Proel

Páxina Anterior

Primeira parte

Páxina Seguinte

m2amadocarballoproel002.html

                    1





          A NOSA BANDEIRA


AZUL

           Os pinos, foguetes verdes;
        das suas ponlas pendurado,
        chora o ceo estremecido,
        do gris inverno amayado.
       
       
BRANCO
       
           Os ledos regueiros,
        mozos e algareiros,
        van á romaría
        tocando os pandeiros.
        Pandeiros de prata,
        de breixas, de neve,
        vasos cristaiños,
        onde o día bebe.
       
       
ESCUDO
       
           O cáliz do sol reverte
        roxo sangue do serán.
        Sete estrelas, como pombas
        que tornan ao seu pombal,
        crucifican o silenzo
        arredor do Sant-Graal.





         O  MADRIGAL

          A MARUCHA



   Cando o día anda a morrer
encol do mar amarelo
e furan os seus salayos
a verde seda do vento...
   Asomareime aos teus ollos
para ollar o craro ceo.
   Os teus ollos namorantes
que gardan a Lua dentro
na lágoa da miña alma
espallarán un luar tépedo.
   O meu corazón a festa
repinicara algareiro.
   Aos teus beizos frorecidos,
pombal de verbas amantes,
fan romaxe os meus amores
silandeiros e arelantes.
   Na fonte da tua boca
bebín as miñas saudades.
   No abrente da tua alma
o paxaro milagreiro
da miña ilusión vagante
aniñara no teu peito.
   No limiar da tua alma
durmirase un bico tenro.
   Recendentes caraveles
no serán da tua faciana
incensan as soedades
qu'en min deixara a lembranza.
   Na cor das tuas meixelas
queimouse a miña añoranza.
   Nas tuas mans pensativas
—santa almohada dos meus soños.—
o meu espíritu neno
acóchase con arrolo.
   Os nardos das tuas mans
tecen meu lírico ensono.
   O teu sonrimento neva
docemente no meu peito,
orballando craridades
con maino e levian concento.
   Do fondo da miña vida
benzoache o meu silenzo.
   A tua voz ateigada
de dourados agarimos,
pendura nas miñas mágoas
un resprandor cristaiño.
   No salgueiro da voz tua,
frorece o meu dor amigo.





          SAUDADE


   Meniña, pecha a fiestra,
non deixes á noite entrar;
para tebras ben abondan
estas que comigo van.
   O vento anda espenuxado
oubeando como un can,
e na zanfona do bosque
salouca un tolo cantar.
   Que arelas tan fondas sinto
de deixal-a alma vagar,
de perdel-o corazón
como unha dorna no mar.
   Este fondo mal qu'eu teño
ninguien m'o pode sandar;
a miña alma no ensono
por vieiro iñorado vai.
   É o herdo da nosa raza
esta mágoa de ideal;
sentir remotos degoiros,
chorar sin saber o mal.
   Meniña... pecha a fiestra,
non deixes á noite entrar;
para tebras ben abondan
estas que comigo van.





          NA OUTA NOITE


   O chío alongado do silenzo,
pérdese ao longo das ruas molladas;
o seu fío dourado, fura as tebras
e tende un cabo morno ás añoranzas.
   É a hora do valeiro, a hora dos soños,
en que na alma as verbas acochadas
dúrmense no pombal do pensamento,
recollendo o seu bico baixo as azas.
   Unha emoción de mar nestes instantes,
meu corazón anoitecido orballa,
e relembro o agarimo dondo e amargo
da tua cabeleira com' unha alga.
   No ronsel do hourizonte, brila o forno
onde tempran seu fío as alboradas,
y-engurruñase a noite nun salayo
domente vai erguéndose a luzada.





             VERSOS
      DO MEU SILENZO



   Ollos na noite pensantes
os das estrelas lonxanas,
que ennovelados nas tebras
tráenme a tua lembranza.
   Antr' o agarimo da lua
salouca o meu corazón
que añora a surrisa tua.
   Por camiños de luceiros
enfondados na distancia,
a tua voz sinfoniza
os ecos da miña alma.
   Estou a pensar en tí
e nas miñas mans saudosas
ate o mesmo delor rí.
   Baixo a pregaria oxival
do zarco mar dos teus ollos,
afóganse as miñas verbas
que van pousar no teu colo.
   Tan outo cal un luceiro,
porei o meu corazón
pra que alume o teu vieiro.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega