O galeguismo na encrucillada republicana (Vol. I)

Páxina Anterior

(De "3.3 Caracteríticas do P.G." a "3.3.6. Mecanismos de interpretación [...]")

Páxina Seguinte

v3xaviercastroencrucillada008.html



3.3. Características do Partido Galeguista

     3.3.1. O Galeguismo: ¿Debía ser un movemento socio-cultural amplo ou un partido político?

     Dende a fundación das Irmandades da Fala houbo sempre no movemento galeguista unha división entre quen pensaba que o trabaIlo a facer era cultural, de sensibilización do pobo para esperta-Ia súa conciencia adormentada en estado de latencia, platexándose unha actuación lenta, arredada da intervención política, que daría resultados moi a longo plazo, e unha segunda corrente que insistía na necesidade de actuar políticamente, organizándose baixo a disciplina dun partido, por entender que así se obterían resultados inmediatos que facilitarían o avance subseguinte, tendente á consecución do programa estratéxico; todo o cal sería compatible cun labor paralelo de potenciación cultural e concienciación nacionalista do pobo.
     Compre precisar que a corrente culturalista non era exactamente apolítica, mais que no que fai á intervención inmediata nos mecanismos de participación política tal e como son definidos polo sistema. Justo G. Beramendi demostra con meridiana claridade, nun estudio recentemente realizado (1), como esta corrente anceiaba acada-la «redención de Galicia» por medio dunha lenta pero persistente laboura de concienciación da sociedade, actuando ó marxe do sistema político establecido, ata acumular forza de abondo como para implantar, dunha soa pancada, un novo sistema político, acaído ó «Volksgeist» de Galicia. Eis como, en última análise, a táctica culturalista, así entendida, revélase como plenamente política e mesmo subversiva. Isto mesmo o dí o propio Vicente Risco que, ó tempo, delimita as diferencias desta estratexia coa dos sindicalistas revolucionarios, xa que en certo modo resulta semellante:

«En resume, outro xeito de facer política: pola destrucción violenta dun orde político-social determinado, no caso dos sindicalistas; pola criación dunha concencia que co tempo faría imposíbel o funcionamiento do orde reprobado, no caso dos nacionalistas galegos (2)

     Temos ademais testimuños de que, ó marxe dos grupúsculos políticos que se prodigaron con anterioridade á fundación do P.G., e arredado deles, existiu un amplo segmento do movemento galeguista partidario da liña de galeguización cultural (3).
     Coa segunda República, ensánchase o campo de actuación política, facendo que a meirande parte dos galeguistas ficaran engaiolados ó ver que había toda unha serie de obxectivos de importancia que podían ser doadamente conqueríbles a curto prazo. Polo demais, o exemplo dos nacionalistas vascos e cataláns —en que tiñan constantemente postos os ollos—, que non refugaban a actuación política tivo que ser paradigmático.
     Deste xeito o galeguismo decide organizarse disciplinadamente nun partido a pesar e en contra da opinión dalgúns galeguistas (Cunqueiro, Cabanillas, R. V. Ponte) que consideraban máis oportuno diluir organizativamente o galeguismo, afastándoo dunha ríxida estructura partidaria, co obxectivo de ser máis abranguedor, e levar a cabo deste xeito unha actuación máis cultural e concienciadora que propiamente política.
     Víctor Casas razona por extenso a necesidade de que o galeguismo se organice nun partido e faga política en troques de se adicar só ó labor cultural, considerando que por facer política non perde nada da súa pureza nacionalista:


«Tense demostrado que non abonda somentes a laboura de tipo cultural para conquerir a finalidade integral do noso traballo patriótico.
Ninguén ainda o mais político de nós, nega a eficacia da laboura cultural. Mais non abonda. E unha obra lenta que non chega a todos e cuios resultados de eficacia non se poden deixar sentir coa rapidez que compre que arelemos na tarefa de recreación total de Galicia (4)

     Como xa deixamos dito, os prexuicios antipolicistas que combate Víctor Casas derivábanse, grosso modo, da tradicional ausencia do galeguismo da loita política, preterida en favor da actuación cultural.
     Aquel magnífico prosista que era Alvarez Gallego expresaba de maneira poética a énfase na orientación política da meirande parte dos galeguistas, da cal o P.G. era precisamente a súa plasmación: «[...] deixando provisionalmente a estrada en costa da cultura, tomamos po-lo atallo da política. Mais sen renunciar a cantiga, ainda que agora empreguemos a arenga (5)
     En conclusión, ó simple feito de que o galeguismo se artellase como un partido político, firmemente decidido a intervir na vida pública de Galicia, foi toda unha conquista.




     3.3.2. Outro rasgo definitorio: Nacionalista

     Que o P. G. era, e definíase como nacionalista non admite dúbida ningunha. Entendía este partido que Galicia era unha nación diferenciada e non unha rexión que formaría parte dunha nación na que estaría subsumida; a pesares delo existirá sempre unha gran ambigüidade terminolóxica, utilizando indistintamente (como veremos por extenso noutro capítulo) os vocablos nación e rexión, pero, insistimos, será unha ambigüidade meramente nominal e non de contido.
     Efectivamente, se «un complexo de características determiña a existencia da nacionalidade galega (6)», como corolario lóxico o partido que define a Galicia como nación peculiar, débese considerar a sí mesmo como nacionalista, e así o expresa taxantemente Núñez Búa: «Somos nazonalistas [...] (7)
     Agora ben, todo o anterior, non é óbice para que o P.G. procure eludir declararse pública e expresamente como nacionalista. A razón disto, doadamente adivinable, estribaba en que a verba «nacionalismo» estába en gran medida asociada a separatismo, polo que provocaba na sociedade reaccións de reticencia cando non de rexeitamento. Así pois, por prudencia política e para evitar tamén —como veremos— equívocos, prefiren o calificativo, máis inocuo, de «galeguismo». É ben ilustrativo disto o feito de que no propio Programa do P.G. non se utilice a verba nacionalista para designar ó partido, nin a de nación para facer outro tanto con Galicia. Coñécese que o expedente utilizado non lles deixou a conciencia tranquila e, por elo, e para non desdebuxar demasiado o seu perfil, víronse na precisión de insertar no Programa unha «Acraración previa» na que explicaban que escolleron a designación de Partido Galeguista porque:


«Avala aquela denominación o uso xeneral da verba "galeguista" no noso pobo pra desiñar toda-las modalidades de exaltación e defensa da galeguidade. Pero nin aquel xuntoiro nin este alcume implican en ninguén abdicación no esforzo ou na doutrina nazonalista (8)

     Antón Villar Ponte chega a propoñer informalmente o uso dun novo vocablo, «nacionismo», para evita-las suspicacias que despertaba o termo «nacionalismo»: «[...] el nacionalismo gallego —que más que nacionalismo es "nacionismo" y valga la palabra que evita recelos— (9)
     Núñez Búa danos pola súa banda outra clave para entende-Ia razón de ser deste eufemismo:


«Somos nazonalistas aunque nos chamemos simplemente galeguistas: Non nos tiduamos nazonalista, porque xurdiu outra especie de "nacionalismo" de tipo Albiñana, e non queremos que se nos confunda. Non somos patrioteiros; somos patriotas (10)

     Así pois; evitala confusión coas doutrinas de corte fascista e chauvinista —en pleno auxe na década dos trinta—, sería outra motivación.
     De tódolos xeitos o P.G. considérase nacionalista, e velaquí a definición que dá Del Riego sobre os que son nacionalistas: «un nazonalista é un membro da comunidade galeguista que se enrola nas súas fias pra loitar pola reconstituzón espritual, política i económica da sua Patria [...](11)
     Como poderemos ver con máis detalle noutro apartado, a definición de Galicia como nación faise sen apelar ó ingredente da raza en tanto que factor de discriminación (ó afirma-la existencia de razas inferiores e superiores). Deste xeito o P.G. refuga a concepción racista do nacionalismo e, xa que logo, permite ingresar no partido a galegos de residencia e non «de raza». Nesto aseméllase máis ó nacionalismo catalán que ó vasco (12).
     A necesidade de contar con forzas políticas propias xustifícase con varios argumentos: Un deles derívase da especial contextura de Galicia que demanda a existencia dun partido galego que defenda os intereses dos específicos sectores sociais galegos que —segundo Castelao— quedan fora das miras dos grandes partidos de clase:


«Saio do mítin a cavilar na desventura dos nosos labregos, que non son obreiros nen patróns, que non poden avencellar os seus problemas vitales á preocupación dos grandes partidos de clase e que, polo tanto, as súas reivindicacións quedan ao marxe de balbordo que agora enche o mundo (13)

     Existe tamén a razón de que cada pobo ten que se liberar por sí mesmo, contando coas súas propias forzas. Así o explicaba Castelao: «¿Quén pode salvar a Galiza? Galiza mesma. E ¿como? Con un gran partido político eiscrusivamente galego (14)
     Outro dos argumentos que xustifica a necesidade dun partido nacional galego, consiste en que os partidos españois están liderados por persoas que defendían intereses xeográficos distintos ós de Galicia:


«Galicia, por diñidade e por coñecimento, debe ter unha política propia, debe ter partidos seus, non suxetos a ningunha xefatura allea ao país, a ningunha discipriña que os cohíba na defensa dos intereses espirituales e materiaes da Terra (15)

     Polo demais pensaban que: «Galicia necesita unha política propia, de seu, que loite por impoñerse en loita coa que lle impuñeron e siguen impoñendo dende fora (16).» Como corolario lóxico Galicia deberá ter partidos políticos propios.
     A este respecto decía A. Vilar Ponte que:


«[...] os intereses da Galicia, sin representantes de partidos galegos, absolutamente galegos no Parlamento, sempre acharanse indefensos, posto que os paisanos nosos enrolados en partidos nacionaes nunca terán libertade —se queren facer carreira política—, para en nome do seu país enfrentarense cos intereses d'outras terras, tantas veces opostos os intereses galegos (17)

     Agora ben, a pesares de que o P.G. considera necesidade ineludible a existencia dun partido de ámbito galego, non se lle escapa tampouco a necesidade de prestar atención ó contexto do Estado no que se enmarca a política galega. Eis que adique frecuentes comentarios en A.N.T. á coxuntura política no Estado español (como tamén no mundo). De tódolos xeitos esta actitude non debía ser compartida por un sector do P.G., polo que repetidamente os cronistas políticos de A.N.T. razonarán a necesidade de referirse á política que se desenrola no entorno de Galicia por entender que, sen ningúnha dúbida, a condicionaba. Deste xeito, dicia V. Casas: «Vainos moito en como a política hespañola desemboque en novos camiños ou retorne a os camiños vellos, xa doorosamente coñeci dos de nós (18).» Ou tamén: «De nós pro mundo, o mundo comenza e nós e sigue no que está mais preto de nós (19)




     3.3.3. Novo rasgo: Integracionismo

    
O carácter ampliamente integrador «integracionista» do P.G., é unha consecuencia lóxica da súa significación nacionalista. Este vocablo, «integracionismo», que cremos apropiado utilizar para recoIle-Ia proteica gama de contidos que informan a natureza dun partido nacionalista do tipo do estudiado, e que non tén nada que ver con integrismo, fai referencia ó seu propósito de integrar ós máis amplos sectores sociais, agochando e minimizando tódolos factores de discordia que poidan existir, fundamentalmente o relixioso, e mesmo tamén o político, para tentar de unir ó conxunto dos galegos, suliñando o feito de seren tales, ó marxe das súas crencias e doutrinas, mediante a cultura galega como aglutinante nacional, para acada-Io autogoberno e maila prosperidade de Galicia (20).
     A propósito disto traiamos a colación un ilustrativo párrafo de Filgueira Valverde:


«Eu soñei un partido que fose a encarnación política autóctona do pobo galego, un partido totalitario, non escindido polas diferencias de credos sociais, non quebrantado polos partidismos que de fora nos veñen. De xeito que nós apreixoados por este partido puideramos berrar —a frase é miña— "Galicia somos nós". Eu sosteño que un partido integralista, nacionalitario non pode deixarse dirixir por movimentos alleos (21)

     O feito de que o P.G. cobice ser un partido de integración nacional conleva, na primeira etapa da súa existencia, un certo recelo verbo do pluripartidismo. Dicía Vicente Risco que as loitas entre os partidos —ou entre as clases— entrañaban un perigo para a vida dunha nación, na medida en que facían esquence-Io interés nacional común, dividindo ó pobo en parcialidades que «se tan crúa guerra interior (22)», e ó cabo, destruindo a cohesión nacional. En consonancia con isto, no manifesto publicado polo P.G. no Día de Galicia de 1932, deixaban patente que: «Somos un partido máis no campo da política, pero non vimos a dividir, senón a colaborar (23).» Máis que o pluripartidismo propiamente como tal, o que rexeita o P.G. é a súa versión —e mesmo propensión— desintegradora da cohesión nacional, xa que o pluralismo político converxente sí que o acepta: «A Unidade política e a unidade social de Galicia non poden xurdir do uniformismo: han de ser obra da armonía na variedade (24).» Agora ben, para o P.G. difícilmente podería ser converxente e nacionalitario un abano de partidos políticos sometidos a centros de decisión extragalegos, sucursalistas, e que «importaban conflictos e divisións artificiosos». Por todo o cal o P.G. desexaría que en Galicia houbese un único partido de tódolos galegos, a xeito dun frente nacional, no seo do cal tivesen cabida os distintos matices políticos. Esta concepción do partido como «abreviatura da nación» —segundo a expresión de A. Vilar Ponte—, e que dalgún xeito a prefiguraría, resulta imposible de levar á práctica, de maneira que o P.G. na súa actuación ten que plegarse ó arco de partidos que existen na realidade, véndose obrigado a actuar como un partido calquera. Na segunda etapa, o sector maioritario do P.G. plégase ó sistema de partidos existentes, aliándose cos que ocupaban unha posición de esquerda; agardaba que deste xeito conquerirían máis doadamente a autonomía, tras do cal sería chegada a hora de dividi-Io, partido nun de dereitas e outro de esquerdas, para tentar de crear un sistema de partidos autóctonos, que sustituíse ós partidos sucursalistas de distinto signo. Pero a corrente minoritaria de signo dereitista non tivo paciencia para agardar tanto e lanzouse, antes de que Galicia acadara a súa carta autonómica, a crear ese sistema de partidos de obediencia galega que tería de reemplazar ó centralista.
     Por outra banda, a arela integracionista do P.G. confírelle un certo tinte populista que de cando en vez asoma moi ostensiblemente. Así, dicía Risco:


«E certo que (os galeguistas) teñen algunha preferencia [...] polos probes, porque posto que o necesitan mais, deben ter maor protección por parte dos gobernos e das autoridades públicas (25)

     Ofrecemos a continuación, en esquema que logo desenrolaremos, a serie de antinomias que teñen de ser dixeridas e integradas polo P.G. mediante unha fórmula específica, para non comprometela súa virtualidade integradora (ou integracionista).

* Dereitas/ Esquerdas Centrismo.
* Confesionais / Laicistas Neutralidade relixiosa.
* Distintas capas sociais  Interclasismo.
* Políticos / Culturalistas Integracionismo Político.

     Polo demais apelan a dous reforzos ideolóxicos para mellor solda-la dispar osamenta: o sentimento de irmandade e o postulado de que a común defensa de Galicia debía sobrepoñerse a calquera discrepancia.
     Antes de escomenzar a desenvolver este esquema, sinalemos un precedente e mais un factor de diverxencia conxénito ó P.G.
     O precedente non é outro que a xa sinalada contradicción que foi pertinente mentres estivo vixente a Monarquía, e que se establecía entre os partidarios da monarquía e os da república, e que se resolvía amistosamente apelando ó accidentalismo. Esta discrepancia perdeu actualidade na década dos trinta, por natural realismo político dos monárquicos.
     A semente de división que existíu dende o nacemento mesmo do P.G. viña dada poIa relativa heteroxeneidade ideolóxica dos agrupamentos que se funden e desaparecen no cruxol do novo partido. Lembrémonos do laicismo progresista da I.da F., contraposto ó integrismo conservador da «Irmandade Galeguista de Ourense»; do radicalismo de «Esquerda Galeguista» que se opón á maior moderación do «Grupo Autonomista Galego», ou da avanzada mentalidade dos membros da «Agrupación Nacionalista de Santiago» que difería de abondo do dereitismo de moitos dos adherentes a «Labor Galeguista de Pontevedra».
     O P.G. endexamais negou a súa heteróclita composición interna:


«Homes de diversas tendencias políticas e relixiosas, que coinciden en apreciar de igual maneira a problemática da nosa terra e axúntanse baixo unha bandeira común, a bandeira da redención galega (26)

     Se ben se recoñece este feito, procúrase de todos modos facer nel o menor fincapé posible, e mesmo, nalgún caso, arredalo, sostendo que non tén razón de ser. Así sucede coa contradicción dereitas/esquerdas, a que pasamos a referirnos. Citemos un texto ilustrativo, quizais unha miga extenso, pero entendemos que a súa importancia o xustifica (27):


«Somos un partido de integración galega [...]. Non podemos comulgar con conceptos de dereitas — esquerdas que se aprican á unha política que descoñece a existencia mesma da nosa política.
     Pero en troques, si esquerda quer dicir avance e non conformismo, si ser Partido de esquerda é estar na vangarda no pranteamento do problema capital de un pobo, nós non toleramos ninguén á nosa esquerda en Galicia, porque na cuestión da libertade da nosa Terra siñalamos a posición masimalista, frente aos demais partidos que baixo as alcuñas mais diferentes manteñen entre nós o vello españolismo monárquico ou o novo social-patrioteirismo estatista.
     E tamén si sere un Partido de esquerda é poñerse da banda dos intereses labregos e mariñeiros, que son os intereses dominantes do noso pobo, frente ao escesivo urbanismo e frente ao señoritisrno alleeiro, si é tomar partido polo traballo diante cobizas inxustas do capital, e polos dereitos minoritarios frente a todolos imperialismos do noso tempo; si é percurar o ben común frente aos egoísmo de crase; si é querer transformar a nosa economía pra dotar a Galicia de unha estabilidade social basada na xusticia e no traballo, daquela nós somos homes de esquerda.
     Pero que ninguén nos confunda cas esquerdas hespañolas. Que se non conte con nós pra «comer cregos», para guindar cruceiros ou pra perseguir a ninguén nos eidos do esprito. Porque todo é alleo a Galicia. Porque o Galeguismo é tolerancia; convivencia, integración de valores, de posicións e de matices nunha obra común: o Rexurdimento da Patria Galega».

     Deste xeito rexeitan a contradicción dereitas/esquerdas, que de ser aceptada implicaría a polarización do P.G. en dúas fraccions, argüindo que eran categorías importadas que non casaban co ser auténtico de Galicia. A toda costa había que evita-las friccións internas.
     Pero que se desbotaran estas categorías polo perigo excisionista que entrañaban, non quere dicir que non houbese galeguistas que se sentisen de esquerdas e outros de dereitas; habiaos, pero na medida do posible procuraban non dicílo. O Galeguismo como instancia organizada refuga as categorías antinómicas esquerda/dereita, por perigosas, como xa deixamos dito, e tamén porque as forzas que encarnaban tanto a dereita como a esquerda actuantes daquela en Galicia eran en xeral bastante desdeñosas, cando non abertamente hostís, á reivindicación dos dereitos políticos do País Galego. Isto facía que o P.G. considerara a tirios e troiáns como portadores dunha división, que obstaculizaba o seu propio proxecto político baseado na converxencia de estensos e heteroxéneos sectores sociais, división que na súa opinión podería ter razón de ser en España, pero dende logo non en Galicia, onde se superpuñan á auténtica e enxebre problemática de Galicia sen chegar endexamais a casar con ela, polo que resultaban en suma extraños, gratuitos e artificiais. A título de mostra, manifestaba o P.G. que os partidos políticos con base en Madrid viñan a Galicia a realizaren loitas de partidos que non significaban nada positivo para o país no que actuaban:


«Son letreiros de forma externa, de dereitismos e esquerdismos, que non significan ren pra nosa vida inteleitual, rural e campesiña [...]. Nin Gil Robles, nin Maura, nin os socialistas, nin Lerroux, tragueron a Galicia unha nova vida (28)
     Por todo elo pensaban que se debían formar un: «frente único galego, autonomista, contra os que non enrolándose nil, se apelliden, por ise feito, antigalegos. Nistas novas eleicións de Galicia non pode haber dereitas nin esquerdas. Soio galegos e antigalegos (29)
     Ou doutra maneira: «Nós que pensamos, que o problema de noso pobo é un problema de Patria, un problema de defensa conxunta —na que caben todolos matices— dos seus intereses, asulagados hoxe polos vaivens do politicismo hespañol, que pra nada os ten en conta; voltamos a afirmar, agora como sempre, que o senso ezquerdista de denantes e o senso dereitista do presente, non son máis que pretestos fútiles, con que se pretende confundir a opinión do noso país, distraendoa do punto capital e trascendente, único capaz de resolver os seus propios problemas. O punto da súa autoctonía nacional (30)

     En resumidas contas tildaba de españolistas ós partidos de obediencia estatal por:
     —Seren alleos ó ser de Galicia, concebida como totalidade, polo que as partes que dicían representaren eses partidos —calquera que fose o seu carácter de clase— carecían de pertinencia.
     —Defenderen intereses económicos e sociais distintos ós de Galicia, e cando se resolvían a asumiren a defensa de Galicia, facíano con moi escasa ardentía.
     —Estaren incapacitados para a asunción do problema nacional galego e condicionados por unha visión uniformizadora dos problemas do Estado Español. As reticencias verbo da autonomía eran para o P.G. elocuentes.
     —Os partidos obreiros e populares, socialistas e comunistas, son censurados por importaren doutrinas económicas e sociais francamente rifadas coa peculiar conformación e idiosincrasia da sociedade galega. Polo demais, pensaban os galeguistas, nomeadamente no primeiro bienio, que, de triunfaren aqueles, non respetarían as aspiracións nacionais de Galicia.
     Poderíamos dicir que a postura do P.G. era en certo modo centrista, pero dun centrismo especial, pois non se considera nun punto equidistante da dereita e da esquerda, por nega-la pertinencia desta dicotomía. Realmente o P.G., o que desexa é que Galicia dispoña dun sistema de partidos específico, ou dun único partido, erixido nunha sorte de frente nacional (31), pero, en calquera dos dous casos, as categorías dereitas/esquerdas eran disfuncionais, como xa dixemos, no primeiro caso por non seren unhas dereitas e esquerdas de obediencia galega, e no segundo, por quebranta-la procurada unidade política de toda a nación.
     Claro que unha cousa era o que eles pensaban de si mesmos, e outra a súa actuación práctica. E na súa práctica política ó traveso do primeiro bienio, como queira que dereitas e esquerdas existisen malia os desexos do P.G., observamos que este se conduce como unha forza de centro. Polo demais así o recoñece implícitamente o propio Suárez Picallo nun texto que citamos un pouco máis adiante (32).
     Á altura de 1933 a belixerancia entre as dereitas e mailas esquerdas acentuábase cada vez máis. Neste ano «A.N.T.» publica un editorial ratificándose na súa posición de nega-la pertinencia do tal antagonismo; pero cada vez resultaba máis dificil. M. Beiras; García daba a voz de alarma: «Trátase de producir unha división dentro das filas do galeguismo por eso que con grande error deu en chamarse "dereitismo" i "esquerdismo" (33).» Entende que este problema non parte do propio partido senón que nace fora del.
O P.G. estaba para servir a Galicia e non para favorecer unha tendencia ou outra. Despois de dicir que o P.G. máis que un partido político é un conxunto de homes que se esforzan nunha laboura galeguista «de soerguer a concencia da nosa persoalidade e a dinidade da nosa Patria (34)», afirma que:


«nista laboura teñen acomodo uns e outros xunguidos por un ideal moito mais outo, mais íntimo, que unhas tendencias circunstanciaes postas en tensión agora por unha política allea. O ideal da Terra está por riba das creenzas e ainda de toda-las difrenzas sociaes. Aquel é permanente i eterno, estes son temporales e tornadizos [...]. Non debe importarnos que non veñan ao galeguismo os de "dereita" porque lles parecemos de esquerda, nin os da "esquerda" porque non, estamos definidos como tales (35).» E é que «O P.G. ten a obriga de non mistificarse, de ser de todos, e de ser para todos (36)

     A pesares de todas estas afirmacións, o P.G. non puido sustraerse á decantación por unha das dúas grandes correntes de signo oposto, que xa por estas datas escomenzaba a apuntarse. Deste xeito o P.G. inclinaráse progresivamente cara a esquerda, dado que a liña maioritaria escomenzou a gravitar neste sentido, ata rematar por integrarse no Frente Popular. A adopción desta postura comprometeu radicalmente a súa virtualidade integradora, sufrindo o esgazamento da súa ala dereita.
     A decisión de aliarse coa esquerda suscitou grandes polémicas provocadas pola minoría contraria a unha tal definición, entre os que se atopaban Otero Pedrayo, Ramón Vilar Ponte, Filgueira Valverde e A. Iglesia Alvariño. Estas polémicas tiveron como escenario a III Asamblea do P.G., celebrada en xaneiro de 1934.
     Un sector do P.G. e das mocedades estaba en disconformidade coa postura de colaboración adoptada na Asamblea de Ourense. Novamente A.N.T. fará gala do seu carácter necesariamente democrático —necesario para servir de marco a sectores ben diversificados— permitindo que se expresen libremente as discrepancias coa liña oficial. Así, M. Buxán Rivas escribe:


«Denantes que rian temos que pensar en galego, ser galeguistas. Nin de esquerdas nin de dereitas. Esta división é un feito hespañolista a o que nós non temos que dar creto [...](37)

     Os partidarios da alianza coa esquerda teorizaban a súa postura da seguinte maneira:


«O galeguismo é un partido cun programa avanzado co que todo elemento de esquerda pode transixir; pero a ise programa, pra que sexa realidade, ten que corresponder unha taitica revolucionaria, e non â miña maneira de ver, unha semellante â que deica agora ven seguindo. Así ten sucedido que algúns elementos de dereitas arredáronse do Partido polo programa, e bastantes elementos esquerdistas síntense defraudados pola taitica. I en consecuencia, o fenómeno mais importante: O Partido Galeguista non chega ao pobo (38)

     O abismo entre dereitas e esquerdas aumenta a cada paso. Os dereitistas xa non resisten as alianzas do P.G. coa esquerda e dispóñense xa non a esgazarse para crear Dereita Galeguista. Otero Pedrayo, home conservador e de dereitas, teima na loita pola convivencia dos dous sectores dentro do P.G., e cando a escisión sexa un feito, el non participará nela. Deica a mediados de 1935 que: «O programa galeguista é o único que pode agrupar a persoas de dereitas e de esquerdas convivindo con irmandade para acadar a liberdade de Galicia (39)
     Fagamos mención agora ó expedente interclasista que utiliza o P.G. para dar acollida a moi diversos sectores sociais, que van dende propietarios de fábricas e asalariados dos servicios, a intelectuais, campesinos, funcionarios e pequenos comerciantes. Esta composición interna do P.G. era posible porque, como dicía Risco:


«Os galeguistas non van persoalmente contra ninguén. Nin contra os ricos, nin contra os probes; nin contra os patronos nin contra os obreiros; nin contra os cregos, nin contra os empregados, nin contra os militares; nin contra a propiedade, nin contra a familia, nin contra a relixión. O que queren é [...], sobre todo, unión dos galegos, sean da clase que sean, pra defender a Galicia. Que todos nos sintamos, antes que nada e por enriba de todas as cousas, galegos, e, despois do mundo (40)

     Nisto o Partido Galeguista seguía unha vella tradición inaugurada en 1846 no célebre «banquete de Conxo», onde estudiantes e obreiros irmanados proclamaron a unidade de Galicia e a solidariedade entre as clases.
     Polo demais, estatuariamente, o P.G. (do mesmo xeito que garantizaba a liberdade de crencias dos seus afiliados) salvagardaba «[...] a prena liberdade [...] das suas tendencias sociales (41)»
     O interclasismo é unha realidade común a tódolos nacionalismos; sinalaba Javier Corcuera que todo partido definido unicamente polo seu carácter nacionalista, é vocacionalmente interclasista:


«Partiendo de la nación como un todo heterogéneo con intereses comunes, los partidos nacionalistas, sin negar la realidad de las clases sociales, trascienden dicha realidad en la medida en que se afirman todas las clases sociales nacionales como oprimidas por una nación extranjera (42)

     Agora ben, compre discerni-lo policlasismo na visión da sociedade galega (ó que tódolos galegos debían esquence-las súas diferencias, poñendo en primeiro plano o que os une: a angueira da «redención» de Galicia, do interclasismo na concepción do partido, que é en gran medida froito do anterior. Consiste esta visión, socialmente integracionista, ou interclasista, do partido, en percura-la integración nel das xentes de distintas capas sociais salientando o nexo unitivo da súa calidade de galegos.
     Para rematar con esta cuestión, mencionemos de pasada (verémolo por extenso noutro apartado) que tamén no campo das fórmulas económicas se pode apreciar esta ambición integradora que apela a eixos de simetría equidistantes das diversas posicións. Opta así polo cooperativismo —como tamén facía no País Vasco o P.N.V.—, ó que concibe como fórmula de transición por entender que estába a cabalo entre o capitalismo e o colectivismo.
     Como deixamos dito ó comenzo deste apartado, as aspiracións do P.G. a un amplo encadramento social levábano a non facer cuestión do problema relixioso, de importancia crucial nun tempo no que en períodos de inestabilidade social as autoridades tiñan que preocuparse máis de protexe-las igrexas que os edificios nos que tiñan o seu asento as institucións do Estado.
     A cuestión relixiosa será outro tema máis no que o P.G. evidenciará a súa flexibilidade ó servicio da súa pretensión de ligame nacional. Sostiña que as crencias relixiosas, ou ben a ausencia destas, non debían ser un atranco para se incorporar á loita pola reconstrución nacional de Galicia.
     Agora ben, ó declararse neutral, esguellando o espiñento tema da confesionalidade, non resolvía o problema de que os partidarios da declaración de fe católica do galeguismo mantiñan unha visión da realidade galega (Otero Pedrayo consideraba que o cristianismo era a base mesma do espíritu de Galicia) radicalmente contraposta á do sector maioritario do P.G. de clara inspiración laica, ou que partía incluso de supostos filosóficos materialistas, como Lugrís Freire ou Emilio Pita (43), por citar dous casos. E isto, obviamente non podía por menos que orixinar conflictos que rematarían por esgaza-lo P.G. en dúas formacións, a unha neutral —na medida en que se podía ser neutral na cuestión relixiosa sendo de esquerdas daquela— e de esquerdas, a outra confesional e dereitista. A pesares deste ingredente de moderación e defensa da relixión católica dun sector do P.G., tanto o clero como as xentes que en xeral saían á area política para salvagarda-la fe católica, que consideraban hostilizada polo goberno Azaña, no primeiro bienio, e polas correntes laicistas e anticlericais, amosáronse bastante desafectas verbo do P.G.
     A actitude do P.G. de tolerancia, neutralidade e «respeto do partido hacia as creencias relixiosas (44)» sería a tónica dominante na súa actuación, ponderada e ecuánime, ante os conflictos relixiosos que sacudiron á II República, fustigando por igual o integrismo católico reaccionario (o mesmo Otero Pedrayo, católico da cabeza ós pés, tivo problemas con «El Ideal Gallego», representante local da tendencia católico-conservadora que abandeiraba «El Debate») (45), e o anticlericalismo a ultranza dos «traga-curas» segundo a expresión de Lugrís Freire (46).
     Os propios galeguistas de esquerdas e anticonfesionalistas recoñecen dende o periódico «Claridad» (47) que hai diferencias entre a postura cristiana de dereitas dos galeguistas e o dereitismo «zafio, analfabeto y anticristiano al uso en Galicia»; ilustran isto dicindo que Otero Pedrayo non tivera inconveniente en firmar, xunto con Fernando de los Rios, Valera e outros homes de esquerda, unha proposición de lei para que se abriran en España as sinagogas xudeas e as mezquitas musulmanas, e, amais disto, foi el quen proclamou ós candidatos comunistas en Ourense. Vicente Risco, que era máis integrista que Otero, ten censurado a orientación de «El Debate» polo seu extremismo (48).
     Sintomáticamente nun editorial de «El Heraldo de Galicia» (49) dín que os católicos galeguistas se atopan máis a gusto entre determinados esquerdistas que entre a maoiría dos elementos de dereitas. Polo demais non eran tan conservadores como para non considerar xusto que os grandes de España fosen desposeídos.
     Otero Pedrayo polo seu lado, dicía:


«Como cibdadán de Galiza son d'unha Patria, como católico síntome cibdadán do Mundo renascido pola paixón de El Señor. As dereitas galegas racharían as vestiduras [...] se tal ouvisen.» (50).

     Este párrafo ilustra tamén moi ben encol da actitude mental das dereitas en relación ó galeguismo.
     O P.G. endexamais entrou na loita do clericalismo/anticlericalismo, que axitou tanto os ánimos dos seus coetáneos (51). Precisamente por isto estaban os galeguistas bastante arredados dos federais (especialmente fortes en Santiago), que mantiñan vivas as brasas do anticlericalismo legado no testamento político de Pi y Margall, en contraposición coa neutralidade do Partido Galeguista (52).
     Pesia os bos propósitos do P.G. de evita-las divisións en razón das diferencias relixiosas, xa que: «A laboura pol-a Terra non pode estar condicionada endexamais a ningún credo nin tendencia católica ou anticatólica» (53), non conqueriron preserva-la unidade do propio partido, co que fracasou o seu obxectivo integracionista. Cando á ala dereita do P.G. seméllalle que o seu conservadurismo social e a súa fidelidade ó cristianismo son inconciliables co xiro esquerdista dado polo partido, opta por escindirse. Tal actitude esfarelou as pretensións ó integracionismo do P.G., polo que foi condanada por este —iso sí, dunha forma nada agria e mesmo amistosa— en base a unha serie de razóns que en síntese dimanaban da consideración da escisión de «Dereita Galeguista» como prematura e condanada á ineficacia na medida en que a dereita de Galicia lles parecía antigaleguista, e en gran maneira insensible ó feito diferencial galego.
     Así o expresaba Castelao:


«Trátase nada menos de crear unha "Dereita Galeguista" lazando a irmandade dos "bos e xenerosos" cando mais rexa debe ser a súa compenetración [...]. Non nego a necesidade dunha escisión do Partido Galeguista na hora en que a nosa Terra conquira os seus anceios mínimos de libertade; pero nego a comenencia de facelo agora.» (54).





     3.3.4. De partido de élites a partido de masas

     Na primeira etapa que vai dende a fundación do P.G., en nadal de 1931, ata as eleccións de novembro de 1933, a práctica totalidade dos dirixentes galeguistas teñen unha concepción elitista do partido, baseada na tese de que abondaba conxuntar un reducido grupo de nacionalistas puros que, xa logo, conquerirían esperta-la simpatía na base do pobo. De feito defínese como «partido minoritario de ideal» (55). A maior abondamento explicaban que: «[...] mais que o número dos nosos adherentes, importa espallar as ideias fundamentaes do noso ideario. O demais virá dimpois» (56).
     No «Programa de Acción pra os Grupos Galeguistas» aprobado na II a Asamblea de nadal de 1932, dicíase:


«Debe considerarse ao Partido como minoría directora da política de galeguización, cuia forza estribará sempre non no número dos afiliados senón na súa compenetración e na súa discipriña, na outura dos seus valores e na fé galega dos seus pioners [...] ós Grupos do Partido non encamiñarán o seu proselitismo de afiliación na masa de xentes non formadas no galeguismo, ou de deformada conciencia política, senón especialmente nos medios políticamente virxes, na mocedade sobre todo...» E mais adiante engaden: «Percurarán nas masas populares unha adhesión a idea galeguista e un sentimento de simpatía cara o Partido que faga froitosas as nosas propagandas...» (57).

     Como se pode ver, antepuñan a pureza doutrinal, da que o Partido Galeguista era selecto receptáculo, á incorporación de sectores numerosos ó mesmo, dado o risco que isto implicaba de contaminación e adulteración do seu ideario por xentes profanas e non iniciadas.
     Esta concepción vangardista e minoritaria do P.G. era realmente común a tódolos galeguistas nesta primeira etapa. O propio Alexandre Bóveda —que logo cambiaría tanto— é autor dunha frase aparecida nun manuscrito seu que dí: «Robustecimento dos grupos —Non masa», ben ilustrativa desta vontade purista (58).
     Polo que as fontes indican, hai un sector especialmente elitista e que en gran parte permanecerá adicto a esta concepción restrictiva e minoritaria do P.G., na segunda etapa en que a corrente maioritaria imprímelle un sesgo distinto ó partido, percurando o incremento da afiliación. Entre estes elitistas a carta cabal, podemos mencionar a Vicente Risco, Ramón Villar Ponte, Ramiro e Xaime Illa (este último máis ben nas mocedades) e Carballo Calero (59). Estes homes facían súa aquela máxima, que proviña xa das l.da F., e que figuraba inscrita nun letreiro nas casas dalgúns galeguistas: «Xuro polo que mais quero ser dos bos e xenerosos» (60).
     Así, Risco dicía que «O Partido Galeguista non quere ter moitos afiliados; o que quere é que os que teña sean bós [...]. O Partido quere pouca xente, pero boa» (61), e algo polo estilo ven a dicir no célebre folleto «Ideas que defende e fins que se propón o P.G.».
     Do mesmo xeito, Carballo Calero, alarmado pola entrada no Partido, concebido como templo sagrado onde se celebraba o rito galeguista, de xentes novas que non tiñan ben asimilada a auténtica enxebreza —co que se convertían case en profanadores—, protestaba contra da irrupción dos neófitos. Había que aceptar só ós xenuinos depositarios do «esprito clásico, que dou vida, ao galeguismo moderno» (62)
     A mesma actitude mantiña Enrique Peinador, que, sendo Conselleiro da Comarca de Vigo, foi entrevistado en 1936, destacando entre as súas afirmacións a de que «El Partido Galleguista no es un partido de masas, sino de selección y cuenta con muchas figuras relevantes, capacitadas para todos los puestos» (63).
     Agora ben, a segunda República supuxo a aparición das masas populares no proscenio da Historia. En efecto, foi o 14 de abril a primeira ocasión en que un movemento popular provocou, de xeito pacífico, a caída dun goberno, ou por mellor dicir, a da propia Monarquía; toda unha revolución democrática.
     Isto foi unha aldrabada na conciencia dos partidos burgueses e pequeno burgueses, formacións políticas minoritarias que, se ben a extensión do sufraxio nas postrimerías do XIX obrigoulles a contar co conxunto da poboación que compuña o censo electoral —que por outra banda adoitaba ser burlado medianta o tinglado oligárquico-caciquil, creado na Restauración—, non será ata este momento que comprendan a necesidade da creación de grandes organizacións de masas (pensemos na CEDA, por exemplo). As camarillas e os grupos de notables pertenecen xa ó pasado.
     O P.G. tardará algún tempo en decatarse de que non podía continuar coa concepción do partido tributaria do elitismo se é que quería ter unha incidencia apreciable no seo da poboación. Será o revés experimentado nas eleccións de 1933 o catalizador do cambio da súa consideración minoritaria do partido, que abandonará para emproeirar os seus azos cara a incorporación do maior número posible de militantes.
     Esta apreciación nosa expusémoslla a Avelino Pousa Antelo quen a ratificou, por entender que se axusta á realidade; segundo el:


«o P.G. o principio dicía que lle interesaba máis pouca xente ben formada e que fora capaz de influir de maneira determinante na poboación normal. Buscaba esto máis que afiliar masivamente. Despois xa non peneiraba tanto.» (64).

     Así pois, esta concepción minoritaria do partido perderá vixencia lentamente a partires da derrota nas eleccións lexislativas de novembro de 1933. Este feito failles tomar conciencia da importancia que ten converti-lo minoritario P.G. nun gran partido de masas tal e como se expresa en A.N.T.(65) A este efecto inicia un febril traballo de organización, conquerindo incrementar notoriamente o número de afiliados e crear novos Grupos e Delegacións en localidades nas que carecía deles, como podemos ver nos mapas que se adxuntan (Vide Anexo Mapas I e II).
     O cambio de organización de minorías a partido de masas non foi acordado en ningunha Asamblea, nin consta expresamente nalgún documento oficial do P.G. Foi, pois, un cambio operado na práctica que non deu pé a debates nin a consideracións teóricas.
     Como datos probatorios existen, en primeiro lugar, as declaracións de dirixentes galeguistas pronunciándose claramente por un partido de masas. Así Castelao autoformulábase a pregunta de como se podería liberar a Galicia, ó cal respostaba el mesmo, dicindo: «Con un gran partido político» (66).
     Sintomáticamente, en febreiro de 1934 o Consello Executivo establece como obxectivo prioritario a mellora da organización interna do partido, e, a ese efecto, anuncia que encetará unha campaña de proselitismo (67). Bóveda, na súa calidade de Segretario de Organización, insiste en que os galeguistas debían adicar tódalas forzas posibles a crear novos Grupos (68). Novamente en novembro de 1934 vólvese a remachar isto mesmo; agora é o «Consello Nazonal» quen declara que a laboura de creación de novos Grupos e unha das que merecía maior actividade e esforzo (69).
     A todo isto temos reiteradas noticias (70) de que aproveitaban os mítins para desplazar un equipo de militantes coa finalidade de afiliar ós asistentes que quedaran ben impresionados, e constituir deste xeito, a poder ser, novos Grupos.
     Polo demais, resulta sintomático que inmediatamente despois da devandita derrota electoral o Grupo de Ourense anuncie nun manifesto dado á opinión pública (71), que o P.G. incrementará a súa actividade e proselitismo, afiliará máis xente ós Grupos e creará tódolos que poida. E tamén ilustrativa a circular do Segretario Xeral, Gómez Román, ós Grupos, na que establecía entre as novas obrigas dos «Conselleiros de Seición» a de procura-la creación de novos Grupos e Delegacións de acordo coa Segretaría de Organización (72).




     3.3.5. Carácter Democrático

    
No capítulo de organización xa vímo-los liñamentos básicos da estructura organizativa do P.G. O seu funcionamento interno era democrático; existían canles para que os afiliados participaran na toma de decisións do partido, que en conxunto funcionaba disciplinadamente, cunha dirección colexiada (por máis que as posicións de Bóveda soian prosperar sempre) (73).
     Segundo a clasificación de Newman (74) o P.G. poderíamolo encadrar dentro dos «partidos de programa» (versus ós «partidos de personalidades»), ou, segundo outra clasificación da politoloxía, «partido de principios» (versus «partidos de prebendas»).
     Este sería o esquema da toma de decisións do partido:


     De acordo con el, o núcleo dirixente plantexa a temática, presente ponencias e dá o seu punto de vista, en tanto que a capacidade decisoria pertenece ós membros da Asamblea, que tamén presentan ponencias.
     No estado actual da investigación sobre a historia das entidades políticas galeguistas que teñen existido, a estructuración democrática semella ter sido unha nota constante en todas elas. A única excepción, polo que sabemos, constitúea a «Irmandade Nazonalista Galega» que se ben tiña un sistema organizativo democrático, recoñecían estatutariamente a superior autoridade do Conselleiro Supremo: Vicente Risco, o que lle confería un claro sesgo presidencialista e autoritario (75).
     Pola estructuración democrática o P.G. aseméllase máis os partidos nacionalistas cataláns que ós vascos. Resulta en efecto proverbial o verticalismo e centralización do P.N.V. no Bizkai Buru Batzar, situación trocada en parte coa creación en 1920 do Euzkadi Buru Batzar e a democratización do réxime interior (76). De entre os catalanistas garda maior relación, a estructura do P.G., cos partidos de esquerda que remotamente proveñen da «Unión Federal Nacional Republicana», proposta por Vallés y Ribot. En efecto, tanto o moderado «Partit Catalanista Republicá», como a «Esquerra Republicana de Cataluña», posuían unha estructura interna de signo nidiamente democrático (77). Pola contra difire considerablemente do férreo centralismo da «Lliga» (78).
     Con respecto a que o P.G. necesitaba ser un partido democrático, xa se desprende do dito anteriormente. En efecto, polo carácter policlasista e pola súa necesidade de amplio encadramento, verase obrigado a albergar nunha mesma estructura orgánica a heteroxéneas correntes e xentes de moi vario parecer. Para conxugar harmónicamente unha afiliación tan proteica precisaba duns estatutos inmaculadamente democráticos, e dunha práctica que non desdicira daqueles; duns mecanismos ben engrasados de elección dos órganos de dirección que posibilitasen que os dirixentes recolleran o sentir maioritario da base, de tal maneira que esta acatase disciplinadamente as decisións da maioría. Compría tamén un talante de respeto e tolerancia coas posicións da minoría para que non se sentise demasiado marxinada e tentada ó esgazamento.
     De non ser así, o seu integracionismo saería forzosamente malparado. A estricta observancia das normas democráticas foi exempIar, polo que non se deu nin un só caso de marullería nin de acusacións, por parte das persoas ou sectores postergados, de antidemocraticismo.
     As posturas minoritarias terán en todo momento dereito a expresa-la súa discrepancia coa liña maioritaria tanto verbalmente, nas asambleas e xuntanzas, como no propio voceiro do P.G., que será así unha tribuna aberta a todo o partido, e poderiamos citar multitude de exemplos demostrativos deste aserto, que queremos mellor expoñélos no capítulo da práctica política do P.G.




     3.3.6. Mecanismos de integración: o sentimento de irmandade, a tolerancia e o postulado de que a defensa de Galicia debía sobrepoñerse a toda outra discrepancia.

     Non é casualidade que os galeguistas utilizasen a expresión «irmán» para se designar entre eles. Isto era algo máis que un hábito herdado das Irmandades da Fala; era unha mostra inequívoca da súa angueira de estreita-Ios vincallos que xunguían á gran familia galeguista.
     Así o expresaba Ramón Valenzuela:

«[...] entre nós chamábamonos irmáns e ista irmandade era algo mais que unha verba, non sei de todo por qué, o caso é que comportaba un xeito de falar, un canle de emocións, un algo que somentes dá a comunidade de amores e sentimentos» (79).

     Ó servicio do integracionismo estaba o carácter emotivo e a intensa afectividade que ligaba a cada afiliado coa Terra, e coa súa expresión máis xenuína: O Partido Galeguista.
     No P.G. o factor integrador básico que permitía cohesionar a sectores heteróclitos era o sentimento nacional, a emoción galeguista, que xenera uns vencellos de irmandade que lle daban ó partido un aquel de familia numerosa. Para evidenciar esta emotividade, tinguida moitas veces de misticismo e ata de redentorismo, exporémo-los seguintes exemplos:


«o Himno da Patria, cantado con emoción mística ten novos acentos de espranza e fé [...]. Por tódolos camiños que saen de Ourense pra Galicia voltan os delegados ao duro traballo poI-o pan e poI-o Ideal sagro. Tras de eles pendurado no ar queda tremelucindo o berro que é, á vez, protesta e oración. Terra a Nosa.» E sigue a decir Fernández del Riego: «precísanse soldados creentes e cheos de té. Compren militantes ateizoados de sentimentos i-enfeitizados na idea dos nosos mitos [...]. Vide canda nós a ista cruzada eisaltada de redención de Galiza [...]. Mozos: Nista Diada Grande da Nosa Terra fagamos todos comunión de fé sinceira e firme nas súas esencias incorruptibles i-eternas» (80).

     E segundo Castelao: «que os galeguistas non serán uns novos apóstoles mais o paresce xa que predican unha nova relixión para Galicia cal é o galeguismo» (81).


«Ao galeguismo chégase por estes dous camiños. PoI-o da historia: iste é o que percorren os itelectuales. Pol-a visión das inxusticias que a cotío se cometen con Galicia; este é o que sigue o pobo bon e xeneroso. E ambos converxen n-outro que conduce a todal-as outas cumes: o sentimento.» (82).

     A tolerancia é unha virtude moral que chama a atención no P.G., por canto que non a deixou de cultivar nin sequera nos momentos críticos da escisión da corrente de dereitas. Sorprende, en efecto, como os distintos sectores galeguistas conviven dun xeito respetuoso e transixente. O propio P.G. tiña teoricamente clara a importancia política que a tolerancia tiña en orde a aminora-las tensións internas derivadas da mesma existencia de fraccións diferenciadas no seu seo, de ai que a enaltecese como «virtude racial»; deste xeito declaraba que:


«Ningunha virtude racial ha de sére tan estimada poI-os Grupos como a da tolerancia. Porque toda a nosa historia é triunfo da mútua comprensión, craro siño diferencial do noso pobo.» (83).

     E, sintomáticamente, o texto exténdese logo en consideracións sobre a necesidade de compenetración entre os homes de diversas tendencias no seo do P.G., que tiñan de antepoñelo «ideal patriótico», a calquera outra particularidade ou discrepancia.
     A apelación á patria común, en aras da cal debíanse postergar e subordinalos matices diferenciais, será outro dos resortes que posibiliten o integracionismo do partido. Así:


«A eficacia dos mesmos Grupos e froito da compenetración de homes de diversas tendencias que sin afogar as súas creencias relixiosas, sin abdicar dos seus principios sociaes, calquera que sexan unhas e outros, axúntanse diante a obriga común de un ideal patriótico.» (84).

     De resultas de todo o que acabamos de analisar atopámonos coa realidade dun partido complexo, ou por menor dicir, cun especial tipo de partido. Especial, dicimos, polas características que presenta (ás que xa nos temos referido), pola súa actuación e polos obxectivos que persegue.
     En efecto, na súa actuación, o P.G. incide nunha variedade de campos que sobrepasa o acostumado nos partidos políticos (que non presenten o rasgo de seren nacionalistas). Denantes de expoñer polo miúdo isto vexamos como o propio P.G. ten conciencia de ser un especialísimo tipo de partido:


«Máis o Partido Galeguista non-é un partido político como outro calquera, senón que é unha xuntanza ou asociación ou sociedade de homes que lle queren â sua Terra e que defenden primeiro de nada aos galegos. O P.G. defende a Galicia, ou sea que defende os intereses comúns de todos os galegos.» (85).

     Eles pensaban que o Partido Galeguista non era senón un dos múltiples instrumentos de que se servía o Galeguismo (concebido como un movemento amplo) na súa acción de construcción nacional de Galicia.
     Dicía Alexandre Bóveda que:


«[...] o galeguismo é mais, moito mais, que un partido político. O galeguismo é a plasmación d-un ideal de Patria. Pero o P.G. nasceu pra ser un dos instrumentos do galeguismo, o instrumento de orde político, como a Academia, a revista NOS, (confuso; parece dicir: "A Nosa Terra") o Seminario [...].» (86).

     Agora ben, o partido nunca tivo conciencia clara do que era cometido específico do galeguismo como partido, daquel outro que era máis ben campo de actuación do Galeguismo como movemento amplo, de aí que o partido se derramase nunha gran variedade de eidos, tendo unha actuación eminentemente polifacética.
     Temos así que o P.G., aparte de intervir no que era propiamente a política, promove melloras agrarias e gandeiras, fomenta o consumo de productos galegos, preocúpase por cuestións lingüísticas, artísticas, culturais (87) e ideolóxicas. Este polifuncionalismo do partido obxecto de estudio é nota distintiva, aínda que sexa en xeral común á maioría dos partidos de ideoloxía nacionalista.
     A actuación do P.G. no campo da cultura é especialmente sobresaínte, dando conferencias, facendo libros e algunha película, fundando editoriais e unha imprenta.
     Aproveitemos aquí para facer un inciso e suliña-lo feito de que esta actuación cultural do partido aminora as tensións entre aquelas dúas correntes, que xa apuntaramos, no seo do P.G.: a dos que crían que os galeguistas debíanse adicar en exclusiva a un traballo cultural ausentándose do campo político inmediatista, e a dos que entendían que ámbalas dúas tarefas eran perfectamente conciliables.
     Pasemos a demostra-lo devandito. É de abondo ilustrativo que na estructuración interna dos Grupos galeguistas existisen as seccións de: 1) Cultura e Arte galegos, 2) Economía, Agraria e Social, 3) de Política e Propaganda (88).
     Compre salienta-Ios proxectos lexislativos, sobre a propiedade rústica, tributación, réxime local e arrendamentos rústicos, que eran froito da actividade do P.G. tendente a prepara-lo autogoberno, de xeito que cando o Estatuto estivese vixente o parlamento galego tería xa facilitado o seu labor lexislativo (89).
     É igualmente sintomático que o Grupo de Ourense enviase unha nota á prensa comunicando que os agricultores podían mercar sementes (Doble Híbrido de millo) da Misión Biolóxica, en certos establecementos que indicaba (90).
     Sabemos tamén que os galeguistas actuaban no campo e nas sociedades agrarias como afervoados propagandistas e axentes difusores dos avances obtidos por Cruz Gallástegui na Misión Biolóxica.
     Do mesmo xeito pulaban as cooperativas gandeiras e buscaban mellores formas de comercialización do gando, e facíano directamente eles (ou indirectamente dando conferencias nas que incitaban á creación de cooperativas), como galeguistas, por entender que se trataba dun traballo político mais.
     Xohan A. Suárez, de Sada, propón que:


«atopándonos na estación da sementeira do millo, os nosos Grupos rurais, por intermedio do irmán Alvaro XiI, adequiran a creto, senón poden pagál-o de contado, partidas de mainzo seleicionado na Misión Biolóxica, e espallal-o entre os afiliados, coas instruzóns que atinguen ao cultivo, e a cobrar ao recoller a colleita. Quen esto escribe, xa o ven facendo dende o 1932, até onde pode, e pol-a sua conta, co millor resultado práctico que poida suporse [...].» (91).

     E no referente á difusión da ideoloxía galeguista o P.G. séntese ledo de ter contribuido a galeguizar ós demais partidos; declara ter conseguido que ningún outro partido excluía dos seus programas o problema autonómico, polo menos formalmente. E fixémonos que chega a dicir, o cal sería inconcebible nun partido de signo distinto ó nacionalista, que «O Partido Galeguista quixera que, mesmo en contra súa, medraran fortes partidos, partidos galegos, de discipriña e independencia que apoiasen o noso esprito colectivo [...].» (92).
     Todo isto lévanos a pensar que o P.G. actúa deste xeito porque asume o papel de axente vertebrador dun país que se atopa nun estadio de difusa formación, e elo, en tódolos niveis. Non nos esquenzamos que o P.G. actúa nun marco social, económico, político, cultural e lingüisticamente, atípico. Velaí porque o P.G. non se, limita a face-lo que normalmente interesa a un partido político: toma-lo poder, nunha parcela ou na súa totalidade, para dende alí, modifica-la economía e a sociedade en función do seu programa. O P.G. opera nun país economicamente subdesenvolvido, socialmente anómalo, pola inexistencia dunha clase dirixente (a burguesía galega) que conduza ó conxunto da sociedade —amén do deterioro colectivo que supón a emigración—, cultural e lingüisticamente acomplexado e politicamente acéfalo. Todo elo motiva que o P.G. tivese que «facer país» ó tempo que aspiraba a chegar a gobernalo.
     Pero diciamos que o P.G. era atípico ademais de polas súas características e actuacións, polos seus obxectivos. Os obxectivos do P.G. son dous e están en íntima relación; segundo Bóveda estes eran: esperta-la conciencia nacional do pobo, e erixi-la arquitectura da nación galega sobre os pilares da tradición.
     Para Miguel Artola o partido político ten como obxectivo propio e exclusivo a conquista do poder. Isto pode ser válido para un partido estatal pero non para un nacionalista. O P.G. nega en máis dunha ocasión querer ocupa-lo poder. Máis que aspirar a asentarse no poder do Estado central, o P.G. pretende influir sobre o mesmo, necesitando para elo unha importante minoría parlamentaria, con miras é súa reordenación federal, ou cando menos a que conceda un réxime de autonomía para Galicia. Naturalmente, unha vez conquerido o autogoberno aspirará a detenta-lo poder a escala galega, facendo así certa a afirmación de Artola nun nivel territorial inferior (93).
     É dicir, o P.G. ten que actuar a un doble nivel: por un lado como un grupo de presión sobre do poder central (94) para reestructuralo de modo que sexa compatible co autogoberno de Galicia; por outro sobre da propia sociedade galega, primeiro para incrementalo seu nivel de conciencia nacional que comportara o masivo apoio necesario para acadar un goberno propio e, en segundo lugar, para que se estructure como un marco no que o poder de Galicia quede firmemente asentado.
     Agora ben, se nos atemos ás declaracións do P.G., este semella ter mais interés pola construción do marco político galego como tal, que por facerse con este poder unha vez establecido. Así o repiten innumerables veces, de entre as que seleccionamos o seguinte texto de Risco: «O Partido Galeguista non aspira a mandar nin a ser o que goberne Galicia. O que quere é contribuir a que os que gobernen, sexan os que queiran, o fagan ben, con esprito galego [...]» (95). Unha frase polo estilo escribíraa xa en 1930 na súa obra «El problema político de Galicia».
     Ou tamén estoutro párrafo:


«[...] non cobizamos o poder, coma os partidos centraes ou centralizados, nin aceptamos "delegación de poder", cal fan os seus afiliados; [...] pra nós este traballo xordo de crear un país novo; pra nós esta laboura escura de berrar, día a día, diante da masa galega, d'escravos e ilotas", a consiña que ergue aos pobos adurmiñados: "Galegos o poder é Galicia".» (96).

     Esta afirmación, tan extraña nun partido político, pode non ser insincera se consideramos que os que dirixen o P.G. son intelectuais, profesores e homes de letras, que, en xeral, non sentían demasiado interés por ocupar cargos políticos. Así o recoñece o editorial de «El Pueblo Gallego» cando dí que os galeguistas máis destacados saltaron do gabinete de traballo á tribuna de acción porque un deber de galeguidade lles impuxo a permuta das súas actividades intelectuais pola misión «para la que no tenían entrenamiento ni afición» (97) de facer cidadanía galega. Agora ben, parécenos plausible a interpretación de Max Weber sobre os partidos políticos (98), referente a que a conquista dos postos administrativos en favor dos seus membros adoita ser polo menos un fin accesorio dos partidos; parécenos, xa que logo, conveniente toma-las altruistas manifestacións do P.G. sobre o seu desinterés por detenta-Io goberno autonómico con certas reservas, máxime se consideramos que por ser este partido o principal valedor da autonomía tiña que porse a cuberto da imputación de que pretendían aproveitarse dela, ocupando os postos de conselleiros (99).



NOTAS


(1) G. Beramendi, Justo; Vicente Risco no nacionalismo galego, 2 (Escisión-unidade-escisión); Ed. do Cerne, Santiago 1981, pp. 25/27.
(2) Risco, Vicente; O problema político de Galiza, Sept., 2ª.edición (a 1ª., en castelán, en 1930); Vigo 1976, pp. 12/13.
(3) Ramón Piñeiro, «Importancia decisisiva da Xeneración NOS», Grial I, II, III, 1978.
(4) Víctor Casas, «Do Momento», A.N.T.,  5-X-1935. Trata tamén nesta cuestión Bóveda, considerando que o P.G. debía ser un especial tipo de partido, pero partido ó fin e ó cabo, por non abondar cunha orientación culturalista. Manuscrito de Bóveda, s.d. Arquivo do P.G.
(5) A.N.T., 25-V-1935.
(6) A.N.T., 11-V-1935.
(7) Conferencia pronunciada por Núñez Búa na Sociedade Nazonalista de San Sebastián, glosada en A.N.T., 25-VIII-1934.
(8) «Programa do P.G.»; A.N.T., 1-I-1932, páx.4.
(9) A. V. Ponte, «Pretextos cotidianos», E.P.G., 5-VII-1931, páx. 1.
(10) A.N.T., 25-VIII-1934. Todo semella indicar que a ideoloxía fascista, que caracterizaba ó «Partido Nacionalista Español» de Albiñana, despertou maiores suspicacias entre os nacionalistas galegos que entre os vascos. O P.G. considerou que debía adoptar precauciones para que o seu nacionalismo non fose erroneamente asociado ós nacionalismos totalitarios de José Antonio Primo de Rivera, Ramiro de Ledesma ou Albiñana. Se deste último provocou especial malestar entre os nacionalistas galegos elo debeuse a que adoptou como emblema do partido a cruz de Santiago. Antón Villar Ponte adicou un artigo a esta cuestión revelando que moitos galeguistas tiñan tal emblema como símbolo de galeguidade. Ademais coa cruz de Santiago sucedía que: ([...] la costumbre de considerarla gallega y de adaptarla a muchos símbolos regionales en calidad de cosa complementaria de los mismos hará creer a determinadas gentes que el flamante fascio español tiene seria relación con Galicia». O propio A.V. Ponte non acepta que a cruz de Santiago supoña algo para Galicia, por terse creado con destino á orde de Cabalería, «de origen castellano»; considera máis galega a cruz grega. De tódolos xeitos o risco de confusión preocupaba a todos. A. Villar Ponte, «La Cruz de Santiago y el fascismo»; E.P.G., 26-III-1933, páx.14. Sobre da ideoloxía fascistas e a exaltación do nacionalismo español vide: M. Rama, Carlos, La crisis española del siglo XX, F.C.E., Madrid 1976, páx. 168-181. Jiménez Campo, Javier, El fascismo en la crisis de la II República, Madrid 1979, pp.78-88. Pastor, Manuel. Los orígenes del fascismo en España, 1975 e «Un ensayo del fascismo en España, 1930-1933: J.M. Albiñana y el P.N.E.» en Tiempo de Historia, nº. 8, VII, 1975, pp. 26-39.
(11) A.N.T., 30-VI-1934.
(12) Sobre o requisito de ter apelidos vascos para incorporarse ó P.N.V., vide Artola, Miguel; Op. cit., páx. 449.
(13) Castelao: «Verbas do Cumbo», A.N.T., 11-V-1935.
(14) Ibídem.
(15) A.N.T., 17-VIII-1936.
(16) Víctor Casas, «Do momento», A.N.T., 5-X-1935
(17) A. Vilar Ponte, A.N.T., 10-II-1934.
(18) Víctor Casas, A.N.T., 10-II-1934.
(19) Ibídem.
(20) O integracionismo é un rasgo común a tódolos nacionalismos, polo que no P.G. non atopamos máis que a súa especificación concreta. Dende logo, no ámbito peninsular, integracionistas foron tanto o P.N.V. como a «Lliga». Verbo da «Lliga» Solé Tura cita unha frase de Prat de la Riba: «No somos un partido político (se refería a la «Lliga»; somos un pueblo que renace...», e apostilla: «Esta frase contiene, en síntesis, toda la teoría y toda la problemática del nacionalismo burgués. No somos una fracción, sino un todo; no somos una clase, sino un pueblo; no representamos intereses exclusivos, sino intereses colectivos.» (Solé-Tura, Jordi, Catalanismo y revolución burguesa, Cuadernos para el Diálogo, Madrid 1974, páx.171). Precisamos que o integracionismo do P.N.V. en conformidade coa ideoloxía sabiniana, quedaba circunscrito, ben é verdade que con menor rigor a cada paso, ós vascos de raza e non de residencia; Vide Corcuera Atienza, Javier, Orígenes, ideología y organización del nacionalismo vasco (1876-1904), Siglo XXI, Madrid 1979, pp. 383/394; Vide tamén Artola, Miguel, Op.cit., páx. 424.
(21) Carta de José Filgueira Valverde ó presidente do P.G., Manuel Gómez Román, dada en Pontevedra a 23-IV-1935. Arquivo do P.G. (Vide Anexo Doc. 6.)
(22) A.N.T., VIII-1932.
(23) Ibídem.
(24) Ibídem.
(25) V. Risco, «Ideas que defende a fins que se propón o P.G.», XI. As clases sociais; A.N.T., 31-VII-1935.
(26) A.N.T., 28-I-1934.
(27) «Manifesto da II Asamblea do P.G. 1932»; NOS, pubricacións galegas e imprenta, folleto.
(28) A.N.T., 16-X-1933.
(29) Ibídem.
(30) A.N.T., 27-XI-1933.
(31) De feito os testimuños permiten pensar que, dado que non é este un tema no que afondaran e se clarificaran suficientemente, coexistían estas dúas perspectivas.
(32) A.N.T., 2-X-1933.
(33) A.N.T., 18-IX-1933.
(34) Ibídem.
(35) Ibídem.
(36) Ibídem.
(37) A.N.T., 14-VIII-1934.
(38) A.N.T., 2-X-1933.
(39) Mitin pronunciado por O. Pedrayo en Trasariz (Ribadavia) recollido en A.N.T., 1-VI-1935.
(40) Vicente Risco, «Ideas que defende e fins que se propón o Partido Galeguista», XI As clases sociais; A.N.T., 31-VII-1935.
(41) Artigo 2.º, apartado 1.º dos Estatutos do P.G.; A.N.T., 1-II-1932, páx. 3.
(42) Corcuera, Javier, «Algunos datos sobre organización en el primer Partido Nacionalista Vasco. Corrientes intrapartidistas y lucha por el poder interno (1895-1920)», en Teoría y práctica de los partidos políticos, Cuadernos para el Diálogo, Madrid 1977, páx. 161.
(43) Este sinalaba en A.N.T., do 13-VIII-1933 que: «No ano 1842 escribía Feuerbach que o pensamento está condicionado polo ser, e non o ser polo pensamento, conceición básica da interpretación materialista da historia, que atopa percisión matemática, no problema secular do home galego.
(44) Conferencia de Lugrís Freire recollida en «Propaganda galeguista»; A.N.T., 1-I-1932.
(45) O xornal coruñés «El Ideal Gallego» criticou duramente a O. Pedrayo por firmar unha carta a prol da devolución ós xudeos dunha sinagoga en ruínas dunha cidade andaluza.
(46) Conferencia dictada por Lugrís Freire, recollida en «Propaganda Galeguista»; A.N.T., 1-I-1932.
(47) Claridad, 17-II-1934, páx.4.
(48) V. Risco, «A revista Logos»; E.P.G., 25-III-1931, páx.1.
(49) Que, por certo, reproduce Claridad, 17-II-1934, páx.4.
(50) A.N.T., 25-VII-1934. Noutra ocasión dí tamén Pedrayo que o sermón na misa que se celebraría o Día de Galicia: «Non será dito por un crego leutor de ABC». (A.N.T. 25-VII-1932, páx. 1).
(51) Así o recoñece expresamente A.N.T., 18-IX-1933.
(52) Esta apreciación aparece recollida nunha carta inédita de Alfonso R. Castelao, dada en Pontevedra a 13-IX-1933, co título «Informe en col do posible convenio cos federales». Arquivo do P.G. (Vide Anexo Doc.8).
(53) A.N.T., 18-IX-1933.
(54) Castelao, «Verbas do Dhumbo» (XI), A.N.T., 29-VI-1935.
(55) A.N.T., 24-VI-1933.
(56) «Organización i-espallamento», A.N.T., IX-1932, páx. 4.
(57) A.N.T., 18-V-1935.
(58) Acta dunha xuntanza do Consello Executivo, situable no XII-1931. Arquivo do P.G. A maior abondamento dicía García Pereyra con meridiana claridade: «Endebén, o Partido Galeguista non é un partido de masas, nin, hoxe por hoxe, quer selo». «Do ellecer galego»; E.P.G., 9-III-1933, páx.1.
(59) Declaracións de Paz Andrade, Vigo 20-XI-1980. A información así obtida, corroborámola tamén con textos destes galeguistas, na maior parte dos casos.
(60) Declaracións de Avelino Pousa Antelo, Santiago 30-VIII-1980.
(61) Manuscrito de V.Risco. Arquivo do P.G.
(62) A.N.T., 24-VI-1933.
(63) Hoja Oficial del Lunes de Vigo, 25-V-1936, páx.1.
(64) Declaracións de Avelino Pousa Antelo, Santiago 30-VIII-1980.
(65) A.N.T., 18-XII-1933.
(66) Castelao, «Verbas do Chumbo» (IV), A.N.T., 11-V-1935.
(67) A.N.T., 3-II-1934.
(68) A.N.T., 18-VIII-1934, páx. 2.
(69) A.N.T., 22-IX-1934, páx. 2.
(70) Como por exemplo as que nos da A.N.T., 17-VIII-1935.
(71) «O P.G. aos seus afiliados e simpatizantes»; Heraldo de Galicia, 27-XI-1933, páx. 4.
(72) «Unha circular do Segredario Xeral do fondo interés pra os Grupos e Conselleiros»; A.N.T., 24-II-1934.
(73) Declaracións de Fernandez del Riego, contrastada coa documentación escrita; Vigo, 5-VII-1980.
(74) Sigmund Newman, «Sistemas de partidos y grados de integración», en Teoría y sociología críticas de los partidos políticos, Anagrama, Barcelona 1980, pp. 319, 320.
(75) Libro de Actas da Mocedade Galeguista d' Ourense (primitivo nome da I.N.G.), pp. 6-7 reverso, carpeta 52. Arquivo Histórico Provincial de Ourense. Esta cuestión está tamén tratada en G. Beramendi, Op.cit., T.I, pp. 12, 13, 28.
(76) Vide Artola, Miguel; Op. cit., pp. 448, 449; e Corcuera Atienza, Javier, Op. cit. 430, 431.
(77) Ibídem, pp. 428, 581, 582.
(78) Ibídem, páx. 423.
(79) Valenzuela, Ramón, Era tempo de apandar, Akal, Madrid 1980, páx.165.
(80) A.N.T., 25-VIII-1934.
(81) Mitin pronunciado por Castelao en Vilagarcía, glosado en A.N.T., 22-XI-1935.
(82) Bieito Rial, «Da Ribeira», A.N.T., 13-VII-1935.
(83) «Programa de acción pra os Grupos Galeguistas aprobado na II Asambreia»; A.N.T., 11-V-1935 (Vide Anexo Doc.5).
(84) A.N.T., 11-V-1935.
(85) Manuscrito de Vicente Risco. Arquivo do P.G.
(86) Escrito de Bóveda, sen data, co título «O deber do galeguismo nos intres aitúas». Arquivo do P.G.
(87) A título de mostra era ben ilustrativo que o P.G. estipulase nos seus Estatutos que en caso de disolución os seus bens pasaran á principal institución cultural galega, o «Seminario de Estudos Galegos». Primeiro artigo adicional dos Estatutos do P.G.; A.N.T., 1-II-1932.
(88) «Modelo de Reglamento pra os Grupos»; A.N.T., 26-V-1934, páx. 2. Parécese bastante ás comisións da historia, lexislación, língua, xeografía e propaganda, organizadas polo Bizkai Buru Batzar, do P.N.V. Vide Corcuera Atienza, Javier, Orígenes, ideología y organización del nacionalismo vasco. (1876-1904), Siglo XXI, Madrid 1979, páx.432.
(89) Esta actividade do P.G. foi proposta polo galeguista Ovella, quen conqueriu que fose aprobada na III Asamblea. A.N.T., 28-I-1934.
(90) «Actualidades orensanas»; E.P.G., 21-II-1932, páx. 10.
(91) A.N.T.,11-V-1935.
(92) «Manifesto da II Asambreia do P.G.» 1932, NOS, publicacións galegas e imprenta.
(93) Máis ou menos isto mesmo ven a dicir Artola cando alude a que a doutrina do nacionalismo conduce tanto á unidade de Alemania, como á destrucción do imperio austríaco. Artola, Miguel, Partidos y programas políticos. 1808-1936, T.I, Aguilar, Madrid 1977, páx. 407; tamén interesantes consideracións encol disto na páx. 408.
(94) Sobre esta cuestión interesantes consideracións de Molas, Isidro, «Los partidos de ámbito no estatal y los sistemas de partidos», en Teoría y práctica de los partidos políticos. Cuadernos para el Diálogo, Madrid 1977, pp. 189-190.
(95) Vicente Risco, «Ideas que defende a fins que se propón o P.G.», IX. Características do P.G.; A.N.T., 24-VIII-1935.
(96) A.N.T., VIII-1932.
(97) «Opiniones»; E.P.G., 13-XII-1932, páx. 9.
(98) Vide Max Weber, «Tipos y estructuras de partidos», en Teoría y sociología de los partidos políticos, Anagrama, Barcelona 1980, páx. 299.
(99) Vese isto especialmente claro nun artigo aparecido nos vísporas da asamblea da Axuntamentos celebrada en Santiago, no mes de nadal de 1932; pois ben, neste momento en que a consecución do autogoberno parecía próximo, o P.G., despois de proclamarse como primordial defensor da carta autonómica, adícase a disipar con especial afinco a sospeita de que reclamaba a autonomía para ser el quen mandase. «La Asamblea de Santiago». «Heraldo de Galicia», 12-XII-1932, páx. 1.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega