mb1falvarezdenovoa.html
Francisco
Álvarez de Nóvoa, de orixe ourensá, naceu en Granada no ano
1873. Tras viaxar por España, Portugal e América, estableceuse
en Ourense, onde desenvolveu con éxito a carreira xornalística
en diferentes publicacións periódicas (El Noticiero, El
Diario de Orense...). En El Derecho asinou
numerosos artigos de crítica literaria e deu a coñecer varias
poesías propias e, en 1894, as súas Paisaxes en prosa.
Mais o recoñecemento do seu labor como escritor chegaríalle
gracias aos textos que, baixo o título de Agujetas, aparecían
nas páxinas de El Miño.
No volume Pé das Burgas
(1899) o xornalista reuníu a súa obra en prosa, redixida antes
dos vinte e cinco anos (a partir deste momento non voltaría a
cultivar a narrativa na nosa lingua). Nela anunciábase a
renovación que anos despois protagonizarían as Irmandades da
Fala canto á construción dunha prosa galega moderna; o autor
procura unha linguaxe culta e libre de dialectalismos, e foxe do
folclorismo, sentando as bases do conto psicolóxico
protagonizado por personaxes alleas ao mundo rural.
Para alén da narrativa e da
poesía, Álvarez de Nóvoa cultivou tamén o xénero dramático;
mais O señor dalegado, unha peza de carácter cómico
que foi estreada, non chegou a ser publicada.
O escritor faleceu en Ourense en
1936.
|