en pretender reestructuralo, terán de ser referencias obrigadas que nos permitan contextualizar e entende-Io nacionalismo galego republicano.
     O noso esforzo investigador está orientado a esclarecer nalgunha medida un dos eidos históricos nos que reina maior escuridade, tal e como se desprende dunha ollada superficial ós manuais de historia contemporánea de España. En efecto, de todolos nacionalismos peninsulares o galego é o que ten sido menos estudiado e, como non podía ser menos, é o peor coñecido. Agardamos pois contribuir, nunha medida dende logo moi modesta, a coñecer algo máis da historia de Galicia e da problemática dos nacionalismos peninsulares. Cremos pois que este obxectivo xustifica perfectamente o tema escollido como obxecto de estudio.
     Sinalemos, ó cabo, que o presente traballo tén como temática específica as formacións políticas de signo nidiamente nacionalista, que operan en Galicia na etapa republicana. Cínguese, pois, ó estudio da pleiade de micropartidos, de ámbito galego e ideoloxía de permanencia da colectividade á que consideran como nación, que conflúen no Partido Galeguista ós poucos meses de ser proclamada a República. Especial atención deberemos adicar ó P.G. pola súa importancia, sen que queden por elo sen analisar «Vangarda Nazonalista Galega», «Unión Socialista Gallega» e «Dereita Galeguista», formacións todas elas nacionalistas. Fican, pois, extramuros desta obra as restantes forzas políticas, de distinto carácter e significación, incluída a O.R.G.A., que se ben é un partido de ámbito exclusivamente galego ata que se integra en I.R., dista non obstante moito de revestir un carácter nacionalista, tal e como se desprende do seu manifesto programático (1) e da súa práctica política, na que se mostra morna e reticente verbo da autonomía, que era para os nacionalistas o obxectivo mínimo.



     Metodoloxía

     A escasez de traballos rigurosos sobre da historia do movemento reivindicativo da personalidade diferencial de Galicia —chamada nun principio provincial, logo rexional e, no marco cronolóxico ó que nos remitimos, nacional— fai que o coñecemento que temos das liñas directrices básicas que o configuran sexa considerablemente precario. Por elo non resulta doado establecer unha hipótese global de partida para ver de confirmala ou modificala a resultas das conclusións ás que se chegue. Aínda admitindo que as hipóteses e teorías científicas non se derivan dos feitos observados, senón que se inventan para dar conta deles (2) coidamos, porén, que sen un perfil mínimo da temática xeral non resulta cabalmente posible aventurar calquera tipo de tese cunha razonable probabilidade de éxito.
     Descartado o devandito método quedábanolo da aplicación dun modelo elaborado para outros nacionalismos mellor coñecidos que o galego. Aclaremos que utilizamo-la expresión de «modelo» na acepción dada por Fernand Braudel (3) , segundo a cal o modelo é un sistema de expliacións solidamente vencellado, ó xeito da ecuación ou da función. O modelo establecido con sumo coidado permite encausar, ademais do medio social observado —a partires do cal foi, en definitiva creado—, outros medios sociais da mesma natureza, ó traveso do tempo e do espacio. Agora ben, de escoller algún modelo inclinariámonos polo que se pode extrapolar dos nacionalismos vasco ou catalán, relativamente ben coñecidos, por estaren ambos inscritos no mesmo marco de referencia que o galego, marco que vén dado pola común subordinación a un mesmo Estado. Pensamos que isto supón unha importante base de adecuación. Pero como queira que a fisonomía socioeconómica de Galicia difire sensiblemente da que ofrecen Cataluña e o País Vasco, columbramos que tamén un e outro nacionalismo deben ter un feitío ben desemellante. Por este motivo desbotamos tamén a posibilidade metodolóxica que pasa pola aplicación dun modelo preestablecido a un tema que se quere investigar.
     Xa que logo, optamos por unha metodoloxía baseada no sistema hipotético-deductivo, consistente en establecer por inferencia determinadas conxecturas, que «a priori» presupoñemos fundadas ou con visos de verosimilitude, que constrastamos logo cos feitos históricos, para ver se poden ser aceptadas ou, onda non, refugadas.
     A nosa primordial preocupación consiste en ofrecer un copioso material convenientemente sistematizado, claro e ordenado, que nos permita ir obtendo unha serie de conclusións, e que admita tamén outras posibles interpretacións, ó estaren disociadas as valoracións nosas dos puros datos históricos extraidos da documentación manexada.
     Con este propósito de obxectividade procuramos resumi-Ia información da maneira máis fidedigna e literal posible, ben que un chisco alixeirada con respecto a tese de doutoramento da que procede a versión que agora presentamos. Este mesmo propósito de adecuación dun traballo académico ó formato e esixencias dun libro, levounos a prescindir da presentación dun importante acopio de documentos, cinguindonos só a conservación dun pequeno feixe que reviste o meirande interés para un público lector non estrictamente especialista.
     Pasemos a xustifica-Ia división deste traballo en apartados, adoptada a efectos de ordenar temáticamente a información, da maneira máis clara e sistemática posible.
     Antes de entrar a considera-lo verdadeiro cerne deste traballo de investigación, consideramos conveniente introducir un apartado no que se examinan os antecedentes do galeguismo republicano con arreglo a catro eixos: a tentativa constante de acada-Io recoñecemento xurídico-político da personalidade de Galicia, o problema da etapificación do galeguismo que vén utilizando a historiografía, o desexo do minoritario círculo galeguista de procurar apoio social para a súa doutrina e, ó cabo, a cuestión da posición do nacionalismo verbo da ideoloxía republicana, na fase preliminar á consagración do réxime republicano.
     O núcleo temático, as formacións políticas de signo nacionalista, está estructurado en oito capítulos. Nos dous primeiros establécese a estructura específica que configuran os partidos que operan en Galicia no quinquenio republicano e o proceso de unificación política do galeguismo que ten lugar nos primeiros meses da vida do novo réxime. O terceiro capítulo é sen dúbida ningunha o máis extenso e exaustivo, dada a superior importancia do partido que está adicado a analisar: o «Partido Galeguista». Abordámo-lo exame desta formación política combinando dous enfoques, o lóxico sistemático e sincrónico e mailo diacrónico; co primeiro procedemento diseccionámo-los distintos elementos que configuran a súa realidade, e co segundo examinámo-la súa proxección exterior, a súa práctica política, que é algo esencialmente dinámico. OlIamos así a súa teoría e a súa práctica, pero non como dúas realidades separadas e distintas, senón coma doús elementos en estreita interacción. Esta interrelación queda ben patente na aplicación á análise teórica do P.G. (en apartados tales como organización (3.2.) e características (3.3)) das etapas que establecen dous momentos perfectamente diferenciables na andadura do P.G., extraídas da atenta consideración da súa práctica política. Baixo un prisma lóxico-sistemático imos pasando revista á creación do P. G., á súa estructura organizativa e implantación, á socioloxía, deténdonos no exame da composición interna e da base social conquerida, distinguíndoa da pretendida; pasamos logo a contempla-las pautas ideolóxicas poñéndoas en relación coas que revisten os partidos afins de Euzkadi e Cataluña, fixándonos tamén nas matizacións que aportan as diferentes correntes ideolóxicas que conviven no seo do P.G. Para todo elo servímonos, dende logo, do programa, dos textos doctrinais e artigos dos principais persoeiros, pero tamén da análise semiolóxica do propio vehículo que serve para expresa-los contidos ideolóxicos galeguistas: a linguaxe. Tras disto adicamos sendos apartados (3.6. e 3.7.) a dilucida-la estratexia e a táctica ou tácticas que emprega o P.G., e os obxectivos programáticos, subdividíndoos, segundo a súa arnaxe, en políticos, sociais, económicos, culturais-lingüístico-educativos, laborais, e, ó cabo, xurídico-administrativos. En todos estes subapartados efectuamos un esforzo de contextualización que as carencias bibliográficas convirten en ímprobo. Mencionamos logo os medios de difusión utilizados para difundi-Ia doutrina nacionalista xunto coa súa política e pasamos xa, a renglón seguido, a adentrarnos no terreo da práctica política, baixo un prisma eminentemente diacrónico, xalonándoa en tres etapas que van seguidas dun epílogo.
     Unhas pautas metodolóxicas análogas utilizamos para analisa-la organización xuvenil do P.G., a «Federación de Mocedades Galeguistas», e asímesmo a «Dereita Galeguista» que se escinde dun P.G., ubicado na esquerda tentando de se-lo seu complemento. O que xa dixemos referíndonos ó P.G., xunto co detallado sumario que ofrecemos ó principio (apartados 4. e 7.) cremos que nos excusa de abundar máis na presentación destas dúas forzas.
     A peculiaridade dos capítulos 5. e 6., referentes a «Vangarda Nazonalista Galega» e «Unión Socialista Gallega», vén dada polo acusado protagonismo dos seus creadores, Alvaro das Casas e Xoan Xesús González. Velaí por qué, ademais de describi-la traxectoria política e analisa-lo perfil ideolóxico da V.N.G. e U.S.G., nos extendemos na semblanza política dos seus respectivos persoeiros.
     Pecha o traballo un epítome que pretende recapitular as liñas xerais do que foi o movemento galeguista na encrucillada, apaixoante e fecunda, da Segunda República española.
     Forman parte tamén do presente traballo, algúns gráficos xunto cun anexo de mapas e ilustracións (ilustracións que tamén van repartidas ó longo da obra), que teñen asignada a misión de complementa-la información así como de facilita-la súa máis doada comprensión e asimilación.
     Compre que sinalemos que optamos por non traducir ó galego a denominación dos partidos e organizacións que se bautizaban empregando o castelán, por ser este un dato de gran significación que convén manter por rigor histórico, co gallo de evitar equívocos.
     Aludamos, agora, ós receptáculos da materia prima histórica sobre a que aplicamo-la devandita metodoloxía, é dicir, ás fontes, que teñen a súa mención, xunto coa da bibliografía de apoio, ó remate da obra.
     Existe, para o tema que nos ocupa, unha documentación rica, diversa e abundante pero que presenta un serio problema de dispersión, desorde e, en ocasións, inaccesibilidade; Considérense dous exemplos, cos que de paso encetarémo-la descripción das fontes principais: para completa-la colección da revista «A Nosa Terra», esencial para o estudio do P.G. por se-lo seu voceiro, é preciso recorrer catro hemerotecas distintas, coa particularidade de que nin sequera coinciden dúas nunha mesma cidade; son estas o Instituto Padre Sarmiento, en Santiago, o Museo de Pontevedra, a Fundación Penzol en Vigo e a Real Academia Galega, na Coruña. Pasemos ó segundo paradigma: un gran volume de documentos, de inapreciable valor histórico, obra en poder de particulares, ós que cómpre localizar a gaña-Io seu favor; é preciso ademais peregrinar polas localidades onde residen e someter a ordenación o material que acostuma a estar revolto.
     Cun pacente labor conquerimos valeirar un importante acopio de documentos, ata agora inéditos, consistente en cartas autógrafas, informes políticos, actas do P.G., facturas de diverso tipo, correspondencia oficial cruzada entre o P.G. e outros partidos, bases para diferentes acordos, manuscritos, etc. Do inxente material examinado citamos ó remate deste traballo, soamente a parte que nel utilizamos, e que está ademais convenientemente citado nas notas dos diferentes capítulos. Os fondos particulares consultados pertenecen a D. Ramón Martinez López, D. Manuel Beiras, D. Avelino Pousa Antelo, os irmáns D. Fermín, e D. Xosé Bouza Alvarez, D. Alfonso Monxardin, e a D. Xosé Luis Bóveda Iglesias. Este último é o actual depositario dun abundantísimo fondo documental, que todo parece indicar que é o resto, que aínda por milagre se conserva, do arquivo do P.G., e que está misturado cunha gran cantidade de documentos autográficos, saídos da pluma de Alexandre Bóveda, algúns cun mero interés privado, pero a gran maioría revisten un valor inestimable para coñece-lo seu pensamento.
     Un documento de gran importancia para historiografia-lo Pacto de Galeusca encóntrase no Archivo Nacional de Salamanca (Sección Guerra Civil) onde asímesmo se conservan cartas, informes e peticións de diputados galeguistas, e cáse con seguridade terá de haber máis escritos que irán aparecendo a medida que se proceda á total e rigurosa ordenación deste importante depósito, empresa que xa se está acometendo. Algo semellante acontece no Archivo Municipal de Santiago, que contén uns fondos espléndidos, pero cun desorde que compromete a búsqueda máis pertinaz e interesada amenazándoa con esterilizala. Imposible sustraemos á tentación de deixar constancia da desoladora sensación que experimentamos cando, tras ardua e continuada búsqueda durante varios días, non conquerimos traer á luz máis que un pequeno feixe de documentos de U.S.G. que xa foran rescatados polo historiador Manuel González Probados. Marchamos, pois, coa completa certidume de que alí quedaban máis manifestos da U.S.G., que aparecerán cando chegue o día en que se clasifiquen estes fondos municipais.
     Foinos posible valeirar múltiples libros, folletos e opúsculos, e unha importante cantidade de publicacións periódicas galeguistas, entre as que destacan a xa citada A.N.T., «Alento», «NOS», «Amañecer», «Claridad», «Ser», «Guieiro», «Heraldo de Galicia», «Opinión Galeguista», «Raza Celta», «Roteiro», «Terra», «Logos», «A Fouce», e outras non galeguistas pero que aportan datos sobre o mesmo, como «Vida Gallega», «Galicia en Madrid», «Lérez», «Alma Gallega», etc., que se encontran repartidas, entre as seguintes institucións: «Real Academia Galega»,«Instituto Padre
Sarmiento» (dependente do C.S.I.C.), «Biblioteca General de la Universidad de Santiago», Museo de Pontevedra, Biblioteca Provincial de Pontevedra, «Archivo Provincial de Orense», Fundación Penzol e Hemeroteca Municipal de Madrid.
     Utilizamos ademais a prensa diaria, que suministra considerable información sobre o movemento galeguista e recolle artigos de colaboración firmados por plumas nacionalistas. Permite, por ende, contextualiza-la actividade política das distintas organizacións nacionalistas na dinámica xeral das forzas políticas que operan no marco da República. Incuestionablemente a fonte preferente para o noso tema é o diario vigués, filogaleguista e liberal, que dirixiu Portela Valladares: «El Pueblo Gallego», do que consultamos toda a colección completa, día a día, ó longo dos cinco años de existencia do réxime republicano en Galicia. Consérvase este periódico, xa desaparecido, na súa antiga redacción en Vigo, pero por ser incómoda e difícil a súa consulta neste lugar, preferimos utiliza-la outra colección que existe na Biblioteca Provincial de Pontevedra, completando os poucos números que faltan cos que se conservan no Museo desa mesma cidade, e no I.P.S. de Santiago. Tamén no que se refire á prensa, fixemos calas nos momentos considerados cruciais, (celebración dun congreso, eleccións, creación dalgún partido, polémicas, plebiscito do Estatuto, etc.) buscando, ademais de información, recolle-los distintos puntos de vista existentes sobre dos principais temas (Estatuto, lei de Arrendamientos rústicos, foros, problemas políticos, importación de carnes conxeladas, etc.), para mellor situar e valorar así o punto de vista mantido polas distintas formacións galeguistas. Como queira que o periódico básico que debimos manexar —E.P.G— era liberal, repúblicano, progresista e autonomista, conformámonos con sondeos feitos noutro xornal de ideoloxía bastante similar, «El País» de Pontevedra, utilizando pola contra varios de ideoloxía contraposta, «El Compostelano», «El Ideal Gallego», «La Voz de Galicia»; todos eles contrarios ou reticentes verbo da autonomía e conservadores.
     Para coñece-la actuación no Parlamento dos diputados galeguistas, preferimos utiliza-la fonte directa, o «Diario de Sesiones de Cortes», desbotando a posibilidade de valernos de E.P.G., onde aparecen, case sempre reproducidos íntegros, os principais discursos e moitas das interpelacións. Agora ben, dos dous períodos lexislativos en que o galeguismo contou con representación parlamentaria (1931-1933 e o do Frente Popular), o primeiro deles está cuberto por un libro de Xosé Lois García (Vide Bibliografía), que transcribe case tódolos discursos galeguistas. Decidimos aternos a el, dado que nas bibliotecas de Galicia non existe o Diario de Sesiones en disposición de consulta, reservando o manexo de tal documento para os escasos discursos do primeiro bienio que non foron recollidos no mencionado libro, e para tódolos que se pronunciaron nas Cortes frentepopulistas.
     A relativa proximidade cronolóxica da etapa republicana, permite a utilización doutro tipo de fontes, orais, que tamén utilizamos. Entrevistámonos, en efecto, cos supervivintes daquela xeira do galeguismo dramaticamente interrompida, ou por mellor dicir, fixemos tal cousa con moitos dos que continúan vivindo en Galicia, e enviamos cartas —convenientemente avaladas por Ramón Piñeiro e Pousa Antelo, para disipar posibles recelos e desconfianzas— a varios galeguistas exilados en América. Temos de recoñecer que os froitos colleitados por este segundo procedemento foron máis ben magros, recibindo soamente contestación de dous: Xosé Núñez Búa e Florencio Delgado Gurriarán, que amablemente nos remitiron algunhas orientacións e certa información. Maior proveito obtivemos das entrevistas feitas a persoeiros galeguistas do tempo da República e a xentes que os coñeceron. Conquerimos así manter moi longas conversas de varias horas, que polo xeral grabamos en cinta magnetofónica, con Francisco Fernández del Riego, Ramón Martínez López, Ramón Piñeiro, Avelino Pousa Antelo, Xaquín Lorenzo, Xosé Filgueira Valverde, Xaime Isla Couto, Ramiro Isla Couto, Manuel Meixide, Manuel Beiras, Valentín Paz Andrade, Ramón de Valenzuela, todos eles ilustres galeguistas daquel tempo, e con Amalia Alvarez Gallego, Xosé Luis Bóveda, Enrique Gippini, Maximino Castiñeiras, Xaime Villar Chao e Luz Fandiño, que coñeceron de ben perto o galeguismo republicano. Para todos eles anticipemos o testimuño da nosa meirande gratitude. O importante volume de información obtido por este conducto tivemos de pondera-lo para que os erros que puidese haber —froito do tempo transcurrido, que non da vontade de distorsiona-los feitos para saíren mellor parados os nosos informantes, temos que dicir na súa louvanza—, non pasaran pola peneira do noso xuício crítico. Esta operación depurativa non foi difícil dada a posibilidade de contrastar unhas informacións coas outras, e todas coas fontes escritas. Deste xeito cremos ter acadados os resultados máis fiables posibles.
     Non podemos rematar este apartado sen declaran públicamente a débeda intelectual contraida co director deste traballo de investigación, Jesús Palomares Ibáñez, polo escrupuloso celo con que o dirixiu, polas súas valiosas orientacións que tememos non ter sabido sempre aproveitar compridamente, de aí as insuficiencias que esta obra poda ter, e pola dilixente atención que nos otorgou. Debemos agradecer tamén a magnanimidade do tribunal composto por Celso Almuiña, Lucas Alvarez, Jesús Longares e Jesús Palomares, que tivo a ben conceder «sobresaliente cum laude» a tese de doutoramento da que procede a versión que agora presentamos.
     A mesma gratitude alcanza ós membros do xurado do Premio Otero Pedrayo das deputacions galegas (1983) por ternos distinguido cunha mención honorífica que fixo posible a publicación, case que íntegra, deste extenso traballo histórico. Neste senso merécenos un especial recoñecimento a Diputación de Ourense, o seu presidente Victorino Núñez Rodriguez, e o responsable de cultura José Platero Paz, que con tanto interés se ocupou da preparación da presente edición. Colaboraron tamén, dun xeito ou doutro, na realización desta obra: Ladislao Castro, Asun Muñiz, Alfonso M. Mora, Xurxo Lobato, Fernando Ferro, Rosa Luengo, Pepe Seoane e Alberto Martínez. Para todos eles vaia o noso máis expresivo agradecimiento, como tamén para os arquiveiros e bibliotecarios que tan xentilmente nos atenderon.




NOTAS

 

(1) Alfonso Bozzo, A. Los partidos políticos y la autonomía de Galicia, 1931-1936. Akal, Madrid, 1976, páx. 99. Vide tamén a memoria da licenciatura de Velasco Souto, Carlos, La organización Republicana Gallega Autónoma (1931-1934), dirixida polo profesor Jesús Palomares, lida na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago (1981) e ainda inédita.
(2) Vide sobor disto G. Hempel, Carl, Filosofía de la ciencia natural, Madrid 1977, páx. 33.
(3) Artigo titulado «La larga duración» incluído no libro de Braudel, Fernand, La historia y las ciencias sociales, 2ª edic., Madrid 1970, páx. 85; vide tamén Tuñón de Lara, Manuel, Metodología de la historia social de España, 2ª edic., Madrid 1974, pp.118-124.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega