O galeguismo na encrucillada republicana (Vol. I)

Páxina Anterior

(De "3.2. Organización do P.G." a "3.2.3. Implantación nas dúas etapas")

Páxina Seguinte

v3xaviercastroencrucillada007.html





3.2. Organización do Partido Galeguista

     3.2.1. Notas sobre a Estructura Organizativa

    
O tipo de organización adoptado polo P.G. resposta á necesidade de conxugar dous elementos considerados imprescindibles: a democracia e a eficacia. Era mester que o P.G. tivese necesariamente un carácter democrático, continuando nisto a tradición liberal-democrática que tivo o galeguismo dende 1916, e non por que un principio categórico así o impuxese, senón polos apremios que dictaba a necesidade de crear un marco de xogo fluído que fixese posible a convivencia das heteroxéneas hostes que o constituían, cuestión que non será mester detallar aquí, posto que xa se trata co necesario abondamento noutro apartado.
     A eficacia do partido non podía menos que ser un «leit motiv» dunha organización que aspira a ser avangarda e catalizador da sociedade galega, e si consideramos que para tan cobizoso empeño non contaba con excesivo número de adherentes nin con demasiados medios económicos, non nos poderá extrañar que procure un perfeccionismo organizativo que potencie a súa incidencia.
     Nos primeiros estatuos de que se dota o P.G., o 13 de nadal de 1931, extremadamente sumarios e limitados, prevalece a flexibilidade e as precaucións, consideradas necesarias para que ningunha das heteróclitas pezas que van encaixando na estructura do novo partido se atopen cun corsé estreito e ríxido de máis. O ultrademocratismo inicial chega ata permiti-la consevación das denominacións dalgunhas das entidades que conflúen no P.G., e mesmo a autonomía dos grupos no seu réxime interno, co afán patente de non ferir susceptibilidades ó transformalas organizacións pre-existentes que se concitaron para crea-lo novo partido. Esta autonomía interna manterase sempre, pero as circulares da Segretaría de Organización vana limitando e menoscabando na práctica. O que non se tolera, xa dende o principio, é a doble militancia, a non ser coa autorización expresa do Consello.
     Os estatutos definitivos de 1932 serán xa moito menos cautos e deixarán mellor atados tódolos cabos. Ata 1936 non se sentirá a necesidade de estudiar un novo regulamento interno, cuestión que plantexará López Durá, habida conta da maior envergadura do P.G. Advertían que os estatutos eran notoriamente deficientes na regulación das relacións entre os distintos órganos directivos, e destes cos Grupos e mais cos xestores municipais e provinciais. A V Asamblea do P.G. tiña mentes de afrontar esta problemática, modificando os estatutos, pero non se chegou a celebrar (1).
     A preocupación pola mellora organizativa será constante e case obsesiva. A esta inquedanza non é alleo Bóveda, partidario como era da estricta disciplina, como xa deixara patente nos estatutos do «Partido Galeguista de Pontevedra», dos que fora autor, que se caracterizan precisamente pola súa prolixidade e atento estudio dos máis nímios detalles en evitación de que se crearan valeiros organizativos.
     Atopámonos, así pois, cunha constante preocupación pola reorganización, de xeito que cumpla os seus virtuales efectos multiplicadores da eficacia.
     A organización do P.G. erixese sobre unha base territorial e non por sectores profesionais ou frentes de intervención. Trataban de complementar esta fórmula escollida propiciando a constitución de seccións diversificadas no seo dos Grupos, segundo os campos, ós que prestarán atención ou estiveran insertos os militantes. O modelo seguido era o dos partidos catalanistas. Castelao aspiraba a que o P.G. se asemellase en eficacia ós partidos cataláns «que son os únicos ben orgaizados de Hespaña (2)
     Territorialmente o P.G. tentaba de asentarse sobre a base das entidades de poboación que consideraba características de Galicia, aínda que non todas tivesen recoñecemento administrativo. Xa que logo, resultaba unha pirámide escalonada que partía das parroquias e vilas, seguía polas cidades e comarcas ata chegar ó supremo ámbito de Galicia. Deste xeito se estructurou o P.G. sen incorporar ó seu organigrama o nivel provincial. Agora ben, aínda que non lle deu tempo a levalo a efecto, o Consello Nacional do P.G. acordou, tras da experiencia das eleccións de febreiro de 1936, establecer organismos provinciais, condicionado polo feito de seren as provincias as demarcacións electorais. Non por elo deixan de considerar  arbitraria esa división administrativa e agardaba que unha nova lei electoral cambiara este orde de cousas (3).
     Todo o sistema organizativo desplegado ó servicio da consecución do seu proxecto político, tiña uns alicerces notablemente precarios: as cotizacións dos afiliados. Privado de calquera outra fonte de financiación salvo esporádicos apoios recibidos en momentos cruciais, como nas eleccións, por exemplo, eran as cotizacións obrigatorias dos militantes o único co que podían contar. De tódolos xeitos tardaráse bastante en estipula-la cuantía exacta da aportación económica, pois nos estatutos aprobados na II Asamblea o 10, 11 de nadal de 1932, en Santiago, non se precisa, e soamente se dí que o 15% das cuotas recaudadas por cada Grupo terán de pasar á caixa xeral do partido. Para enxauga-Ios déficits, producidos esencialmente polas campañas electorais, recábase dos militantes unha cuota extraordinaria; así fixeron, por exemplo, nas eleccións de 1933. Dende febreiro de 1934 desaparece a indefinición. Bóveda, dende a Segredaría da Orgaización, establece un sistema de selos en tres modalidades diferentes (0'20 pts., para afiliados a Grupos ubicados na cidade, 0'15 para os das vilas, e 0'05 para os rurais). Curiosamente a cotización estaba en relación, non co nivel individual de ingresos, senón co territorio ó que se pertenecera, sendo menos onerosa nos medios non urbanos, considerando probablemente a súa debilidade económica global en termos comparativos.
     A principios do 1934 o P.G., e máis concretamente o inevitable Alexandre Bóveda (4) (non en vano era xefe de Contabilidade da Delegación de Facenda de Pontevedra), elaborou un presuposto de gastos e ingresos do P.G., moi preciso e riguroso, que segundo A.N.T. (5) non tiña ningún outro partido político.
     A organización do P.G., segundo os estatutos aprobados o 13 de Nadal de 1931, constaba de: a Asamblea, o Consello Executivo, a Segredaría Executiva e os Grupos Galeguistas.
     Así, pois, temos que para adherirse ó P.G. había que ingresar nalgún grupo regular (ou tamén, con posterioridade, nunha Delegación). Pero había certas excepcións; algunhas eran meramente nominais, caso do grupo da Coruña que, en troques de se denominar como tal, mantiña o seu vello nome de Irmandade da Fala, que lle fora respetado. Máis significación tiña a especial maneira de incardinárense as Sociedades agrarias no P.G.; nun primeiro momento o P.G. prefire non afiliar o partido ás sociedades agrarias que estaban na súa órbita, dado que preconizaba que as diferencias partidistas non debían desunir ó asociacionismo agrario. Troca de parecer na II Asamblea, celebrada en nadal de 1932 e daquela permite que se adscribisen como tales (6), sen necesidade de se incorpora-los seus membros a un determinado Grupo do partido. Debido ó importante papel outorgado ás sociedades agrarias, o P.G. cre aconsellable en xaneiro de 1934 crear unha Secretaría adicada a esas entidades, proxecto que non leva a cabo endexamais; tres meses despois o Consello Executivo do P.G. considera a posibilidade da creación dunha sección agraria que funcionara autonomamente do partido, á que chamarían «Unión (ou "Misión" —non está esto claro no manuscrito—) Agraria Galega (7).» Tampouco isto pasará de ser un proxecto.
     Tamén hai algún caso, máis ben raro, dalgunha entidade, como a «Xuntanza Cultural Barcalesa (8)», que non soamente era agraria senón tamén cultural, que como tal se incorpora ó partido obxecto de estudio. 
     Da mesma maneira, a organización «Ultreya» e as Mocedades Galeguistas, funcionaban como unha sección autónoma do partido, ata que se arredan por mor de certas diferencias. Outro tanto acontece coas filiais do P.G. en América: «Organización Republicana Nazonalista», e a «Irmandade Galeguista», con sede en Uruguay, que se afilia ó P.G. en 1934.



     3.2.2. Elementos da estructura organizativa

    
Vexámos agora os distintos niveis orgánicos do P.G., escomenzando polos organismos de dirección:

— A «Asambreia» ordinaria, de periodicidade anual, ou extraordinaria, que se podía convocar cando as circunstancias o requerisen, tendo como requisito que máis de 20 Grupos estiveran de acordo na convocatoria. Era a encargada de definir soberanamente o programa e as orientaciós políticas e de renova-lo programa de acción; nela procédese ó exame da xestión do Consello Executivo, e dos afiliados que ostentan cargos de representación popular (9). Renóvase o Consello Executivo e vótanse os candidatos a deputados directamente polos delegados, sen que o C.E. designe unha comisión de candidaturas que seleccione ós candidatos que serían logo ratificados pola Asamblea. Con arreglo a unha orde do día, presentábanse as ponencias tanto do C.E., como dos Grupos e afiliados. Formaban a «Asambreia» os representantes de tódolos Grupos e sociedades afiliadas, xunto co Consello Executivo, que a diferencia daqueles, tiña voz pero non voto. Cada 25 afiliados podían enviar un representante.

     Era un organismo concebido para que imperase a democracia no seo da organización, e non sabemos que se producira ningún caso no que un sector, discrepante ou situado en minoría, cuestionase o seu carácter democrático.
     No perfeccionamiento dos estatutos, feito na II Asamblea, adoptáronse medidas precautorias destinadas a impedi-Io dirixismo: O Consello Executivo tería a obriga de convoca-la Asamblea antes de acordar calquera alianza con outros partidos para fins electorais ou de goberno. Tamén era preceptiva a convocatoria dunha Asamblea extraordinaria para designar ós candidatos ás Cortes españolas e, no seu momento, ó Parlamento galego. Os cargos de representación popular poderían asistir a Asamblea con voz, pero sen voto. Ó cabo, deputados, conselleiros e concellais estaban incapacitados para representar a ningún Grupo e para formar parte da Mesa presidencial. O P.G. celebrou catro asambleas ordinarias e dúas extraordinarias, xusto antes das eleccións xerais de 1933 e 1936. Estas últimas facíanse máis reducidas, por non tratar de dar sensación de forza, como nas Asambleas ordinarias, de xeito que, para evitar esforzos e gastos innecesarios, recomendaban ós Grupos que en troques de enviar un «persoeiro» (delegado) por cada 25 afiliados ou fracción, se límitasen,a enviar 1 ou 2 delegados por Grupo (10).

—O «Consello Executivo», tamén chamado Consello Nacional», inicialmente constaba de 15 membros, renovables na súa metade anualmente, establecéndose un mecanismo para que ningunha zona territorial quedase sen representación no Consello.
Tras das reformas que se fan na II Asambreia, pasan a integralo 5 Segretarios: Xeral, de Organización, Técnico, de Propaganda 1 e Político, e un Conselleiro-Delegado (ou Conselleiro de zona) por cada unha das «Seicións» en que dividen Galicia, coa misión de servir de enlace entre os Grupos da sección e o Consello.

     A determinación destas «seicións» faise en cada Asamblea. Estamos, pois, ante o procedemento de síntese entre o criterio funcional (elixir persoas para funcións específicas) e o territorial: representantes elixidos non para realizar tarefas concretas senón para asegura-lo nexo de unión entre a base e a dirección, o levar bidireccionalmente información entre ámbolos dous niveis.
     Obsérvase tamén como as Segretarías que fican establecidas basculan cara os temas organizativos (tres quintos das consellerías) do que se infire cales eran as prioridades do P.G. nese momento. Logo cambiou, manténdose o número das segretarías que se ocupan de cuestións organizativas, pois o interés do P.G. por medrar non soamente non mirraba, senón que medraba ostensiblemente (conforme deixaba de considerarse partido de minorías para preocuparse polo incremento numérico) pero aumentando as políticas; xorde así a de Relacións Internacionais (debido á importante cuestión do recoñecemento diplomático de Galicia como nación), e o Delegado nas Mocedades (con rango de Secretario).
     As seccións establecidas pola II Asamblea eran dez en Galicia máis outra na emigración; a saber: A Coruña, Santiago, Ferrol, Viveiro, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vilagarcía, Vigo e Arbo. No esencial mantéñense na III Asamblea, con pequenas variantes, así a de Ourense para a chamarse de Ourense-Celanova; engádese unha undécima para o Barco, habida conta do incremento, con ser cativo e todo, que experimentara o partido.
     Tódolos Conselleiros eran elixidos pola Asamblea (ata os de sección). Na II e III Asambleas, celebradas respectivamente en Nadal de 1932 e Xaneiro de 1934, os conselleiros de zona os elixen na Asamblea, previa reunión e acordo dos Grupos comprendidos en cada demarcación, e por votación segreta durante a cal os conselleiros anteriores e deputados tiñan de estar ausentes do salón (11). Pero non así na IV Asamblea, celebrada en Abril de 1935, onde semella que son elixidos polos propios Grupos de cada zona, algúns na propia Asamblea e o resto despois. Os 5 elixidos para funcións específicas podían ser reelixidos (os de sección non se especifica).
     Nos primeiros estatutos otorgábaselle un papel rector básico ó Consello Executivo (en detrimento, cabe supor, da Segredaría Executiva) ó ser preceptivo que se reunise unha vez ó mes, procurando rotar polas cidades galegas. Tras da reforma estatutaria perde peso específico polo simple feito de que tiñan que transcorrer tres meses entre as xuntanzas ordinarias do seu pleno, e isto non cambia demasiado porque se abra a posibilidade de celebrar xuntanzas extraordinarias cando o soliciten a metade máis un dos conselleiros.
     Para evita-la potenciación excesiva da «cúpula» impedíase a acumulación de certos cargos de representación política e dirección do partido; desta sorte os parlamentarios non podían ser elixidos para o Consello Executivo, inda que se lles otorgaban unhas certas posibilidades de exerce-Ia súa influencia, ó poderen ter acceso a el con voz pero sen voto.
     Este mesmo mecanismo precautorio arbítrase a un nivel inferior, ó permitirse a asistencia dos membros do Consello Executivo ás xuntanzas dos Grupos nos que posúen voz e ostentan a presidencia, pero carecen de voto. Digamos, ó cabo, que ás veces se celebraban xuntanzas do Consello Nacional ampliado, asistindo cargos públicos e representantes do P.G. en diversos organismos (12).
     A última instancia directiva era a «Segredaría Executiva» chamada tamén «Comité Executivo». Consta de catro membros designados polo Consello Executivo. É, polo tanto, un órgano de representación delegada e non directa. Agora ben, na práctica, si é de elección directa, pois pasan a ser automáticamente membros da Segredaría os Conselleiros elixidos para cargos concretos, a diferencia dos escollidos en base a criterios de territorialidade; ou polo menos o Consello sempre elixe a estes. Tiña sistematicamente que render contas da súa xestión ó Consello Nacional e á «Asambreia».
     Dos conselleiros, un tén como cometido a Propaganda, outro a Organización, un terceiro —o Segretario técnico— tiña de estar adicado ás cuestións técnicas de organización interna, apoiando polo tanto ó de Organización, e asimesmo debía velar polo asesoramento dos parlamentarios (13) (función inexistente no segundo bienio). O cuarto, chamado Segredario Xeral, tiña en certo modo un especial relevo por ostenta-la representación pública do partido, tendo ademais como misión anexa as relacións coas restantes forzas políticas. De tódolos xeitos non pasaba de ser un «primus inter pares» en relación ós restantes membros da Executiva, non tendo un especial mandato executivo. Desempeñan estes cargos na primeira S.E., Núñez Búa, Bóveda, Filgueira Valverde e Basanta, respectivamente. Na segunda S.E. engádese unha nova Segretaría, a Política, que ocupa Núñez Búa; Bóveda pasa a S. Xeral e desempeña a de Organización Plácido R. Castro; Filgueira segue de S. Técnico en tanto que a de Propaganda ocúpaa Miguel Rodríguez. A terceira S.E. consta de sete consellerías, innovándose as de Relacións Internacionais, que desempeña Plácido R. Castro, e a de Delegado do P.G. na F.M.G., que ocupa Iglesia Alvariño. Bóveda torna novamente á S. de Organización, sustituíndoo na S. Xeral, Gómez Román. Sebastián González despraza a Filgueira na S. Técnica, Castelao aparece como S. Político e Álvarez Gallego, de Propaganda. Esta composición permanece inalterable na carta S.E., coa salvedade da Delegación do P.G. na F.M.G. que desaparece.
     Nun primeiro momento está previsto que o organismo que dirixa ó partido na práctica sexa o Consello Executivo, que se tiña que reunir mensualmente como xa indicamos, tendo a Segredaría Executiva un cometido meramente técnico, non especificándose a periodicidade das súas reunións.
     Tras da reforma da II Asamblea quérese que sexa o organismo de dirección máis reducido o que goberne na práctica, polo que convirten en trimestrais as xuntanzas do órgano rector máis amplo (o Consello Executivo), e establecen que teña de reunirse a Segretaría mensualmente por imperativo expreso, ou mesmo con menor frecuencia, en xunta extraordinaria cando o estimasen conveniente a metade máis un dos Conselleiros. Abonda tamén nesta interpretación o feito de que se cree unha nova segretaría, nada menos que a de Política, o que é ben ilustrativo da primacía que se lle outorga. Hai que colexir que a base do P. G. consideraba que existían suficientes resortes que garantizaban a democrácia polo que non entrañaba grave risco que unha instancia tan reducida como a Segredaría fose na práctica quen dirixira, e que pagaba a pena en aras de superior eficacia e axilidade na dirección do colectivo. Xa que logo, entendemos que non se pode interpretar como unha mostra de «oligarquización interna».
     Nun nivel organizativo inferior témo-los «Grupos», órganos que encadran a base militante do partido. Por certo que non eran especialmente espartanas as exixencias militantes, xa que fóra das naturais obrigas de cotizar, asistir ás xuntanzas, aterse á liña política e difundir nalgunha medida o ideario galeguista, non obrigaban a un especial activismo. Para a creación dun Grupo requeríanse máis de dez afiliados. Tiñan autonomía no seu réxime interno e no medio rural funcionaban grupos parroquiais, que ó adaptárense a esta demarcación natural adecuaban a súa práctica organizativa ó recoñecemento programático da persoalidade da parroquia; cando nunha parroquia non había afiliados suficientes para formar un grupoconstituían unha Delegación que dependía do Grupo máis próximo.
     Os grupos elixían democraticamente tanto o Conselleiro de zona, que os representa no Consello Executivo, como a súa propia directiva, que tiña que estar composta por un Presidente, un Secretario (e sendos vices), un tesoureiro e varios vocais.
     A directiva do Grupo (á que se denomina Xunta Executiva ou Comité Executivo) debíase xuntar semanalmente, inda que se tardou bastante en establecer esta periodicidade, saíndo da inicial indefinición que deixaba esta importante cuestión ó arbitrio de cada grupo. Esta mesma liberalidade afectaba ás reunións plenarias do Grupo, ata que en 1934 estableceuse unha xuntanza trimestral (14), por mor de que se estudiara a orde do día a tratar na xuntanza trimestral do Consello Executivo da maneira que se acordaran propostas que debería formula-lo Conselleiro de Sección; todo elo non debía ser naturalmente óbice para que se trataran tamén os asuntos que afectaban á sección.
     A estructuración interna do Grupo é perfectamente ilustrativa de cales eran as esferas de interés do partido, e mesmo tamén do tipo tan especial de partido que é o que estamos a estudiar. Debíanse constituir obrigatoriamente, en canto o número de afiliados ó permitise, as «Seicións» de:
     1. Cultura e Arte galega.
     2. Economía, Agraria e Social.
     3. Política e Propaganda.
     
    
Cada «Seición» tiña de elixir un presidente, un segretario e tres vocais, sendo o seu presidente vocal nato na Xunta Executiva do Grupo. Estas seccións debían celebrar xuntanzas semanais (15). Claro que unha cousa debía se-la teoría e outra a práctica, rexistrándose nisto considerables irregularidades; deste xeito, había Grupos perfectamente acoplados a este esquema, e outros que tiñan un xeito de funcionamento totalmente informal, sen reunións regulamentarias e coordinándose primordialmente en base a contactos amistosos. Exemplo desto último era o Grupo de Ourense (16).
     En periodo de eleccións cada Grupo elixía un Comité Electoral. Poucos meses despois, concretamente en setembro de 1934 (17), o Segredario Xeral do P.G. recomenda que as directivas dos grupos fagan un plan de actividade —de orde cultural, propagandístico,etc.—, e exhorta a que en función del se creasen comisións no seo dos Grupos (hai que supoñer que entrecruzándose coas Seccións das que acabamos de falar) de prensa, escolar, de festas, electoral, etc., nas que se integren os galeguistas segundo as súas preferencias.

ORGANIGRAMA DO PARTIDO GALEGUISTA


     A actuación dos Grupos debía tender básicamente a propaga-lo ideario galeguista por medio de conferencias, mítins, campañas de prensa, etc. Aínda que se percibe un certo sesgo culturalista, elo non obstaba para que acometeran iniciativas en campos tan amplos como diversos (18), e non nos extenderemos máis nisto por estar xa suficientemente tocado noutro apartado.
     Coñécese que escarmentados por algún caso malfadado, acordan (19) que non se podería admitir a novos membros nas organizacións do Partido Galeguista, con carácter definitivo, ata que non fose aprobada en xunta xeral a inclusión, e ata transcorridos seis meses do seu ingreso efectivo non podería de ningún xeito desempeñar cargos directivos.
     O vencello entre os Grupos e a Segredaría Executiva establecíase por medio da relación epistolar da que se ocupaba a Segretaría de Organización, con sede en Pontevedra, vila onde tiña asento a Oficina Central do partido. Ademais, tódalas Segretarías enviaban, circulares ós Grupos contendo as instruccións necesarias que, para máis, se publicaban no voceiro do partido «A Nosa Terra».
     A título anecdótico cómpre menciona-la salvedade dos Grupos da zona de A Estrada-Lalín que tiñan unha organización peculiar, dada por Ramón Valenzuela. Tamén no grupo galeguista de Ourense existía unha sección feminina denominada «Grupo Femenino Galeguista» do que era Presidenta, Celia Bouza, e Segretaria, Mercedes do Campo (20).




     3.2.3. Implantación nas dúas etapas

    
Vexamos a continuación o número de Grupos e Delegacións creados polo P.G. (21), en dúas fases ben caracterizadas: a primeira que vai dende a creación do P.G. en Nadal do 1931 ata a derrota electoral en novembro de 1933, momento no que se produce un importante cambio na concepción do partido, pois se considera que o modelo organizativo ata entón vixente, minoritario e avangardista é unha das concausas que provocaron o revés electoral, o que se traducirá na procura do espallamento organizativo; esta segunda fase remata en xullo de 1936. Esta é unha hipótese nosa fundada nunha serie de indicios que expoñemos noutro apartado e que verificamos, entre outros, polo procedemento de constatar como a partir de 1933, e salvando a ralentización a que obrigan as sacudidas represivas producidas en certos momentos do segundo bienio, se intensifica o ritmo de creación de Grupos a medida que vai pasando o tempo.
     Hai que ter en conta que ata case setembro de 1932, o P.G. non logra contactar con tódolos núcleos de galeguistas que había espalIados en Galicia e que eran en principio susceptíbles de entraren no partido. Convén tamén precisar que onde menos implantación tiña o P.G. era na provincia de Lugo —caracterizada ás veces como o Ulster de Galicia— cuestión sobre o que fai unha chamada de atención o Segretario de Propaganda Núñez Búa, instando ós afiliados desa provincia para que se esforzaran en implantalo (22).
     Ó chega-Io momento electoral de 1933, «A Nosa Terra» suminístranos información sobre a existencia de Grupos galeguistas nas seguintes localidades: Bueu, Ferrol, Barro, O Grove, Baión (Vilanova), A Estrada, Lira, Póboa de San Xulián (Páramo, Lugo), A Cruña, Santiago, Rianxo, Sada, Lugo, Viveiro, Ourense, Luintra (Ourense), Pontevedra, San Mamede de Grou, Maceda, Vila de Rei, Pontearnelas (Vilanova), Vigo e Viascon.
     Existen ademais núcleos afiliados, que as fontes non precisan; constitúense grupos ou Delegacións en: Betanzos, Noia, Lovios (Acevedo), Lobeira (Bande), Paderne (Allariz), A Bola (Celanova), Piñor de Cea (Carballiño), Cea, Esgos, Luintra (Ourense), San Miguel de Campo (Nogueira de Ramuin), Santa Ana, Melon (Ribadavia), Alvarellos, Cualedro (Verín), Viana do Bolo, Fiteiro, Chandrexa (Trives), A Vega, Arbo, Barro, Cangas, Cambados, A Cañiza, Mondariz-Balneario, As Neves, Portas, Soutomaor, Redondela, Tomiño, Vilagarcía, Catoira, A Guardia, Baiona e Caldas de Reis.
     E podemos establecer con precisión que había Delegacións en: Ribadeo, Covas (Lugo) e Trios (Lugo).
     Temos en total vintetrés Grupos, tres Delegacións, e trinta e cinco núcleos que non sabemos a ciencia certa se eran unha cousa ou outra (Vide Anexo Mapas I). Estas eran as agrupacións das que temos noticia expresa, o que non quere dicir que foran as únicas existentes. Como datos comparativos, que debemos tomar coas debidas reservas, dada a tendencia de todo partido a abulta-las cifras para aparentar maior envergadura, ofrecéno-lo P.G. os seguintes: Ó nacer en nadal de 1931 existían 15 Grupos con 600 afiliados; un ano despois pasa a ter 70 Grupos con 3000 afiliados (23), que se convirten en nadal de 1933 en «cento e pico» Grupos, sen que se faga constalo número de membros (24).
     Así as cousas, metidos xa na segunda fase, temos que dende novembro de 1933 ata remata-lo ano 1934, créanse novos Grupos en: Santa Cristina de Vilariño (Ourense), Lalín, Alongos, Portela de Córgomo, Trasmirás (Xinzo de Limia), San Ciprián de Viñas, Vilamosteiro (Páramo), Piñeiro (Páramo), Saa (Páramo), San Martiño (Páramo), Godos, A Lama (Lugo), Rianxo, Asados, Araño, Botos (Lalín), Barco de Valdeorras, Faramontaos, Trazo (Ordes), Bergondo, Oleiros, Cambre, Petín, Mugares (Ourense), Xestoxa (Ourense), San Eusebio de Coies, Pantín-Valdoviño, Lañoa, Faramontao, Fene, Miño, e créase ademais o de Córgomo por subdivisión do de Portela de Córgamo; Delegacións en: Morillón (Celanova), Isorna (Rianxo), Taragoña, Pontecaldelas, Real, Ponteareas e Marín.
     Globalmente suman 33 Grupos e 7 Delegacións, o que supón un moi notable incremento.
     No ano de 1935 conquiren crear novos Grupos en: Santa Maria Alta (Lugo), Alongos (Ourense), Deza, Trasdeza e Ulla (os tres na zona da Estrada), Mondoñedo (existía xa antes como Delegación pero non puidemos averiguar en que ano foi creada), Callobre (A Coruña), Abegondo (A Coruña), Caroi (Pontevedra), Vilanova (Pontevedra), Arteixo, Peiro, Friol, Ordes, Palas de Rei, Mourillos, Laxes; Delegacións en: Fontabaín (Lugo), Mera e Balse (Lugo). E núcleos que non se precisa se se trata dunha cousa ou doutra en: Abades e Carballedo.
     Totalizan: 20 Grupos, 3 Delegacións e 2 Núcleos. A disminución verbo de 1934, resulta explicable se temos en conta as prohibicións gubernativas de actos e peche de sedes e locais, que dificultaron o movemento de organización do P.G.(25), que en canto se viu libre de represas entregóuse a un impetuoso labor de espallamento. Polo demais, no período anterior e posterior ás eleccións de febreiro, nas que vence o Frente Popular do que formaba parte o P.G., prodúcese unha crispación do antagonismo social entre os dous bandos en contenda que ineludiblemente comporta unha intensificación do interés das xentes pola política, e conseguintemente a necesidade de organizarse pónse en primeiro plano. Este ambiente favorece o auxe organizativo do P.G., como supón tamén o incremento das demais agrupacións que encadran as diversas clases sociais. Deste auxe dános constancia o propio P.G. (26)
     Temos así que nos seis meses e medio de que puideron dispoñelos galeguistas en 1936, xalonaron a súa marcha ascendente coa creación de Grupos de nova planta en: Godos (acoplado antes —por ter menos afiliados— ó de Baión), Sober (Monforte), Buxán (A Coruña), Puebla do Caramiñal, Vilarmaor (A Coruña), Esposende (Ribadavia), Bastavales, Antas de Ulla, Ribadavia, Escudeiros (Ourense), Boiro, Melide (este cecais estivese xa constituído en 1934), Cecebre (A Coruña), Chantada, Paradela (Meis), Dacón (Ourense), Carreira (A Coruña), Celanova e Muros (que probablemente xa existiran antes), Taboada (Lugo), Crecente (Pontevedra), Monforte, Navia de Suarna, Monterroso (Lugo), Villalba, Nadela, Cendón (Lugo), Ponte de Mera, Guntin (Lugo), Cotá, San Amaro (Ourense), Beade (Ourense), Xinzo de Limia, Barralla, Guimarei e Carnota. Crean Delegacións en varias parroquias de Sober e, asímesmo, nalgunhas parroquias de Ponte de Mera, e Núcleos en: Soutolongo, A Barrela, San Xes de Lobeira, Xubín, e ademais afílianse a Xuntanza Cultural Barcalesa e o Sindicato de Agricultores da Puebla do Caramiñal. Temos ademais noticias de que o Grupo de Palas de Rei estaba a piques de crear varias Delegacións, e estaban moi adiantados os traballos para constituir novos Grupos en: A Cañiza, Frádegas (Antas de Ulla), Cariño, As Pontes de García Rodríguez, Zas, Santa Uxía de Ribeira, a Baña, Cerceda, Serantes, Vilaboa, Vilarube, Pantín, Tui, Armenteira, Golada, Pontecaldelas, algún mais polo distrito de Ortigueira, pola comarca do Ribeiro e, ó cabo, varios polo norte da provincia de Lugo. (Vide Anexo Mapa 11).
     Esta longa relación de novas agrupacións xurdidas nun só semestre do derradeiro ano da segunda República (36 Grupos, 9 Delegacións, como mínimo, e 4 Núcleos que non podemos precisa-la súa natureza) e outros 25 máis que estaban en trance de constitución, coido que é ben indicativa dunha vontade de se convertir nun amplo partido de masas que, posta en práctica ó remata-la experiencia do primeiro bienio, den un considerable froito. Deste xeito, non semella esaxerado afirmar que de prolongarse algúns anos mais a curta vida da República, os galeguistas chegarían a ter un partido político tan solidamente implantado como o estaba daquela o P.N.V. no País Vasco. Debuxados xa os perfís organizativos do P.G. e establecidos os lugares dos que temos noticia certa da súa existencia organizada, tratemos de cuantifica-la súa afiliación con tódalas precaucións que fan ó caso, seguindo tamén nesta cuestión a división nos dous períodos que ficaran establecidos máis enriba.
     Estableceremos como cifra indicativa da afiliación con que contaba o P.G. ó cabo da súa primeira fase (novembro 1933) a de 3000, que este mesmo partido dá para nadal de 1932, ó efecto de correxi-lo probable abultamento.
     Nesta etapa o peso do P.G. era bastante cativo se o parangonamos cos grandes partidos como eran o radical ou a Orga. Esta última cando se transformou no P.R.G., a mediar 1932, xuntou en asamblea perto de 2000 delegados que representaban (dicíase) a máis de 150.000 afiliados (27).
     A partir de novembro do 33 podemos face-Ia tentativa de cuantificar por aproximación o auxe que experimentou a organización do P. G., dado que sabémo-lo número de Grupos e Delegacións que se crearon dende aquela, Grupos que —segundo os Estatutos— debían ter como mínimo 10 afiliados. Sumando o número total de Grupos e multiplcando por 10, engadíndolle logo un coeficiente asisado por cada Delegación, podemos calcula-lo umbral mínimo da súa afiliación.
     Naturalmente naqueles casos en que teñamos precisa información do número de afiliados a determinados Grupos (28), teremos en conta a efectos da cuantificación este número e non o mínimo de 10.
     Lembrémonos que en 1934 se crearon 33 novos Grupos e 7 Delegacións, en 1935 outros 20 Grupos, 2 Delegacións e 3 núcleos dos que non se determina a sua natureza, e que a efectos de calcula-lo raseiro mínimo adscribirémolos ás Delegacións, e que en 1936 nacen 36 Grupos, 9 Delegacións e 4 núcleos. Totalizan 89 Grupos, 26 Delegacións (as 18 que o son propiamente e os 7 núcleos de natureza indeterminada). Restaremos a estas dúas cifras as dos Grupos (12 en total mais a Xuntanza Cultural Barcalesa) e Delegacións (2, as de Isorna e Taragoña), que precisan o número dos seus compoñentes, que sumaremos despois.
     Os 76 Grupos arroxan un saldo de 760 afiliados, e as DelegaIcións de 72 (29). Engadíndolle a estes 832 adherentes a suma dos 13 Grupos e 2 Delegacións de afiliación coñecida; que ciframos en 1350 (30), temos un total de 2.180.
     Establecida así a cifra de Grupos en 89, a de Delegacións en 26, e en 2180 os afiliados novos que ingresaron no partido con posterioridade a novembro de 1933, sumarémoslle a cifra global de afiliados e Grupos que se nos ofrece en xaneiro de 1935, e que se sitúa en 3.000 (31) e 70, respectivamente.
     Temos así que a envergadura total do P. G., considerada no seu umbral mínimo, quedaría establecida ó remata-lo período republicano en 5.180 afiliados, encadrados en 159 Grupos e 26 Delegacións. (Vide Anexo Mapa III).
     Para rematar este apartado debe quedar constancia de que existían Grupos galeguistas fóra do territorio galego, concretamente en Barcelona, Madrid, Oviedo, Lisboa, Oporto, Bós Aires, (aquí eran varios os Grupos adheridos á filial «Organización Nacionalista Republicana Galega»), e Uruguai («Irmandade Galeguista de Uruguay»), que supuña tamén un considerable aporte de militantes e apoio.




NOTAS


(1)  «Importante xuntanza do Consello do Partido»; A.N.T., 8-V-1936, páx. 2.
(2) A.N.T., 3-II.1934.
(3) «Unha importante xuntanza do noso Consello Nacional»; A.N.T, 13-III-1936, páx. 1, 4.
(4) Pódese aprecia-lo papel capital xogado por Bóveda no P.G.
(5) A.N.T, 28-1-1934.
(6) «II Asamblea Regional del P.G.»; E.P.G., 13-XII-1932, páx. 9.
(7) Acta dunha reunión da dirección do P.G., celebrada o 28-IV-1934. Arquivo do P.G.
(8)  A.N.T., 24-IV-1936, páx. 1.
(9) Isto último non estaba nos primeiros estatutos, demasiado sumarios pra recoller detalles desta índole, e foi incorporado nos estatutos aprobados na II Asamblea do P.G., actuando como presidente Núñez Bua; A.N.T., 16-VII-1933.
(10) «Instruccións. II Asamblea extraordinaria»; A.N.T., 10-I-1936, páx. 1.
(11) Así o describe Víctor Casas en «Fenestra. Glosas a II Asamblea galeguista»; E.P.G., 18-XII-1932, páx. 16.
(12) Así na xuntanza do C.N., celebrada en maio de 1936, asisten os deputados (que tiñan o dereito de asistir —con voz pero sen voto— pero non a obriga), os xestores galeguistas en concellos e deputacións e os compromisarios (designados para a elección do presidente da República); «Xuntanza do Consello. Convocatoria», firmado por Gómez Román. A.N.T., 24-IV-1936, páx. 4.
(13) Esta segretaría ocupouna ata xaneiro de 1934 Filgueira Valverde, que o debeu facer bastante ben, pois non constan queixas dos deputados. Sabemos que, por exemplo, sobre o problema da reforma agraria enviou un informe ós deputados. Non sucedeu o mesmo no período das Cortes saídas das eleccións de febreiro de 1936, en que desempeñaba o cargo Sebastián González; así Castelao e Picallo protestan pola falla de apoio ó seu labor parlamentario; «Importante xuntanza do Consello do partido»; A.N.T., 8-V-1936, páx. 2.
(14) «Unha circular encol da orgaización interna do Partido», firmada por Alexandre Bóveda, Segretario da Organización; A.N.T., 17-II-1934, páx. 2.
(15) «Reglamento pra os Grupos»; A.N.T., 26-V-1931, páx. 3.
(16)  Declaracións de Xaquín Lorenzo; Ourense, 29-XI-1981.
(17) A.N.T., 8-IX-1934.
(18) «Programa de acción pra os Grupos Galeguistas». (Vide Anexo Doc. 5).
(19) A.N.T., 17-II-1934, páx. 2.
(20) A.N.T., 29-IX-1934, páx. 2.
(21) Fagamos constar que non existe un libro de rexistro de Grupos e afiliados, porque houbo de ser destruído polos propios galeguistas en 1936 para salvagarda-las súas vidas. (Declaracións de Amalia Álvarez Gallego, viuva de Bóveda; Pontevedra, 15-XI-1980). Xa que logo, tivemos que establece-la relación de Grupos, con gran esforzo, en base a datos ciscados aparecidos primordialmente en A.N.T.
(22) Circular do Segretario de Propaganda, Núñez Bua, a Víctor Casas, datada en Vilagarcía a 29-II-1932; consultada no Arquivo do P.G.
(23) Víctor Casas «Fenestra»; E.P.G., 18-XII-1932, páx. 16.
(24) A.N.T., 28-I-1934.
(25) «A legalización estricta dos Grupos que teñan sen cumplir algún requisito ten moita importancia. Con pretextos legalistas, foron clausurados algúns dos nosos centros e dificultouse a vida normal dos Grupos»; A.N.T., 11-V-1935.
(26) A.N.T., 20-III-1936, páx. 1.
(27) «El nuevo Partido Gallego»; Heraldo de Galicia, 16-V-1932, páx. 2.
(28) Antas de Ulla, máis de 50, A Guardia máis de 50, Sada máis de 100, Trazó máis de 50, Escudeiros perto de 100, os da zona de Rianxo (Rianxo, Araño, Asados, Isorna e Taragoña) máis de 300, X.C. Barcalesa máis de 100, Taboada máis de 100, Franza 50, Carnota 350 —era un Grupo municipal que reunía varias parroquias—, e Bergondo 100.
(29)  Asignándolle a cada Delegación un coeficiente baixo de 3 afiliados por cada unha.
(30) O feito de que os Grupos e Delegacións de afiliación explicitada reúnan bastantes máis militantes que o total daqueloutros que teñen un número de adherentes que descoñecemos pode ser indicativo de dúas cousas: ou ben que a cifra de afiliación destes Grupos facíase pública porque constituían unha afalagadora excepción, e que a afiliación normal ós Grupos distaba de ser esa, ou, de non ser así, que a estimación está feita moi por baixo do que realmente debeu te-lo P.G. Dado que o que pretendemos e averigua-lo umbral mínimo, tampouco aplicamos un coeficiente corrector para os Grupos das cidades (de por exemplo 20, o doble), que, segundo as informacións orais, tiñan bastantes máis do mínimo de 10 afiliados.
(31)

Novamente reiteramo-lo criterio de averigua-la cantidade mínima, pois non establecemos un coeficiente —que sería inevitablemente arbitrario— para o incremento que loxicamente se produciría dende xaneiro ata novembro de 1933.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega