Vicente Risco


     Naceu don Vicente Risco no primeiro andar da casa número 25 da rúa da Paz, en Ourense, o día 1 de Outubro de 1884.
     Nesta casa transcurriu a súa nenez, pasando máis tarde seus pais a vivir na casa número 6 da praza do Ferro, en que hoxe habita a familia Temes.
     Despois, xa maior don Vicente, estableceron a súa residencia na casa número 47 da rúa de Santo Domingo, en cuxo segundo andar pasou o noso ilustre finado o resto da súa vida e na que elaborou a maior parte da súa produción científica e literaria.
     A instancias da súa familia, mais contra as súas máis caras aficións, estudou a carreira de Dereito; ao rematala, fíxose mestre nacional, ingresando posteriormente na Escola Superior de Maxisterio, en que se graduou. Por oposición obtivo a cátedra de Historia na Escola Normal de Ourense, da que foi director durante moito tempo. Trasladado ocasionalmente a Madrid, a petición propia, permaneceu alí algún tempo, volvendo para Ourense, xa definitivamente, e permanecendo na nosa cidade até o seu falecemento o 30 de Abril do ano en curso.
     É difícil nestes momentos, en que tan recente está a perda deste alto valor da Galiza, falar del coa frialdade e o espírito sereno que o caso require; temos que deixar falar o corazón e soamente sabemos laiar profundamente esta proba que Deus lle mandou á nosa Galiza, terra á que o finado lle dedicou o mellor do seu ser.
     A figura de Vicente Risco é inmensa. Só o paso do tempo pódenos dar a coñecer a gran valia e múltiplos aspectos que enfeitaron a súa extraordinaria personalidade.
     Quizais a súa tarefa máis popular, máis coñecida, é a que desenvolveu no campo xornalístico, xa que foi o que o puxo máis en contacto coas masas que a través da imprensa seguían con profundo interese os seus artigos, cheos de graza e de atinadas observacións.
     E, porén, non todo nestes escritos de Risco era popular no sentido da sinxeleza e da graza; sempre, en calquera observación súa, en calquera comentario, era doado atopar un profundo saber e unha axeitada e nova reflexión sobre un feito calquera, aínda dos máis correntes e vulgares.
     Porque esta era unha das súas máis destacadas características: a de ver as cousas cunha personalidade extraordinaria, profunda, orixinal, que sorprendía sempre como unha novidade inesperada.
     Fican nos diarios de toda a Galiza as mostras do seu labor xornalístico, nas que non é doado facer una selección polo gran valor que teñen todas elas, aínda que as que, por referirse a temas de interese momentáneo, debían pasar cos acontecementos que as provocaron.
     Quizais sexa este permanente interese do seu labor o que mellor caracteriza a obra de Risco, dunha obra que non pode pasar.
     Hai anos, con motivo dunha homenaxe que se lle dedicou en Ourense e ao que se sumou toda a Galiza, veu á luz en que se procurou reunir o máis interesante entre o publicado no xornal "La Región". A dificultade da selección foi precisamente a de separar o menos interesante, pois todo era igualmente valioso e actual. Con todo, pode este libro, ao que el quixo chamar El  libro de Ias horas, servir de mostra da súa produción no ámbito xornalístico.
     Como en toda a súa obra, deixou Risco nestes artigos unha proba clara do seu gran saber e da súa personalísima orixinalidade.
     Durante o tempo en que viviu na praza do Ferro, tivo contacto íntimo e cotián con outras das figuras da intelectualidade galega: Ramón Otero Pedrayo e Florentino López Cuevillas. Con eles iniciou unha serie de traballos que habían de se plasmar na entrega total destes tres homes ao cultivo da ciencia da Galiza nos aspectos xeográfico, prehistórico e etnográfico, adxudicándose este último a Vicente Risco.
     Consecuente con isto, dedicou desde entón as súas enerxías á procura, catalogación, interpretación e coñecemento da nosa etnografía, facendo dela un todo orgánico e fundamentado os seus alicerces de estudo para o futuro.
     As primeiras aportacións súas nesta disciplina que agora se cultivaba na nosa terra dunha maneira científica, viron a luz na revista "Nós", en que traballaron desde os seus comezos todos aqueless que sentiron as inquedanzas do renacer da ciencia galega.
     Alí iniciou Risco non só os seus traballos neste aspecto, senón tamén a colaboración dunha serie de estudosos que así se ían formando nesta rama do saber sob a súa dirección e consello insuperábel.
     Moi axiña, como consecuencia do ambiente creado pola revista "Nós", xorde o "Seminario de Estudos Galegos", en que Risco ocupa a Dirección da Sección de Etnografía, publicando nos "Arquivos do Seminario de Estudos Galegos" os traballos etnográficos que no sucesivo serán modelo para los que sigan o camiño que el emprendeu.
     Por non ser este o lugar indicado para isto, deixaremos a un lado a listaxe dos seus moitos traballos neste terreo, mais non podemos por menos de aludir á súa última e definitiva obra: "La culminación espiritual de Galicia" na Introdución a Ia Historia de Galiza que veu a luz en Bos Aires. É a súa derradeira obra etnográfica e é tamén a máis definitiva, xa que lle permitiu facer un compendio deste aspecto da Galiza nun verdadeiro alarde de saber e de espírito científico.
     Ninguén poderá no sucesivo tocar estes aspectos da cultura galega sen ter presente, e como ponto de partida, a obra de Vicente Risco, ben sexa para ampliala, explicala ou, incluso, rectificala cando iso tiver lugar. É, desde este momento da súa publicación, unha obra xa clásica no terreo etnográfico.
     Ela consagra a Risco, a parte do resto da súa obra, como o mestre indiscutíbel da Etnografia galega.
     Mais a figura de Vicente Risco é aínda máis ampla, máis universal na ciencia e no saber.
     Espírito inquieto e curioso, todas as ramas do saber que se relacionaban coas súas actividades foron un eido propicio para
o cultivo das súas magníficas dotes de escritor. Sempre ao corrente das novas tendencias artísticas e literarias, cultivou as letras nos seus máis variados aspectos, desde a poesía até a novela, destacando nesta última dunha maneira especial. Lémbrese, neste terreo, o êxito de La puerta de paja, que non é outra cousa que a culminación do que iniciara naquela deliciosa noveliña que deixou inconclusa e que comezou a se publicar na revista "Nós" co título d' Os europeos en Abrantes.
     Ensaios, teatro, novela, poesía, historia, etnografía..., todo foi cultivado por este home digno do Renacemento pola súa curiosidade, o seu saber o seu interese por todas as manifestacións vitais da cultura.
     Mais hai algo máis na personalidade de Vicente Risco que está por riba de todo isto: o seu enorme valor humano.
     Foi, sobre todo, un home bo. Exento de envexa, desinteresado, amigo fiel, admirábel mestre, a súa figura extraordinaria ten un posto destacado no corazón de todos os que por calquera motivo tiveron a honra de convivir con el.
     Endexamais negou a ninguén o seu consello desinteresado, e a súa maior satisfacción foi ver surxir ao seu carón xentes con ánimos e desexos de seguir as súas ensinanzas. Soubo infundir ánimos en todos facéndose el mesmo discípulo dos seus alumnos para lles facer concibir a idea do propio valor e animalos a perseverar nos estudos ou actividades a que quixeren dedicarse, porque en todas elas sabía ser o mestre indiscutíbel e eficiente.
     A bondade era a nota fundamental en toda a súa vida; cabaleiro, cristián, amábel, sempre cordial e acolledor, non podía ninguén esquecelo unha vez que se puxera en contacto con el. Así, a súa vida foi un exemplo permanente de home honrado de ben e seguirá séndoo na lembranza de todos os que o trataron e así conservará a Galiza o seu nome como o de un dos seus máis destacados e ilustres fillos.
     Grande honra é para min o encargo da Real Academia Galega ao me designar para facer esta homenaxe póstuma ao que foi o meu mestre Vicente Risco.
     Láiome tan só da miña incompetencia para desempeñar tal tarefa en forma digna.
     Recente aínda a dor da súa perda, somente sei pedir a esta ilustre Corporación que disculpe a miña pobreza e que comigo eleve ao Señor unha oración pola alma do servo fiel, cuxo nome irá sempre unido ao da Ciencia galega, á que serviu con desinterese e cordialidade, honrando ao mesmo tempo a esta Real Academia ao se contar entre os seus membros numerarios.



Agosto de 1963.



«Don Vicente Martínez-Risco y Agüero», en Boletín da Real Academia Galega, Vol. XXIX
(Decembro 1969), A Coruña, pp. 261-265 [Tradución da BVG].





     Risco era un home dunhas inquietudes espirituais, dun saber enorme... Porque mire vostede; fala-se de moita xente hoxe, e efectivamente, Galiza tivo grandes homes, tivo grandes figuras, pero para min o cerebro mais profundo, o cerebro mellor organizado, mais orixinal de todos eles é o de Vicente Risco.
     Eu que teño unha grande admiración por Otero, Bóveda, Cuevillas, Castelao, por todos estos homes aos que tratei, aos que sei o moito que Galiza lles debe, e cando penso en Vicente Risco teño forzosamenteque situa-lo por riba de todos. Polo seu enorme talento, pola profundidade do seu pensamento. Este home que tivo dous defectos, duas cualidades negativas que o anularon moito: a sua humildade (Risco non lle daba importancia en absoluto ao que sabia) e a sua gran timidez (Risco non se atrevia a falar, non se atrevia a opinar)
     [...]
     Quixo-se, e a min é unha cous que me doe —pola inxustícia que representa— enfrentar a Vicente Risco con Ramón Otero. Houbo unha espécie de conspiración, naturalmente de alguén que quixo aproveitar-se das circunstancias para enfrenta-los. E eu que os tratei intimamente a todos eles, podo asegurar dunha maneira terminante, que nunca houbo a menor mal queréncia entre eles. Ao contrário, eu oin a Otero falar de Risco, e oin a Risco falar de Otero; e falaban como quen fala dun irmao, ao sumo: "que mágoa que o meu irmao vaia desta maneira, ou leve a garabata desta outra". Pero nunca pasaron de aí as diverxéncias que pudo haber entre eles.



«Xaquín Lorenzo "Xocas"», Entrevista de Lino Braxe,
en A sombra imensa de Otero Pedrayo (Extra de A Nosa Terra nº 8
),
Maio 1987, Vigo, pp. 5-9.

© 2004 Biblioteca Virtual Galega