Florentino López Alonso Cuevillas

(1886 - 1958)

 

 
Obras
Biografía
 
mb2fcuevillas.html

     Florentino López Alonso-Cuevillas naceu en Ourense en 1886. Estudou o Bacharelato na súa vila natal, tras o cal se instalou en Compostela para cursar Farmacia. Despois de se licenciar en 1906, transladouse a Madrid para facer Filosofía e Letras, mais non chegou a finalizar a carreira. Sen nunca ter exercido como farmacéutico, Cuevillas entrou a traballar como funcionario na delegación ourensá da Facenda Pública, posto en que permanecería até o retiro.
     A traxectoria de Cuevillas desenvolveuse paralelamente á dos seus compañeiros no chamado "cenáculo ourensán". As súas primeiras mostras literarias foron colaboracións (en español) en distintas publicacións periódicas de ámbito local como a revista neosófica La Centuria. Mais o ingreso nas Irmandades da Fala por volta de 1918 determinou unha mudanza radical no rumo destes mozos ourensáns, que pasarían a militar nas fileiras do galeguismo. Así, Cuevillas participou no nacimento da revista Nós en 1920, onde deu a coñecer moitos dos seus textos. Entre eles resulta especialmente significativo "Dos nosos tempos" (aparecido no primeiro número), onde se dá conta da evolución do colectivo dos "inadaptados". Catro anos máis tarde, o ourensán sumouse a un novo proxecto, o Seminario de Estudos Galegos, que xurdira un ano antes. Nesta institución Cuevillas fíxose cargo, como director, da sección de Prehistoria, fornecéndoa de valiosísimas investigacións até a sublevación militar de 1936, que paralizaría toda a actividade galeguista.
     Tras a guerra o ourensán continuou a publicar os resultados de diferentes pesquisas sobre a nosa prehistoria (La civilización céltica en Galicia, de 1953, unha actualización de "A Edade do Ferro na Galiza"), aínda que unha doenza dificultaría en grande medida a realización de excavacións. Dedicouse especialmente á análise da cultura castrexa a partir dos restos arqueolóxicos e dos documentos de historiadores e xeógrafos grecolatinos. En contraste co talante predominantemente creador dos seus compañeiros de xeración, Cuevillas distinguiuse por unha produción eminentemente científica. Porén, o seu cultivo da prosa e do ensaio literarios sitúano entre os protagonistas do desenvolvimento das letras galegas. Baixo o título de Prosas galegas a Editorial Galaxia compilaría postumamente (1962) un conxunto de textos literarios, ensaios de carácter científico e divulgativo, textos arqueolóxicos e semblanzas de escritores redixidos polo autor.
     Cuevillas faleceu en Ourense en 1958, dous anos despois de se retirar. Considerado o pai dos estudos prehistóricos de Galiza, foi da súa autoría o apartado de "Prehistoria" da Historia de Galiza (1973), dirixida por Otero Pedrayo.

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega