Versos primos

Páxina Anterior

Páxina 8

Páxina Seguinte

Epílogo

IF-SE

NOTA DO TRADUTOR

     Para facer a versión deste famoso poema de Rudyard Kipling impúxenme a obriga de respectar algunhas das características que conforman o orixinal. O primeiro reto, como é obvio, foi o de intentar non cambiar a substancia semántica do poema, tratando de non engadir nin quitar nada e de non eliminar ou inventar imaxes e comparacións. A segunda é unha consecuencia inmediata da observación da importancia que o autor lle deu á repetición da palabra If, tanta que lle dá nome ao poema, polo que considerei primordial repetir a súa versión Se as mesmas veces e nas mesmas situacións. Quixen, ademais, completar o sentido das cláusulas no mesmo espazo utilizado polo autor e na mesma orde, de modo que cada verso da versión galega traduza integramente o seu correspondente orixinal; respectei tamén a forma externa de agrupamento dos versos, incluso as maiúsculas de certas palabras. Outro dos retos foi o de manter a estrutura en cuartetos con rima consoante na secuencia A - B - A - B que elixiu o autor con versos isosilábicos de 11 sílabas, así como intentar respectar o ritmo facendo un estudo dos acentos existentes no orixinal; o primeiro que se observa é que os versos impares son paroxítonos e os pares oxítonos, característica que respectei na versión; observei, e tratei de respectar, que os acentos recaen nas sílabas pares, sendo os principais os da 2ª, 6ª e 10ª. Naturalmente estou falando de metas perseguidas pero raramente conseguidas dada a considerable dificultade que encerra moverse dentro de tan axustado corpiño.


Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega