Fermín Bouza Brey

(1901 - 1973)

 

 
Obras
Biografía
 
m1bouzabrey.html

     Fermín Bouza Brey naceu en Ponteareas en 1901, mais a súa infancia transcorreu en Vilagarcía de Arousa. Cursou o Bacharelato en Pontevedra e Ourense e licenciouse na Universidade de Compostela en Filosofía (sección de Historia) e Dereito. Nesta cidade, onde pasaría a maior parte da súa vida, coñeceu o maxisterio de Cotarelo Valledor, colaborou na revista Ultreya e publicou o seu primeiro traballo poético, Romance dos vinte anos (1921). Os seus traballos de investigación viron a luz nas páxinas dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, no Boletín da Real Academia Galega, na revista Nós ou no xornal A Nosa Terra. Unha vez licenciado en Dereito, co Premio Extraordinario de Fin de Carreira, preparou o ingreso na carreira xudicial en Madrid. A este período pertence a novela curta Cabalgadas en Salnés (1925). O acceso á carreira xudicial en 1929 conduciuno a Lleida, mais axiña voltou a terras galegas para exercer de xuíz na Estrada, proseguindo co seu traballo no Seminario e na revista Nós. Por estes anos recibe, xunto con Florentino Cuevillas, unha axuda do Centro de Estudos Históricos de Portugal para a realización de pesquisas na Bretaña francesa; regresará á Francia máis unha vez, en 1933, nesta ocasión pensionado pola Universidade de Compostela. Neste mesmo ano saía do prelo Nao senlleira, primeiro poemario do denominado neotrobadorismo.
     Durante o conflito bélico de 1936 foi afastado do seu posto, acusado de masón e galeguista, mais foi rehabilitado como xuíz xurídico-militar en Lleida, desde onde retornou á Estrada como xuíz de Primeira Instancia. Ingresou en 1941 na Real Academia Galega, un ano máis tarde na Real Academia da Historia, e continuou o seu labor historiográfico desde o Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento. Nas súas colaboracións dos Cadernos de Estudios Galegos realizou unha importante aportación á bibliografía rosaliana. Nestes primeiros anos corenta compaxinou o seu traballo de investigador e docente na facultade compostelá de Dereito co cultivo da poesía, resultando premiado en diversos certames literarios.
     Foi cesado no seu cargo a principios dos cincuenta, polo que retomou a súa profesión de avogado en Compostela. Tras rescatar en 1953 o primeiro texto da nosa literatura dramática, A Contenda dos labradores de Caldelas... Entremés famoso, de Feixó de Araúxo, o escritor de Ponteareas publicou en Portugal un novo poemario, Seitura (1955), que supuxo o abandono radical do neotrobadorismo.
     A partir de 1969 unha serie de doenzas encadenadas lévao de vagariño á morte, que lle chega en 1973.

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega