Seica chove

Páxina Anterior

"Conto do vello que vía chover"

 

v2fcocastinheiraseicachove001.html

A Pili Castiñeira




«Sentiuse puro, explícito, invencible, no intre de responder:
     — Merda.
»

     G. GARCÍA MÁRQUEZ, El Coronel no tiene quien le escriba


     "Non dá escampado", matinou o vello Simón sentado na decrépita solaina da súa decrépita casa. Tan só os vellos regos debuxados agora enchoupados no estreito val a ámbalas beiras do río entre os dous outos muros de montañas eran máis numerosos cás enrugas da súa faciana. A marxe esquerda do río e as montañas delimitaban un verde semicírculo de leiras abandonadas. Na aba dunha das montañas atopábase a casa de Simón, tan solitaria coma el.
     Tres días e tres noites de chover sen acougo. Tres días sen o seu entretemento cotián, isto é, ir camiñar polas chousas e leiras, tempo atrás deixadas en perpetuo barbeito. Tres noites coas grosas pingas repinicando nas tellas sobre a cama onde, só, maldurmía Simón.
     Días despóis sentado na súa solaina o vello observou como medraran as pozas das leiras, e como o río baixaba visiblemente máis caudaloso e medrado, facendo escuma contra as rochas. "Xa podía chover merda", pensou en voz alta ó ver outra vez a choiva incesante. Non lle preocupou a auga das hortas, pois xa non había alí colleitas que estragar, agás a súa propia: unha pequena prantación de berzas, que se afogaban non lle ían facer pasar fame. Eran só outro entretemento de vello. Lembrou, e foille dar de comer ás galiñas do curral, cuberto do diluvio cun enferruxado paraugas cheo de rachaduras.
     Semanas máis tarde chegou a hora de ir cobra-la pensión ó pobo e restituí-las súas provisións, pero aprazou a viaxe. Tiña que franquea-lo río e saír do val polo outro lado, para o que utilizaba un bote pequeno embarrancado na beira. Pero o río baixaba medrado de máis e non confiou na forza dos seus vellos brazos para cruzalo, porque a corrente podería levalo ós rápidos. Prudentemente, decidiu agardar a que escampase. Cismou con amargura que en tempos tería ido ó pobo moito antes da fin do mes. "Isto antes non me tería pasado". Seguía a chover.
     O río medrara tanto unha semana despóis que xa desbordara os ameneiros da súa beira, e as bases dos seus toros estaban cubertas pola corrente. O vello Simón non reparou nisto, porque pasou o día arranxando no tellado unha pingueira que aparecera na cociña. "Vou vello para andar polos tellados. Pero nada hai máis triste que que te chova dentro da casa". Amañado o problema pasou a noite escoitando a percusión das pingas nas tellas de lousa e, sobre todo, o río, demudado nunha fera besta alimentada polo ceo. Decatouse de que a comida fora moito a menos. Menos mal que non comía moito. "Non importa. Do que hai non nos falta nada", bromeou consigo mesmo, "E abofé, de auga tampouco temos falta".
     Non tiña electricidade, nin teléfono, nin a ninguén. Erguíase e deitábase co sol, ó que xa non lembraba a última vez que o vira; sempre a mesma cortina de auga e o ceo empedrado. Tódalas cousas que el coidaba inmutables foron alteradas, e esta era a derradeira: o clima. Nunca vira chover tanto e tan seguido, e menos nesa estación. O vello Simón nunca oíra falar do cambio climático, mais estaba comprobando o que era. "Debe se-la fin do mundo. Déixao ir". Preguntouse de quén sería a culpa.
     Unha mañá espertouno unha pingueira caendo sobre o seu camastro, "Isto é o colmo", exclamou. Tapou como ben puido a madeira apodrecida por onde filtraba a auga. Derreado e famento, dirixiuse á cociña para almorzar. Con estupor viu a cociña anegada e a vella pingueira da cociña no mesmo sitio, a que fora amañada semanas atrás. Derrotado, varriu a auga fóra e puxo un caldeiro de zinc embaixo da pingueira."Mañá tápoa sen falta".
     Tras incontables anos de voluntaria soedade, anceiou por vez primeira saír do val e ver outras xentes. Reconcomeuno a inquedanza. Se morría, sen fillos nin parentes, pasarían meses antes de que alguén o botase en falta. Non tiña teléfono, nin electricidade. "Boh. Pensamentos de mal agoiro. Hei de ir na miña hora, coma todos". A choiva non daba acougo. Na grande verdade do val enlamado, a casa do vello Simón erguíase coma unha ínfima, ridícula, piadosa mentira.
     En nonseicantos anos de vida o vello nunca vira así o noutrora amigo río . De ser un regato azul e rebuldeiro mudara nunha esfameada besta parda da cor da lama que descía levando todo por diante. Arrincara xa os ameneiros, aboiaban na súa corrente toros de árbores da montaña e animais mortos. Simón vira un corzo aínda vivo debaténdose na corrente. O semicírculo de terra sen asolagar minguara ata menos da metade, semellando que o demudado río ía estrangular a casa de Simón máis cedo que tarde.
     O vello Simón xa non tiña caldeiros nin potas dabondo para recoller tódalas pingueiras da casa. Un día maldecíu a súa memoria minguada pola vellez: "¡As galiñas!". Ás présas foinas meter dentro da vivenda. Secounas como puido, pero ben sabía que non ían tardar en morrer de frío.
     Decidiu acende-lo lume, para quentalas e quentarse el. Ó ir coller os mistos decatouse dun novo desastre: a auga entrara nas alacenas da cociña e mollara os mistos e tódalas provisións, húmidas e apodrecidas. "É a fin do mundo. Do mesmo xeito outra vez, un diluvio." Cuspiu fóra anoxado, "¡Cagondiós!".
     Días despóis, había un palmo de auga en toda a casa, onde aboiaban as galiñas mortas e medio podres. Simón guindounas fóra con desgaña, e quedou ollando arrepiado o val dende a solaina. O seu val. Non o recoñecía nesa vagoada asolagada, a auga xa estaba a menos de cen metros da casa. Nunca vira o mar, mais non o coidou moi diferente dese mundo líquido.
     Ese día comeu o último que lle quedaba: unha fría fabada de bote, con sabor a derrota. Pouco lle importou; Simón non era máis que un vello e duro coiro curtido sobre unha gaiola de ósos incapaz de sentir fame. "Comeza a Coresma". Estaba aterecido, a humidade facía renxe-los ósos uns contra os outros nas articulacións con cada movemento. Pasaba o día envolto nunha vella manta húmida, valeirando os caldeiros que estaban cheos. "Non chove menos dentro ca fóra". Pero o ceo escuro non perdoaba. A noite parecía perpetua.
     Oíu un forte balbordo e foi o de présa que puido cara á porta. A decrépita solaina derrubárase, farta de aturar tanta auga, e agora atoaba a saída unha morea de pedras, trabes e lousa. "Tanto ten. Non teño onde ir. Disque Deus aperta pero non afoga, pero non estou tan certo."
     Dous días despóis, a corrente varreu coa casa como se fose un xoguete. A auga entrou rebentando contras e fiestras e invadindo tódolos currunchos. Tamén aquel onde agardaba a morte un vello engurrado envolto nunha manta mollada cuberto cun fútil paraugas vello.
     Simón, inmerso nas augas que o arrastraban coma un espantallo de trapo, braceaba inútilmente coas súas escasas forzas contra a corrente, mentres sentía a piques de rebentar os seus pulmóns e oídos.
     Á fin, o vello Simón rendeuse. O seu derradeiro pensamento foi que, malia todo, ía coñece-lo mar. E alí deixouse levar.



[III Premio no Certame "Xuventude 2000-Francisco Fernández del Riego"]

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega