Proel

Páxina Anterior

Terceira parte

 

m2amadocarballoproel003.html

                 3





     A MAÑÁN DE CORPUS


   Pol-a mañan de ben cedo
colmeas d'ouro, as campanas,
espallan o fulvo enxame
de viaxeiras badaladas.

   Cheiran a xardín as ruas,
alamedadas de rosas.
No ár chilan anduriñas
como nenos sin escola.

   Pol-a ría, van as dornas,
moceiras, engalanadas.
O sol —manso boy bermello—
pasta no verde das ágoas
.

   As córes do arco da vella
ferven na Danza de Espadas.

Na ágoa dos tamboriles
aboya unha ribeirana.






           CANZÓN DO
           TEMPORAL

   Os berros dos mazaricos
rachan as sedas do mar
no carro das mouras nubens
ven do sur o temporal.


   Nas barras e nos peiraos
rompen as foulas cristadas
de lostregos azuados
das estrelas afogadas.


   Púxose o ceo de loito
pol-os que van afogar.
As centellas como trallas
baten no lombo do mar.





         TABERNA

   Chove fora. Nas pozas
aboya a luz do gas.
Na lameira da rua
entérrase un cantar.

   Mariñeiros de Amberes
de Cork e Rotterdam...
O acordeón borracho
fala inglés, alemán...

. . . . . . . . . . . . . . . . . .
   Na folla do coitelo
fuxe a luz cal no mar.





           NOCTURNO
      DE BURGO BAIXO

   Ennovelados no fulgor da lua
os faroles nas pozas aluciantes,
co xesto recadado do asesino
lavan as longas mans cheas de sangue.

   Pol-as ruas eivadas desprunaba
o albar riola das fuxidas horas.
O tempo foi deitarse antr'as montanas
no leito branco e mol das nubens mortas.

   No silenzo hai un crimen inconfeso
a noite ten o corazón fendido
dos seus ollos cegados pol-as tebras
escoa a vida nun xemer de río.





      CAMPANAS

   Quixera bañar
o meu corazón
no morno lirismo
d'un rayo de sol.





          ALALAS

   Son lostregos do verde mollado,
que aturuxan nas ponlas dos pinos
pregoando a chegada do día,
os tremantes cantares doídos
que maina acompasa
a chorosa fuxida do río...

   A alma do campo choraba nos ceos
unha sonatina de violoncellos.





          CALOR

   No vulturno acorado da sega
a ría debulla
mazorcas de sol.

   O vento mareiro silenzoso chega,
a durmir a sesta
no céspede mol.





       EPIFANÍA

   No queipo de vimio
o neno labrego
era un roibo Xesús pequeniño.





   O QUE MORREU
         NO MAR

   Tiña doce netos
aquel mariñeiro,
todos eles caben
debaixo d'un cesto.





      SPLEEN

   O día amarelo
aboyaba morto
nas ágoas do ceo.





   CALMA CHICHA

   As ruas amarelas
con perguiza de bois
levaban deic'o mar
quentes feixes de sol.





           BEIRA

   O mar borracho de sol
anda a tombos pol-a praya,
a montana lavandeira
bota areales nas ágoas.





            NOITE

   A cibdade pesca a ardora
e diante da sua rede
de luces d'ouro tomado
fuxe a lua como un peixe.





        ÉGLOGA

   Mama o campo oxe
leite de campanas,
para él monxe o crego
quentes bateladas.





       AFOGADO

   A ágoa tan serea
como o ceo quedou,
mais aboya a luz da lua
o cadavre da sua voz.

 

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega